Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Parlamento das Letras: Carlos Labraña
Entrevista de Armando Requeixo a Carlos Labraña no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?
– Carlos Labraña (CL): O que marca fundamentalmente a miña forma de escribir é o TDAH, que me impide concentrarme durante moito tempo diante do papel ou da pantalla de ordenador. Así que, penso dabondo, maduro as ideas e logo ando a escribir a cachos, onde me cadre. (…)
– AR: Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– CL: Bótase en falta que non haxa case escritores profesionais que poidan vivir do seu traballo, o que é mágoa cando se está demostrando, ano tras ano, a calidade innegable da nosa literatura. Como as nosas letras aínda teñen moitas eivas, xa falaremos do que lles sobra cando a situación estea moito mellor. (…)
– AR: Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– CL: Eu resumiríao nunha palabra: bipolar. Estamos ante unha explosión de todos os xéneros da nosa literatura que se reflicte na publicación de libros con grande éxito literario, incluso fóra do noso país, á vez que existe unha gran desconexión cunha parte importante da sociedade galega. Penso que mellorar esa relación é a dirección na que temos que traballar. (…)”
Pontevedra: presentación de E se a memoria está na boca, de Ángel Suanzes
A Coruña: “Simposio Ricardo Carballo Calero 2020”, na Real Academia Galega
Vilalba, dona da Chaira. Homenaxe a Manuel María – Martiño Maseda
Bases do V Certame de narración breve Mestre Manuel Gacio
“1.- Poderá participar calquera mozo/a matriculado en educación Primaria ou ESO, segundo as seguintes categorías:
A: Alumnos/as de Primaria
B: Alumnos/as de Secundaria
2.- En ambas categorías a extensión máxima será de 5.000 caracteres, espazos incluídos.
3.- Os textos versarán sobre o Pico Sacro e deberán estar escritos en lingua galega, orixinais e non premiados noutros concursos.
4.- Os orixinais presentaranse en formato PDF, en formato DIN-A4, en letra Times ou similar de corpo 12. Deben enviarse por correo electrónico ao seguinte enderezo: clmestremanuelgacio@gmail.com acompañados doutro documento onde figure a identidade do autor ou autora (Nome, enderezo, teléfono e correo electrónico) e título da obra, facendo constar no nome do documento o título da obra e a palabra PLICA. Os documentos PLICA serán custodiados pola asociación que non os dará a coñecer, preservando a identidade do autor/a ata despois da deliberación do xuri.
5.- Haberá dous premios por categoría, aínda que o xuri pode declarar deserto calquera deles no caso de considerar insuficiente a calidade dos textos.
Os premios serán:
Categoría A: Vale de 300 euros para libros e material escolar en libraría Lino de Lestedo, para o primeiro premio.
Segundo premio un vale de 150 euros para libros e material escolar en libraría Lino.
Categoría B. Os mesmos premios que na categoría A
6.- A data límite de recepción dos textos, remata o 30 de novembro de 2020.
7.- A composición do xuri darase a coñecer na páxina da asociación mestre Manuel Gacio.
8.- A asociación Mestre Manuel Gacio resérvase o dereito de divulgación ou publicación dos textos premiados. Neste senso os autores renuncian a calquera compensación económica.
9.- O xuri e a asociación están facultados para tomar as decisións que consideren oportunas ante algún imprevisto non recollido nas presentes bases.”
Outeiro de Rei: roteiro Polos camiños da tribo, sobre Manuel María, o 4 de outubro
“O domingo, día 4 de outubro, ás 10:00 horas, e se o tempo acompaña, farase unha camiñada por algúns dos lugares de Outeiro de Rei máis íntimos de Manuel María. O roteiro, “Polos camiños da tribo”, partirá desde a Casa-Museo e ten unha dificultade baixa, un percurso de aproximadamente seis quilómetros, e cunha duración sobre as tres horas.
Orlando Viveiro, divulgador cultural, será a persoa que fará de guía e con quen descubriremos o medio e o patrimonio da localidade. Durante o camiño faranse lecturas de poemas e textos de Manuel María vinculados aos espazos.
Para participar (é gratuíta) hai que se inscribir previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal e a actividade vai dirixida para público adulto.”
Entrevista a Antón Riveiro Coello sobre O paraíso dos inocentes
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Marzo de 2016, en plena guerra de Siria, a cidade de Alepo está dividida en dúas partes enfrontadas. No lado rebelde, a activista Amira loita por informar o mundo desde dentro da guerra e visita un orfo rescatado baixo os cascallos; no lado do réxime, Isam, un químico que traballa nunha fábrica de xabón, teme a notificación do Goberno para engrosar as filas do exército. Ao mesmo tempo en Bruxelas, días antes do atentado terrorista de Zaventem, Alicia topa indicios desacougantes que a fan temer pola vida da súa parella.
Antón Riveiro Coello é o autor desta novela tecida a partir destas tres historias, unha novela envolvente, na liña do autor, escrita dende o interior de personaxes que atravesan o horror cos ollos abertos e buscan un exorcismo na loita, no exilio ou no compromiso solidario. Intentos deseperados de axustaren toda a dor á expectativa dunha reconstrución.”
Vilalba, dona da Chaira. Homenaxe a Manuel María – Beatriz Maceda Abeleira
Lorena Conde gaña o Premio de Poesía Cidade de Ourense 2020
Desde o Concello de Ourense:
“Lorena Conde é a gañadora da 36ª edición do Premio de Poesía Cidade de Ourense, que convoca o Concello. O xurado do certame acordou concederlle o galardón á escritora natural de Pontesampaio (Pontevedra) polo poemario As puntas da Louza. Cancioneiro popular de labor.
O xurado destacou a “calidade lingüística e a estética coidada” da obra, así como “a coherencia no discurso que soubo visibilizar a inspiración nas formas tradicionais da música tradicional e relixión, reformulándoas dunha maneira transgresora”.
Subliña tamén a voz poética “que amplía o imaxinario falando desde a subalternalidade, introduce na poesía galega o problema das mulleres obreiras e coloca os coidados no centro facendo unha lectura contemporánea da dificultade da conciliación. En definitiva, unha poesía que conmove e non deixa indiferente”.
O certame premia o mellor traballo inédito e orixinal escrito en lingua galega ou portuguesa. Está dotado cun premio de 6.000€ e a publicación da obra gañadora.
O xurado estivo formado por César Lorenzo (crítico literario), Edelmiro Vázquez (poeta ourensán) e Charo Lopes, gañadora de edición pasada.”



