Discurso de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, no acto central do Día de Rosalía de Castro 2025

Este foi o discurso de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, no acto central do Día de Rosalía de Castro, que tivo lugar o sábado 22 de febreiro en Compostela. Pode descargarse aquí.

“Amigas e amigos representantes das institucións políticas sociais, académicas e culturais.

Permitídenos, en primeiro lugar, agradecer a vosa presenza hoxe aquí.
Saudamos tamén a creación da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres e o seu Padroado. É de suma importancia que este lugar teña o status necesario para seren honrados, coa dignidade que lles corresponde, aqueles e aquela que tiveron Galiza e o pobo galego como razón de ser e viver, nomeadamente Rosalía de Castro, que hoxe aquí nos reúne.
Este lugar vai chanzo a chanzo acadando a súa laicidade no seu uso público. Pensamos que hai arquitecturas que constitúen os símbolos nacionais dun pobo, dunha cultura, e deben ser os galegos e as galegas quen exerzan a súa soberanía sobre eles.
Mañá, 23 de febreiro, é o día de Rosalía. Vimos convocados por ela, acollidos á súa sombra protectora, neste ano que a data ten unha dimensión fulcral, por tratarse dun día que proxectará os días futuros.
Nos momentos máis difíciles para a nosa lingua, ante a perigosa caída no seu uso, ante a diminución en séculos do número de galegofalantes, ela, Rosalía, ten alimentado e seguirá alimentando non só a nosa identidade, tamén a esperanza liberadora, como fillos e fillas desta terra na que reclinamos os soños.
Somos os seres humanos que desde este lugar, desde esta terra, construímos os destinos da humanidade.
Curros escribiu a Rosalía un dos poemas de máis alta pulsión lírica na literatura universal. Nel púxolle a estrela que leva na fronte. A estrela que Castelao leva nas maos como o remol dunha fogueira que ilumina os designios desta terra para que poidamos nacer, viver, amar en galego. Neste idioma que eu lles estou a falar e que se sostén sobre o eco de todos e cada un dos corenta avós dos que nos falou Luís Seoane, avós que, desde o primeiro deles, tiñan estabelecido parentesco cos deuses.
A nosa fala sustenta, precisamente, as Letras Galegas do 2025. Publicamos un Manifesto desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG (o 8 de novembro de 2024) no que damos noticia de que honraremos a nosa oralidade: “recoñecer a poesía da tradición oral das mulleres como elemento fundamental na transmisión da cultura e lingua galegas”. Honrala supón unha validación longamente agardada por un amplo tecido cultural de base do país.
Neste ano que dedicamos á memoria das que nos precederon no verso musicado, a Real Academia Galega personificou de xeito audaz a tradición oral feminina en tres figuras:
– A muller, na persoa de Eva Castiñeira, de Muxía,
– A complicidade do par de mulleres en Rosa e Adolfina Casás de Cerceda,
– E a pequena comunidade das veciñas da bergantiñá aldea de Mens, representada por Prudencia e Asunción Garrido, e Manuela Lema.
A oralidade das pandeireteiras demostrou ser eficaz na transmisión da cultura e da lingua, tamén na conformación da identidade e sentido de pertenza.
Sentimos orgullo de sermos herdeiros e herdeiras da coralidade, das que foron parte da cadea de transmisión oral, porque todas elas contribuíron ao legado deste enorme patrimonio inmaterial que son as cantigas tradicionais e populares.
Implicitamente estas mulleres legáronnos a través do verso rápido e da lingua viva o seu xeito de construír comunidade a través da palabra.
Utilizamos igualmente a palabra para sinalar “aos que non nos aman”, que dicía Bernardino Graña; el foi o noso primeiro presidente fundador. As súas cinzas moran xa nos areais de Cangas (“Se morro, xa sabedes, deixádesme en Rodeira, no areeiro de Cangas, xunto ao mar”), e ese mandato foi cumprido hai poucas semanas.
Precisamos poder deter o ataque espurio ao corpo mortal da nosa terra.
Á eucaliptización depredadora e á contaminación empobrecedora da celulosa xa existente súmase esa bomba de destrución denominada ALTRI, que será causante de deforestación das especies autóctonas que desertizarán aínda máis a nosa terra, se non a paramos.
Os bosques, soutos e fragas acolleron as pregarias dos antigos, como oracións. Hoxe son continuas as agresións a necrópoles megalíticas, xacementos prehistóricos e monumentos funerarios dos antigos moradores desta terra. Nos cumes dos montes e serras colocan parques eólicos con aeroxeradores que matan as aves protexidas e feren a paisaxe.
50 explotacións mineiras ameazan a vida dos ríos e poñen en perigo a riqueza das nosas rías, podendo deixar sen postos de traballo a moitas mulleres e homes que se dedican ao marisqueo.
Téñense posto en marcha ao longo dos anos as máis diversas e sutís formas de agresión contra a nosa lingua, desde o acoso ao maltrato. Mais hai unha forma de agresión que se exerce contra quen a falamos e a amamos: quérennos ver doridos, mancados, vendo que somos unha xeración á que lle está a ser roubado o idioma que herdamos dos nosos avós.
Sen querer amortecer o significado da violencia vicaria, a violencia máis cruel exercida en contra das mulleres, atopamos un paralelismo na xorda e invisíbel violencia vicaria contra o noso idioma que ten por obxectivo ferir, humillar, alimentar o autoodio entre os falantes e promover a dependencia do que nos é alleo. Téntase que sexamos humanamente derrotados. Téntase humillar a aqueles e aquelas que facemos do galego a nosa bandeira de identidade, queren que sexamos desposuídos dela.
Estamos a ver que non se trata só de canta porcentaxe de galego fica no ensino, nin de como sexa falada a nosa lingua: trátase de que non se fale, de que se extinga. Nin no parlamento español, nin no europeo, nin na Radiotelevisión galega. Búscase que o galego non exista.
Vemos o caso dos dous representantes no parlamento europeo que votan contra o uso do galego para que non se fale nesa mesma Europa que o pobo galego, que a lingua galega, en palabras de Goethe, axudou a construír. Son palabras insculpidas aquí perto nas rúas de Compostela:
“A Europa que se construíu viaxando cara Compostela”.
Que corazón de ferro hai que ter para negar a todo un pobo a parte fulcral da súa identidade, o merecido prestixio de ser un dos idiomas cuxas capas máis profundas sedimentaron ao longo de milenios.
Presenciarmos o xenocidio palestino está a ser insoportabelmente doloroso. Ao mesmo tempo fainos crer na fortaleza do ser humano. Desa forza dános testemuña o pobo palestino de Gaza.
Mentres os centos de miles de gazatís regresaban ao norte de Gaza nunha imaxe de dimensións bíblicas, cantaron e choraron lágrimas de esperanza. Recitaron poesía cun orgullo desafiante: non van permitir ser expulsos da súa terra.
Conmovidos, somos conscientes de estarmos a presenciar un momento histórico para os pobos sometidos do mundo.
Nenos orfos levando ás costas outros nenos orfos. Entre eles, unha nena de 11 ou 12 anos canta con orgullo:

