Paseo pola Pontevedra literaria, con MN Soutelo, o 18 de xaneiro

O Paseo pola Pontevedra literaria con MN Soutelo é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.

Inscrición: deberán enviar os seus datos (nome completo, teléfono e enderezo electrónico) a: pontevedraliteraria@gmail.com e indicar que se queren apuntar a este paseo. Inscrición por orde de chegada ao correo electrónico. Prazas limitadas: 50 persoas como máximo.

Sábado, 18 de xaneiro
Paseo A cidade imaxinada: unha memoria familiar, con MN Soutelo, adiado en novembro de 2019 por causas meteorolóxicas.

Luz Pozo Garza, Filla predilecta de Ribadeo

Desde o Concello de Ribadeo:
“O vindeiro sábado, 18 de xaneiro, a escritora Luz Pozo Garza será nomeada filla predilecta de Ribadeo nun acto que se desenvolverán no Concello ás 12 do mediodía. A concelleira de Cultura, Pilar Otero, fai unha chamada á sociedade ribadense para que acuda a esta homenaxe.
A edil declarou que “o vindeiro sábado, 18 de xaneiro, é festa en Ribadeo. É festa porque se nomea filla predilecta a Luz Pozo Garza, cume na literatura galega contemporánea”.
Pilar Otero contou que “o acto terá lugar ás 12:00 no salón de plenos da Casa do Concello de Ribadeo e contará coa presenza da escritora, quen estará acompañada por familiares e persoas amigas”.
A concelleira de Cultura anima “a toda a sociedade ribadense a celebrar e homenaxear a unha das voces máis destacadas da nosa poesía”. (…)
No ano 2001 foi nomeada socia de honra da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o Concello de Ribadeo dedicoulle unha rúa.
No informe presentado pola Concellaría de Cultura para propoñer o seu nomeamento como filla predilecta de Ribadeo destácase “a súa incuestionable calidade literaria e a unión sentimental que sempre expresou polo seu concello de nacemento, que menta ademais como un dos motores da súa produción poética”.”

Gondomar: presentación de Galileo no espello da noite, de Xabier Paz

O 17 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Libraida de Gondomar (Rúa Rosalía de Castro, 13), preséntase Galileo no espello da noite, de Xabier Paz, publicado por Xerais. No acto, o autor estará acompañado por Fran Fernández Dávila.

“A toxicidade do Veleno en familia“, entrevista a Rocío Leira

Entrevista a Rocío Leira en Radiofusión:
“”Quixen retratar a toxicidade de determinadas familias” afirma a escritora Rocío Leira, autora do libro Veleno en familia, un volume que intenta realizar unha radiografía da sociedade galega actual con dinamismo narrativo e polifonía de voces. Leira recompila fraseoloxía de linguaxe popular. Foi finalista do Primeiro Premio de Novela Vilar Ponte en 2018. Agora ve a luz da man de Baía Edicións. Falamos desta novela no club de lectura de Radio Fene Radiofusión. Tatty Lavandeira, Esther Val, Andrés C. M. Riveira, Pitusa Arias e Henrique Sanfiz conversaron con Rocío Leira.
Un ingreso hospitalario fai saltar polos aires un triángulo familiar no que nada é o que parece. Unha muller trastornada. Unha muller apoucada. Unha muller de armas tomar. Unha trama intrigante na que todas son vítimas e verdugas. O crime perfecto nunha familia imperfecta.
Aquí pode escoitarse a entrevista.”

Carlos Mella: “Castelao foi moi pouco comentado e moi pouco lido”

Entrevista a Carlos Mella en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): A 70 anos da morte de Castelao, cal é o legado do seu pensamento que transcendeu até o día de hoxe?
– Carlos Mella (CM): Castelao foi o único que lle deu a Galiza unha formulación teórica. Até ese momento Galiza era un sentimento. Castelao, ademais de sentimento, foi quen de darlle unha formulación política, era o único que chegou a escribir o que poderiamos chamar unha idea do que debía de ser a Galiza e a España do futuro.
– ND: Por que se mantén vixente ese legado de Castelao?
– CL: Dío el: “Se non pensamos na Galiza, en que pensamos? Pensamos co estómago?”. É dicir, se lemos a Castelao, vemos que sabe que Galiza é unha nación, sabe que Galiza é un país de homes libres, mais non gusta nada desas historias fantásticas, desas formulacións máxicas que fan de Galiza algo que non sabemos o que é. El dedícase aos problemas reais da Galiza, e é o único que realmente se centra nese eido e trata de por remedio a esas dificultades.
– ND: Cales son as tarefas máis inmediatas a acometer pola Fundación Castelao?
– CL: Na Fundación damos a coñecer e estendemos o pensamento de Castelao, e que máis quixeramos nós que facelo máis. Porque co pensamento de Castelao cada un fixo del o que quixo: hai quen fala dunha Galiza independente apoiada no pensamento de Castelao; hai quen fala de Castelao como un personaxe perigosísimo para a unidade española… o que significa que o pensamento de Castelao foi moi pouco comentado e moi pouco lido, e Sempre en Galiza conviña lelo unha vez polo menos.
– ND: Cales foron os logros da Fundación Castelao nos últimos anos?
– CL: Dentro da escaseza terríbel de medios que temos, eu penso que fixemos uns cursos moi importantes para estender o pensamento de Castelao coa universidade de Santiago de Compostela, coa Universidade de Vigo, co Consello da Cultura Galega, co Concello de Rianxo, co de Lalín, coa Semana Ourensá de Análise Política… acho que fixemos unha boa ristra de acontecementos sobre Castelao e a súa filosofía e a súa política.”