“O
certame aRi[t]mar Galiza e Portugal da música e da poesía galego-portuguesa, iniciativa da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, abrirá o proceso de votación despois do xurado ter seleccionado as vinte (10+10) poesías portuguesas e galegas finalistas. As persoas que quixeren participar poderán votar a través da web da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, desde as 00:00 h do día 20 de abril até ás 23:59 h do día 20 de maio, e participarán posteriormente nun sorteo dun lote de libros.
As poesías finalistas desta edición son as galegas: Arróstrasme ítacas (Eli Ríos), Cinco adolescentes sentadas (Fran Alonso), Blues do rei Bergman = B.B. King (Lois Pérez), Afixécheste a encollerte (Lupe Gómez), Tira a roupa (Marta Dacosta), Herdanza (Olalla Cociña), Se vas morrer na guerra leva un libro (Pura Tejelo), Esquecer ter cousas (Sther F. Carrodeguas), Agoiro (Xulio L. Valcárcel) e Palabras na beira (Xurxo Alonso); e as portuguesas: Com o ritmo da chuva (Alexandre Brea Rodríguez), Poderei ser uma daquelas pessoas que lêem sinais (Rosa Oliveira), Sou mulher de vestígios fáceis e dignos (Cláudia R. Sampaio), Contrato social (Madalena de Castro), Música antológica and todos contentes (José Miguel Silva), Estamos parados de olhos postos (Rui Almeida), Somos daqueles que limpam os ouvidos (Golgona Anghel), Aprendizagens (Ana Luísa Amaral), Memórias da casa da China e de outras visitas, à maneira de Yuan Mei (Manuel Afonso Costa) e Revel (Nuno F. Silva).
aRi[t]mar é um proxecto didáctico e cultural da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente à Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galiza, e que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía.
Coa organización da Equipa de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos de galego e de portugués, durante o ano lectivo trabállanse de forma didáctica os textos e as músicas e, posteriormente, escóllense mediante votación popular online as mellores cancións e poesías editadas en Galiza e en Portugal no ano anterior, neste caso en 2017. A finais de outubro os gañadores participarán nunha Gala de entrega de premios en Santiago de Compostela.”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Compostela: Festa do Banquete de Conxo 2018
Vigo: Lolo e mamá, dirixida por Esther F. Carrodeguas
Barcelona: Xavier Alcalá no Club de lectores en galego da Biblioteca Sabela Labraña
A Coruña: conferencia de Carlos Pereira sobre Emilia Quintero Calé
Compostela: presentación de Cartas dende o esquenzo, de Baldo Ramos
Pontevedra: Festival Internacional de Poesía PontePoética
Pontevedra: presentación de María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito, de Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre
O
venres 20 de abril, ás 20:00 horas, no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (que se celebra no Pazo da Cultura), terá lugar a presentación de María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito, de Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, publicado por Xerais. No acto, as autoras estarán acompañadas por Manuel Bragado.
Bases do XXII Premio de poesía Avelina Valladares
“PRIMEIRA
Poderán concorrer ao premio todas as persoas autoras, de calquera nacionalidade, que presenten os orixinais escritos en lingua galega e acordes coa normativa oficial vixente. Os textos presentados deberán ser inéditos.
SEGUNDA
Os orixinais presentaranse por quintuplicado acompañados dun CD, onde se incluirá a obra en formato PDF. O tema e a forma serán libres, mais os textos deberán contar cun mínimo de 300 versos e cun máximo de 800. Deberanse remitir, antes do 4 de maio de 2018, ao seguinte enderezo: XXII Premio de Poesía Avelina Valladares, Concello da Estrada, praza da Constitución, 1, 36680 A Estrada, Pontevedra.
TERCEIRA
Con cada orixinal, que se deberá entregar baixo lema, xuntarase nun sobre pechado o nome completo, a copia do DNI, o enderezo e o teléfono do autor ou autora.
Presentarase na plica unha declaración xurada en que se indique que a persoa que concorre ao premio está ao corrente das súas obrigas tributarias e coa seguridade social, que non está incursa na prohibición da percepción de obrigas públicas e, en xeral, que cumpre os requisitos do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
CUARTA
A dotación económica será de 2.000 €, que se outorgarán indivisiblemente nun único premio.
QUINTA
O xurado estará composto por cinco membros escolleitos/as entre recoñecidas figuras do mundo da cultura. Cada un dos grupos políticos representados na corporación propoñerá un membro. Contará tamén cun/cunha secretario/a, con voz e voto, en representación do Concello da Estrada. O premio entregarase por maioría de votos.
SEXTA
A composición do xurado darase a coñecer no día, lugar e hora que se comunicarán oportunamente.
SÉTIMA
Unha vez emitida a resolución do xurado, abrirase a plica gañadora no curso dun acto público que se desenvolverá na data e lugar que se anunciarán oportunamente.
OITAVA
O Concello da Estrada resérvase o dereito de publicar os traballos premiados en formato físico e dixital, nunha antoloxía creada con tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando as persoas autoras con exemplares do volume que, no seu día, se puider editar. De a persoa autora publicar a obra, deberase facer referencia ao premio obtido neste certame.
NOVENA
Os textos non premiados poderanse retirar no Departamento de Cultura do Concello da Estrada nun prazo de trinta (30) días, contados a partir do día seguinte ao da comunicación do xurado. Para a retirada dos textos cumprirá que o autor ou autora presente unha solicitude de retirada asinada e que se identifique no momento da recollida. Aqueles textos que non se retiren no prazo indicado serán destruídos, sen que caiba ningunha reclamación ao respecto. O Concello da Estrada non manterá correspondencia cos autores e autoras dos traballos presentados, nin asume responsabilidade ningunha pola eventual perda dalgún orixinal.
DÉCIMA
A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como das decisións do xurado designado, que serán inapelables.”