“Miña terra,
Meu querido país, a fermosa Gaza,
A terra é nosa.
A historia é nosa.
As raíces son nosas.
A paz sexa connosco.
Con todo o que temos soportado,
Si, somos o pobo de Gaza.
Deus é grande,
Miña terra natal,
Gaza,
a terra do meu corazón.”

Así Rosalía, a poeta que leva na fronte unha estrela e no bico un cantar, aos que maltratan unha cultura, un idioma, diríalles:

“Tedes o corazón de ferro!””

Cesáreo Sánchez Iglesias
Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Bonaval, 22 de febreiro de 2025

Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2025 na Coruña

Estas son algunhas das fotografías do acto na Coruña do Día de Rosalía de Castro 2025, que tivo lugar o domingo 23 de febreiro, en colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2025 en Vigo

Estas son algunhas das fotografías do acto en Vigo do Día de Rosalía de Castro 2025, que tivo lugar o 22 de febreiro, ás 12:00 horas, na Imprenta de Juan Compañel e Centro Social A Revolta, coorganizado entre a AELG e a Asociación Cultural O Castro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2025 en Lugo

Estas son algunhas das fotografías do acto en Lugo do Día de Rosalía de Castro 2025, que tivo lugar o 21 de febreiro, ás 11:30 horas, no Parque de Rosalía de Castro, organizado pola AELG, coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo. O acto consistiu na lectura do Manifesto da AELG, elaborado neste 2025 por Marga do Val, a lectura pública da obra de Rosalía de Castro por alumnado do CEIP Veleiro Docampo de Castro Ribeiras de Lea e escritoras/es da cidade de Lugo, e unha ofrenda floral en homenaxe á autora. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Crónica fotográfica do acto central do Día de Rosalía de Castro 2025 en Compostela

Estas son algunhas das fotografías do acto central do Día de Rosalía de Castro 2025 en Compostela, que tivo lugar o 22 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Saúde e Terra!: Marga do Val tece os fíos que unen a voz de Rosalía coa do pobo galego

