Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Muíños: Festa do Libro Galego-Portugués de Fontefría 2022
Fina Casalderrey: “A solidariedade real, sen intereses, adoita chegar no lado dos que pouco ou nada teñen”
Entrevista de Antón Escuredo a Fina Casalderrey en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): O seu relato fala da vida e tamén do xornalismo, de que non todo vale para transmitir unha noticia. É unha tarefa difícil nos tempos actuais?
– Fina Casalderrey (FC): A guerra en Ucraína só foi unha escusa para situar o relato na actualidade. As guerras, todas, son sempre atroces e inxustas para a poboación que as sofre; pretendín facer unha pequena reflexión sobre o feito de que non todo vale para chamar a atención do receptor dunha noticia, hai unha deontoloxía escrita nas nosas conciencias que nos fai dar cos límites dos nosos actos.
Precisamente, a única obxectividade que pode mostrar o ser humano á hora de contar o que ve, é a honestidade: contalo desde o seu ángulo. Pero, claro, o morbo “vende” e tenta.
Non hai máis ca fixarse cando nos preveñen de algo que nos van mostrar: “Advertímoslle que as imaxes que veñen deseguido poden ferir a súa sensibilidade”, unha maneira eficaz de reclamar a nosa atención.
E o que me parece rotundamente inaceptábel é incitar adrede á devandita curiosidade enfermiza; poño por caso, provocando a caída dun refuxiado cunha cambadela para que a foto teña máis impacto. Persoalmente, no seu día, conmovérame moito a historia de Omayra Sánchez, á que se alude no relato.
– ND: Situacións extremas como a pandemia ou a guerra deixaron en evidencia moitas inxustizas na nosa sociedade que antes semellaban inexistentes?
– FC: As catástrofes sempre destapan inxustizas que se agravan coa nova situación. Nun naufraxio, os que primeiro se ven son os corpos que aboian na superficie… Negocios de máscaras, xeles, armas… Nestas situacións volven agromar novas fortunas e, loxicamente por cada novo rico, moitos máis pobres. Destápase a miseria humana tanto dos que cometen esas irregularidades coma dos que as permiten.
A solidariedade real, sen intereses, adoita chegar no lado dos que pouco ou nada teñen. Estas cousas, sobre todo as que teñen orixe no propio ser humano, provocan un sentimento de impotencia e desencanto na poboación en xeral.
Sabemos de corrupcións a grandes niveis, de ilegalidades demostradas que quedan impunes… Hoxe é máis doado, para ben (menos valos de censura) e para mal (as fake news circulan á par das informacións veraces), que polas redes sociais nos chegue información que doutro xeito non coñeceriamos.
Porén, creo aínda no ser humano, e non sei se desde esa inxenuidade que me contaxiou o feito de estar corenta anos rodeada de nenos e nenas, non quero perder a cripta dos soños, da utopía. O mundo non está ben, pero podemos cambialo. (…)”
Carballo: presentación de Pesadelo da creación, de Branca Vilela
A narradora Ana Cabaleiro resulta gañadora da primeira edición do Premio Exeria
Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“O I Premio Exeria a proxectos de creación literaria convocado pola Concellaría de Acción Cultural de Santiago en colaboración coa Residencia Literaria 1863 –comandada por Yolanda Castaño– e o Consulado Xeral de España en Xerusalén xa ten gañadora. Un xurado conformado por expertos da área compostelá no mundo do libro –coma o poeta e narrador Antón Lopo, o editor Paco Macías e a editora e tradutora Celia Recarey– escolleu o proxecto gañador entre preto dunha decena de candidaturas presentadas a concurso.
A avaliación das candidaturas revelou que a narradora Ana Cabaleiro coa súa proposta Shukran será nesta primeira edición do concurso a autora escollida para gozar dunha estadía nunha residencia creativa durante todo o mes de agosto, incluíndo dietas e viaxe a Xerusalén, será nesta primeira edición. A escritora aloxarase intramuros da cidade vella palestina, na residencia Al Ma’mal situada no barrio católico, para concentrarse durante catro semanas no proxecto literario que presentou.
A cabalo entre o libro de viaxes e a non-ficción, a proposta titulada Shukran non só aborda unha viaxe ao Sáhara realizada pola súa autora, senón que reflexiona sobre o sentido da viaxe, o choque entre as expectativas e a realidade atopada e a evolución social e política dos nosos xeitos de viaxar.”
Anxo Angueira: “A Palmeira é a miña vida e a da miña aldea, é algo exótico e tamén da casa”
Entrevista a Anxo Angueira no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Anxo Angueira levaba 15 anos sen publicar poesía. Tampouco sabiamos que andaba a artellar un poemario que agora ve a luz co título, Palmeiras, piueiros, uns poemas que nacen da morte da palmeira de Manselle, e que reflexionan sobre a morte e o rexurdimento cultural de Galicia. A entrevista pode verse aquí.”
Olivia Rodríguez: “Luz Pozo Garza buscaba o misterio da vida a través da poesía”
Entrevista a Olivia Rodríguez González no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“”O tempo é relativo e, ao contraluz do tempo, pasa a vida”. Son versos de Luz Pozo Garza, do seu último libro Pazo de Tor. Ela cumpriría o mes que vén 100 anos e escribiu ata o final dos seus días. Hoxe lembrarémola con Olivia Rodríguez, comisaria dunha mostra aberta estes días na Cidade da Cultura que amosa como Luz podía converter o cotián en poesía. A entrevista pode verse aquí.”






