Víctor F. Freixanes: “Facer literatura é traballar o idioma, recrealo; reconstruír o mundo a través das palabras”

Entrevista de Antón Escuredo a Víctor Freixanes en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): A literatura foi da man do xornalismo desde os inicios da prensa. Porén, hoxe acostumamos a ver un xornalismo afastado de toda literalidade, que mesmo prima a inmediatez dos feitos sobre o fondo dos mesmos. Cre que os medios de comunicación deben —debemos— apostar máis nos contidos literarios?
– Víctor Freixanes (VF): Desde os primeiros tempos as publicacións periódicas incorporaron creación literaria á súa oferta, tanto en prosa como en verso. O Diario de la Coruña, por exemplo, primeira mostra de xornalismo galego, que dirixía en 1808-1809 Manuel Pardo de Andrade, acolle nas súas páxinas composicións poéticas case como sección fixa, e non esquezamos que a primeira novela en lingua galega, a Maxina de Marcial Valladares, apareceu por entregas en 1880 na Ilustración Gallega y Asturiana que dirixía Manuel Murguía.
A tradición vén de moi atrás, o que sucede é que nos últimos tempos o produto xornalístico, o seu principal soporte, mudou, e a creación literaria desenvolveu os seus propios soportes, o libro fundamentalmente, se acaso agora tamén as redes. Pero a literatura esta aí. As mellores crónicas e reportaxes teñen un compoñente literario obxectivo que, ademais de atractivas, fai que resulten máis eficaces. Certo que o rexistro literario ten unhas características moi distintas do rexistro xornalístico, aínda que a literatura estea presente nos dous casos. Eu non escribo igual cando escribo para os xornais que cando asumo, libre de condicionantes, o rexistro da literatura. Neste segundo caso a lingua non é só un vehículo de comunicación, é un territorio autónomo, que adquire sentido por si mesmo. Facer literatura é, principalmente, traballar o idioma, recrealo; en certa maneira reconstruír o mundo a través das palabras. (…)”

Ignacio Vidal Portabales gaña o XXXIV Premio de Novela Manuel García Barros

Desde Galaxia:
“Na Estrada, ás 20 horas do 18 de xullo, de 2022, na Sala de Xuntas da Casa do Concello da Estrada, reúnense os membros do xurado para escoller a novela gañadora desta XXXIV edición do Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades), cos compoñentes que de seguido se relacionan: Marta Neira Rodríguez, profesora da USC, a libreira Mercedes Corbillón, Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia, o crítico literario Armando Requeixo e Carlos Loureiro, en calidade de secretario.
Unha vez lidos os orixinais presentados, e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, o xurado acordou, por maioría conceder o XXXIV Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) á obra presentada baixo o lema “O voo do azor”, que unha vez aberta a plica correspóndese á obra As horas dunha illa remota, da autoría de Ignacio Vidal Portabales.
O xurado salientou nesta novela o coidado na caracterización dos dous personaxes protagonistas, dúas irmás que viven as sombras dunha infancia difícil en Colombia que proxectan o seu ronsel no presente adulto de ambas na súa Galicia de orixe.
Escrita cunha prosa de fino burilado, posuidora duns diálogos de fulguración reveladora, a narrativa de intensa prospección psicolóxica na que estas páxinas nos mergullan abísmanos no eterno problema da identidade e o seu infindo xogo de espellos e máscaras.”

Camilo Nogueira: “Castelao é unha figura moi definitoria da Galiza”

Entrevista de Cilia Torna a Camilo Nogueira en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Recibiu a medalla Castelao. Que significa para vostede que a Xunta da Galiza o premiase con este galardón?
– Camilo Nogueira (CN): É todo un proceso. Eu mesmo, estando no Parlamento, procurei que os restos de Castelao retornasen da Galiza para aquí e ocupase o lugar que lle correspondía, superando a oposición de moita xente que negaba esa posibilidade.
Por iso agora temos Castelao a disposición de toda a sociedade no propio país. Castelao demostrou ser unha persoa de capacidade extraordinaria, dixo o que era Galiza, non hai máis que ler os seus libros para darse conta de até que punto Castelao é unha figura moi definitoria da Galiza.
– ND: O premio que acaba de recibir representa unha homenaxe a toda unha traxectoria de servizo á Galiza que arranca a comezos da década dos 60 e que comeza no fogar familiar, ao carón do seu pai, o escultor e militante nacionalista Camilo Nogueira Martínez. Como ve a Galiza actual?
– CN: Para min, Galiza é Galiza, Portugal e o Brasil. Penso nos problemas que temos estritamente na Galiza, no mesmo Estado español, do que moitas galegas e galegos teñen que marchar, e vexo Galiza desde o fundamento da Galiza de aquí, e tamén vexo Portugal, que non é máis que unha forma da Galiza, e vexo o Brasil, que tamén fala galego.
Neste sentido, non se pode ver Galiza unicamente desde o espazo actual que é o fundamento e sempre o será. Hai que ter en conta o que nós somos, e que temos unha capacidade que nos achega a unha parte fundamental do mundo e, incluso, os galegos que non están no país, que están residindo en diferentes lugares de Europa, seguen sendo eles. (…)”

Pico Sacro: Alba de Gloria 2022, o 23 de xullo

A A. C. O Galo, como membro da Federación Galiza Cultura, un ano mais organiza o sábado 23 de xullo de 2023 ás 12 horas, a lectura do Alba de Groria de Castelao no Pico Sacro.
Ademais de ler esta xoia da nosa cultura, subiremos a pé o último treito do cumio dese mìtico monte, interivirá a escritora Adela Figueroa, haberá un xantar de convivio nunha carballeira (cada quen leva a súa comida) e pola.tarde teremos unha visita guiada para coñecer o parimonio natural e o construido da zona da Ulla.
Todos estos actos son abertos e de balde para o publico interesado en asistir.