Desde Nós Diario:
“Saúde e terra. Marga do Val -autora neste 2025 do manifesto que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega encarga cada ano co gallo do Día de Rosalía– escolle a fórmula que empregaban as Irmandades da Fala como lema da súa mensaxe. Unha mensaxe que fala de Rosalía pero que tamén fala do presente, da literatura de onte e de hoxe, do feminismo e das revoltas que defenderon e defenden causas xustas como a de Palestina. A Terra, no centro. “A min paréceme importante traer a Rosalía ao noso tempo, e non resulta difícil, porque a súa obra conecta perfectamente co presente”, explica Do Val en conversa con Nós Diario.
Marga do Val ten unha extensísima experiencia no ensino e a súa vocación didáctica aflora cando explica a súa estratexia ao redactar o manifesto: “Ás veces, co estudantado, fas milagres cando conectas unha realidade actual cun texto moi afastado, entendendo, por exemplo, que a mocidade de hoxe considera moi antigo un texto de Castelao. Pero traéndoo ao presente, de súpeto, todo acaba adquirindo un sentido para eles; veno doutra maneira máis próxima. E a miña intención é que a rapazada coñeza a realidade galega e que a conecte co mundo”.
Esa mirada cara ao futuro de Do Val logra que a obra rosaliana faga parte dun presente que toca temas aparentemente tan distantes como Altri e Palestina. Trátase dunha visión que encaixa coa dirección que tomou a celebración do Día de Rosalía, unha efeméride que pretendía festexar a literatura e o libro galego, pero que a cidadanía levou a outro lugar máis amplo onde conviven a conmemoración e o impulso transformador, o orgullo de pertencer a unha cultura e as reivindicacións sociais e políticas. Comezando pola cuestión da lingua.
“Aquí trato o tema da lingua porque creo que –ademais do que sucede coa dramática perda de falantes– estamos vivindo un proceso tremendo: hai moitas autoras e autores que están pasándose, aínda que sexa en forma de tentativa, ao castelán. Isto non sucedía desde a década de 1980. E o máis preocupante xa non é iso, senón a evidente sensación dunha dependencia da cultura española moito maior agora que naquela época. Estanse contando cousas partindo de premisas de Madrid, como se Madrid fose unha meta. Iso está sucedendo na literatura, no teatro ou no debate público”, di.
Do Val sabe do que fala: malia que ela foi a autora, xa en 2002, da peza teatral Aurora Rodríguez e a súa moneca de carne, o caso de Hildegart Rodríguez só pasou a ser un tema de estudo e discusión despois de que Almudena Grandes escribise o seu libro sobre o caso, La madre de Frankenstein. “Eu vexo unha involución: descoñécese o que se fai e o que se fixo aquí para debater a partir dunhas coordenadas que nos veñen dadas desde fóra”, precisa.
O manifesto Saúde e Terra enfróntase a esta orde de cousas cunha vontade polémica, tomando como referencia –aínda que, máis unha vez, traéndoo ao presente– o Máis Alá! de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro. “É que eu creo que ese manifesto é dunha actualidade tremenda: eu non vin nunca unha situación como a que pasa agora a lingua galega. E a política lingüística ten unha responsabilidade enorme nesta circunstancia. É certo que están desaparecendo moitas linguas porque, a nivel internacional, nos diriximos cara a unha orde neofeudal na que se trata de eliminar as identidades que non se aliñan cos intereses económicos dos que mandan. Pero tamén é verdade que na Galiza estamos vivindo unha situación colonial, por moito que non me guste demasiado esa palabra”, afirma.
Marga do Val tamén actualiza aquela ambición das Irmandades da Fala de converter a Galiza en célula de universalidade, e atopa o elo que nos une co mundo na cuestión palestina: “Este é un tema onde estamos aprendendo de maneira práctica ese tema da banalidade do mal. Estamos asistindo en directo a un xenocidio, e agora non podemos calar, sería unha inmensa derrota para a humanidade. E, efectivamente, ambos temas están unidos: coa desaparición dunha lingua desaparece unha cultura, unha visión do mundo, unha forma de vivir e unha voz particular no coro universal. E coa desaparición dun pobo que perde a súa terra vemos a traxedia que iso supón para a humanidade. Todos debemos vernos no espello de Palestina, non porque poida sucedernos tamén a nós; temos que defender Palestina porque está ocorrendo e porque non podemos ser cómplices”.
A defensa da terra, a defensa da lingua: Do Val une todos os sinais de identidade do humano nun manifesto que tamén é un mapa. Por exemplo, o mapa de Domingo Fontán. “Por suposto, eu son dunha xeración que se criou sen referentes espaciais, sen coñecer a terra, o país. E por iso estou empeñada en que a mocidade coñeza o que os rodea, que levante a vista do móbil para saber como son os ríos da súa cidade, a xeografía onde nace a súa cultura. Porque o que non se coñece non se pode amar”, conclúe a autora.
O mapa que debuxa Marga do Val é, di ela, o do país dos mil ríos. Aínda que agora mesmo, matiza, todos os ríos son o Ulla: “Durante moito tempo se sostivo que a faixa azul da bandeira galega representaba o Miño. Eu creo que agora mesmo a bandeira da Galiza é o Ulla. Creo que non somos de todo conscientes da enorme traxedia que se nos vén enriba se o proxecto de Altri vai adiante. Se iso sucede, vai acabar con todo, co medio natural, coa economía, coa convivencia… contamínase a Terra, con maiúsculas. Pero, ademais, quedaremos derrotados como pobo, e iso non podemos permitilo”.
A autora do manifesto segue enfiando pensamentos para lembrar que o que fai Rosalía cando escribe Cantares gallegos é darlle voz ao pobo. “E o pobo hoxe maniféstase a favor da terra e a favor da lingua. Os problemas dos que ela fala nese libro seguen estando aí. E a súa defensa –en clave feminista e popular– é a que toca reivindicar agora. Hai que volver darlle voz ao pobo que está dicindo ‘isto non o queremos’. É interesante que o Día das Letras se lles dedique ás cantareiras xusto despois do ano de Luísa Villalta. Porque ela era a música desde outra perspectiva. Mais cando Luísa di que baixa a rúa e se confunde co pobo, estalle pasando a testemuña ás cantareiras, coas que dialoga Rosalía en Cantares“.”

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2025

SAÚDE E TERRA!

Saúde e forza, animais terrestres!

Saúde e forza, para reclamarmos o dereito de vivirmos en galego, para sermos Galiza, esa palabra que nos sinala.

Cantarte hei Galiza, na lingua galega, que así mo pediron, que así mo mandaron.

Saúde, para a lingua pola que somos e seremos na terra que camiñamos, cuberta de palabras en todas as estacións do ano, de herbas e flores, de ventos que zoan cantigas e ríos e regatos pequenos, fervedoiros de arte a remexer pelouros… Palabras que nadan mares e bican cons, furnas e puntas sinaladas… Palabras, rapaciñas do lugar, palabras, toleirona mocidade.

Saúde para a lingua!

A lingua de Nós que quere facer bárbara e que con razóns e coñecementos espurios despreza, quen deserta da lama, da area, da laxe, da curota, por un banco de plástico dourado na opereta madrileña, que confunde coa antesala das portas do Parnaso. Tristes e vellos entes literarios, de vós, nada aprenderán en Terras de deserto, e nada tendes que ofrecer, tan lonxe da forza sedutora, da innovación na palabra travestida en cabaleiro das botas azuis, trasno lúcido e único… Tristes entes, que querendo repenicar e bailar na festa ao mesmo tempo, regresan en texto traducido, agora pola IA e, sen vergoña, entran nos concursos literarios para representaren a nosa cultura.

Entes de lingua bífida, da Galicia boi de palla, que imploran coa súa vasalaxe a mercé na casa do amo, na sedución dun poder que non terán, aínda que poidan mover cada unha das dúas partes do seu músculo seccionado.

Esa casa do amo, que Rosalía de Castro nunca ocupou.

Pobre Galiza, non debes chamarte nunca española!

Saúde, para pronunciarmos Gaza.

Pola memoria de todas as Cándidas de Sobredo, sementes de vida, mártires asasinadas en Palestina.

Pola memoria de todos os meniños de manteiga, bonitos coma caraveis, asasinados en Palestina.

Pola memoria de todas as raparigas gabaxeiras e lindas, Estreliñas, asasinadas en Palestina.

Pola memoria de todas as Siñas Sinforosas, que levan as contas das mortes do lugar, asasinadas en Palestina.

