Xosé Manuel Sánchez Rei: “O valor da nosa lingua é inmenso polas súas conexións”

Entrevista a Xosé Manuel Sánchez Rei en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que se decantou por ese título [O falar das fadas. Lingua música e toponimia da Galiza]?
– Xosé Manuel Sánchez Rei (XMSR): Porque se a lingua propia de Galicia é o galego, a súa toponimia tamén será galega, como os mitos e as lendas e as fadas cando entre si se comuniquen tamén o farán en galego, así que pareceume axeitado este título que está extraído dun poema de Lamas Carvajal. Ese foi o punto de conexión entre a toponimia, a música e a lingua.
– LVG: ¿Son eses tres os temas que máis lle interesan?
– XMSR: Hai moitos máis de tres temas tratados aí, aínda que eses poden ser os eixos. Tamén os hai sobre as asociacións culturais, e veciñais, en como certos gobernos municipais e provinciais do PP tentaron laminar todo o labor desas entidades; outros están dedicados, por exemplo, a ponderar porque parece máis interesante unha exaltación do traxe flamenco e non do traxe tradicional galego… (…)
– LVG: ¿E o futuro?
– XMSR: Como non mude o tipo de política que se fai coa lingua o futuro non será bo, e é unha mágoa porque cando vas polo mundo na túa lingua é incrible ver como xente que non é de aquí aprecia ou repara moito máis na importancia que ten. Hai un artigo que escribín cando fun a Viena a un congreso no que conto como puiden falar en galego co señor do hotel, porque era de Angola, como o propio congreso tiña como linguas oficiais o portugués e o galego, ou como nunha tenda me falaron galego porque a señora que a atendía era portuguesa. O valor da nosa lingua é moito, inmenso, por ela propia e polas conexións que nos favorecen con outros países. Moitos pobos do mundo estarían moi orgullosos de ter unha lingua como a nosa. Non hai linguas peores ou mellores ca outras, todas son iguais de dignas, pero a nosa ten unhas potencialidades moi grandes porque nos involucra e envolve con outros países. Non podemos máis que estar orgullosos de ter unha lingua que nace aquí e que co pasar do tempo acabou sendo unha das linguas románicas máis faladas do mundo, que é o portugués.”

Aurora Marco: “As mulleres de hoxe non chegamos ata aquí por xeración espontánea. Houbo outras que o fixeron antes”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Aurora Marco en Praza:
“(…) – Praza (P): Hai algún ámbito no que o esquecemento ou o silenciamento das mulleres fose maior?
– Aurora Marco (AM): En xeral, o descoñecemento sobre as achegas das mulleres sempre foi moi grande, sexa no ámbito que for. Iso funcionou como un mecanismo case automático: silenciar máis esquecer, é igual a invisibilizar. Durante moitos anos, co recurso da excepcionalidade semellaba que xa estaba todo feito: para o século XIX, por exemplo respecto ás escritoras, Rosalía de Castro, Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán aparecían en enciplopedias, algún libro de texto, nalgún congreso… E insistíase: “É que non hai máis”. Claro que había, e moitas… E isto acontecía en todos os campos. De todos xeitos, cando comecei co Dicionario de mulleres galegas, a finais dos 90, decateime que as científicas apenas eran coñecidas. Tamén había un baleiro informativo ben grande sobre as mulleres que tiveran actividades político-sindicais, sobre as represaliadas en xeral e sobre as guerrilleiras antifranquistas, en particular.
Hoxe mesmo, se preguntamos polo nome dunha científica, cun pouco de sorte, escoitamos “Marie Curie”. Das galegas, nada ou moi pouco. Cando falo da invisibilidade que houbo ata hai pouco das guerrilleiras, sempre lembro unha pregunta que me fixo un historiador, non galego, nun congreso sobre a guerrilla en Santa Cruz de Moya (Cuenca). Sabía moito do movemento guerrilleiro en Galiza mais botou un sorriso, que aínda hoxe non sei ben como cualificar, e dixo: “Hóuboas?, De quen vas falar?”. (…)
– P: O libro Elas publicouse nunha edición moi coidada, numerada e de tirada limitada. Tedes previsto realizar unha edición máis masiva?
– AM: Ben me gustaría e así o comentei publicamente nalgunha presentación. Mais entendo a resposta do editor: A Xanela Editorial comezou e seguirá con estes libros artísticos porque ese é o obxectivo de Xosé Manuel Calviño, que coñece ben o mundo en que traballa porque antes de fundar a súa editora, traballaba no sector comercial con libros deste tipo. Ese sería o meu desexo e o doutras moitas persoas que así o verbalizaron nas diferentes presentacións. De todos xeitos, non se trata dun volume para colocar nun andel e ficar alí como unha figura de cerámica: o libro, coas serigrafías que o acompañan, está nas principais bibliotecas do país e, polo menos, quen tiver interese, pode consultalo. E, da xente que o adquiriu, cónstame que xa se está lendo… E algo máis: para quen fixo algún comentario sobre Elas, en petit comité, direi dúas cousiñas: un, é un libro sen subsidios de ningún tipo; e dous, non merecen as galegas unha edición de luxo? Meréceno, si.”

Pontevedra: comeza o Salón do Libro

O venres 10 de marzo comeza o Salón do Libro de Pontevedra 2017, que se celebra no Pazo da Cultura, cos seguintes horarios: de luns a venres, de 17:00 a 20:00 h., e sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 h.

O propio venres 10 terá lugar o seguinte acto destacado dentro do seu programa:
19:30 h. Presentación do libro Escaquis e Romeu, de Antonio Manuel Fraga e Jacobo Fernández Serrano.

