Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Quico Valeiras: “Falar da familia é falar da primeira e máis politizada das células sociais”
Entrevista de Alberto Ramos a Quico Valeiras en Praza (foto de Alexandre Fernández):
“Quico vén de publicar O tempo da cireixa (Positivas, 2019), un libro de poemas en que o autor atopa a súa verdadeira “voz poética” e o camiño artístico polo que quere transitar. Prologado por Luz Pichel, Quico retrata cos seus versos a memoria tanto individual como colectiva, as súas orixes, a familia ou o rural. Eses son as liñas cardinais dunha obra “eminentemente política” que traza un xogo de ausencias e presenzas entre o que xa non está, pero continúa a pelexar contra o esquezo. Praza entrevista a Quico Valeiras (O Carballiño, 1990), poeta e libreiro que rexenta a compostelá libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74).
– Praza (P): Este é o primeiro libro de Quico ou o segundo? Pregúntoo porque na presentación Tamara Andrés falounos dunha publicación previa e era por saber se renega daqueles versos.
– Quico Valeiras (QV): Antes de publicar este libro con Positivas, xoguei moito a facer autoedicións en formatos diferentes ao libro. Unha, que tivo moito que ver con Compostela, ten a súa historia. Leveina a cabo coa tenda de conservas Catrineta, na praza de Abastos. Este local ten un proxecto que iniciara Estevo Creus co seu O libro dos cans, libro que presentou en diversos formatos. Un deles foi en Edicións en Fachadas, en colaboración con Catrineta. É unha edición efémera, que se expón na parede e dura até que a xente vai arrincando os poemas. Despois si que foi a miña primeira obra en formato libro, que levamos a cabo cunha campaña de micromecenato. Era un proxecto con diferentes ramificacións. Pero non é que renegue, o que acontece é que os seus poemas, coido, non superaron o paso do tempo. En calquera caso, creo que este O tempo da cireixa é o primeiro libro no que eu atopo a miña voz poética. Digamos que nunca antes me atopara tan claramente na escrita. Podo dicir que me atopei como autor e descubrín o camiño polo que realmente quero tirar.
– P: Leva a libraría da Chan da Pólvora, que forma un tándem coa editorial Chan da Pólvora que dirixe Antón Lopo. Por que editar logo con Positivas e non con Chan da Pólvora?
– QV: Antón Lopo e mais eu adoitamos dicir que a libraría e a editora son un matrimonio con separación de bens. Compartimos o nome, un nome que de feito apareceu moito antes de que eu me unise ao proxecto da man de Alicia [Fernández] e Eduard [Velasco], que levaban antes a libraría. O nome xurdiu no nacemento, momento no que tamén estaban vinculados poetas como Gonzalo Hermo. Eu entrei despois para facerme cargo da libraría. Eu tiña os poemas, mandeinos a varias editoriais e un día, Paco Macías entrou pola porta. Despois de falar durante dúas horas sobre anarquistas do Bierzo, xusto cando marchaba, avisoume que iamos para adiante, que me publicaba o libro Positivas. A min sorprendeume moito, sobre todo sabendo a historia de Positivas. Antes, pasárallo a Luz Pichel, que leu os poemas e quixo facerme o prólogo. Grazas a ela, atrevinme a pasárllelo a máis autoras e editoras. (…)”
A Coruña: recital de Helena de Carlos e Jan Wagner no Ciclo Poetas Di(n)versos
A segunda
feira 15 de abril, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Helena de Carlos e o poeta alemán Jan Wagner.
Compostela: concerto-presentación de A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco e Pepablo Patinho
Bases do XIX Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño 2019
Carballo: presentación de A gran travesía de Chiruca Macallás, de Xurxo Souto
Ponteareas: Vítor Vaqueiro presenta 1968
Compostela: presentación de A formiga fóra do carreiro, de Raquel Castro
Beatriz Maceda Abeleira gaña o II Premio María Victoria Moreno
Desde o Concello de Pontevedra:
“A última hora tarde do 10 de abril tivo lugar a deliberación do xurado do II Premio María Victoria Moreno, composto por Eli Ríos en representación da familia de María Victoria Moreno, Antonio Sambade Caamaño, alumno do IES Torrente Ballester, Anxos Rial en representación do Concello de Pontevedra, Antonio Manuel Fraga, gañador da edición anterior, Andrea Jamardo Seijo en representación de Urco Editora e David Cortizo Conde, de Urco Editora, que actuou como secretario.
A obra gañadora, presentada baixo o título de Ardora foi seleccionada por maioría entre as 17 pezas nas que a narrativa e a fantasía foron os xéneros predominantes, non habendo ningunha representación –como si houbo o ano pasado– de poesía ou teatro.
Unha vez aberta a pica, a autora resultou ser Beatriz Maceda, escritora galega que conta entre a súa bibliografía con títulos como Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán ou Man. O alemán de Camelle. Recibirá unha dotación económica de 4.000€ por parte do Concello de Pontevedra e a súa obra será publicada por Urco Editora.
O xurado destacou da mesma o seu “compromiso co ecoloxismo e coas novas formas de convivencia, a construción duns personaxes secundarios de gran relevancia, o emprego responsábel das novas tecnoloxías e sobre todo salienta a empatía co seu público potencial: o lectorado que está nos primeiros anos da adolescencia”.”