Pola memoria de toda a mocidade, de todas as alboradas, asasinadas en Palestina.

Saúde, para non sermos cómplices deste xenocidio, despois de Armenia, despois de Auschwitz, despois de Rwanda…

Saúde para Nós, na Terra de Galiza, para reclamarmos o dereito de vivir en harmonía co lugar que desexamos traballar, suco vai, suco vén; onde queremos que vivan todos os outros animais e sexan libres todas as marxes coloridas.

Saúde, desde o Ortegal ao Miño, desde o Pico de Trevinca ao Aloia, desde o Careón ao Tegra.

Saúde, pola banda de Laíño, pola banda de Lestrove, por cada lugar que mediu Fontán e situou con precisión no mapa, rostro do país.

Saúde, para defendermos a paisaxe e a vida, contra os pirómanos do monte, coa voz de Pura Vázquez, contra o brazo armado do neoliberalismo máis letal, polas bestas e as vacas, polos soutos, as fragas e as carballeiras, porque aquí os muíños do vento son xigantes que nos mudan o sentido.

Saúde, para impedirmos o espolio, ese franquismo no interior da mina de Touro, toxicidade que mata, para berrarmos alto e claro: Non, Mina de Touro, Non!

Saúde, para impedirmos a destrución da terra que queremos e labramos, do país dos mil ríos, para contra todo, nun abrazo popular, de mans dadas polo Ulla, berrarmos até a Ría de Arousa, alto e claro: Altri, Non!

Porque vencerse é cousa de se tratar.

Saúde, para defendermos quen nos cura e nos atende, para reclamarmos un ensino de calidade, neste mundo onde mingou a verdade.

Saúde para Nós, e para ti, que vés de fóra, que chegas de duras travesías, agora connosco. Quero que veñas da man de Castelao, aínda que non te chames Panchito… Quero que me contamines, para ennobelar as túas palabras coas miñas e aprendermos os nomes dos paxaros, os das árbores e atoparmos a flor do xilmendro, e que cando eu che diga: come, neniña come, Ti me digas: iso é Teranga, alimento das palabras entre linguas.

Saúde, para en alegre veciñanza dicirmos: Ola, ríos, Ola, fontes, Ola, regatos pequenos, vista dos meus ollos en que sempre nos veremos…

Porque aquí, a festa facémola Nós: Arriba, toleirona mocidade! Que atruxaremos cantaremos o ala… lá!

Saúde e Terra!

Marga do Val
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#_rdc2025 #SaudeeTerra!

Día de Rosalía de Castro 2025

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro, co apoio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO).

Para o 23 de febreiro, data do aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.

Nesta edición de 2025 Marga do Val é a persoa encargada da redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 22 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas de concellos, asociacións e centros de ensino.

O lema escollido para este 2025 é: #SaudeeTerra!

O cartel pode ser descargado en formato pdf aquí, e en png aquí.

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2025

SAÚDE E TERRA!

Saúde e forza, animais terrestres!

Saúde e forza, para reclamarmos o dereito de vivirmos en galego, para sermos Galiza, esa palabra que nos sinala.

Cantarte hei Galiza, na lingua galega, que así mo pediron, que así mo mandaron.

Saúde, para a lingua pola que somos e seremos na terra que camiñamos, cuberta de palabras en todas as estacións do ano, de herbas e flores, de ventos que zoan cantigas e ríos e regatos pequenos, fervedoiros de arte a remexer pelouros… Palabras que nadan mares e bican cons, furnas e puntas sinaladas… Palabras, rapaciñas do lugar, palabras, toleirona mocidade.

Saúde para a lingua!

A lingua de Nós que quere facer bárbara e que con razóns e coñecementos espurios despreza, quen deserta da lama, da area, da laxe, da curota, por un banco de plástico dourado na opereta madrileña, que confunde coa antesala das portas do Parnaso. Tristes e vellos entes literarios, de vós, nada aprenderán en Terras de deserto, e nada tendes que ofrecer, tan lonxe da forza sedutora, da innovación na palabra travestida en cabaleiro das botas azuis, trasno lúcido e único… Tristes entes, que querendo repenicar e bailar na festa ao mesmo tempo, regresan en texto traducido, agora pola IA e, sen vergoña, entran nos concursos literarios para representaren a nosa cultura.

Entes de lingua bífida, da Galicia boi de palla, que imploran coa súa vasalaxe a mercé na casa do amo, na sedución dun poder que non terán, aínda que poidan mover cada unha das dúas partes do seu músculo seccionado.

Esa casa do amo, que Rosalía de Castro nunca ocupou.

Pobre Galiza, non debes chamarte nunca española!

Saúde, para pronunciarmos Gaza.

Pola memoria de todas as Cándidas de Sobredo, sementes de vida, mártires asasinadas en Palestina.

Pola memoria de todos os meniños de manteiga, bonitos coma caraveis, asasinados en Palestina.

Pola memoria de todas as raparigas gabaxeiras e lindas, Estreliñas, asasinadas en Palestina.

Pola memoria de todas as Siñas Sinforosas, que levan as contas das mortes do lugar, asasinadas en Palestina.

Pola memoria de toda a mocidade, de todas as alboradas, asasinadas en Palestina.

Saúde, para non sermos cómplices deste xenocidio, despois de Armenia, despois de Auschwitz, despois de Rwanda…

Saúde para Nós, na Terra de Galiza, para reclamarmos o dereito de vivir en harmonía co lugar que desexamos traballar, suco vai, suco vén; onde queremos que vivan todos os outros animais e sexan libres todas as marxes coloridas.

Saúde, desde o Ortegal ao Miño, desde o Pico de Trevinca ao Aloia, desde o Careón ao Tegra.

Saúde, pola banda de Laíño, pola banda de Lestrove, por cada lugar que mediu Fontán e situou con precisión no mapa, rostro do país.

