
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Nace Moléculas Editorial
“Con sede na cidade de Tui, Moléculas Editorial é un proxecto longamente traballado polo escritor, músico e editor Francisco Castro, que estará á fronte da editorial, coa coordinación editorial da escritora Inma López Silva.
A nova editorial nace cunha vontade clara: publicar libros en galego pensados para un lectorado esixente, obras que teñan unha voz propia e que merezan formar parte dun catálogo coidado e coherente.
Moléculas pretende que sexa a calidade dos proxectos, e non exclusivamente as expectativas comerciais, a que determine que libros publicar. Nun momento no que a velocidade do mercado editorial impón con frecuencia os seus criterios, o novo selo aposta por traballar con calma, seleccionar con rigor e coidar cada libro.
«Queremos publicar libros que nós mesmos queiramos ler» resume o espírito dun proxecto que aspira a construír, pouco a pouco, un catálogo de títulos en galego capaces de dialogar cun público lector interesado en propostas literarias singulares e de calidade.
Os primeiros títulos
Moléculas Editorial inicia a súa andaina con dous libros moi diferentes, pero que comparten esa vontade de ofrecer aos lectores propostas literarias con personalidade.
O primeiro é Despois de San Castelao. Unha biografía do mesías galego, de Inma López Silva. Ata o de hoxe non existía na nosa lingua unha biografía realmente divulgativa do rianxeiro. O libro aborda a figura de Afonso Daniel Rodríguez Castelao desde as súas múltiples facetas —debuxante, político, orador, escritor e exiliado— e pretende achegar ao público xeral unha visión divulgativa da súa figura, ao tempo que recupera aspectos menos coñecidos e mesmo controvertidos da súa vida.
O segundo lanzamento é Lázara, de Rexina Vega, o seu primeiro libro como poeta logo dunha extensa e fecunda obra narrativa. Estamos diante dun libro que se adentra na experiencia da enfermidade e na travesía do corpo, a quimioterapia, a posibilidade da morte e a procura dun lugar desde o que volver mirar. Unha voz que, fronte á dor e á perda, reivindica tamén a beleza, a gratitude e a esperanza.
Nos vindeiros meses verá a luz un poemario híbrido (poesía, narrativa e fotografía) e moi diferente a toda a súa produción anterior, do poeta Baldo Ramos, así como a poesía inédita dunha importante intelectual galega que se anunciará dentro de pouco.
Os dous primeiros títulos de Moléculas Editorial estarán axiña dispoñibles nas librarías, dando así comezo á andaina pública dun proxecto editorial decidido a facerse un lugar no panorama editorial galego.”
A Coruña: XVII Lúas de Outono 2026. Manuel María, con Ludus Tonalis, o 23 de setembro
Muros: Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión, con Montse Fajardo
Vilalba: presentación de Versos republicanos (e outros poemas), de Carmiña Prieto Rouco
Carballo: clube de lectura de Espiral Maior Foro. Sesión arredor de Querida Paula, de X. Antonio Andrade
Pontevedra: presentación de A muller de mentira, de Iria Collazo López
Vilalba: presentación de Formas, figuras e sombras na Terra Cha e Catálogo do cantar de cego galego. Volume I. Voandeiras, de Mero Iglesias
A Coruña: Afinidades electivas. Encontro literario con Samuel Merino e Ana Lamela Rey
Bases do VI Concurso de Poesía en Lingua Galega Xaquina Trillo
Desde a Mesa das Verbas:
“O VI Concurso de Poesía en Lingua Galega Xaquina Trillo é organizado pola Asociación Cultural Mesa das Verbas de Vilagarcía de Arousa coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra, do Concello de Vilagarcía de Arousa e do Centro Comercial Arousa.
– Pódese participar a partires dos 15 anos de idade, cumpridos no ano 2026, calquera persoa que así o desexe.
– Cun poema en idioma galego de ata 60 versos de extensión como máximo.
– Presentación baixo plica.
– Abrirase o prazo de entrega de poemas do 15 de setembro de 2026 ao 30 de novembro de 2026.
– Fallo, primeira quincena do mes de decembro de 2026.
– Entrega de premios, nunha data a determinar, a partires do 21 de decembro de 2026.
– Publicaranse os poemas premiados no blog: https://mesadasverbas.blogspot.com tamén nun Boletín especial Medulio e nun número da revista ANACO.
– Premios: 1º) 375 € en metálico, vale de 150 €, diploma e agasallo. 2º) 250 € en metálico, vale de 75 €, diploma e agasallo. 3º) 175 € en metálico, vale de 50 €, diploma e agasallo.
– Agasallarase ao Xurado cun vale de 100 € a cada membro.”
As bases completas pode consultarse aquí.






