Compostela: Abril Oteriano. Os anos máis felices: Otero en Compostela

Ferrol: actos destacados do xoves 19 e venres 20 na Feira do Libro

O xoves 19 de abril comeza a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

Xoves 19
19:00 h. Ánxela Loureiro asina exemplares da súa obra na caseta central.
19:30 h. Pregón inaugural de Miguel Toval.
20:00 h. Presentación de Choiva de ras, de Ánxela Loureiro, publicado por Xerais.

Venres 20
18:00 h. María Brenn asina exemplares de O branco non pinta! (escrito por Antía Otero, publicado en Apiario), na caseta da libraría Day.
20:00 h. Presentación de Memoria antiga do barrio da Magdalena, publicado por Embora. No acto participan Guillermo Llorca e Juan J. Burgoa.

Baldo Ramos: “Neste momento da miña vida poesía e plástica están moi unidas”

Entrevista a Baldo Ramos en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (P): Cal é o xerme de Cartas dende o esquenzo (Galaxia, 2018)?
– Baldo Ramos (BR): Este libro nace do meu interese por experimentar sobre as limitacións que ten a linguaxe para comunicarnos cos demais. Todos, dun xeito ou doutro, temos vivido as consecuencias de convivir cun enfermo de alzhéimer. Como dicía Pasqual Maragall, esta doenza borra a memoria pero non borra os sentimentos. E ese sería o meu segundo interese á hora de escribir este libro: a indagación neses espazos que seguen ocupados polo amor profundo que sente un pai polos seus fillos e os seus fillos por un pai que padece esta doenza. (…)
– P: Cal pensa que é o aspecto ou elemento que mellor define o seu traballo poético?
– BR: Non penso que sexa eu o máis indicado para facer esa valoración, pero síntome moi identificado coa poesía que mira cara a dentro, que conta desde espazos ou enfoques que non pretenden unha interpretación unívoca, previsible, do poema. Comparto aquilo que practicou Eduardo Chillida con toda a súa obra: “O creador non pretende dar respostas senón facerse preguntas”. Para min o traballo poético é un campo de experimentación inesgotable e moi pracenteiro. O maior incentivo que eu teño para seguir escribindo.
– P: Vostede cultiva tamén as artes plásticas. Cal é a relación que para vostede existe entre estes eidos artísticos?
– BR: Neste momento da miña vida poesía e plástica están moi unidas, quizais porque nos últimos tempos teño experimentado máis no ámbito da poesía visual e me interesa esa mestizaxe, ese contaxio. Eu penso que a necesidade de ir dunha a outra explícase pola miña visión da poesía como algo material. E experimentando coa materialidade na poesía e coa abstracción na plástica, ao final chegas a eses puntos de contacto, a ese diálogo por osmose no que a pintura pode lerse como poesía e a poesía pode verse como pintura. A miña obra caligráfica exemplificaría estes vasos comunicantes, como tamén os meus últimos proxectos compartidos con Pepe Cáccamo no ámbito da poesía visual.
– P: Cal é a súa opinión sobre o estado actual da poesía en lingua galega?
– BR: Polo que respecta aos autores e obras que están vendo a luz, coido que estamos a vivir un momento plural e vizoso. Pero falta un maior dinamismo editorial que canalice esa creatividade e que a divulgue, que a dea a coñecer. Aquí e fóra. Hai iniciativas meritorias no ámbito da edición en Galicia (quizais máis ca nunca), pero non as suficientes como para que se visibilice, como penso que merece, todo o potencial da poesía galega contemporánea. (…)”