Bases da XXXVI edición do Premio Blanco Amor de Novela Longa

Desde Xerais:
“Reproducimos as BASES da XXXVI edición do Premio Blanco Amor de Novela Longa, que convoca a Deputación Provincial de Ourense:
Primeira.- Poderán participar nel todos os autores e autoras que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial.
Segunda.- As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a unha soa cara e a dous espazos, ou de 75 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a dúas caras e a dous espazos.
Terceira.- As obras presentadas terán que ser inéditas.
Cuarta.- De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite, dirixido á Deputación de Ourense, rúa Progreso n.º 32, 32003 Ourense, facendo constar no exterior Para o XXXVI Premio Blanco-Amor. Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor ou autora e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.
Quinta.- O prazo de admisión dos orixinais rematará o xoves 14 de setembro de 2017, cento vinte aniversario do nacemento en Ourense de Eduardo Blanco-Amor.
Sexta.- O xurado do premio será nomeado pola Deputación de Ourense. Estará composto por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura galega. Facúltase ao xurado para a interpretación e integración das posibles lagoas nas presentes bases en todo o relativo á concesión do premio.
Sétima.- O premio estará dotado con 12.000 € e unha obra escultórica.
Oitava.- O premio poderase declarar deserto, de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado.
Novena.- O xurado reunirase con tempo suficiente antes da entrega do premio e fará pública a súa decisión, perante os medios de comunicación.
Décima.- A concesión do premio implicará a cesión ao autor dos dereitos da primeira edición en lingua galega da obra. A dita edición deberá realizarse nun prazo máximo dun ano dende a data da entrega do premio, quedando sen efecto a cesión no caso de que no dito prazo non se leve a cabo.
O gañador deste premio comprométese a participar en cantas presentacións do libro lle requira a Deputación de Ourense, ata un máximo de dez.
As obras non premiadas devolveránselles aos/ás autores/as que o soliciten nun prazo dun mes contado dende o día do veredicto. En caso de non recollerse dentro deste prazo os orixinais serán destruídos.
Décimo primeira.- A entrega do premio terá lugar nun acto literario organizado pola Deputación de Ourense, o venres 1 de decembro de 2017, trinta e oito cabodano do autor de A Esmorga.
Décimo segunda.- O feito de concorreren a este premio presupón que os/as autores/as aceptan as presentes bases.”

Ferrol: actos destacados na X Semana de Poesía Salvaxe para o 21 e 22

Do 19 ao 22 de abril terá lugar en Ferrol a X Semana de Poesía Salvaxe. Do seu programa destacamos os seguintes actos:

Venres 21:
12:00 h. Recital poético no Mercado de Recimil e na Praza do Inferniño, coa actuación, entre outras/os, de María Lado e Lucía Aldao.
17:00 h. Paseo pola ría de Ferrol, na lancha, coa presenza de, entre outros/as, Xosé Abeledo, Yolanda Castaño e Ana Cibeira.
19:30 h. No Torrente Ballester, actuación de Ana Cibeira.
23:00 h. Festival poético no Manchita con, entre outras/os, Serxio García e O Leo.

Sábado 22
13:00 h. Recital coa presenza de Ana Cibeira na Praza de Armas, e remate en Cazadores.

Luís Álvarez Pousa: “A prensa en galego ten pendente facer a concentración parcelaria”

