Carlos Penela gaña o 25º Premio de poesía Concello de Carral

Desde o Concello de Carral:
“O poeta vigués Carlos Penela Martín foi elixido gañador da 25ª edición do Certame de Poesía Concello de Carral co libro titulado Trono e caléndula.
O xurado salienta do libro gañador a composición dos poemas cunha esixencia rítmica pouco común que se proxecta no lingüístico e no simbólico. (…)
Para esta edición do premio o Concello de Carral configurou o xurado con Inma Otero, Teresa Seara, Miguel Anxo Fernán Vello, Luciano Rodríguez e Álex Mene. Como presidente actuou o concelleiro de Cultura Francisco Bello e como secretario o técnico de Cultura Carlos Lorenzo.
Presentáronse a esta edición do premio un total de 44 libros.
O acto de entrega do premio terá lugar o venres 10 de xuño na Casa da Cultura, nun evento especial para conmemorar os 25 anos do certame, no que inaugurará unha exposición no Campo da Feira, a instalación nas luces públicas de Carral de lonas dedicadas a cada autor e autora que obtivo este galardón, a presentación do libro gañador na edición do 2021, Os puntos do impacto de Álex Mene, e o espectáculo poético e musical O idioma da tinta de Yolanda Castaño e Isaac Garabatos.”

Charlas de Berta Dávila en Perugia e Roma (Italia)

“Esta semana a escritora Berta Dávila estará presente en Italia para falar da súa obra con motivo da tradución da novela O derradeiro libro de Emma Olsen ao italiano que publica Aguaplano (L’ultimo libro di Emma Olsen), moi ben acollida pola crítica. Alén doutros encontros, participará en charlas que se enmarcan dentro da actividade cultural dos Centros de Estudos Galegos de Roma e Perugia. O luns 23 estará no Instituto Cervantes de Roma ás 18:00 (Piazza Navona 91), onde será entrevistada polo profesor Attilio Castellucci, director do Centro de Estudos Galegos de Roma. O martes 24 dialogará en Perugia con Ginevra Amadio, Giovanni Dozzini e Marco Paone no Museo Arqueolóxico Nacional de Umbria ás 18:00 h.”

A profesora Concha Losada substituirá Xusto Beramendi á fronte do Padroado do Museo do Pobo Galego

Desde Nós Diario:
“A profesora universitaria Concha Losada, actual vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, substituirá o historiador Xusto Beramendi como máximo dirixente da institución.
Losada presentou unha única candidatura de consenso, na que tamén figuran os nomes de María Xosé Fernández, Lino Lema ou Francisco Sanjiao.
Beramendi, cofundador do padroado nos anos setenta e presidente desde 2011, anunciou o pasado mes de abril a súa decisión de “retirarse”.
A asemblea de elección da nova presidencia terá lugar o 28 de maio. Co seu nomeamento, Concha Losada converterase na primeira muller en ocupar a presidencia do Padroado do Museo do Pobo Galego.
Após participar na fundación do Museo do Pobo Galego, exerceu como secretario do padroado entre os anos 1976 e 1986. Posteriormente, foi nomeado presidente da Xunta Reitora en 2000. Un posto que ocupou até 2011, ano no que foi escollido presidente do padroado.
No acto no que anunciou que se retiraba, Beramendi fixo referencia aos futuros retos aos que se enfrontará o padroado e o Museo do Pobo Galego: completar o programa museístico, ampliar o cadro de persoal e completar o relevo xeracional.”

Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2022, arredor de Luz Pozo Garza, con Susana S. Arins, o 21 de maio

Os Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2022 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, que permiten coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.

– Todos os paseos comezan ás 12:00 h., cunha duración aproximada de hora e media.
–  As inscricións faranse exclusivamente a través do correo electrónico inscricionslingua@coruna.gal desde o luns anterior a cada un dos paseos, ata que se esgoten as prazas. A duración é de aproximadamente unha hora e media. O lugar de saída para comezar o paseo comunicarase no correo de confirmación da inscrición.

Os paseos son os seguintes:

21 de maio, ás 12.00 h. “Paseo imaxinario pola vida e obra de Luz Pozo Garza“, con Susana S. Arins.
Os paseos imaxinarios (ou non) son unha versión fantasiosa das rutas biográficas. Exixen por parte das participantes a capacidade de se desprazar a outros lugares, pois o espazo en que se desenvolven non deixa de ser unha metáfora doutros espazos. Este paseo imaxinario (ou non) nace da lectura atenta da obra de Luz Pozo Garza e non é outra cousa que unha escusa para compartirmos os seus textos.

28 de maio, ás 12.00 h. “As malas mulleres“, con Marilar Aleixandre.
A novela recibiu o Premio Blanco Amor en 2020, e con ela recuperamos a memoria das excluídas, reclusas no cárcere da Coruña, onde Concepción Arenal e Juana de Vega foron pioneiras.

Recital Versos na baixamar en Barreiros 2022, o 22 de maio


O Recital Versos na baixamar en Barreiros 2022 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Barreiros.
O domingo 22 de maio, co gallo do Día das Letras Galegas, chega a II edición do ciclo poético Versos na baixamar, programa que fará parte dos actos de conmemoración do 17 de maio, adicado nesta ocasión a Florencio Delgado Gurriarán. Nel confluirán a poesía, a música e a palabra, da man e o talento dalgunhas das mellores e máis novas voces da Mariña e a poesía galega, así como figuras a nivel internacional.
Na baixamar do domingo 22 de maio buscaremos o eterno si do mar, aquel do que falaba Homero. Porque na baixamar a maré retírase e deixa espazo á poesía e ao verso, que florece por si só: recitado, falado, cantado, dito… Celebrado.
Versos na baixamar xuntará nesta súa segunda edición a poesía das focenses Paula dos Anjos e Natalia Alonso, que destacan pola frescura e a calidade da súa poesía e contará coa presenza dunha das poetas galegas con maior proxección internacional do país e o resto do Estado, Yolanda Castaño. A poeta, actriz e programadora cultural, habitual dos festivais internacionais de poesía e traducida a varias linguas, porá a guinda a un programa que mira cara adentro e cara fóra, aspirando a consolidarse no panorama da poesía galega. Todo, nun acto conducido polo narrador oral e poeta Lois Pérez, que tamén intervirá no recital.
En caso de choiva, o acto levaríase a cabo na Casa de Cultura de Barreiros.