Saúde, para defendermos a paisaxe e a vida, contra os pirómanos do monte, coa voz de Pura Vázquez, contra o brazo armado do neoliberalismo máis letal, polas bestas e as vacas, polos soutos, as fragas e as carballeiras, porque aquí os muíños do vento son xigantes que nos mudan o sentido.

Saúde, para impedirmos o espolio, ese franquismo no interior da mina de Touro, toxicidade que mata, para berrarmos alto e claro: Non, Mina de Touro, Non!

Saúde, para impedirmos a destrución da terra que queremos e labramos, do país dos mil ríos, para contra todo, nun abrazo popular, de mans dadas polo Ulla, berrarmos até a Ría de Arousa, alto e claro: Altri, Non!

Porque vencerse é cousa de se tratar.

Saúde, para defendermos quen nos cura e nos atende, para reclamarmos un ensino de calidade, neste mundo onde mingou a verdade.

Saúde para Nós, e para ti, que vés de fóra, que chegas de duras travesías, agora connosco. Quero que veñas da man de Castelao, aínda que non te chames Panchito… Quero que me contamines, para ennobelar as túas palabras coas miñas e aprendermos os nomes dos paxaros, os das árbores e atoparmos a flor do xilmendro, e que cando eu che diga: come, neniña come, Ti me digas: iso é Teranga, alimento das palabras entre linguas.

Saúde, para en alegre veciñanza dicirmos: Ola, ríos, Ola, fontes, Ola, regatos pequenos, vista dos meus ollos en que sempre nos veremos…

Porque aquí, a festa facémola Nós: Arriba, toleirona mocidade! Que atruxaremos cantaremos o ala… lá!

Saúde e Terra!

                                                                                               Marga do Val
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#_rdc2025 #SaudeeTerra!

O Manifesto pode descargarse en formato .pdf aquí.

Actos promovidos pola AELG

Acto central. Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), Santiago de Compostela

O acto central do Dí­a de Rosalía de Castro terá lugar o sábado 22 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela. A entrada é libre e gratuíta.

Este é o programa previsto:

Intervención do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.

Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.

Lectura do Manifesto da AELG en 2025, Marga do Val.

Lectura de poemas rosalianos:
– “San Lorenzo”. Pilar Astray. Asociación do Traxe Galego.
– “Unha vez tiven un cravo”. María Precedo Castro. Asociación Cultural e Musical Solfa.
– “Daquelas que cantan as pombas i as flores”. Zoe IriArte, Plataforma Ulloa Viva.
– “Has de cantar” (Fragmento). Leire Prieto Orjales e Irene Sampedro Puentes, Alumnas do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
– “A Gaita Gallega. Resposta” (Fragmento). Xaquín Rubido Muñiz, Voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.
– “Silencio”. Olaia Novo, Música, ensinante e mediadora cultural.
– “Abrid´as frescas rosas”. Ana Díaz Freiría, Ecoloxistas en acción.
– “Cando penso que te fuches”. Felín Romero Lorenzo, Comunidade de Montes de Mosende (O Porriño), escritor.
– “Olvidémo-los mortos” (Fragmento). Paz Fernández Pereiro, Veciña de Mos, ensinante e activista social.
– “Xan”. Noela Vázquez Ledo e José González Alonso, Sociedade Cultural e Desportiva do Condado (SCD).
– “Tecín soia a miña tea”. Mercedes Espiño Amil, Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), ensinante.
– “Dend´ aquí vexo un camiño”. Cristal Méndez Queizán, Música, Maga de Voz.
– “Por que”. Helena Pousa Ortega, Presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, o Condado, a Louriña.
– “A xustiza pola man”. Xosé Manuel Beiras Torrado, Profesor e escritor.
– “Eu cantar cantei”. Goretti Sanmartín Rei, Alcaldesa de Santiago de Compostela.

Intervención do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.

Ofrenda floral

Interpretación do himno

A Coruña

En colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda, o domingo 23 de febreiro, ás 17:00 horas, diante do Teatro Rosalía de Castro, terá lugar a lectura do Manifesto da AELG, elaborado neste 2025 por Marga do Val, por parte de Beatriz Maceda Abeleira, e unha posterior lectura pública da obra de Rosalía.

Lugo

O 21 de febreiro, ás 11:30 horas, no Parque de Rosalía de Castro (en caso de choiva, o acto tería lugar no Auditorio do Vello Cárcere), terá lugar a conmemoración do Día de Rosalía de Castro en Lugo, organizado pola AELG, coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

O acto consistirá na lectura do Manifesto da AELG, elaborado neste 2025 por Marga do Val, a lectura pública da obra de Rosalía de Castro por alumnado do CEIP Veleiro Docampo de Castro Ribeiras de Lea e escritoras/es da cidade de Lugo, e unha ofrenda floral en homenaxe á autora.

Vigo

O sábado 22 de febreiro, ás 12:00 horas, coorganizado pola AELG e a Asociación Cultural O Castro, na Imprenta de Juan Compañel (Rúa Real nº 12) e Local da Asociación Cultural A Revolta), terá lugar a colocación da ofrenda floral na imprenta Juan Compañel, lectura do Manifesto da AELG e de poemas de Rosalía no local social da Revolta, onde se poderá tomar tamén un caldo de gloria.

Pontevedra

O sábado 22 de febreiro, ás 12:30 h., no Bar Verbena, Lucía Novas lerá o manifesto da AELG, nun acto ambientado polo colectivo O Fruto e a Serpe, onde o público está convidado a participar nun recital de micro aberto. Esta actividade terá lugar dentro das propostas do Concello de Pontevedra e o seu Servizo de Normalización Lingüística con motivo do Día de Rosalía de Castro.

Actos organizados por outras entidades

Actos da Fundación Rosalía (Padrón e Compostela)

Toda a información aquí.

