Proxecto europeo convocatoria residencia literaria escritoras/es emerxentes en Olot (Catalunya)

Froito da colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega co PEN Catalá e máis o Institut Ramon Llull, co apoio da UE, divulgamos esta convocatoria para novas escritoras e escritores emerxentes, menores de 35 anos, de cara a participar nunha residencia literaria en Olot (Xirona), na que hai reservada unha praza para unha escritora/or en lingua galega. A residencia forma parte dun programa europeo no que tamén participan Bélxica, Hungría e Serbia.
A residencia celebrarase en outubro e o prazo de admisión das candidaturas estará aberto até finais de maio.
Aquí poden consultarse as bases da convocatoria. Máis información aquí.

A Coruña: presentación da Correspondencia entre Manuel María e Xosé Neira Vilas (1957-1997), o 5 de maio

As persoas interesadas deberán inscribirse enviando un correo electrónico a acab@mundo-r.com

Relato para un incendio, de Ernesto Is, gaña a primeira bolsa de dramaturxia impulsada pola Xunta e o sector teatral

Desde a Xunta de Galicia:
“O proxecto Relato para un incendio resultou gañador da primeira bolsa de dramaturxia impulsada pola Xunta, a través do Centro Dramático Galego (CDG) e en colaboración co sector teatral. A escrita, obra do dramaturgo Ernesto Suárez Is, foi seleccionada entre un total de 20 candidaturas por unha comisión de valoración presidida polo director do CDG, Fran Núñez, que tivo en conta a fonda conexión da temática coa identidade galega e a aposta polo teatro contemporáneo e documental con base na memoria colectiva, entre outros aspectos.
No proceso de selección participaron representantes do Consello da Cultura Galega, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e dos colectivos máis representativos do sector teatral en Galicia, como a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Escena Galega, Academia Galega de Teatro, Asociación de Festivais de Artes Escénicas, Unión Internacional de Marioneta, Revista Galega de Teatro, Asociación de Profesionais do Circo en Galicia e Asociación Galega de Dramaturxia. Tamén interviñeron da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Relato dun incendio pon en conexión dous acontecementos que tiveron lugar na comarca coruñesa de Ordes en momentos moi diferentes. Por unha banda, os estudos etnográficos dun antropólogo danés na década dos 60 e, por outra, a ruta incendiaria dunha veciña da zona en 2016. Co obxectivo de investigar a loucura como factor alterante nas persoas, influíndo no comportamento ata rachar coa realidade e poñer en perigo vidas, o autor integrará ambos feitos nos mecanismos de ficción teatral. Para isto utilizará persoas, imaxes, relatos e situacións auténticas para artellar unha dramaturxia cos preceptos do denominado Teatro Verbatim, que mestura artes escénicas con documentos e testemuños reais. (…)”

Alefato, o alfabeto hebreo e uns poemas

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Alefato é un canto á comunidade xudía en Galicia. Desde o século XI as terras galegas acolleron un pobo de vizosa historia. A raíz do xudaísmo nutriría as outras dúas relixións monoteístas, e desde aquel altar de Siquen consagrado por Abrahám até o Finis Terrae, as vinte e dúas consoantes hebreas que Xosé Lois García canta neste delicioso libro son escusa de reflexión filosófica, fundamentada na Cábala, e asemade devalo erudito arredor da historia galega ligada co pobo semita. A entrevista pode escoitarse aquí.”