Entrevista a Luís Álvarez Pousa en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Non parecen bos tempos para a prensa. Se a iso lle sumamos o idioma galego e o formato papel…
– Luís Álvarez Pousa (LAP): Si é certo que hai moitas complicacións. Seguramente, a principal é a dificultade para gañar lectores compradores. Vivimos nun paradoxo. Unha parte da sociedade reclama unha prensa independente, libre dos atadullos co poder económico e político, que cree unha axenda informativa propia… Mais cando xorden eses medios, cando existe unha oferta de cabeceiras que cumpren esas premisas, non conseguimos que se sumen ao proxecto esas mesmas persoas que as reclama. (…)
– B: Considera vostede que malia os cambios da dixitalización, os xéneros xornalísticos estrela seguen a ser os mesmos: entrevista e reportaxe?
– LAP: En Tempos, as necesidades de dimensionar o noso tamaño e aspiracións ás nosas posibilidades estruturais fixo que a día de hoxe prime quizais máis a opinión sobre a información pero o noso interese primordial e orixinario era xustamente exercer os xéneros clave do xornalismo: a investigación, a entrevista en profundidade e o informe. Velaí a nosa hemeroteca para demostralo. A nosa revista destapou a corrupción na Fundación Camilo José Cela e durante moito tempo, publicamos entrevistas en exclusiva con intelectuais de esquerda dos EUA.
Durante ese tempo de dificultades tivemos que renunciar ao noso obxectivo de ter unha redacción profesionalizada pero coido que estamos outravolta no camiño de conseguila. Cómpre que os protagonistas dos contidos da revista sexan os xéneros xornalísticos máis interpretativos e valorativos. Proba diso é que volvemos contar cunha das nosas seccións máis representativas, o debate público. Días atrás celebramos un coloquio aberto sobre o presente e funcións do Centro Dramático Galego con grande aceptación. Acto que, por certo, non atenderon os medios diarios galegos nin poñendo unha mención na axenda. (…)”

A Fundación Rosalía e Martín Veiga, premios Pedrón de Ouro e de Honra 2017

Desde Sermos Galiza:
“O Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro vén de anunciar que concede o Pedrón de Ouro 2017 á Fundación Rosalía de Castro, e o Pedrón de Honra ao director do Centro Irlandés de Estudos Galegos da Universidade de Cork, o poeta Martín Veiga.
O Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro acordou estes gañadores nunha xuntanza celebrada o 1 de abril na Biblioteca Pública de Arzúa. O acto de entrega terá lugar o próximo 21 de maio nun acto literario no que actuarán de mantedores os escritores Pilar García Negro e Isaac Xubín, que se celebrará na Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón, ás 12:30 horas. Actuarán o grupo de música tradicional galega Os Melidaos e a cantautora Najla Shami.
O Pedrón de Ouro trata de sobrancear aquela personalidade ou entidade viva, residente en Galiza, que máis se teña destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou na traxectoria dunha vida. Nesta ocasión a entidade recoñecida é a Fundación Rosalía, que “historicamente foi un refuxio da actividade cultural galeguista” e que “recentemente” vén de levar a cabo “importantes obras de reacondicionamento do interior e de profunda modernización museográfica” da Casa-Museo.
Co Pedrón de Honra, a Fundación pretende distinguir a “personalidade ou entidade viva, galega ou non, residente fóra da Terra que máis se destacase coas súas achegas ao engrandecemento da Nación e a súa Cultura”. Desta volta galardóase a Martín Veiga (Noia, 1970), poeta e profesor titular da Universidade de Cork, onde tamén dirixe o Centro Irlandés de Estudos Galegos, que se convertiu, segundo a Fundación, “nun dos foros máis dinámicos en canto ao desenvolvemento de actividades de ensino, promoción e investigación arredor da lingua e a cultura galegas no exterior”. Alén disto, subliñan, Veiga co-dirixe a prestixiosa revista académica ‘Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies’ e coordina o panel dedicado aos Estudos Galegos no congreso anual da Asociación de Hispanistas de Gran Bretaña e Irlanda, a cuxo comité executivo tamén pertence en calidade de representante das universidades irlandesas. (…)”

A Coruña: presentación de A Razão do Perverso, de Mário Herrero

A sexta feira 21 de abril, ás 20:00 horas, no coworking Eléctrica (Rúa Boquete de S. Andrés, 8), na Coruña, Mário Herrero presenta A Razão do Perverso, obra que obtivo o X Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, publicado por Caldeirón. No acto participan, xunto ao autor, Alfredo Ferreiro e Paco de Tano.

Faleceu o escritor Miguel Suárez Abel

Desde Xerais:
“O escritor e psicólogo Miguel Suárez Abel faleceu na tarde de onte en Pontevedra e o seu funeral terá lugar este mércores 19 de abril ás 18:00 horas en Santo Estevo do Campo, Arzúa.”
Desde a AELG lamentamos o seu pasamento e enviamos o noso apoio á súa familia e amigos/as.