A Sección de Literatura Dramática da AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento de Xosé Manuel Pazos

A Sección de Literatura Dramática da AELG fai súas as palabras de Afonso Becerra de Becerreá no pasamento de Xosé Manuel Pazos, publicadas na revista Erregueté:

“Malas noticias! Non me gusta nada ter que escribir sobre malas noticias e esta é moi mala. Morreu Xosé Manuel Pazos Varela, compañeiro do Consello de Redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro.
Morreu unha persoa á que lle teño moito aprecio e cariño, polo seu humor e desenvoltura, polo común amor ao teatro, pola mirada cun brillo de ilusión prendida en utopías necesarias. Non coñezo tantas persoas con ese brillo nos ollos.
Uns ollos saltóns, cun aquel entre falcatrueiro e pillabán, capaces de mudar a noite no día. Unha voz inconfundible, cuns graves resoantes e acolledores.
Con Pazos era imposible aburrirse, sempre había anécdotas e proxectos para compartir.
Nas reunións do Consello de Redacción lembro o seu talante xovial, a súa complicidade intelixente, só co xesto e a mirada, case sen necesidade de falar e iso que el era un bo falador, unha persoa co don da conversa.
En fin, Pazos era un tipo xenial, dos que non hai. Ou si, pero… pero non coma el.
Non me gusta nada escribir obituarios, acho que ás persoas hai que quererlles de vivas e que debemos homenaxearnos todo canto poidamos mentres esteamos vivos. Penso que Xosé Manuel Pazos tamén era así, un home de moito traballar, pero tamén de moito desfrutar. Estar con el era, en certo sentido, incluso nunha reunión de traballo, unha festa. Porque era un tipo divertido, sen poses nin engolamentos.
Penso que a morte é un asunto natural, pero fodido, porque a vida é o único que temos e porque é moi difícil aceptar que non poderemos ver a alguén nunca máis. Ou iso é o que me parece a min.
Ás veces, é como se a morte revalorizase ás persoas que leva consigo. Neste caso non creo que o amigo Pazos necesite revalorización ningunha. Quen tivemos a sorte de tratalo, coñecelo e desfrutar coa súa compañía sabemos que, nin o cargo de alcalde de Cangas do Morrazo, nin a súa habelencia como dramaturgo e tradutor de pezas teatrais, fundador da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (MITCF) de Cangas e membro, case desde os inicios, hai 37 anos, desta revista… sabemos que non se trata de méritos, nin destes nin doutros, nin de ser o mellor, senón que se trata doutra cousa que ningún obituario pode recoller. Porque, como rezan os versos de Uxío Novoneyra, “O aire ten unha cousa / que se perde se un a conta”.
Lembranzas? Sempre. Fixádevos como era Pazos que eu penso que, se chego a vello, hei seguir lembrándome de moitos momentos compartidos até o final. Incluso daquel obradoiro de dramaturxia posdramática que din hai anos na Mostra de Cangas, ao que asistiu como alumno, xunto ás súas colegas de Teatro de Ningures. Que ben o pasamos! Como desfrutei coa súa ironía e o seu humor, a súa xenerosidade e atrevemento á hora de xogar. Estou a sorrir mentres lembro e escribo, así, por riba, sobrevoando recordos preciosos.
Está o sorriso ao lembrar, pero tamén a tristura.
Hoxe, no día en que escribo isto, chove miudiño sen parar e desde a xanela do Berbés non se albisca Cangas nin Moaña do outro lado da ría. Hoxe morreu o estimado Pazos e non dou creto e fico parado. Hoxe, o día en que se dita que os teatros van pechar, por mor da peste, até finais de febreiro, alén da Candelaría que anuncia a primavera.
Haberá que respirar e tomar alento.
Ímoste botar moito de menos.”

