“Moita
xente ignora os seus dereitos lingüísticos e non hai consciencia de que son as administracións as responsables de os facer cumprir. Estes son algúns dos apuntamentos que se extraen do documento co que se pretenden elaborar as conclusións do recente Curso de Dinamización Lingüística (Re)pensando o discurso que se celebrou en Carballo o pasado mes de xullo. A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua publicaba onte este texto no que se apunta ademais a necesidade de conseguir un discurso coherente entre colectivos e institucións que traballan a prol da lingua así como adaptar o mesmo aos diferentes grupos sociais do noso país. As mensaxes positivas, o recoñecemento das posibilidades do galego na Lusofonía ou a idea da lingua como un patrimonio común que traspasa o ámbito puramente comunicativo son outras das cuestións que se apuntan no documento.” Vía Cultura Galega.
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Miguel Sande: “Hai que escoitar aos vellos”
Entrevista
a Miguel Sande en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Esta [A vida fóra] é a historia de alguén que non fai outra cousa que observar?
– Miguel Sande (MS): Xurdiu así desde o primeiro momento. Está escrita desde a perspectiva dunha observadora, unha muller vella que mira como suceden cousas comúns. É un personaxe inspirado na miña avoa, nos seus últimos anos. Ela falaba e eu escoitaba.
– LVG: Tamén é unha obra contada minuto a minuto.
– MS: Transcorre nunha tarde e esa é outra das circunstancias dos vellos que observan. Eu quería que o tempo fose real.
– LVG: ¿O libro tamén é unha reivindicación das persoas maiores?
– MS: Hai que escoitar aos vellos. Eles son a maioría, pero témolos arrecunchados. Non é un texto para vellos nese sentido, pero si que é un texto que quere romper coa visión prototípica que ten a sociedade dos vellos, porque os miramos tristes ou insignificantes, pero están moi lonxe deles. A protagonista di que quere morrer, pero pinta as uñas. É unha contradición que deixa claro que son moito máis vitalistas e teñen máis enerxía do que moitas veces parece. Eles falan como se xa non houbera máis que facer, pero logo a súa actitude é moi diferente. Esa contraposición quería contala.”
Manuel Portas: “Nin os gobernos das colonias de África desprezan a súa lingua como o noso”
Entrevista
a Manuel Portas en Xornal:
“- Xornal (X): No seu libro [Un dedo manchado de tinta] hai un relato acerca dunha situación dramática entre unha nai, o seu marido violador e a súa filla. É unha posible metáfora da situación do galego?
– Manuel Portas (MP): Si, ambas son situacións moi dramáticas. Descoñezo no mundo un goberno que desprece ao seu idioma como acontece no contexto galego. Non se dá, que eu coñeza, noutras latitudes, como as colonias africanas que, durante moito tempo, rexeitaron os seus propios idiomas pero que se decataron que era necesario mantelos e protexelos. Nin en contextos deste tipo se dá unha situación parecida como á que vive este país. (…)
– X: O libro sae cun disco de regalo. A que se debe estar mestura de artes?
– MP: A arte como tal non ten límites nin barreiras, xa que viviron en constante interacción. A música, por exemplo, non deixa de ser a poesía convertida en canto. A nosa propia lírica medieval é unha demostración desa mestura de arte que vén de vello, da antigüidade. A poesía e a música estiveron de sempre en relación e é necesario explorar novas maneiras de expresión artística. Neste caso, o proceso creativo foi grazas ao labor da arpista Clara Pino que, coñecendo o orixinal, leuno e foi capaz de extraer poesía, musicala e facer do produto unha expresión artística diferente. Non é un complemento senón que é un produto artístico diferenciado a partir da propia historia. Creo que as artes teñen que ir todas da man para intentar dar, non unha visión artística global, senón unha proposta estética completa e o máis redonda posible. (…)
– X: Cal cre que é, para vostede, o futuro do libro?