Arteixo

O 23 de febreiro, ás 13:00 h., xunto ao CCC de Arteixo Manuel Murguía e diante da Filla da Figueira de Rosalía, celebrouse a Nai das nosas letras cun sinxelo acto, onde a veciñanza foi a protagonista. O acto deu comezo coa lectura por parte de Ana Hermida do Manifesto da AELG, elaborado por Marga do Val neste 2025, para continuar coas lecturas da obra rosaliana por parte de todas aquelas persoas que queiran participar.

Barreiros

Betanzos

O Carballiño

Carnota

Castrelo de Miño

Bibliotecas da Coruña

Lugo

Mugardos

Narón

Ourense

Outeiro de Rei

A Pobra do Caramiñal

Poio

Ribadeo

Ribeira

O Rosal

Santiago de Compostela. Festival Rosalía

Sargadelos (Cervo)

Vilalba

Actividades nos centros de ensino

– CEIP Os Maniños (Fene). Tal como se leva facendo desde hai anos,  organizouse un pequeno recital poético na biblioteca do centro. En primeiro lugar, deuse lectura ao Manifesto da AELG; convidouse ás familias para que lean man a man con seus fillo/as; realizouse unha pequena homenaxe simbólica (este curso en forma de corazón); interpretouse unha canción personalizada e alumnado e familias participantes recibiron un libro e unha flor como recordo do día, ademais do preceptivo marcapáxinas. Pode verse máis información no blog da biblioteca do centro.

– CEIP Anexa-Lugo. Poden consultarse no blog do centro as actividades feitas con motivo do Día de Rosalía de Castro.

– CEIP Rosalía de Castro (Lugo).

– CEIP Milladoiro (Malpica). As actividades realizadas neste centro poden verse no seu blog.

– CEIP Sequelo (Marín). Compartíronse poemas de Rosalía nas redes nas asociacións de galegas e galegos do exterior e solicitouse a súa achega en forma de anacos de poemas, ou vídeos. Leuse o Manifesto da AELG, e interpretouse a Alborada, cantada polo alumnado xunto cos gaiteiros “Os de Marín”.

– CEIP Lamas de Abade (Santiago de Compostela). Fíxose unha montaxe coas fotos que mandaron as familias xunto a un dito, refrán ou verso relacionado con Rosalía, ou co lema Saúde e Terra. Tamén se elaborou un mural na entrada do colexio con todas as fotos. Máis información na páxina web do centro.

– CEIP Carlos Casares (Alxén, Salvaterra do Miño). Poden verse as actividades realizadas na páxina web do centro.

– CEIP Plurilingüe Seis do Nadal (Vigo). Fíxose referencia á actividade no blog do centro.

– CPI Virxe do Monte (Cospeito). As actividades levadas a cabo no centro poden verse no seu blog.

– CPI Ponte Carreira (Frades).

– Escola de Educación Pública Infantil Fina Casalderrey (Pontevedra). As actividades levadas a cabo poden verse no blog do centro.

– CPR A Merced (Sarria). Cada etapa educativa homenaxeou, ao seu xeito, a Rosalía de Castro. Os máis pequenos cos seus tradicionais “Poemas con chocolate”; os maiores viron algún vídeo sobre Rosalía e fixeron actividades como Kahoot, Rosco de Rosalía, etc. Ademais, na ESO elaboraron un fermoso mural na súa honra e escribiron versos nas xanelas e portas do seu corredor. Finalizaron a semana degustando un “Caldo de gloria” sobre os manteis de Rosalía de Castro.

– Colexio Plurilingüe Abrente (Pontevedra).

– IES Lamas de Castelo (Carnota). Alén de traballar nas aulas algunhas das propostas enviadas desde a AELG, fíxo un recital poético, no vestíbulo, o venres 21 de febreiro, e unha breve actuación teatral sobre Rosalía de Castro e un dos seus biógrafos, por Teatro Producións Dispersas. As actividades realizadas poden consultarse na web do centro.

– IES Fin do Camiño (Fisterra). Leváronse a cabo as seguintes actividades: mural na entrada do centro; reprodución, durante o recreo, dun audio-recital poético protagonizado por alumnado e profesorado, mediante o sistema de megafonía do centro; reprodución de poemas de Rosalía cantados por Uxía desde a megafonía do centro, no tempo previo á entrada ás clases; reparto de poemas de Rosalía e chapas deseñadas polo Departamento de EPVA e elaboradas polo Equipo de Alumnado Voluntario da Biblioteca; e lectura de poemas de Rosalía durante a reunión dun dos grupos do Club de lectura.

– IES Ánxel Fole (Lugo). Poden verse as actividades levadas a cabo no blog A fala do Fole.

– Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra.

– EPA do Berbés (Vigo). As actividades realizadas poden verse na súa web.

Propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para a celebración do Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino

O lema é: #SaudeeTerra!

Para todos os centros de ensino e todos os niveis:

A. Para favorecermos a comprensión lectora do manifesto achégase o texto anotado con referencias diversas que permiten dialogar con el desde múltiples perspectivas.

B. Propoñemos a reflexión e o diálogo na aula do significado do lema, que poder tratarse a partir das seguintes cuestións:

– Que significa a palabra Saúde?

– Procurade esta palabra en diferentes frases feitas, proverbios ou ditos. Que queremos dicir cando afirmamos: O importante é ter saúde?

– Que significado ten o acto de saudar, de dar a benvida ou de dar a despedida?

– Como saudamos e que palabras empregamos? Por que se di “saúde” cando espirramos?

– Que significados ten a palabra terra? Que queremos comunicar cando dicimos “Miña terra”?

– Procurade esta palabra en diferentes frases feitas, proverbios ou ditos. Que queremos dicir cando afirmamos: En terra de lobos hai que ouvear coma eles?

– Proponse a lectura na aula para tratar estes aspectos dos poemas: “Adiós, ríos, adiós, fontes” de Cantares gallegos e “Pra Habana!” de Follas novas.

