Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Luz Pozo Garza: “Teño case 95 anos e sigo namorada”
Entrevista
a Luz Pozo Garza en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Carmen Blanco distingue na súa obra «unha vivencia sensual da comuñón coa natureza».
– Luz Pozo Garza (LPG): O paraíso está na terra. Eu chamo paraíso a todo o que é fermoso, e todo o move o amor. A natureza (as árbores, as flores, as froitas) están feitas a propósito para a nosa felicidade. Podemos chamarlle natureza, Deus, o que queiramos… segundo as crenzas e ideoloxía.
– LVG: Na Rosa tántrica fala disto. Do que temos diante e ás veces nin vemos. Cal é o noso maior pecado?
– LPG: Ignorar iso. Non vivilo. Non dar as grazas cada día. Temos todo e non damos nada a cambio. E dar a cambio é, só, agradecelo. E ser felices. (…)
– LVG: É condición do artista, non ser capaz de conformarse, de acougar?
– LPG: Si. Cando escribo, no momento, o deixo como está, pero despois tomo distancia e son máis obxectiva. Pasa un tempo, volvo sobre o poema, léoo como se fose unha persoa estraña e véxolle defectos. (…)
– LVG: Escribir é vivir dúas veces, díxome.
– LPG: Escribir é volver a vivir doutra maneira. Escribir é vivir o que pasou máis o que está pasando agora.
– LVG: Que ten que ter un bo poema?
– LPG: Ten que acertar! [risos] Comunicar. (…)”
Booktrailer de Transmigrantes, de María Alonso
Emma Pedreira: “Prefiro o contacto co mundo a través da arte porque así o mundo fai menos dano”
Entrevista
a Emma Pedreira en Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Emma Pedreira (EP): É a miña zona de conforto, un refuxio, un lugar onde habitar as posibles vidas paralelas polas que unha persoa pode preguntarse en determinados momentos. Tamén é un lugar de preguntas e de respostas, de interpelación, autoexploración e experimentación, de aprendizaxe. Unha escola non regulamentar subsidiaria. E un buraco negro que, ás veces, ameaza con tragarme.
– P: Como entendes -e levas a cabo, no teu caso- o processo de criação literária?
– EP: Agora mesmo existe nas redes sociais un debate –un pouco descomedido e invasivo, mesmo aleccionador, para o meu gosto– sobre se a literatura galega está pouco amasada ou se hai unha tendencia a non reescribir. No meu caso é así. A miña escrita, díxeno varias veces e non sinto vergoña en volvelo dicir, é case automática, sobre todo no caso da poesía. Eu escoito os poemas, a súa musicalidade, as palabras exactas dentro da miña cabeza e, en canto saen, todo vai encaixando dunha maneira moi natural, non os volvo tocar máis se sinto que funcionan. Se un texto non cumpre o mínimo para satisfacerme, abórtoo, xa non chega a nacer, queda no cuarto escuro da cabeza. Algo semellante ocorre cos relatos e microrrelatos nos que veño traballando ultimamente. Levan horas de traballo ás escuras e en silencio mais sen escribir unha soa palabra. Cando abrollan é para ficar. E, sen falar da corrección de grallas e pequenas puntualizacións, non adoito reescribir, corro sen mirar atrás, pero non ás toas, senón firmemente convencida do trazado e da ruta, todo abordado moi polo miúdo antes de saír da casa. Hai, coma min, moitísimas autoras que se definen a través desta escrita automática, mesmo esquizofrénica, e que confesaron escoitar as voces que lles ditan os seus textos. Cada proceso literario é propio, persoal e intransferible e mesmo pode variar dunha obra á seguinte.
– P: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (fotografia, música, artes plásticas, etc.)? Como é a tua experiência nestes âmbitos?
– EP: Non entendo a literatura sen a sinestesia e, para iso, hai que ter os poros abertos a outras sensacións. Adoro a mestura, o interdisciplinar, a fusión das artes, a camaradaxe que cada vez máis está a darse a nivel literario. Escribo no silencio e na música, pero visualizo todo o que fago. Gústame fotografar e convertir en imaxe parte dos meus versos e, no meu último traballo poético, O FOTÓGRAFO, mesturo poemas, fotografía e collage. Á hora de recitar tamén estou engadindo elementos musicais e a experimentación coa imaxe. (…)”
Roteiro literario: En feminino, con Mercedes Queixas, o 5 de maio
Desde
o Concello da Coruña:
“Tipo de actividade: Visitas guiadas.
Tipo de público: Adultos, Xuvenil
Destinatarios: persoas maiores de 14 anos.
Cando: 05/05/2017
Inscricións: Dende o 28/04/2017 ata o 05/05/2017
Require inscrición
Horario: De 18:30 a 20:00 horas.
Contacto: binfantil@coruna.es. 981184388
Roteiro literario En feminino coa escritora Mercedes Queixas.
Se queres gozar dun paseo literario pola cidade de man da escritora Mercedes Queixas, esta é a túa oportunidade!
Faremos un percorrido por diferentes rúas da Coruña que levan nome de muller, co obxectivo de visibilizar o peso delas na historia da Coruña e dar a coñecer o seu traballo.
O roteiro constará dunha serie de paradas e iniciarase na rúa María J. Wonenburguer, na zona do parque do Vioño, e remataremos na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil. No percorrido, teremos ocasión de achegarnos a diversas mulleres coma Mariana Pineda, Sofía Casanova, Emilia Pardo Bazán ou Modesta Goicouría, entre outras.”