– MP: O futuro do libro está no risco e na valentía que os axentes do sector teñan para encarar a chegada dos novos soportes, que teñen potencialidade tremenda en comparación co libro en papel. Adaptarse canto antes é fundamental para a propia supervivencia da actividade literaria. Non hai que ser apocalíptico, os diferentes soportes convivirán durante un tempo. Isto pode ser un grande oportunidade para unha cultura como a nosa que ten que chocar de fronte cos mercados e que, cos novos soportes vivirá a posibilidade da internacionalización cunha política de verdade, por parte das institucións, que consiga que a cultura galega se internacionalice a través do seu propio idioma. E aí está o mundo galego-portugués esperándonos.”
A Coruña: actividades do mércores 3 na Feira do Libro
Estas
son as actividades destacadas do mércores 3 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, que se desenvolve nos Xardíns de Méndez Núñez até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:
– 19:00 h. Presentación do libro Todo é silencio, de Manuel Rivas, publicado en Xerais. No acto acompañará ao autor o músico Rómulo Sanjurjo e Manuel Bragado.
– 20:00 h. Presentación da novela negra Pegadas nun labirinto baleiro, de Xosé Manuel García López, publicada por Baía Edicións.
– 20:30 h. Miguel Anxo Fernán-Vello asina exemplares do poemario Territorio da desaparición (edición bilingüe castelán e galego), publicado por Huerga y Fierro Editores.
– 21:00 h. Presentación do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais, coa participación do autor, acompañado por Xabier P. DoCampo, Fran Rei e Manuel Bragado.
‘Homenaxe a Agustín Fernández Paz’, desde a Biblioteca do IES Auga da Laxe, de Gondomar
“Desde a Biblioteca Agustín Fernández Paz, do IES Auga da Laxe, deixámosvos aquí este vídeo co que lle queremos facer unha pequena homenaxe á obra do escritor que lle dá nome á nosa biblioteca. En febreiro de 2010 convocamos no instituto o concurso Memoria de elefante. Durante máis de un mes os títulos das obras de Agustín estiveron colgados do patio interior nuns carteis realizados polo alumnado de 1º, 3º e 4º de ESO, grazas á colaboración do profesorado do departamento de Ed. Plástica, e propuxémoslle ao alumnado un reto: que os memorizase por orde de publicación e os recitase logo nun acto final. As gañadoras daquel xogo foron María Pena, Marta Fernández e Sandra Salgueiro, que demostraron unha capacidade memorística impresionante ao recitar cos ollos pechados os 44 títulos que naquel momento formaban a obra literaria de Agustín Fernández Paz. Daquel xogo naceu este vídeo que esperamos que vos guste.” Desde Bibliolaxe, a Biblioteca do IES Auga da Laxe de Gondomar:
Vídeo do recital poético dentro do V Encontro de escritores/as novos/as ante vellas preocupacións
Vídeo co recital poético, coa participación de Arsenio Iglesias Pazos, Dores Tembrás, Gonzalo Hermo, Susana Sánchez Arins e David Rodríguez, que tivo lugar no V Encontro de escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, celebrado na Coruña o 6 de novembro do 2010:
Vídeo da mesa redonda Recóllote i érgote no verbo inteiro, no V Encontro de escritores/as novos/as ante vellas preocupacións
Vídeo coa mesa redonda Recóllote i érgote no verbo inteiro. A literatura galega de hoxe ante o seu idioma, con Con María Lado, Olalla Tuñas e Xosé Daniel Costas, coordinados por Marta Dacosta, dentro do V Encontro de escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, celebrado na Coruña o 6 de novembro do 2010:
A Coruña: actividades do martes 2 na Feira do Libro
Estas
son as actividades máis destacadas dentro das previstas para o martes 2 de agosto na 40º edición da Feira do Libro da Coruña, aberta nos Xardíns de Méndez Núñez até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:
– 19:00 h. O escritor Francisco Castro presentará o seu libro In vino veritas, publicado por Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Víctor F. Freixanes e Mercedes Queixas.
