Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Compostela: presentación de As Casas, de Carlos Lixó
Teatro, danza e a colaboración con MADferia centran o programa da penúltima xornada de Galicia Escena PRO
Desde Agadic:
“Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas organizado pola Agadic, alcanza mañá a súa terceira xornada de actividade, que inclúe cinco producións de teatro e danza, ademais da presentación da colaboración con MADferia para o intercambio de espectáculos galegos e madrileños entre ambos encontros.
No apartado de exhibición de espectáculos, pensado tanto para os profesionais acreditados como para o público xeral, esta penúltima xornada comezará ás 11,00 h. na Sala 2 da Fundación SGAE con Trompicallo e a súa montaxe de monicreques Planeta Ardora. O público infantil é o principal destinatario desta proposta, ao igual que de Patapatúm, o último traballo de Elefante Elegante, que poderá verse na Sala Germán Coppini da Fundación SGAE ás 12,15 h.
Elisa e Marcela, de A Panadaría, será a terceira representación da xornada. Coproducido xunto ao Centro Dramático Galego e os concellos da Coruña, Vimianzo e Rianxo, este espectáculo arredor da historia de amor de dúas mulleres a principios do século pasado obtivo catro galardóns na pasada edición dos Premios María Casares de Teatro. Poderá verse no Auditorio Abanca, ás 17,30 h. (…)” [Na imaxe, Método negro, de Javier Martín. Fotografía: Sara Roca].
Compostela: presentación de Marcas na paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega, coordinada por Margarita Ledo
Emma Pedreira: “Tamén temos seres mitolóxicos femininos malvados”
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Tamén temos seres mitolóxicos femininos malvados”. A intersexualidade de Romasanta no centro de Besta do seu sangue, a novela coa que Emma Pedreira gaña o Premio Xerais. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Compostela: Suso Díaz presenta O sol dentro da cabeza
Bases do XXXI Premio Nacional de Poesía Xosémaría Pérez Parallé, 2018
Pontevedra: entrega de premios do VI Certame de Relato Curto
O 11 de xuño, ás 19:00 h., terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra a entrega de premios do VI Certame de Relato curto, que conta coa colaboración da AELG, quen se comprometeu a ofrecer un obradoiro da súa Escola de Escritoras e Escritores ás persoas autoras dos cinco mellores textos de cada categoría (primaria, secundaria, bacharelato e adultos).
Máis información, aquí.
Para perder o medo, [à] poesia! por Susana Sánchez Arins
Artigo de Susana Sánchez Arins na Sega:
“É mui complicado ser superoína. No quotidiano dos dias caminhas as ruas, as praças, as grandes avenidas, com todos os teus poderes aí, à vista para quem saiba ver, mas invisíveis para a maioria. E tanto melhor, porque muita gente não percebe e teme aquilo que ignora. É complicado chegar ao parque, sentar na randeeira, no alto da escorregadoira, e fazer o simulacro de brincar como criança para não estontear ao mundo com a nossa melhor cara de velocidade.
É mui complicado ser poeta. No quotidiano dos dias caminhas as ruas, as praças, as grandes avenidas, com todas as tuas metáforas aí, à vista para quem saiba ver, mas invisíveis para a maioria. E tanto melhor, porque muita gente não percebe e teme aquilo que ignora. É complicado chegar ao parque, sentar na randeeira, no alto da escorregadoira, e fazer o simulacro de vigiar como adulta para não estontear ao mundo com a nossa melhor cara de velocidade.
Mas quando és poeta e superoína a um tempo, é singelo explicar ao mundo, para que perceba e deixe de temer, as superoínas, a poesia.
Isso faz Marga Tojo num preciosista volume, maravilhosamente acompanhado dos desenhos de María Hergueta.
Cara de velocidade é a que pomos as superoínas, mesmo as poetas, para andar polo mundo. Podemos acompanhar com capa e pijama de dinossauros, aí ao gosto de cadaquém, mas o importante é que ao mudarmos a maneira de olhar, damos com esses pormenores que nos acompanham na rotina dos dias e que fazem destes uma aventura. (…)”
“A familia das excelencias”
Artigo de Santiago S. Montes en Cultura Galega:
“Mateo, María e Martín poderían ser tres nomes comúns dun grupo de amigos calquera, ou de tres irmáns tal vez. Cando falamos da cultura galega e dos sectores profesionais nos que esta se desenvolve os tres nomes xa toman outro cariz e son, efectivamente irmáns nunha familia cultural na que tamén hai un importante sitio para o Libro de familia. Catro sectores profesionais -o audiovisual (Premios Mestre Mateo), o teatro (Premios María Casares), a música (Premios Martín Códax) e a literatura (Premios Gala do Libro)- reparten cada ano distincións para recoñecer de entre todas as producións, traballos e achegas aquelas que concitan unha admiración máis ampla en base a múltiples criterios, case tantos como votantes as elixen. Son nomes que despois se usan como reclamo en carteis de cine e teatro, en lapelas de libros e discos. Co mes de maio rematado xa están todos estes recoñecementos repartidos no que ten que ver coa produción cultural de 2017, a última foi a Gala do Libro que ven de celebrarse o pasado día 19 de maio. Agora xa toca mirar para adiante e empezar a preparar os seguintes mentres as persoas encargadas da parte creativa van presentando e preparando creacións neste 2018 que tal vez reciban un destes galardóns en 2019. No outro lado, as entidades organizadoras e convocantes, tamén fan reflexión sobre a situación que teñen os premios que representan á cultura galega profesional. (…)
No que se refire ao futuro de cada un destes recoñecementos da excelencia nos sectores da cultura profesional en todos os casos desde as organizacións e entidades que os impulsan falan de procesos de continua reconsideración e mellora á hora de pensar novidades ou evolucións de cada un deles. “É un proceso vivo do que nos estamos pendentes”, di Nieves Rodríguez, e lembra que xa este ano introduciron modificacións nas bases co fin de velar pola profesionalidade dos espectáculos presentados e por que os espectáculos participantes cumpran o convenio de teatro. Desde a Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares avanza que abriran nos vindeiros meses un “período de reflexión” sobre os Premios Mestre Mateo entre os membros da entidade para xeitos de mellora dos galardóns nos “novos tempos”. Para a máis nova das celebracións, os Martín Códax, a voceira entende que “estes primeiros anos foron de experimento, aprendizaxe e consolidación” e que agora a nova directiva, proclamada na ultima gala precisamente, “fará un traballo profundo de análise dos obxectivos e posibles cambios de cara ao futuro”. Tamén na Gala do Libro se van facendo cambios e melloras como é o feito de que nesta edición incorporou novos galardóns, como o premio á obra de divulgación, á banda deseñada, ao libro mellor editado e a división do anterior premio de literatura infantil e xuvenil en dúas categorías diferenciadas. Martín, María, Mateo e o Libro buscarán seguir representando o mellor dos seus campos e visibilizando as excelencias da cultura galega nunha constante mellora e adaptación as cambiantes circunstancias de cada sector e da sociedade na que se insiren.”