Suso Lista presenta Como a roda no muíño: “É unha novela bastante ghamberra”

Desde Que pasa na Costa:
“Xa está nas librarías a nova novela de Suso Lista. O polifacético cormelán presenta Como a roda no muíño (edicións Embora), unha novela con “moito humor, bastante gamberra, e moi crítica, que non vai deixar a xente indiferente”, segundo el mesmo nos conta.
Leva 4 anos inmerso neste proxecto (2 de escritura e 2 de revisións), despois de rematar a súa triloxía de relatos curtos. “Cando rematei Charamuscas, pasei un tempo sen escribir, así en serio, pero un día abrín unha libreta que tiña por casa e atopei uns boquexos dun guión dunha serie que queríamos facer hai 7 anos, bastantes simpáticos. En base a ese guión, (eu vou do revés, en vez de facer a novela e despois a película, fago a novela despois da película) collín un deses personaxes, un galego nado en Suíza, e o trouxen ata casa”, explica.
”A novela empeza dende que vive en Suíza e decide vir á terra dos seus pais. Dende que sae de alí ata que chega ata aquí, facendo o Camiño francés, sucédenlle unha serie de desventuras moi romcabolescas, moi berlangianas. Ese mundo do esperpento é moi galego, moi valleinclaniano, é moi noso e sempre me levou idea”, recoñece. “Unha vez que chega aquí, se desenvolve a maior parte da trama, pero non vou contar máis”.
Aconsella poñer as cancións cando van saíndo, porque hai moita música e moita gastronomía poñendo un pouco de cordura ao surrealismo dominante. Matiza, iso si, que ”é un libro de antes da pandemia, un mundo que xa rematou”.
En todo caso, “se a xente o pasa tan ben como eu escribindo, xa firmo”, valora o cormelán.”

Adeus ao ‘Alcalde do Teatro’: morre Xosé Manuel Pazos Varela

Desde Erregueté:
“Na tarde do luns 25 de xaneiro, o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos Varela, falecía no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. O rexedor de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE) arrastraba problemas de saúde desde hai uns anos tras someterse a unha delicada operación de pulmón. A nova fíxose pública nos medios de comunicación e comezouse a compartir nas redes sociais de moitas institucións e profesionais das artes escénicas galegas que quixeron despedirse do “Alcalde do Teatro”.
Xosé Manuel Pazos Varela naceu na parroquia morracense de Coiro no ano 1957. Mestre de profesión, traballou varios anos na montaña sanabresa e, despois, en colexios públicos da parroquia de Darbo. Entrou en política no ano 1990 como responsable de Persoal e Benestar Social na xestora municipal do Concello de Cangas. Tras pasar pola oposición durante unha lexislatura, volve ao goberno no ano 1995 co cuatripartito, ocupándose das áreas de Cultura e Ensino. Entre 1997 e 2001 foi Deputado no Parlamento de Galicia e, despois dun tempo afastado da primeira liña política, volve ao Concello no ano 2007 para ocuparse outra vez de Ensino e Cultura. Logo doutra lexislatura na oposición, sae elixido Alcalde nas eleccións de 2015, facendo parte dun novo tripartito. Pazos nunca renunciou á súa intensa actividade cultural e política. Boa proba disto foi o seu empeño por dotar a Cangas dun Auditorio Municipal.
O seu corpo foi velado no salón de plenos do Concello de Cangas para, posteriormente, ser trasladado ao cemiterio de Coiro, a súa parroquia natal. A corporación municipal decretou tres días de loito na vila do Morrazo e bandeiras a medio mastro.
Xosé Manuel Pazos Varela era, fundamentalmente, un home do teatro. Así foi recordado onte na páxina de Facebook de Teatro de Ningures, compañía que fundou no ano 1986. No grupo cangués foi todo: actor, produtor e, finalmente, tradutor, adaptador e dramaturgo en, practicamente, todos os espectáculos da compañía. En 2008 recibiu o Premio Max ao Mellor Autor Teatral en Galego polo espectáculo Emigrados, texto asinado xunto a Cándido Pazó, Suso de Toro, Anxos Sumai e Sonia Delgado. (…)”

Entrevista a Teresa Seara sobre Clave de bóveda, de Manuel Álvarez Torneiro

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Clave de bóveda é o título do último poemario de Manuel Álvarez Torneiro, publicado por Kalandraka de xeito póstumo. Falamos sobre esta obra coa súa editora, Teresa Seara, que ademais foi a encargada de escribir o limiar co que abre este poemario. A entrevista pode escoitarse aquí.”

A vila imaxinada. Proxectos docentes sobre espazos literarios da provincia da Coruña 2020

A vila imaxinada. Proxectos docentes sobre espazos literarios da provincia da Coruña 2020 é unha iniciativa da AELG co patrocinio e colaboración da Deputación da Coruña.

