Compostela: actividades destacadas do luns 29 na Feira do Libro 2019

O 29 de abril continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Héctor Cajaraville asina na caseta da Libraría Cartabón.
19:45 h. Presentación da colección Animais viaxeiros (Kalandraka), de Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández. Participa Agustín Agra.

Pontevedra: Escola de Escritoræs. Obradoiro A ciencia das letras: Ciencia, poesía e viñetas para constelar ideas e emocións, con Estíbaliz Espinosa

O Obradoiro A ciencia das letras: Ciencia, poesía e viñetas para constelar ideas e emocións, con Estíbaliz Espinosa é unha unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, coa colaboración do Pazo da Cultura e o patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra.

Se te sentes tanto de letras como de ciencias; se sempre quixeches achegar un gran de area a temas universais como o amor e a morte, pero cos ollos, o enfoque e á luz do coñecemento científico [dende a mecánica cuántica ata as ondas gravitacionais, pasando pola xenética, a neurociencia ou a bioloxía]; se cres que un poema é a criatura literaria máis híbrida, que tamén pode expresarse cunha viñeta, banda deseñada ou nunha infografía; se queres artellar e compartir poemas e tamén todo o universo que colle neles… agardámoste nesta primavera en Pontevedra cun programa cheo de letras e ciencia, cunha convidada moi especial.

A cargo de Estíbaliz Espinosa e cunha clase maxistral de Marilar Aleixandre.
As aulas, nas tardes dos venres, versarán sobre a escrita de poemas e sobre diversas ramas da ciencia coas que adoptar un enfoque literario, de cara a un proxecto final.
O proxecto literario constará de:
– Por unha banda, a elaboración dun poemario científico curto [adubiado con ilustracións, viñetas ou infografías, ao gusto].
– Por outra, un recital final en xuño.
As obras que o desexen poderán subirse á páxina laboratoriodapalabraudc.wordpress.com

Calendario e inscrición
– Días: venres 26 de abril; venres 3, 24 e 31 de maio; venres 7, 14, 21 e 28 de xuño.
– Horarios: de 17:00 a 20:00 h.
– 25 prazas para persoas maiores de 16 anos.
– Inscrición, necesaria e gratuíta, en inscricions@pontevedra.eu, indicando os seguintes datos:
Nome e apelidos.
Correo electrónico.
Núm. do documento de identidade.
Enderezo completo.
Data nacemento.
Ocupación.
As prazas asignaranse por orde de solicitude.

O obradoiro desenvolverase no Pazo da Cultura (Rúa Alexandre Bóveda), no Seminario 8 – Aula da Escola de Escritoræs da AELG.