Concellos que acordaron celebrar o Día de Rosalía de Castro (I)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega agradece o compromiso das corporacións provinciais e municipais que acordaron nos seus plenos celebrar o Día de Rosalía de Castro:

Concello de Allariz.
Concello de Ames.
Deputación Provincial da Coruña.

Centros escolares colaboradores no Día de Rosalía de Castro 2013 (VIII)

Dentro das actividades do Día de Rosalía de Castro 2013, organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o venres 22 de febreiro terá lugar en múltiples centros de ensino a inclusión, nese día de actividades escolares, de lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que serán divulgadas posteriormente no noso espazo web para darlles visibilidade social.
Finalizamos coa publicación diaria dos centros que participan nesta actividade, aos que agradecemos enormemente o interese e dispoñibilidade das súas comunidades escolares:

Sábado á noite: CPR plurilingüe Montesol, Vigo.
-Compadre, desque un vai vello: CEIP plurilingüe San Marcos, Abegondo.
Prólogo: IES Illa de San Simón, Redondela.
Nasín cando as prantas nasen: CEIP Alexandre Bóveda, Chapela-Redondela.
-Cantan os galos pra o día: CPI da Cañiza.

Vigo: presentación de Carnia Haikai, de Elvira Riveiro

O sábado 9 de febreiro, ás 20:30 horas, no Centro Social Bou Eva (Rúa Terzo de Fóra, 11) de Vigo, preséntase Carnia Haikai, de Elvira Riveiro, publicado pola A. C. Caldeirón. No acto, xunto á autora, participan Silvia Penas, Héitor Picallo e a DJ alemá Carina Posse, no que será un acto que combine a reflexión sobre os textos, o discurso arredor da xénese das ilustracións que acompañan os poemas, o recitado, a música e o vídeo.

Parlamento das Letras: Ledicia Costas

Entrevista de Armando Requeixo a Ledicia Costas no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Ledicia Costas (LC): Creo, con toda sinceridade e sen ánimo de ofender a ninguén, que sobra egocentrismo e falta humildade. Somos excesivamente vaidosos e ás veces non vemos máis alá do noso propio embigo. A todas aquelas persoas que escribimos nos gusta ver as nosas obras nos andeis ou nos escaparates das librarías, que nos digan cousas bonitas sobre os nosos textos ou esgotar edicións (negalo sería absurdo). O malo é cando precisamos alimentar constantemente a nosa vaidade e perdemos perspectiva. Paréceme imprescindible ter os pés na terra. Somos unha pinga no medio do océano. O sistema literario a nivel mundial é un auténtico maremágnum. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– LC: Creo que nos atopamos nun momento no que as editoriais galegas están facendo un esforzo tremendo para conseguir que non se derrube todo coma un castelo de naipes. Baixa o número de publicacións, desaparece o apoio institucional, adeus ás compras para bibliotecas, libros de texto… As editoriais tratan de sobrevivir como sexa, reinventándose a si mesmas.
Eu non deixo de escoitar que é moito máis difícil publicar agora que hai dez anos. Coma se o mecanismo do mercado literario nos estivese obrigando a purgarnos a nós mesmos. Isto obríganos a facer mellores obras, a esforzarnos o dobre. Talento para facelo haino dabondo. (…)”

Disponíbeis as bases dos concursos de manifesto, vídeo, banda deseñada e do Cantalingua do 2013

Desde Correlingua:
“O Correlingua, que nesta edición terá lugar baixo o lema Galego, chave do mundo, é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.
Xa se poden consultar as bases dos diferentes concursos do Correlingua 2013.
Banda Deseñada: para o alumnado de Educación Infantil e Primaria.
Manifesto: Para o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria e Postobrigatoria.
Vídeo: Para todo o alumnado.
Cantalingua: Para a escolla dos grupos ou solistas que actuarán nas festas finais do Correlingua 2013.”

Patricia Blanco gaña o certame en twitter arredor de O Principiño

Desde Galaxia:
“Hai dúas semanas a Editorial Galaxia convocaba a través de twitter e do hastag #gustameoprincipiñopor un concurso no que se convidaba aos internatuas a enviar tuits que completasen os 140 caracteres e explicasen por que lles gustaba o clásico de Antoine de Saint-Exupèry. Foron algo máis de douscentas propostas que fixeron ben difícil a escolla. Algúns dos tuiteiros e tuiteiras enviaron ducias de propostas, deixando clara a súa paixón por esta historia que, en galego, chegou xa á viséxima edición. O xurado achou que os traballos de Patricia Blanco, pola súa variedade, carga poética e relación con O Principiño eran os merecentes claros do premio, consistente nun exemplar do libro en tapa dura e un exemplar de todas e cada unha das obras literarias de Carlos Casares, tradutor no ano 1972 do libro cando se publicou por vez primeira na nosa editorial. A foto que ilustra este texto acompañaba unha das propostas de Patricia Blanco.
O tuit dicía: #gustameoprincipiñopor porque mo imaxino así conversando coa súa flor.
Foron moitas fotos máis as que achegou con algunhas das súas propostas. Outros participantes ofreceron ligazóns a novas de prensa ou incluso vídeos. (…)”.

Centros escolares colaboradores no Día de Rosalía de Castro 2013 (VII)

Dentro das actividades do Día de Rosalía de Castro 2013, organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o venres 22 de febreiro terá lugar en múltiples centros de ensino a inclusión, nese día de actividades escolares, de lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que serán divulgadas posteriormente no noso espazo web para darlles visibilidade social.
Continuamos coa publicación diaria daqueles centros que participan nesta actividade, aos que agradecemos enormemente o interese e dispoñibilidade das súas comunidades escolares:

Cando a luniña aparece: Colexio Divina Pastora, O Barco de Valdeorras.
Si a vernos, Marica, nantronte viñeras: CEP Pilar Maestu Sierra, A Pobra do Caramiñal.
Como chove miudiño: CEIP de Baño-Xanza, Valga.
Miña Santa Margarida: CEIP O Ramo, Fene.
Eu cantar, cantar, cantei: IES Marqués de Sargadelos, Cervo.