A narradora Ana Cabaleiro resulta gañadora da primeira edición do Premio Exeria

Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“O I Premio Exeria a proxectos de creación literaria convocado pola Concellaría de Acción Cultural de Santiago en colaboración coa Residencia Literaria 1863 –comandada por Yolanda Castaño– e o Consulado Xeral de España en Xerusalén xa ten gañadora. Un xurado conformado por expertos da área compostelá no mundo do libro –coma o poeta e narrador Antón Lopo, o editor Paco Macías e a editora e tradutora Celia Recarey– escolleu o proxecto gañador entre preto dunha decena de candidaturas presentadas a concurso.
A avaliación das candidaturas revelou que a narradora Ana Cabaleiro coa súa proposta Shukran será nesta primeira edición do concurso a autora escollida para gozar dunha estadía nunha residencia creativa durante todo o mes de agosto, incluíndo dietas e viaxe a Xerusalén, será nesta primeira edición. A escritora aloxarase intramuros da cidade vella palestina, na residencia Al Ma’mal situada no barrio católico, para concentrarse durante catro semanas no proxecto literario que presentou.
A cabalo entre o libro de viaxes e a non-ficción, a proposta titulada Shukran non só aborda unha viaxe ao Sáhara realizada pola súa autora, senón que reflexiona sobre o sentido da viaxe, o choque entre as expectativas e a realidade atopada e a evolución social e política dos nosos xeitos de viaxar.”

Anxo Angueira: “A Palmeira é a miña vida e a da miña aldea, é algo exótico e tamén da casa”

Entrevista a Anxo Angueira no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Anxo Angueira levaba 15 anos sen publicar poesía. Tampouco sabiamos que andaba a artellar un poemario que agora ve a luz co título, Palmeiras, piueiros, uns poemas que nacen da morte da palmeira de Manselle, e que reflexionan sobre a morte e o rexurdimento cultural de Galicia. A entrevista pode verse aquí.”

Olivia Rodríguez: “Luz Pozo Garza buscaba o misterio da vida a través da poesía”

Entrevista a Olivia Rodríguez González no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“”O tempo é relativo e, ao contraluz do tempo, pasa a vida”. Son versos de Luz Pozo Garza, do seu último libro Pazo de Tor. Ela cumpriría o mes que vén 100 anos e escribiu ata o final dos seus días. Hoxe lembrarémola con Olivia Rodríguez, comisaria dunha mostra aberta estes días na Cidade da Cultura que amosa como Luz podía converter o cotián en poesía. A entrevista pode verse aquí.”

Manuel Rivas: “A imaxinación e a creación literaria tamén son modos de informar e relatar a realidade”

Entrevista de Antón Escuredo a Manuel Rivas en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Podería ser perigoso o avance da tecnoloxía?
– Manuel Rivas (MR): Non é que poida ser perigoso, é que xa o é. Depende de como utilicemos a tecnoloxía mais actualmente estamos a vivir nun mundo dominado pola síndrome do medo a ficar fóra.
Un perigo importante é pensar que a tecnoloxía pode solucionar os problemas que a humanidade non é capaz de solucionar. O ‘solucionismo tecnolóxico’ é unha superstición que é moi perigosa; na actualidade temos unha emerxencia climática e ambiental que converteu o noso mundo, en parte, nun inferno e as novas tecnoloxías están a ser utilizas en gran medida para a sobreexplotación medioambiental máis do que para buscar unha solución a esa enorme problemática.
– ND: Este avance da teconoloxía pode facer que nos deshumanicemos?
– MR: Oxalá nos deshumanizásemos! O que estamos a facer co resto de especies do planeta é unha desfeita. Até os anos 70 había pitas do monte na Galiza, agora non queda ningunha. Practicamente non hai osos nos montes galegos e xa case non hai vagalumes no país.
Son situacións absolutamente anómalas que se acaban convertendo en normais, a desfeita acaba substituíndo o que debería ser normal e o inaceptábel acábase aceptando. Evidentemente temos que pensar noutra humanidade, unha humanidade en que o resto de seres existentes non sintan espanto de nós. Somos unha especie que causou sucesivos ecocidios e moitísimo dano. É preciso mudar a nosa perspectiva con todo aquilo que nos rodea.
Voltando ao comezo, creo que a literatura pode desempeñar ese papel de crear realidades alternativas. Parte da nosa natureza é a vangarda creativa e é moi bo que teña hábitats novos como Nós Diario que é toda unha esperanza de futuro.”