Pilar Pallarés e Antón Lopo, Premios da Crítica 2018

Desde Sermos Galiza:
“O quinto libro de poemas de Pilar Pallarés e a primeira novela de Antón Lopo en oito anos son os Premios da Crítica Española 2018 en lingua galega. Tempo Fósil (Chan da Pólvora, 2018) e Extraordinario (Galaxia, 2018) titúlanse as obras distinguidas pola Asociación Española de Críticos Literarios a proposta da Asociación Galega da Crítica.
Con Tempo fósil, Pallarés (Culleredo, 1957), unha das poetas máis influentes de entre as promocións da década dos 80, adentrábase na memoria familiar e abrogaba as derregas entre o íntimo e o colectivo. A destrución da casa e a compaixón por todos os seres vivos, as cicatrices do eu e a rabia de raíz política comparecen nun volume que, para o xurado, amosa “unha escrita medida e esixente”.
“[Tempo fósil] vólvese unha arquitectura de ecos, que incorpora elementos recorrentes na súa obra como humus, ósos, crisálidas ou felinos”, sinala o fallo, “e suma outras marcas do tempo e do desposuimento”. Poética da ruína pero non da resignación, o libro clausurou un silencio editorial de sete anos.
Na traxectoria narrativa de Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961), tamén poeta e biógrafo, Extraordinario sucede a Obediencia (Galaxia, 2010). Se esta era unha distopía, a obra premiada pola crítica -antes foino no Premio Repsol de Narrativa Breve– é unha brutal disección das relacións familiares, o retrato da conquista da liberdade individual.
“De grande riqueza temática, a novela soborda con moito os coidados e o complexo urdido das relacións interpersoais”, considerou o xurado, “para internarse na conformación mesma da identidade”. Un humor escuro e implacábel atravesa as páxinas dun relato destemido, acedo e e emotivo.
Os Premios da Crítica Española 2018 déronse a coñecer este sábado, 6 de abril, en Vilafranca do Bierzo. A iniciativa naceu en 1956, pero as modalidades en galego, catalán e euskera activáronse vinte anos despois. As propostas galegas decidíranse o pasado 21 de marzo nunha xuntanza da Asociación Galega da Crítica na Facultade de Filoloxía da Universidade de Compostela.”

Ana Romaní ingresa na Real Academia Galega reivindicando a escoita na creación poética e no xornalismo

Desde a Real Academia Galega:
“No ano 2003, no Teatro Coliseo de Noia, Xohana Torres interveu na homenaxe a Antón Avilés de Taramancos no Día das Letras Galegas dedicado ao escritor. Ambos compartiron infancia á beira do mar, os dous souberon escoitar como poetas, e tamén o fixeron nos programas de radio que gravaron alén e aquén mar. Case dezaseis anos despois daquel 17 de maio, volveron estar presentes no mesmo auditorio, no discurso de ingreso na Real Academia Galega doutra creadora da poesía e da radio: Ana Romaní. A poeta e xornalista, natural desta localidade, convocou estes dous referentes no seu espertar poético, xunto a outras autoras das letras galegas, nunha intervención que foi unha ollada ao mundo desde o feminismo e o comunal e colectivo. E desde ela, fronte á “xordeira”, reivindicou a dignidade da escoita no literario e no xornalismo.
A académica de número Margarita Ledo foi a encargada de lle dar resposta nunha intervención na que repasou a traxectoria literaria e xornalística da nova compañeira de plenario, inzada de recoñecementos, o último deles o Premio Nacional de Periodismo Cultural que concede o Ministerio de Cultura. Da obra literaria de Ana Romaní salientou, entre outros trazos, ese “desexo de comunidade” tan patente no propio discurso que pronunciou hoxe, un “devezo polo común que tamén colle corpo na súa actividade profesional” .
“Hoxe é un día feliz para a Real Academia Galega polo ingreso na institución de Ana Romaní e por estar en Noia, que é unha maneira de levar a RAG polo país. Cando os académicos falamos da súa entrada pensamos na poeta, na activista cultural que leva moito tempo comprometida co país, e tamén na comunicadora”, salientou pola súa banda o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, tras facerlle entrega da medalla e o diploma de académica de número.
Ana Romaní ocupa desde este sábado a cadeira que quedou vacante tras o pasamento de Xohana Torres, (Ferrol, 1929 – Vigo, 2017), “símbolo de decidida navegación e ousadas travesías”. Con ela estableceu o diálogo inicial do discurso titulado Táctil resonancia. Da derrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas, a bordo dunha nave na que tamén rescatou a voz do poeta noiés Avilés de Taramancos, outra figura decisiva no seu “tear do poético”. A viaxe arrincou sucando o mesmo mar no que a súa predecesora puxera a navegar a Penélope no célebre poema que publicara por primeira vez na Festa da Palabra Silenciada (1987). (…)”

Vigo: conferencia “As luces na ‘longa noite’. A literatura galega dende 1936 a 1975”, de Xosé Ramón Pena

O 8 de abril, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal do Areal (Rúa Areal, esquina rúa Oporto), en Vigo, terá lugar a conferencia “As luces na ‘longa noite’. A literatura galega dende 1936 a 1975”, de Xosé Ramón Pena. No acto, organizado polo Club Faro de Vigo, participarán Xosé Ramón Pena e Xosé Luís Méndez Ferrín.

A Coruña: Xornada “Mulleres e innovación nas artes intermedia”

Compostela e Vigo: sesión de Dramaturxias itinerantes/Dramaturgias itinerantes

A sesión Dramaturxias itinerantes/ Dramaturgias itinerantes que terá lugar o vindeiro luns, 8 de abril de 2019 ás 18:30 horas, no Consello da Cultura Galega. O Consello da Cultura Galega, o Camões, Centro Cultural Portugués en Vigo e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia poñen en marcha este programa que ten por obxectivo servir de ponte entre as escrituras teatrais galega e portuguesa para fomentar, a través do diálogo escénico, un mellor coñecemento mutuo que poida agromar en futuros traballos colectivos. Na primavera de 2019 inauguramos en Galicia o ciclo e acollemos, primeiro en Compostela e despois en Vigo, as dramaturgas Patrícia Portela e Lina Pérez. Escoitaremos os seus textos orixinais nas voces de alumnado da ESAD e de parte do Grupo de Teatro Amador do Centro Cultural Português do Camões de Vigo “Eu.Experimento” e teremos ocasión de departir coas dúas escritoras nun debate moderado por Afonso Becerra. Por volta do verán, a actividade terá continuidade en terras portuguesas.
Neste enlace pode obter máis información e nestoutro facer a súa inscrición na sesión que terá lugar no Consello da Cultura Galega.
Fichas técnicas das obras:
Escudos Humanos. Uma peça de acção con muitas palavras (2008) de Patrícia Portela
Intérpretes: Grupo de Teatro Amador do Centro Cultural Português do Camões, Instituto da Cooperação e da Língua, I.P. en Vigo – Eu.Experimento
Dirección: Vanesa Sotelo
Duración: 20 minutos
Os cans non comprenden a Kandinsky (2017) de Avelina Pérez
Intérpretes: Alumnado da ESAD de Vigo
Dirección: Nuria Montero, profesora e actriz
Duración: 20 minutos

O 9 de abril, ás 16:30 horas, esta sesión de lecturas dramatizadas repetirase na sede da ESAD de Vigo.