Tabela dos libros. Setembro de 2018

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Un curso máis, comeza a andaina da Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Río Bravo 3.1 gaña o Premio do Público da Mostra de Teatro de Cariño

Desde Cultura Galega:
“A representación que a compañía Chévere fixo na 40ª Mostra de Teatro Galego de Cariño da súa obra Río Bravo 3.1 foi a favorita dos asistentes do evento, que coas súas votacións danlle o Premio do Público desta edición. A obra da compañía compostelá, probablemente a máis lonxeva da mostra, volveu a convencer con éxito, vinte e oito anos despois da súa estrea. A obra, que a compañía volveu a poñer en escena co gallo do seu trinta aniversario de actividade, tivo tan boa resposta nesta volta aos escenario que Chévere anunciou que de agora en adiante fará unha representación cada ano deste “western” en clave de comedia musical. O da Mostra de Cariño foi o correspondente a actual temporada así que haberá que agardar ata o vindeiro ano para volver a vela sobre as táboas dalgún escenario aínda sen confirmar.”

Cándido Pazó: “O teatro tamén pode ser xogar por xogar e divertirse, contar historias por contalas”

Entrevista de Montse Dopico a Cándido Pazó en Praza:
“(…) – Praza (P): Como decidiches volver facer Commedia 25 anos despois? Se cadra xa o pensaras antes…
– Cándido Pazó (CP): Si, xa o pensara para os 15 anos e para os 20, pero non se deu a conxuntura. Cando se cumpriron os 15 anos eu non tiña unha compañía abondo potente para amparar un proxecto coma este, e cando se fixeron os 20 andaba con outros proxectos… Cando viñeron os 25 dixen: ou agora ou nunca. E así foi. O teatro é ao vivo, non é coma unha película, que se pode repoñer. E hai certos espectáculos, como lle pasou a Chévere por exemplo, que teñen que tomar vida outra vez, e a única maneira é, -non vou dicir repoñelos porque non é palabra-, revisitalos. Isto é, ademais, o normal nos países cunha tradición teatral madura: revisitar éxitos teatrais cada certo tempo. (…)
– P: O texto contén chiscadelas á actualidade, referencias ao lugar… Supoño que fóra de Santiago non se cita o cemiterio de Boisaca…
– CP: Non, claro, en Olmedo preguntamos polo cemiterio e dixéronnos que o estaban ampliando. Metemos iso no texto e non debía ser un feito moi coñecido porque só riu o alcalde… E o Dottore non recitou Negra Sombra, senón El caballero de Olmedo…
– P: Outro detalle que é do teatro contemporáneo é iso que chaman ruptura da cuarta parede. Os actores diríxense directamente aos espectadores ao principio e ao final e algunha vez polo medio, saen e entran do personaxe diante de nós…
– CP: Pois en realidade iso se facía nos séculos XV, XVI e XVII, o que pasa é que despois perdeuse, e retomouse no XX. Lembra que o teatro facíase na rúa, así que era doado que os actores falasen co público… O que pasa é que o teatro tivo, no XIX, unha fase realista na que se trataba de “reproducir” a realidade. Pero despois veu o cine e viuse que mellor que o cine non ía facelo… E acabouse entendendo que o teatro é unha mentira marabillosa, que se non se trata tanto de verosimilitude senón de xogo, dunha convención que o público acepta. Por iso non é tanto facer algo “natural” ou “realista” senón facer algo que funcione, algo no que o público acepte xogar. (…)”

A Coruña: crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Antonio Tizón

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria con Antonio Tizón do sábado 8 de setembro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Antón Riveiro Coello: “Non concibo un gran escritor se non hai detrás un enorme lector”

Entrevista a Antón Riveiro Coello en La Voz de Galicia:
“(…) Asegura que aprendeu o oficio pola súa conta e non o tivo nada doado: «Non nacín nunha casa chea de libros nin tiven un mestre que me guiara. Un día púxenme a escribir un relato e gañei un premio, escribín outro e volvín gañar. Foi entón cando descubrín que non se me debía dar tan mal». Tiña 23 anos cando viu claro que a literatura marcaría a súa vida: «Sempre me pregunto que ocorrería se eu nacese nunha casa con libros, seguro que descubriría moito antes esta paixón».
Precisamente, un dos cometidos do boirense no curso que impartirá en Rianxo é darlle aos participantes ese pulo que ás veces falta: «Quero que a xente lle perda o medo a empregar as palabras. Escribir é un dos oficios máis democráticos que hai, pois só se precisa un folio e un lapis como materiais, pero hai que ter ollada». Pero, que é esa ollada á que se refire unha e outra vez Antón Riveiro? «Consiste en ser capaz de ver o que non ven outros, incluso nun feito cotián. Hai quen fai unha novela dunha conversa nunha cafetería, mentres que outros precisan vivir unha aventura completa con mortes incluídas». Tamén enumera, como calidades que debe ter un bo escritor, a imaxinación e a afección pola lectura: «Non concibo un gran escritor se non hai detrás un enorme lector. É importante aprender do que escriben os demais». (…)
E precisamente nese comezo, nesas letras iniciais, radica o que para este escritor é a parte máis complicada do proceso de creación literaria: «A chispa pode xurdir en calquera momento, pero non é doado identificar ese punto de partida dunha novela. Hai quen parte dunha frase, hai quen ten que ter claros o principio e o final desde o comezo, pero eu parto dunha idea e logo busco documentación, tomo notas, desboto outras… Case sempre me imaxino toda a historia no esqueleto inicial, xusto antes de empezar a escribila». (…)”

Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria, con Antón Riveiro Coello: As historias no espello

O Obradoiro de creación literaria, con Antón Riveiro Coello: As historias no espello é unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, coa colaboración do Concello de Rianxo e o patrocinio da Deputación da Coruña e a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Se gustas de converter en materia estética a realidade cotiá…
Se queres inventar coa palabra outros mundos máis interesantes….
Se aspiras a que na túa imaxinación as persoas volvan nacer, talvez mellores e máis fermosas do que en realidade foron…
Se desexas que a literatura faga vida en ti e, por que non, nas lectoras e lectores… Agardamos por ti.

As historias no espello

Impartido por Antón Riveiro Coello, e cunha sesión maxistral a cargo de Víctor F. Freixanes.

10 sesións de 2 horas cada unha, en horario de 11:00 a 13:00, a celebrar os sábados:
8, 15, 22 e 29 de setembro
6, 13, 20 e 27 de outubro
10 e 17 de novembro

Terá lugar nas aulas do Auditorio de Rianxo (como chegar).
20 prazas, gratuítas, para maiores de 15 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude no teléfono
981 100 688

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.