Educación Infantil e Educación Primaria e Primeiro ciclo de Educación Secundaria Obrigatoria:

A.- Propoñemos procurar información sobre Domingo Fontán, como percorreu Galiza, como a mediu para debuxala e para situar todos os lugares no mapa.

B.- Cando Rosalía de Castro naceu xa existía a Carta xeográfica de Galiza elaborada por Fontán, imaxinade que cando tiña os vosos anos quería buscar nese mapa os lugares onde vivía, por onde andaba. Convidámosvos a xogar co mapa de Galiza e a que sinaledes os nomes (topónimos) dos espazos da escritora, podedes situar os seguintes:

– Consulta na rede un espazo denominado “As pegadas de Rosalía” e sitúa lugares importantes na súa vida no mapa, tamén de cando xa foi moito máis maior ca vós.

– Agora tratade de procurar no mapa os lugares importantes da vosa vida: lugar de nacemento, onde vivides, por onde andades.

– Agora podedes buscar nalgúns poemas nomes de lugares (topónimos) e sinalardes no mapa as palabras que formarían parte da toponimia literaria de Rosalía de Castro. Podedes localizalos nestes poemas: “Nosa Señora da Barca”, “Campanas de Bastabales”, “Pasa río, pasa río”, e “Como chove miudiño”, todos eles de Cantares Gallegos.

– Para estas actividades empregade diferentes lapis de cores.

C.- Agora anímovos a que nos acheguemos aos ríos, aos vosos e aos de Rosalía de Castro. A autora de En las orillas del Sar, puido dar moitos paseos polos ríos Sar e Sarela, buscade información sobre estes ríos:

– Onde nacen, por onde pasan, onde rematan as súas augas.

– Fixádevos se son afluentes dalgún outro río e de que outros ríos reciben augas. Onde desembocan?

– Trazade sobre un mapa o curso do río Sar e do río Sarela.

– Agora xa sabedes: as augas do Sarela, van dar ao Sar, as do Sar, van dar ao río Ulla e as do Ulla van dar a Ría da Arousa. Trazade agora o curso do río Ulla.

– Que comarcas galegas atravesan estes ríos?

– Agora procurade información sobre os ríos e regatos que hai no lugar onde vivides: onde nacen, onde rematan as súas augas e fixádevos se mudan de nome nalgún momento.

D.- Preguntade nas vosas casas, á veciñanza, ao profesorado e recollede información sobre a mina de Touro e a empresa Altri, situádeas no mapa. Compartide a información na aula.

E.- Agora situade no mapa a Ría da Arousa, coas súas vilas e cidades máis importantes. Buscade información do lugar sobre:

– Os traballos das persoas relacionados co mar.

– Os traballos das persoas relacionados coa agricultura.

– Os traballos das persoas relacionados coas industrias e empresas da zona.

– Credes que na Ría da Arousa é importante o turismo?

F.- Que reivindican as seguintes asociacións:

– Plataforma Veciñal Mina Touro- O Pino NON.

– Plataforma Veciñal Ulloa Viva.

– Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.

Debatede na aula: Podería verse moi afectada a Ría de Arousa pola contaminación?

Segundo ciclo de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato:

Todas as actividades propostas anteriormente serven tamén para esta etapa, engadimos outra máis relacionadas coa historia da literatura a partir do manifesto “Saúde e Terra!”.

A.- Procurade os nomes das autoras e autores aos que se fai referencia no texto, indicade a que etapa histórica e literaria pertencen, desde a Idade Media até a actualidade.

B.- No texto hai referencias ao manifesto “Máis alá” de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro, localizade este texto , lédeo na aula e tratade os seguintes temas:

– A quen se critica en relación co idioma?

– Que se quere dicir coas palabras “opereta madrileña”?

– Quen son os vellos?

– Quen son os devanceiros?

– Hai algunha relación entre os dous manifestos?

– Hai algunha referencia a Rosalía de Castro?

– Por que se di no manifesto “Saúde e Terra!” que Rosalía de Castro nunca ocupou a casa do amo?

C.- No manifesto “Saúde e Terra!” aparecen referenciadas obras de Pura Vázquez, María Xosé Queizán e de Xela Arias, investigade se estas autoras escribiron algunha obra sobre ou dedicado a Rosalía de Castro.

D.- Busca información sobre a obra: Daquelas que cantan (libro+CD) –Rosalía na palabra de once escritoras galegas, e contestade:

– Quen son as autoras que participan no libro?

– Achega algunha das súas obras e establece unha orde cronolóxica relacionada coa publicación dos seus libros.

E.- María Reimóndez tamén escribiu un manifesto para celebrar o Día de Rosalía pola AELG, localizade o texto na rede e contestade:

– Que quere dicir a sigla AELG? Cal é a súa orixe e cales os seus obxectivos?

– Cal era o lema do manifesto de María Reimóndez?

F.- Sobre Palestina e a súa relación coa poesía galega procurade información sobre os seguintes libros:

– VV.AA: Intifada. Ofrenda dos poetas galegos, Fundación Araguaney, 2003.

– VV.AA: Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina, Editorial Tempo Galiza, 2024.

– Quen son as voces participan en cada libro?

– Buscade e lede os poemas de Luísa Villalta e de Xela Arias incluídos no primeiro libro.

– Lede os relatos de Rafael Dieste e de Castelao aos que se fai referencia no manifesto, por que pensades que a autora os relacionaou con Palestina?

– Quen foron os Mártires de Sobredo? Por que aconteceron estes feitos? Que reivindicaba o agrarismo en relación coa terra?

– Lede o poema de Ramón Cabanillas, “Sobredo”. Podedes atopar aquí máis información: https://axendacultural.aelg.gal/2022/11/28/desde-a-aelg-animamos-a-lectura-do-poema-de-ramon-cabanillas-dedicado-a-loita-de-sobredo-no-seu-100-aniversario/

– Poderíase estabelecer unha relación entre a protagonista do poema de Rosalía de Castro, “A xustiza pola man” de Follas Novas e Cándida Rodríguez González, a mártir de Sobredo?

