Un poema esquecido de Celso Emilio Ferreiro en homenaxe a Manuel Antonio

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
A Manuel Antonio; sempre no mar é un poema esquecido de Celso Emilio Ferreiro. Non se trata dun inédito, dado que se publicou o 24 de agosto de 1960 en La Noche, mais si descoñecido. Non aparece recollido na Poesía Galega Completa (Xerais, 2004) nin nos máis antigos tres tomos da Obra completa (Akal, 1978-1981). Exhumouno o crítico e ensaísta Xesús González Gómez.
O poema que agora recupera Sermos Galiza fai parte do seguimento especial do xornal compostelán La Noche á “gran xornada literaria en homenaxe ao poeta Manuel Antonio celebrada en Asados (Rianxo) na tarde de onte”. En pleno franquismo e coa participación das autoridades.
A crónica central corresponde ao colaborador da publicación Piñeiro Ares e nela relata a misa en honra do poeta oficiada por Faustino Rey Romero e a lectura de poemas de Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Álvarez Blázquez, “o mozo literato de Asados Santos Sende” [Xesús Santos Suárez] e Baldomero Isorna. Tamén interveu o daquela alcalde Martín Gómez Rodríguez.
La Noche deixa espazo ademais para as composicións de Álvarez Blázquez (Manuel Antonio), Sende (Unha noite con Manuel Antonio) e Isorna (El poeta: Alfar de ensueños). Este tamén se encargou da “exaltación da obra literaria do poeta Manuel Antonio”.
Velaquí a transcrición do poema de Celso Emilo Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979):
A Manuel Antonio; sempre no martes

Meu capitán de ventos i-alboradas,
meu piloto de estranas travesías
por mares nunca d-outros navigados,
de illas non descubertas, misteriosas,
mais alá dos solsticios i-as mareas,
mais alá das escumas i-os solpores,
na pura libertá da noite pecha.
Eu preguntei por ti, calada sombra,
coa voz dos afogados que camiñan
-mudos e núos-
por vereas de peixes e sargazos,
sobre a luz das estrelas mergulladas.
Eu preguntei por ti, viñen de lonxe,
baixei da terra miña montesía
deica a alcendida proa do teu barco,
a babor das saudades i-as lembranzas.
Un longo acordeón de chuvia maina
rachaba o corazón en dous anacos
e puña despedidas e buxolas
nos meriadianos tristes dos ronseles
arados sobre o mar, rumbo a ningures,
meu capitán de roitas imposíveles
que izaches doces grímpolas de sonos
a veira do amencer de cada día
nas orelas de tódolos naufraxios.”

Crónica fotográfica do Paseo Literario por Compostela con Manuel Portas

Estas son algunhas das fotografías do Paseo Literario por Compostela con Manuel Portas, celebrado o pasado 13 de xuño. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (fotos do Concello de Santiago).

Entrevista a Calros Solla sobre O Crime de Pardesoa

Desde a Cadea SER Pontevedra:
“Nesta edición de Vermú con SER coñeceremos a historia que agocha o libro O Crime de Pardesoa. Un traballo de recopilación de Calros Solla que foi publicado no ano 2013. Nel relata un asasinato que para poder entendelo hai que situarse na Galicia rural de finais do século XIX. Coñecer o papel da muller, entender acontecementos coma a morte da Sisi emperatriz e, se nos poñemos, incluso coñecer como chegaban as novas ós medios da prensa escrita…
San Marcos, un lugar localizado en Pardesoa, a dous km e medio de Soutelo de Montes pola N-541. Estamos en 1897, a muller era educada para casar. Perfecta Espiña, casa cun home que lle dobla en idade, viúvo convertido nun adiñeirado prestamista. A casa na que vivían compartía paredes e unha porta co matrimonio composto por Filipe Fírvida e a súa dona Pilar Hedreira, irmán da primeira muller de do prestamista Xoán Rei. Pilar traballaba no servizo doméstico da casa do seu cuñado, o asasinado. Pero, Quén foi o asasino?… escoita o podcast de Vermú con SER para coñecer o desenlace.”

Gañadoras/es da III edición do Certame Vilariñas 2019

“Xa hai gañadores/as da terceira edición do #CertameVilariñas2019 de micro-poemas na súa terceira edición.
O 1° Prémio corresponde ao poema VOLTA, da viguesa Beatriz Coira Rico.
O 2° clasificado foi SIXILO, de Manuel González Prieto.
A terceira Vilariña premiada é DESEXO, de Ana García Rivas.
@s tres poetas recibirán as <VILARIÑAS> deseñadas pola artista Viki Rivadulla nun acto que se realizará pasado o verán e que servirá tamén de homenaxe á poeta Marica Campo, moi vinculada á Terra Chá, a Guitiriz e aos Vilares de Díaz Castro.
Preséntaronse máis de 120 vilariñas, cunha alta calidade, o que contribúe consolidar o certame cada ano.

Paseos Literarios por Compostela. Primavera 2019

Os Paseos Literarios por Compostela. Primavera 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago de Compostela.
No marco da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2019, terá lugar unha nova edición deste Ciclo de percorridos literarios por Compostela, procurando outra ollada á historia e xeografía da cidade.
Para inscribirse, as persoas interesadas deberán solicitalo enviando un correo electrónico ao enderezo selic2019@santiagodecompostela.gal, e indicar a que paseo/s queren apuntarse. Tamén poden apuntarse no posto do Concello de Santiago na propia SELIC.
A inscrición farase por orde de chegada ao correo electrónico.
Prazas limitadas: 50 persoas (maiores de 16 anos de idade).

O programa de Paseos Literarios é o seguinte:

A Compostela dos libros propios e alleos
Inma López Silva
Sábado 8 de xuño, 18:00
Punto de partida: Praza da Quintana (esquina con Acibecharía).

A cerca das palabras
Helena Villar
Mércores 12 de xuño, 18:00
Punto de partida: Praza da Quintana.

A voltas por Santiago. O espazo literario na obra de Manuel Portas
Manuel Portas
13 de xuño, 18:00
Punto de partida: Igrexa de Santa Salomé (Rúa Nova).

Portas e poxigos da antiga muralla de Santiago
Héctor Cajaraville
15 de xuño, 18:00
Punto de partida: Praza da Quintana.

Paseos pola Pontevedra literaria. Primavera 2019

Os Paseos pola Pontevedra literaria. Primavera 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra, consistente na realización de paseos pola cidade autoras e autores que escribiron sobre Pontevedra.

Para inscribirse, as persoas interesadas deberán enviar os seus datos (nome completo, teléfono e enderezo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com, e indicar a que paseo/s queren apuntarse, a partir do 5 de xuño.
A inscrición farase por orde de chegada ao correo electrónico.
Prazas limitadas: 50 persoas.
Todos os paseos comezarán ás 11:30 h.

Sábado 15 de xuño
Cando o rural comezou a abaterse sobre a cidade (A influencia do cinema na Pontevedra do primeiro terzo do século XX).
Con Carlos Aurelio López Piñeiro.

Sábado 22 de xuño
Pedrarcana, cidade lorquiana.
Con Carlos Taboada.

Sábado 29 de xuño
Camiñando polo noso eido.
Con Lourdes Maceiras.