Morre Giuseppe Tavani, un dos maiores expertos na lírica medieval galego portuguesa

Desde Sermos Galiza:
“Á súa constancia investigadora débense algúns estudos canónicos do corpus da lírica medieval galego portuguesa: A poesía lírica galego-portuguesa (1986), A poesía de Airas Nunez (1992) ou en colaboración con Giulia Lanciani As cantigas de escarnio (1995). O profesor romano Giuseppe Tavani morreu esta sexta feira aos 95 anos.
Catedrático de filoloxía románica na Universidade de Roma I, foi Honoris Causa pola de Compostela. De “filólogo maxistral, amante da poesía e grande amigo de Galiza” cualificábao o sociolingüista e académico Henrique Monteagudo nunha introdución en 2011 a unha conferencia de Tavani sobre Martin Codax.
Os seus libros de temática galego portuguesa publicáronse en Galaxia. Mais o romano tamén foi especialista en líricas catalá -en 1968 publicou en italiano Poesía catalá de protesta-, francesa e provenzal. A maiores, encargouse de numerosas traducións de literatura galega e portuguesa ao italiano.
A Xunta de Galiza concedeulle a Medalla Castelao.”

Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2019: Antonio Manuel Fraga, Un bestiario en Oza

Os Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.
Estes Paseos constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.
Están destinados a persoas maiores de 16 anos e son gratuítos. É necesaria a inscrición, pois están limitados a 55 prazas.

A inscrición pódese facer na conserxaría do Centro Ágora, chamando ao 981 189 888 (a partir das 9:00 horas, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es, nas seguintes datas:
Antonio Manuel Fraga. Inscrición desde o luns 11 de marzo.
Lucía Aldao. Inscrición desde o luns 18 de marzo.
Eli Ríos. Inscrición desde o luns 15 de abril.
Xurxo Souto. Inscrición desde o luns 29 de abril.

Sábado 23 de marzo (a partir das 12:00 h.): Antonio Manuel Fraga. Un bestiario en Oza. Inscrición desde o luns 11 de marzo.
O bestiario científico de Anxos Nogueirosa evoca a lembranza do pretérito soñado. É un libro que nace da fascinación por un lugar, o antigo Sanatorio Marítimo de Oza; e por un tempo, o período no que albergou colonias escolares. É, tamén, un encontro coas persoas que o transitaron, que o viviron para despois contalo. Neste paseo entreteceremos, logo, a ficción e a memoria; o papel e o territorio.

Pontevedra: inauguración do Salón do Libro 2019