Igrexa dos Vilares (Guitiriz): entrega do Certame de Micropoesía da Chaira Vilariñas


Entrega de premios a Andrea Araújo Alonso, Pedro Rielo Lamela e Toño Núñez, coa intervención de Alfonso Blanco Torrado (Presidente da A. C. Xermolos) e Fátima Fernandez Chascarraschás (NPG). Entregan os premios Sandra Tenreiro Doldán cantautora e mestra, Luz Campello García, poeta da NPG e Marica Campo, poeta. Presenta o poeta Martiño Maseda.

“Tertúlias literárias” en Gaia, arredor da obra de Antonio García Teijeiro

Desde Versos e aloumiños, blogue de Antonio García Teijeiro (crónica de Alba Piñeiro):
“O sábado 21 de outubro dentro do ciclo das “Tertúlias literárias” organizado na libraría Velhotes do noso país veciño (Gaia) tivo lugar unha conversa entre dous poetas que presentan certas similitudes, non só na súas creacións, dotadas dunha alta calidade humana e poética, senón tamén nas súas actitudes vitais sustentadas na honestidade, autenticidade e humanidade. Todos os alí presentes (docentes, escritores, divulgadores da cultura, libreiros…) fomos conducidos e guiados por un cicerone entrañable, o poeta e editor João Manuel Ribeiro que, sentado ao carón de Antonio García Teijeiro, nos contaxiou con el a maxia do poder sedutor das palabras.
O faladoiro xirou ao redor da figura e obra do Premio Nacional (español) de Literatura infanto xuvenil 2017, Antonio García Teijeiro, baixo o título de: A poesía necesaria.
Ao longo de case dúas horas viaxamos a través da traxectoria profesional e mesmo vital dun home no que a poesía significa un xeito de vida que sempre o acompañou e que cre no poder transformador que ten de seu por invitar á reflexión, á análise crítica do que nos rodea, á amplitude de pensamento e, en definitiva, ao autocoñecemento tan necesario para poder ser feliz.
Así soubemos da súa infancia cunha ausencia presente, da súa mocidade escura nun tempo agochado tras a miseria e a mentira, que marcará o seu futuro compromiso coa lingua e co país reflectidos na maior parte da súa produción, e que soportou grazas á poesía e ao deporte (foi porteiro de balonmán en diferentes equipos da máxima categoría). Ata chegar á súa madurez coma docente, divulgador cultural e creador de soños a través das súas obras sobre todo poéticas, pero tamén narrativas para nenos de distintas idades.
Música e poesía camiñan da man na vida e obra de Antonio, quen leva máis de corenta anos coma docente e coma mensaxeiro da palabra poética non só nas clases (que empezaban sempre cun poema), senón tamén en todos aqueles lugares onde o requirisen: congresos, feiras de libros nacionais e internacionais, cursos para mestres, encontros… amosando sempre xenerosidade, compromiso e paixón polo que cre. Isto reflíctese nos máis de setenta libros publicados de diferentes xéneros ( narrativa, poesía, didáctica, artigos xornalísticos…). Antonio defende a necesidade da poesía en toda a sociedade e, en especial, nas aulas onde debe entrar en voz alta a través da implicación literaria do mediador encargado do achegamento. Este debe ser gradual, comezando pola literatura popular para xogar co ritmo, a musicalidade, a rima e as palabras e logo introducilos no poder suxestivo e reflexivo dos clásicos e dos autores que escriben para eles dende o respecto e o agarimo. (…)”

Culturgal, Pontevedra: actividades literarias destacadas do venres 1

Do 1 ao 3 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horarios de 11:00 a 21:00 horas o venres 1 e sábado 2, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 3, terá lugar o Culturgal 2017. O prezo das entradas é o seguinte: “a entrada xeral por día ten un prezo de 2 euros, entregarémosche unha pulseira e entrarás e sairás do recinto cando queiras durante ese día. Se queres acceder máis de 1 día, tes unha pulseira de 3 euros coa que poderás entrar e saír durante os 3 días. Nenas e nenos até 12 anos (incluídos) pagan 1 euro por día e 2 euros pola pulseira bono. Menores de 3 anos non pagan entrada.”

As actividades literarias destacadas do programa para o venres 1 son:
18:00 h. Espazo infantil Deleite. A galiña azul. Secretaría Xeral de Política Lingüística. Programa FalaRedes 2017. Actividade teatral de dinamización da lingua galega inspirada na obra homónima de Carlos Casares, a cargo de Ubú Teatro.
19:30 h. Espazo Libro. Mesa redonda «Teatro nas escolas». Edicións Fervenza. Con Raquel Castro, Carlos Labraña, Xosé Lois García e José Luis Graña.
19:30 h. Espazo Infantil Deleite. O branco non pinta!. Apiario. Con Antía Otero, autora, que contará o conto que María Brenn, ilustradora, debuxará en directo.
20:00 h. Sinatura de Xabier P. DoCampo (stand Xerais).
20:30 h. Manuel Bragado conversa con Xabier P. DoCampo sobre A nena do abrigo de astracán, publicado en Xerais.

Ferrol: presentación de Ganduxando Vidas, libro homenaxe a Xaquín Campo Freire

Acompañando a Xoaquín Campo Freire, no Ateneo Ferrolán estarán Nieves Espiñeira, Carmen Solloso, Xoán Rubia Alejos e Julia Díaz Sixto. Colaboran neste acto: Asoc C. Xermolos; Irmande Manuel María, Ateneo Ferrolán e Club de Prensa de Ferrol.