E o domingo 12:
13:00 h. Sinatura de libros de Ledicia Costas. Cos ilustradores: Andrés Meixide, Óscar Villán e Víctor Rivas.

“O cuarto de Eli Ríos”

Desde A Sega:
“Soñar un cuarto. Un cuarto propio en 2017. Soñar. A imposibilidade nunha casa habitada por seres miúdos. Aínda así, renego unha e outra vez dos espazos comúns. Soñar, outra volta. Desta vez, co silencio. Lonxe das saliñas. Afastada dos tránsitos. Róubolle un metro cadrado ao espazo do sono. Ese que tampouco é de meu. Ese no que se abeiran os pesadelos infantís ou os mocos estacionais. Aínda así, soño. De momento, é de balde. Algún día, este metro cadradro contará coa banda sonora do silencio. Mentres tanto… a gata mía un agarimo e as crianzas sorrín. Agradecer non é incompatíbel co cuarto en silencio. Hoxe, agora mesmo, partillo tempos e espazos. Tamén soños. Soñar é necesario. Mentres tanto…”

Entrevista a María Xosé Porteiro no Diario Cultural

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Obras que iluminan o escuro. Arredor do 8 de marzo. María Xosé Porteiro, xornalista e coordinadora da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega: A Festa da palabra silenciada. Pode accederse á entrevista aquí.”

A Deputación da Coruña publicará unha escolma xeográfica da obra de Pondal, feita por Manuel Ferreiro

Desde a Deputación da Coruña:
“A área de Cultura da Deputación de Coruña publicará unha antoloxía xeográfica de Pondal elaborada por Manuel Ferreiro, o principal especialista na obra do escritor, con motivo do centenario da súa morte que se cumpriu o 8 de marzo. Ademais, a Deputación colaborará coa Fundación Pondal nos actos de conmemoración do centenario da morte do poeta nacido en Ponteceso.
Co título Esta é a terra dos eidos amigos, o escritor Manuel Ferreiro asina a “escolma xeográfica” da poesía pondaliana nun libro que sairá publicado en breve pola Deputación da Coruña, para conmemorar o centenario da morte do escritor.
A obra consiste mapa poético-simbólico do escritor do mundo galego que nace en Bergantiños. “A terra bergantiñá, e con ela as súas prolongacións pola terra de Xallas, Soneira e grande parte de Fisterra constitúe xa un universo xeográfico ligado definitivamente a Eduardo Pondal”, sinala Manuel Ferreiro no prólogo da antoloxía que publicará a Deputación da Coruña.
“A antoloxía elaborada por Manuel Ferreiro é un luxo de guía literaria, en especial, polas terras de Bergantiños; de Fisterra, Soneira e Xallas, mais tamén de cidades como Santiago ou a Coruña, con grande pegada literaria. A obra constitúe un modelo de relación do territorio coa literatura como ferramenta fundamental de identificación simbólica e promoción turística a través, neste caso, da poesía”, afirma a vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín. (…)”

Chan da Pólvora publica o novo poemario de Lupe Gómez

Desde Sermos Galiza (imaxe de Ruth Caramés Blanco, de Tinta de Lura):
“A editorial que dirixe Antón Lopo saca do prelo o 8 de marzo Camuflaxe, o agardado novo poemario de Lupe Gómez, unha das voces poéticas máis singulares dos últimos vinte anos.
Tan rompedora como esquiva ante as obrigas sociais do mundo literario, Lupe Gómez levaba sen publicar desde 2010 (A grafía dos mapas, Toxosoutos). E a súa nova achega vén definida así polo seu editor, Antón Lopo: “Despois de Camuflaxe ninguén seguirá sendo igual, nin as persoas que o lean nin a propia autora, que pare ante os nosos ollos un becerro co seu corazón de sangue vermello”. (…)
Desde Chan da Pólvora explican que esta nova obra “xorde como unha urxencia existencial e literaria que Lupe Gómez sente ao morrer a súa nai, no ano 2013. Porén, o libro non tarda en sobrepoñerse á elexía persoal e transfórmase nunha crónica reveladora e íntima sobre a extinción cultural e física dunha comunidade. Sen perder a corpulencia do seu verso violento e, ao tempo, fráxil, Lupe Gómez ensaia neste poemario novas formas de enerxía silenciosa, abrindo campos expresivos ata agora inéditos nela”.”

María Reimóndez gaña o I Premio Xohana Torres

Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presidiu o acto no que se deu a coñecer o fallo do I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual e se presentaron as bases da segunda edición. Este galardón recuperouse este ano con motivo do Día Internacional das Mulleres grazas a un convenio coa USC, mantendo a esencia pola que se creou e orientándoo á recuperación da memoria histórica das mulleres de Santiago de Compostela.
O traballo premiado nesta primeira edición leva por nome Corpos exorbitantes. Rosalía de Castro, tradutora feminista, en diálogo con Erín Moure. A súa autora é María Reimóndez.
Ademais do gañador, houbo tres traballos máis presentados na categoría de ensaio: As irmás Fandiño Ricart, a loucura como mecanismo de resistencia; Eles libres e iguais, elas obedientes pola graza de Deus; e Mulleres que romperon co seu destino: pioneiras compostelás nas ciencias experimentais.
No acto do 8 de marzo estivo presente a filla da poeta Xohana Torres, Andrea Ellacuría Torres, que deu lectura a un texto escrito pola súa nai, quen non puido acudir ao fallo dos premios. Tamén presidiu o acto o vicerreitor de Comunicación e Coordinación, José Pereira. (…)”