Compostela: Xornadas Gálix. Desfacendo a Raia XIV. Os movementos migratorios na LIX

Compostela: Xornada técnica na Biblioteca de Galicia. Intelixencia artificial: novas posibilidades para as bibliotecas, o 7 de febreiro

A inscrición poderá realizarse até completar as 100 prazas dispoñibles, nesta ligazón.

A Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores expresa a súa solidariedade e o seu apoio ao escritor en lingua galega Carlos Callón ante as ameazas recibidas

A Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores, composta por entidades autorais de todo o Estado que representan a case 9.000 escritoras/es e tradutoras/es, quere expresar o seu pleno apoio á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega na defensa do escritor e activista Carlos Callón ante os ataques á súa persoa e a unha das súas obras nas redes sociais galegas.

A Conferencia fai súa a actitude da AELG, debido á gravidade das ameazas, nas que se manifesta, entre outras cousas, que o seu ensaio Vidas e Historias LGBT da Idade Media non poderá ser presentado.

A Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores manifesta o seu apoio ao acto creativo e tamén ás achegas realizadas para a análise da diversidade e as identidades de xénero. Os posíbeis desacordos nunca poden conter ameazas, e as opinións diversas nunca poden buscar o silencio e a uniformidade.

A liberdade de expresión e de creación é un ben esencial das sociedades democráticas e está consagrada no artigo 20 da Constitución actual.

A celebración das diversidades e das identidades disidentes é algo que fortalece os nosos sistemas literarios. O achegamento á historia, intentando iluminar o esquecido, o oculto e o prohibido, será sempre motivo de alegría e debate para as nosas letras.

Desde a Conferencia saudamos un texto que quere investigar a diversidade e a identidade de xénero na historia e expresamos a nosa máis rotunda condena a quen buscan o silencio e o medo como instrumentos de debate, facendo uso da confrontación, a descualificación e o acoso.

Fan parte da Conferencia as seguintes entidades:
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Colegial de Escritores de España (ACE), Asociación de Escritores de Euskadi – Euskadito Idazleen Elkartea (AEE-EIE), Asociación Valenciana de Escritores y Críticos Literarios (CLAVE), Asociación de Escritores y Escritoras de Extremadura (AEEX), Asociación Aragonesa de Escritores (AAE), Asociación Colegial de Escritores de Cataluña (ACEC), Asociación de Escritores de Castilla La Mancha (AECLM), Asociación Navarra de Escritores/as – Nafar Idazleen Elkartea (ANE-NIE), Sociedad Cántabra de Escritores (SCE), Nueva Asociación Canaria de Escritores (NACE), Asociación de Escritores y Escritoras de Asturias (AEA), Asociación Riojana de Escritores (ARE), Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC).

Fran Fernández Davila: “A poesía debe ser o ximnasio dos narradores”

Entrevista de Pedro Rodríguez a Fran Fernández Davila en La Voz de Galicia:
“(…) A súa carreira foise construíndo premio a premio. Fran era enxeñeiro, un autor que non coñecía en exceso o mundo editorial e literario galego. «Fun presentándome a certames porque, aínda que me daba vergoña mostrar o que escribía, xa me aseguraba que houbese un grupo de persoas que me tiveran que ler e opinar sobre o que escribía». Gustoulles «e iso mola», recoñece entre risas. Eses premios son unha porta aberta «para os outsider, xente que vimos de fóra do mundo da literatura ou que non estamos tan presentes no día a día dos medios de comunicación», explica e anima a esas persoas que «escriben na escuridade» a atopar a súa oportunidade nos premios.
Aqueles primeiros logros animáronlle a seguir e, agora, a súa vida cambiou a mellor da man da escritura. «Para min é un exercicio de hixiene mental, un remedio contra o estrés e un momento para poñer pausa a unha vida que vai demasiado rápido», indica. «Pararse a mirar e pensar sobre o mundo é unha actividade que estamos deixando un pouco de lado. Penso que escribir apórtanos ese momento e fainos mellorar nunha serie de habilidades que, no mundo da intelixencia artificial, van ser moi valoradas». Fran tampouco se define como poeta ou novelista, vai cambiando de xénero por aburrimento. «Cando me canso dun paso ao outro», conta. Tamén está convencido de que non escribiría boa narrativa sen adestrar con poemas porque «a poesía debe ser o ximnasio dos narradores, conclúe.”