– 20:00 h. Conversa con Agustín Fernández Paz, Óscar Sánchez e Iago Martínez arredor da novela Non hai noite tan longa, publicada en Xerais.
– 20:30 h. O ilustrador David Pintor e o autor Carlos López (Pinto e Chinto), asinarán exemplares das súas obras.
Fina Casalderrey: “A vida é o mellor taller literario”
Entrevista
a Fina Casalderrey en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): Pode dicir que se vai da docencia coa mochila chea.
– Fina Casalderrey (FC): Pois é certo. Voume coa mochila chea de afectos, dos compañeiros, e dos nenos e nenas. Iso faino por un lado máis doce, e por outro, notas un pouquiño de “demasiado pronto”. É coma se foses un afogado; eu nunca estiven afogándome, pero polo que din pasa a vida como nun momentiño toda por diante. Pois a miña vida profesional tamén. É coma se me pasase toda por diante. De todo o que me levo non son as cousas prácticas ou as teorías que ensinei, senón outras as que máis quedan. Cando alguén se emocionaba cun poema… Ou dicía: “Profe, fixen un poema ao estilo de O divino sainete de Curros”. Agora mesmo, cando pensas que os nenos pasan máis desas cousas non é certo, porque estes días demostráronmo con esas bágoas sinceras, con cartas deliciosas ou con frases como: “Cando me dean o Nobel de Ciencias, voucho dedicar a ti e á miña avoa…” Con isto pensas: non o debín facer tan mal. E prefiro irme sen que me boten, cando sinto que aínda me queren, cando eu os quero. Prefiro irme cando só me cansan e non me aburren. Esta é unha dor que paga a pena vivir, aínda que doa, é peor non a ter vivido nunca. É máis, este ano, que xa sabía que me ía, parecíanme os nenos máis bos que nunca. Daba Galego nuns cursos e noutros Matemáticas e tiven moita sorte, tiven un curso excelente. Había uns nenos espabiladísimos. (…)
– LVG: Agora que deixa a docencia terá máis tempo para escribir.
– FC: Agora quero vivir, que a vida é o mellor taller literario. Terei tempo para vivir outras cousas e beber do que xa vivín. Xa entro nesa etapa [ri] de mirar dentro. E por suposto non perder o contacto coa realidade de fóra, supoño que cos nenos non a perderei cando haxa encontros en escolas ou así. Se penso que vou perder, si que me entra unha saudade que doe e non me gusta.”
Manuel Bragado: “Non é tempo de desolación, senón de entusiasmo e corresponsabilidade”
Entrevista a Manuel Bragado en Xornal:
“- Xornal: Como está o sector [editorial] en Galicia?
– Manuel Bragado: Non é alleo ao que acontece no sector a nivel internacional. Os nosos problemas son moi similares aos dos alemáns ou os franceses. Estamos no tránsito do libro analóxico ao libro dixital, esa é a circunstancia contemporánea. É certo que os editores galegos, e sobre todo os que editamos exclusivamente en lingua galega, estamos moi mediatizados polo proceso que vive este país. Dende hai dous anos, pero non só dende hai dous anos, vivimos un certo desacougo, que non desesperanza. Gustaríanos xogar ao ataque, o jogo bonito, pero vémonos na obriga de poñernos á defensiva. Un editor ten que ser prudente, pero eu non lle teño medo á política. O partido gobernante, lexitimado polos votos, está tratando de presentarse como un modelo de recentralización, descontruíndo algúns dos grandes acordos que forxaron a autonomía política dos últimos trinta anos, e isto coincide cunha crise financeira mundial. Agora ben, eu son moi crítico tamén cos partidos da oposición. En dous anos foron incapaces de configurarse como alternativa real. (…)”