Crónica videográfica da Gala Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019 (I)

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019 tivo lugar o 25 de outubro, no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo (Rúa Alcalde Anxo López Pérez, 34). O acto, organizado pola AELG, co apoio da área de Cultura do Concello de Lugo, foi amenizado por Germán Díaz.

Para esta sétima edición dos “Premios Mestra e Mestre da Memoria” (cuarta edición da Gala), a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2019 respectivamente a Dorothé Schubarth e a Pablo Quintana. A Asemblea aprobou a proposta, e a entrega destas distincións fíxose na IV Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que se celebrou en Lugo co apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo.
No acto, conducido Antonio Reigosa, participaron Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Antón Santamarina, quen fixo a laudatio de Dorothé Schubarth, e Xosé Luís Freire, quen leu a laudatio de Pablo Quintana.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Apertura da Gala, por Antonio Reigosa e Lois Pérez:

Discurso da presidencia da AELG, por Cesáreo Sánchez:

Premios da Crítica Galicia 2019

Infamia, un “thriller” poético de Ledicia Costas

Desde Radiofusión:
““Quixen abrir o debate sobre as partes máis escuras da natureza humana, en torno ao lonxe que, no peor dos sentidos, pode chegar o ser humano”, salienta Ledicia Costas, que relativiza as súas semellanzas coa protagonista do volume: “Cando comecei a escribir pensei que a formación xurídica era a única coincidencia, pero despois de publicado o volume,coas entrevistas que me fixeron, fun descubrindo máis paralelismos, aínda que afortunadamente, eu non arrastro ningún trauma”. “Pero hai tamén trazos meus noutros personaxes, por exemplo que Lucas, que continuamente vai ao recurso lírico para expresarse”.
Pode escoitarse aquí.”

Henrique Dacosta e o mar como protagonista das súas últimas dúas novelas

Desde a Televisión de Galicia:
“O autor ferrolán publicou Illas a Sotavento, premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta e A rota do Oeste, son dúas novelas ambientadas na Costa de Ferrol, e que mesturan diversos xéneros mais aló da literatura de aventuras. A entrevista pode verse aquí.”

Paseo pola Coruña Literaria Outono 2019, con Tito Pérez, o 9 de novembro

Os Paseos pola Coruña Literaria Outono 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.
Estes Paseos constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores. Todos eles serán ás 12:00 h. e terán unha duración aproximada de hora e media.

Están destinados a persoas maiores de 16 anos e son gratuítos. É necesaria a inscrición, pois están limitados a 55 prazas.
A inscrición pódese facer en Normalización Lingüística, no Centro Ágora, chamando ao 981 184 200 ext. 34322 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es, nas datas sinaladas na información sobre cada un dos paseos. O programa previsto é o seguinte:

Sábado 9 de novembro: Tito Pérez. Un paseo polo barrio. Inscrición desde o 28 de outubro.
Seguiremos o percorrido do protagonista de O latexar do barrio e comprobaremos in situ as súas diversas realidades e contrastes. Pasaremos polo lugar onde o enterro dun poeta congregou hai 111 anos a 40.000 persoas. E, como non podía ser doutro xeito, remataremos no mesmiño centro neurálxico do barrio dos barrios galegos.

Sábado 16 de novembro: María Casar. Sobre o espello do mar e do vento, arredor de Luísa Villalta. Inscrición desde o 4 de novembro.
Roteiro sobre a poeta e os espazos da cidade da Coruña que poetizou nos seus libros En Concreto e Papagaio. Un camiñar pola paisaxe urbana que sae dos versos e sinala o territorio como xerme da creación. A poeta re-constrúe a Cidade como lugar mítico, como espazo de vida e de historia, na que a música enche os baleiros.

Sábado 30 de novembro: Antonio Sandoval. As naturezas da Torre. Inscrición desde o 18 de novembro.
Percorreremos os campos que rodean a Torre de Hércules para coñecer a súa rica biodiversidade, que motivou a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local. Tamén charlaremos acerca dalgunhas das súas lendas e, en particular, sobre un poema moi especial, así como sobre a literatura de natureza, un xénero en auxe e cada vez máis necesario. Ademais escoitaremos o vento, o mar e uns cantos paxaros!

Ourense: presentación de Deserto García, de Jorge Emilio Bóveda

O 8 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Eixo de Ourense (Rúa Cardenal Quevedo, 36), preséntase Deserto García, de Jorge Emilio Bóveda, publicado por Galaxia. No acto, acompañando ao autor, estarán o produtor audiovisual David González Sánchez e Xulio Amigo.