Feira do Libro de Santiago: actividades destacadas do martes 2 e mércores 3
O
martes 2 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o martes 2 e mércores 3 de maio:
Martes 2
– 19:30 h. Presentación de Once portas, de Héctor Cajaraville, publicado por Xerais.
– 20:30 h. Presentación de Galegocalantes e galegofalantes, de Carlos Callón, publicado por Xerais.
Mércores 3
– 19:30 h. Presentación de O Códice esmeralda de Alberte Blanco, publicado por Xerais.
– 19:30 h. Presentación de O misterio de Portomarín, de Antía Yáñez, publicado por Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Francisco Castro e David Vázquez, director do documental Asolagados.
A Coruña: presentación de Himno Galego: unha historia parlamentar (inconclusa), de Pilar García Negro
Diálogos Carlos Casares: Henrique Monteagudo
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Diálogos Carlos Casares: Henrique Monteagudo. Pode accederse á entrevista aquí.”
Coñécense os poemas gañadores do Certame Vilariñas da Chaira
“Os
Micro poemas do Certame <VILARIÑAS> da Chaira, convocado polo grupo poético NPG Nova Poesía Guitirica e a Asociación Sociocultural Lareira de soños coa colaboración de Culturalia GZ, xa están editados na web Culturaliagz, da que poden ademáis descargarse en arquivo de pdf. Figuran as tres <VILARIÑAS> gañadoras do certame, Andrea Araújo (gañadora), Pedro Rielo (segundo) e Toño Núñez (terceiro), seguidamente as outras oito finalistas e de seguido as restantes apresentadas ao certame, que nesta primeira edición contou con poetas de diferentes puntos de Galicia e que senta un precedente orixinal moi aberto á participación e que acuña unha denominación galega ao estilo “Haikus” xaponesas para as micropoesías galegas en homenaxe ao poeta chairego Díaz Castro, en referencia ao seu lugar de nacemento, O Vilariño, da parroquia dos Vilares de Guitiriz.”
Xabier Paz: “Non podemos vivir en perpetuo estado de alarma. Os soños e a beleza son tan necesarios coma a mantenza”
Entrevista
de Marcos Pérez Pena a Xabier Paz en Praza:
“(…) – Praza (P): Como nace a historia? En que momento comezaches a trazar a novela e as figuras de Artemisia e Aníbal?
– Xabier Paz (XP): Todo comezou cando dei cun cadro en Internet. Era a reprodución dun dos mitos bíblicos máis representados, Susana e os vellos. O cadro, para min descoñecido, era de factura impecábel, algo estuario nas figuras; o corpo de Susana contundente e desprovisto de calquera traza de erotismo, a diferenza da meirande parte das representacións dese tema. Por outra banda, semellaba obra dun mestre tardo-renacentista nas cores brillantes e na perfección das dobras. Procurei o autor e resultou ser autora e para a miña sorpresa, unha moza de dezasete anos nacida en 1593. O cadro datado en 1610 fora pintado por Artemisia Gentileschi. Fun tomado por unha curiosidade insólita que durou non menos dos seis anos nos que fun enchendo o oco da miña ignorancia sobre a pintora, o tempo que tardei en escribir Aníbal e a Pintora. O personaxe de Aníbal xurdiu cando me puxen a escribir, representa a conciencia dunha obsesión, o intento imposíbel de aprehender o pasado, neste caso a vida enteira de Artemisia, de escribir a biografía total de alguén. (…)
– P: A novela histórica engancha, ten lectores fieis e achega elementos que sempre enriquecen os relatos. Mais, ao teu xuízo, que vantaxes e que riscos ten o xénero histórico para os autores?
– XP: Supoño que de cando en vez a todos nos gusta visitar escenarios máis ou menos exóticos e, de camiño, deprender cousas coa lectura. Non sabería falar en xeral de vantaxes e riscos para os autores. O certo que novela histórica é un concepto onde caben cousas tan diferentes coma as Memorias de Adriano de Marguerite Yourcenar; El recurso del método de Alejo Carpentier; ou a máis filosófica e densa A Morte de Virxilio de March Broch ou La catedral del mar de Ildefonso Falcones e unha morea de supervendas. Para min a peripecia histórica é unha pauta, un molde onde verter preocupacións atemporais, digamos universais. Neste caso a violencia sobre a muller, idea reforzada co capítulo dedicado a Beatrice Cenci; a impotencia da arte para aprehender totalmente a realidade; a fantasma de incesto; o papel do traballo e da actividade profesional e artística na emancipación persoal…
Para min o importante en toda novela é o tratamento literario. Alén da linguaxe, do manexo do idioma, cousa da que non se adoita falar moito, valoro o equilibrio entre o de dentro e o de fóra, é dicir entre os sentimentos e paixóns e a realidade social e histórica ou sexa entre a definición dos personaxes e a descrición da época. Nas narracións históricas existe o perigo de deixarse seducir pola época e perder alento narrativo por caer no ensaístico. Ou, por mencionar outro risco, talvez un dos máis presentes, o anacronismo, esquecer a mentalidade do momento con todas as súas facetas e adxudicarlle aos personaxes valores quer morais quer sociais impropios da época. (…)”

