Fragmento de A nena do abrigo de astracán e entrevista ao seu autor, Xabier P. DoCampo

Desde Chamando á Terra, da Radio Galega:
“Escoitamos un cachiño de A nena do abrigo de astracán. María Solar entrevista o seu autor, Xabier P. DoCampo. Unha novela que nos leva á postguerra cos ollos e a inocencia dunha nena que se refuxia nas películas do cine. Pode accederse á entrevista aquí.”

Suso de Toro: “En ‘Cinco Feiras’ gustaríame non escribir de política”

Entrevista de Daniel Salgado a Suso de Toro en Sermos Galiza:
“Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956) regresa, de forma regular, á prensa galega. Faino coa sección Cinco Feiras, que publicará cada día da semana no dixital Sermos Galiza. A piques de estrear novela –Fóra de si, en Xerais- despois de sete anos de silencio, tamén cociña un ensaio sobre as razóns da literatura. “Non sei estarme quieto”, confesa divertido. (…)
– Sermos Galiza (SG): Xa rematou a súa novela de retorno á literatura?
– Suso de Toro (SdT): Está rematada, si. Pero non lle dou moita importancia. Ao interromper a escrita [Suso de Toro anunciara hai case oito anos que abandonaba a súa carreira literaria], non teño programa estético. Mais é unha novela moi miña. E o editor [publicaraa Edicións Xerais] está contento.
– SG: Ten título?
– SdT: Ten: Fóra de si. Despois de que saia en galego, aparecerá en castelán -traducina eu mesmo- e en catalán.
– SG: Por que volveu escribir e publicar ficción?
– SdT: Para me divertir. Polo mesmo polo que empezo esta sección no Sermos. E porque realmente me gusta, non paran de ocorrérseme historias e desafíos literarios. A xente non sabe que os que escribimos estamos infectados, colonizados, de linguaxe. E que nos tranformamos ao escribir. Tampouco sei estarme quieto, claro.”

Bases do Certame Vilariñas 2018

BASES

“Convócase o II Concurso de micropoesías “Vilariñas” no que poden participar todos @s escritores/as que queiran.
A participación neste concurso é completamente de balde.
Os micropoemas presentados ao concurso serán inéditos, orixinais e non premiados nin publicados. Os autores son responsables tanto deste punto como da autenticidade dos seus propios datos.
O tema será “Libre”. Cada participante podrá enviar un máximo de dous micropoemas que deben estar escritos en GALEGO en calquera das normativas, e presentarase ao concurso a través do correo electrónico
dosvilares@gmail.com ou info@culturaliagz.com en formato Word
Os micropoemas terán una extensión mínima de 2 versos e máxima de 3 versos sen incluir o título. Cada poeta poderá presentar un máximo de dous micropoemas a concurso e cada un deles serán xulgados individualizadamente e por separado. Cada micropoema debe ser apresentado por separado. Poderán cada un deles ir acompañado de imaxe se así o quixese @ autor/a.
Admitiranse obras desde o 15 de xaneiro até o día 30 de abril de 2018, ás 23:59 horas.
A organización do concurso reservase o dereito a eliminar aqueles micropoemas que podan ir en contra da protección da infancia, do respeto, ou induzan ou promovan actos delictivos, denigratorios ou violentos en cualquera das súas formas.
O xurado terá en conta a orixinalidade, técnicas empregadas, calidade e contenido do poema. O xurado estará composto por poetas da NPG Nova Poesía Guitirica. O fallo do xurado será inapelable e farase público a través dos distintos soportes dixitais de Os Vilares, lareira de soños, CulturaliaGZ e da NPG Nova Poesía Guitirica nas duas semanas posteriores ao peche do concurso.
Entre os micropoemas participantes, seleccionaránse os mellores que poderán integrar unha antoloxía, e entre eles escollerase aos gañadores co premio que consistirá no trofeo <VILARIÑA> deseño exclusivo da artista Viki Rivadulla e edición das obras presentadas no blog poético literário CulturaliaGZ. A edición da antoloxía do blogue poético será segundo criterio da NPG Nova Poesía Guitirica, CulturaliaGZ e Os Vilares, lareira de soños. Farase un acto poético público cos premiados e poetas convidados.
Polo feito de participar, os premiados autorizan a NPG Nova Poesía Guitirica e á Lareira de soños a editalos nos soportes fisicos que considere oportunos.”

