Vídeos da “Xornada sobre políticas culturais en Galicia. Un debate necesario”, o pasado 13 de novembro

Desde a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural:
“O pasado 13 de novembro desenvolvimos na Cidade da Cultura unha xornada sobre a política cultural en Galicia. Foron moitas as persoas que acudiron ao convite da nosa asociación para coñecer a situación do noso sector da man dos seus profesionais, escoitar opinións diversas sobre as políticas culturais galegas e tamén opinar e debatir, convertindo a cita nunha experiencia moi enriquecedora para tod*s nós.
Por se non puideches acompañarnos -ou o fixeches e apetéceche escoitar de novo algunha intervención- aquí tes a xornada vídeo a vídeo:”

“Coser e descoser”, por Eli Ríos

Artigo de Eli Ríos na Sega:
“Escoller A balada dos unicornios de Ledicia Costas era unha aposta segura para unha tarde de lectura tranquila e apracible. Viaxar da man da autora ao Londres victoriano e acompañar as aventuras de Ágata McLeod na Escola de Artefactos e Oficios. Encántame o steampunk e a escrita coidada de Ledicia Costas. Estaba segurísima que a precisión lingüística que caracteriza as súas obras me ía facer gozar do ambiente de cascos voadores, teteiras motorizadas, arañas articuladas e, sobre todo, de unicornios moi especiais. A balada dos unicornios, un sofá e un café. O plan perfecto se non fose porque a autora tiña outros propósitos para nós, queridas persoas lectoras: aquí non hai un momento de tregua! nada de monear diante das páxinas!
Desde as primeiras liñas hai personaxes coas que imos leirar e outras que nos van enfadar (e moito) e non porque a narradora nos faga descricións interminables, non. Son as propias personaxes as que nos revelan o seu caracter polo que fan ou din:
̶ Vixía o teu saco de ferralla, non vaia ser que desapareza nun despiste ̶ apuntou a gobernanta atuándoa de xeito deliberado.(páx. 16)
Linguaxe descarnada, nunha acción constante, na que as personaxes non son maniqueístas. Non hai boas ou malas persoas. Hai circunstancias nas que os sentimentos de rabia, odio, etc, dominan a protagonistas e antagonistas e, tamén, ao contrario. A amizade esporea a Ágatha McLeod para facer cousas imposibles (ou que cría que eran imposibles), pero, tamén, o amor infinito de Cornelia polo seu fillo lévaa a mover ceo e terra para liberalo. Si, Cornelia, a mesma que afirma “O da túa amiga, esa dos dentes de aceiro, non foi nada persoal. Devorei o seu corazón coma tantos outros ao longo da miña vida. Iso si: recoñezo que este me soubo a gloria. Relámbome só de recordar o seu sabor doce e intenso” (páx 142). (…)”

Obras premiadas no XXXII Certame de poesía en lingua galega Rosalía de Castro 2018

“O sábado 24 de novembro celebrouse o acto de concesión dos premios do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornella (Barcelona) que este ano acada a súa XXXII edición, no que se lle concedeu o primeiro premio a Isaac Xubín polo seu poema Antígona.
Un día que comezaba cheo de cultura e literatura galegas co recoñecemento e homenaxe que a A.C.G. Rosalía de Castro quixo ter co Patriarca das Letras Galegas en Cataluña, o Catedrático Don Basilio Losada Castro entregándolle a medalla da entidade de recoñecemento á súa labor de difundir e posta en valor a Cultura e a Literatura galegas en Catalunya, desde a súa actividade educativa na Universidade de Catalunya, así como a súa colaboración e apoio a colectividade galega a través das diversas entidades galegas, e moi especial coa A.C.G. Rosalía de Cornellà, acto ao que asistiron ademais dos compoñentes do Xurado do Certame de Poesía así como numeroso socios da Entidade tamén estivo presente o Secretario Xeral de política lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, que se desprazou a Cornellà para imporlle a distinción honorífica ao homenaxeado.
Pola tarde, o acto de concesión dos premios, foi precedido dunha conferencia a cargo do Profesor Armando Requeixo, que baixo o titulo A Irmandade literaria Galego-Catalana nos deu unha exhaustiva e esplendorosa lección sobre as colaboracións culturais e literarias de ambas as dúas culturas, desde os tempos do medievo ata a actualidade, un relato de autores e textos nos que se amosa esa irmandade cultural. O acto contou coa asistencia de numeroso publico, así como a presencia do alcalde de Cornellà Antonio Balmón, que se encargou de pechar o acto agradecendo a colaboración do conferenciante coa diversidade cultural que a cidade de Cornellà representa, na que a Asociación Rosalía de Castro é fundamental.
Pola noite e no transcurso dunha Cea celebrada no restaurante da Asociación galega de Cornellà, e presidida polo seu presidente, Oliver Fernández, á que asistiron numerosos socios e amigos, así como diversas autoridades do mundo da cultura e a sociedade de Cataluña e Galicia, ademais de representantes da Corporación Municipal de Cornellà e delegacións doutras entidades galegas de Cataluña, o presidente do xurado do certame, composto por:
Presidente: Armando Requeixo, Investigador, Profesor e Crítico Literario.
Vicepresidente: Míriam Ferradáns, Poeta galega.
Vogal 1: Ana Vázquez, Documentalista, Licenciada e Doutora en Hispánicas.
Vogal 2. Xulio Simón, Profesor Licenciado en Galego e Portugués.
Vogal 3: Xosé Lamela, Enxeñeiro e Escritor galego.
Secretario: Xulio Cougil, Profe. Licenciado en Galego e Portugués, Xubilado.
Deu a coñecer aos gañadores deste ano 2018 na 32 edición do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, que son os seguintes:
– Primeiro premio: conseguiuno Isaac Xubín, da Coruña, polo seu poema titulado Antígona: o alento que embaza o vidro.
– Segundo premio: para Manuel Antonio Piñeiro, da Coruña, polo poema Larega.
– Terceiro premio: para Gonzalo Hermo, de Barcelona, polo seu traballo Memoria do Cervo.
Ademais, o Xurado concedeu unha mención especial ao poema Foise silandeira, mainamente, de Azucena Arias Correa, de Pontevedra.

Cornellà, 25 de novembro de 2018
Antonio Díaz Fernández”