Explicar a relación entre literatura e os espazos, e definir a relación entre literatura e actitudes, son dous dos cometidos de A vila imaxinada, o novo proxecto publicado pola Asociación de Escitoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) destinado ao estudantado galego para o seu uso nas aulas, que conta co respaldo da Deputación da Coruña. María López SándezAntonio Manuel FragaAndrea Barreira Freije e Roi Vidal Ponte son as/os autoras/es das catro unidades didácticas co seu correspondente vídeo que pretende ofrecer á rapazada outra porta de entrada á literatura. As catro unidades xa están dispoñíbeis na web da AELG.
Pensadas para o seu uso na aula e axustadas a un tempo de 50 minutos, as catro unidades buscan xeitos alternativos de aproximar a literatura ás lectoras e lectores novos, convidando o estudantado a achegarse a ela desde os espazos nos que habita a rapazada e utilizando como referencias aspectos actuais. A colección inicial chega da man de María López Sández, cunha proposta sobre a importancia dos lugares na obra de Rosalía de Castro como reivindicación política e do sublime. A segunda unidade didáctica é a de Antonio Manuel Fraga, cunha proposta organizada arredor da súa obra O bestiario científico de Anxos Nogueirosa (Urco editora), sobre a necesidade da fantasía na infancia e sobre a relación entre a visión de criaturas mitolóxicas e a catalogación científica. A proposta de Andrea Barreira Freije está baseada no manexo da perspectiva de xénero, tanto histórica como actual, partindo da súa obra Palabra de bruxa (Editorial Galaxia). A cuarta das unidades didácticas que incorporan un vídeo de uso nas aulas é a de Roi Vidal Ponte, quen convida a visitar os lugares da cidade de Santiago relacionados directamente co mundo do teatro, desde o momento en que se estrea Os vellos non deben namorarse até agora.
Cada unha destas unidades didácticas que se converten en actividades a realizar na aula preséntase coa biografía das autoras e un vídeo para proxectar na aula, con duración aproximada de 20-25 minutos, no que as/os autoras/es explican o argumento que elixiron, as súas argumentacións principais, anécdotas relacionadas coa súa escolla e preguntas dirixidas ao alumnado. A unidade inclúe tamén dúas actividades realicionadas argumentalmente coas propostas, adaptadas ao nivel educativo en cada caso e un solucionario cando é necesario.
Como complemento, tamén se ofrece nas unidades proposta de aplicación en distintos niveis educativos, as distintas materias ou días específicos de conmemoracións do calendario docente, que poden ser utilizados a xeito de guía polo profesorado.

As Unidades Didácticas son as seguintes:
– Palabra de bruxa, por Andrea Barreira Freije.
– Un bestiario en Oza, por Antonio Manuel Fraga.
– Paisaxes literarias na obra de Rosalía de Castro, por María López Sández.
– Compoescenas, por Roi Vidal Ponte.

Escena para Todas 2020

Escena para Todas 2020 é unha iniciativa da AELG co patrocinio e colaboración da Deputación da Coruña, que quere promover o coñecemento e o uso da literatura galega nas aulas do país, poñendo en contacto ao estudantado con contidos que están fóra do currículo escolar e ofrecendo unha referencia de actividades ao profesorado. Co teatro como protagonista, este proxecto da AELG pretende que a rapazada perda o medo ao ir ao teatro e se anime a pasar das aulas aos patios de butacas.
A achega de Escena para todas vén de man do crítico teatral, xornalista e escritor Camilo Franco, que explica algunhas das razóns prácticas para ser espectadoras/es activas/os a partir de tres fragmentos da obra Eroski Paraíso, de compañía teatral Chévere, que o alumnado tamén pode ver en liña.
Aquí pode accederse á Unidade Didáctica.

Entrevista a Henrique Alvarellos e Xosé Ballesteros, da Asociación Galega de Editoras

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Xosé Ballesteros deixa o cargo de presidente da Asociación Galega de Editoras, e será substituído por Henrique Alvarellos. Con eles, falamos da saúde do libro en galego, e dos cambios que veñen para o sector e a propia Asociación. A entrevista pode escoitarse aquí.”