Entrevista a Estevo Creus no Diario Cultural

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Sigo mantendo esa idea dunha poesía máis da imaxe. Ao final de achegar tanto o foco as cousas producen monstruos”. De Teoría do lugar a O lugar que non hai. Revisamos dúas décadas de escrita con Estevo Creus Andrade, que vén de gañar o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón. Pode escoitarse aquí.”

“Criación teatral arredor do país”

Desde Sermos Galiza:
“Reflexionar sobre a identidade galega en chave teatral. Ese é o obxectivo do primeiro Grupo DramaturXa, unha experiencia en que dez autoras e autores desenvolverán cadansúa peza teatral a partir do traballo individual e colectivo. Das obras resultantes, tres han de ser escollidas para levar a escena en produción propia do Centro Dramático Galego, impulsor da iniciativa xunto coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGA.
A listaxe coas integrantes do grupo de escrita, coordinado polo escritor e director escénico valadourés Manuel Lourenzo, publicarase o vindeiro 9 de febreiro. Este xuntarase durante seis meses no Salón Teatro de Santiago de Compostela, en horario de 10 a 15 horas, duás veces ao mes. As persoas interesadas en entrar no proceso de selección, responsabilidade dunha comisión constituída por profesionais do sector, poden enviar as súas solicitudes até o 22 de xaneiro, seguindo as instrucións que se indican no web www.centrodramatico.gal.
“Un teatro forte para un país forte”
O célebre dramaturgo Manuel Lourenzo será o encargado de asesorar os dez creadores. O valadourés explica que tentará abordar o tema central da identidade nacional abrindo unha serie de posibilidades para que cada persoa tome unha ramificación. “Repasaremos elementos fundamentais da identidade, como a lingua, a historia, a expresión política e a relación do teatro con esta”, engade.
O director teatral, cuxa carreira estivo sempre enfocada cara a un teatro galego e contemporáneo que non ignorase as súas raíces históricas e estéticas, gaba a profesionalización do sector nos últimos tempos. Lourenzo, que fundou e impulsou compañías como Casahamlet ou a Escola Dramática Galega, incide tamén na necesidade de que este novo teatro sexa unha expresión artística “de contestación, que integre todas as voces”.
Cun panorama actual de avellentamento, decadencia rural e a crise económica, o dramaturgo pon en valor o papel do teatro como actor social. “O diñeiro non fai todo, porque se queremos un país forte, necesitamos un teatro forte que dialogue de ti a ti, que fale polo país”, conclúe.
Mais iniciativas
A iniciativa do Grupo DramaturXa está enmarcada dentro do programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea que o CDG mantén coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa. Dentro do mesmo, o CDG porá tamén en marcha este ano outras tres novas iniciativas.
Así, Teatrhoxe será a denominación dun apartado específico na nova web do Centro Dramático Galego, onde cada tres meses se publicará unha reflexión escénica ou pequena peza teatral de autoría galega, mentres que Lanzadeira porase a disposición dos creadores, a través dunha convocatoria pública, para presentar ou facer unha lectura dun fragmento das súas obras inéditas. Ademais, un dos talleres formativos desta temporada estará orientado especificamente á escrita teatral.”

Calendario dixital Os soños da gaiola 50 anos

A Fundación Manuel María vén de tirar un calendario dixital, con ilustracións de Leandro Lamas, para conmemorar os 50 anos da aparición do poemario Os soños na gaiola, obra emblemática de Manuel María que inaugurou a poesía en galego para a xente nova (a imaxe de abaixo correspóndese co mes de xaneiro e co poema O vento).
Para descargalo, e inclusive facer unha impresión del, pode accederse á seguinte ligazón e introducir o seguinte código 8yhqdz1esxcr.