– Que relación ten a loita Palestina coa Terra?

G.- Procurade información sobre os xenocidios sufridos en Armenia, en Auschwitz e en Rwanda. Debatede na aula sobre a realidade do xenocidio palestino.

H.- Rosalía de Castro naceu en 1937 e faleceu en 1885, tiña nove anos cando se produciu a Revolución de 1846 que rematou co fusilamento dos que se coñecen como Mártires de Carral. Procurade información sobre este feito e sinalade nun mapa todos os lugares significativos da sublevación.

I.- Sinala nun mapa todos os topónimos aos que se fai referencia no manifesto.

SAÚDE E TERRA!

Saúde e forza, animais terrestres!

Saúde e forza, para reclamarmos o dereito de vivirmos en galego, para sermos Galiza, esa palabra que nos sinala1.

Cantarte hei Galiza, na lingua galega, que así mo pediron, que así mo mandaron2.

Saúde, para a lingua pola que somos e seremos na terra que camiñamos, cuberta de palabras en todas as estacións do ano, de herbas e flores, de ventos que zoan cantigas e ríos e regatos pequenos, fervedoiros de arte a remexer pelouros… Palabras que nadan mares e bican cons, furnas e puntas sinaladas… Palabras, rapaciñas do lugar, palabras, toleirona mocidade.

Saúde para a lingua!

A lingua de Nós que quere facer bárbara e que con razóns e coñecementos espurios despreza, quen deserta da lama, da area, da laxe, da curota, por un banco de plástico dourado na opereta madrileña3, que confunde coa antesala das portas do Parnaso4. Tristes e vellos entes literarios, de vós, nada aprenderán en Terras de deserto, e nada tendes que ofrecer, tan lonxe da forza sedutora, da innovación na palabra travestida en cabaleiro das botas azuis5, trasno lúcido e único… Tristes entes, que querendo repenicar e bailar na festa ao mesmo tempo, regresan en texto traducido, agora pola IA e, sen vergoña, entran nos concursos literarios para representaren a nosa cultura.

Entes de lingua bífida, da Galicia boi de palla6, que imploran coa súa vasalaxe a mercé na casa do amo7, na sedución dun poder que non terán, aínda que poidan mover cada unha das dúas partes do seu músculo seccionado.

Esa casa do amo, que Rosalía de Castro nunca ocupou.

Pobre Galiza, non debes chamarte nunca española!8

Saúde, para pronunciarmos Gaza.

Pola memoria de todas as Cándidas de Sobredo9, sementes de vida, mártires asasinadas en Palestina.

Pola memoria de todos os meniños de manteiga, bonitos coma caraveis10, asasinados en Palestina.

Pola memoria de todas as raparigas gabaxeiras e lindas, Estreliñas11, asasinadas en Palestina.

Pola memoria de todas as Siñas Sinforosas12, que levan as contas das mortes do lugar, asasinadas en Palestina.

Pola memoria de toda a mocidade, de todas as alboradas, asasinadas en Palestina

Saúde, para non sermos cómplices deste xenocidio, despois de Armenia, despois de Auschwitz, despois de Rwanda…

Saúde para Nós, na Terra de Galiza, para reclamarmos o dereito de vivir en harmonía co lugar que desexamos traballar, suco vai, suco vén13; onde queremos que vivan todos os outros animais e sexan libres todas as marxes coloridas.

Saúde, desde o Ortegal ao Miño14, desde o Pico de Trevinca ao Aloia, desde o Careón15 ao Tegra,

Saúde, pola banda de Laiño, pola banda de Lestrove16, por cada lugar que mediu Fontán17 e situou con precisión no mapa, rostro do país.

Saúde, para defendermos a paisaxe e a vida, contra os pirómanos do monte, coa voz de Pura Vázquez18, contra o brazo armado do neoliberalismo máis letal, polas bestas e as vacas, polos soutos, as fragas e as carballeiras, porque aquí os muíños do vento19 son xigantes que nos mudan o sentido.

Saúde, para impedirmos o espolio, ese franquismo no interior da mina de Touro, toxicidade que mata, para berrarmos alto e claro: Non, Mina de Touro, Non!20

Saúde, para impedirmos a destrución da terra que queremos e labramos, do país dos mil ríos21, para contra todo, nun

abrazo popular, de mans dadas polo Ulla, berrarmos até a Ría de Arousa22, alto e claro: Altri, Non!23

Porque vencerse é cousa de se tratar24.

Saúde, para defendermos quen nos cura e nos atende, para reclamarmos un ensino de calidade, neste mundo onde mingou a verdade25.

Saúde para Nós, e para ti, que vés de fóra, que chegas de duras travesías, agora connosco. Quero que veñas da man de Castelao26, aínda que non te chames Panchito… Quero que me contamines, para ennobelar as túas palabras coas miñas e aprendermos os nomes dos paxaros, os das árbores e atoparmos a flor do xilmendro27, e que cando eu che diga: come, neniña come, Ti me digas: iso é Teranga28, alimento das palabras entre linguas.

Saúde, para en alegre veciñanza dicirmos: Ola, ríos, Ola, fontes, Ola, regatos pequenos, vista dos meus ollos en que sempre nos veremos29

Porque aquí, a festa facémola Nós: Arriba, toleirona mocidade! Que atruxaremos cantaremos o ala… lá30!

Saúde e Terra!31

1 Luísa Villalta, “Galiza, esa palabra”, columna publicada no semanario A Nosa Terra, nº 1093 (don 31 de xullo ao 3 de setembro de 2003). Recollido en Libro das columnas, A Nosa Terra, 2005 e Editorial Galaxia, 2024.

2 Rosalía de Castro, “Has de cantar”, Cantares gallegos, 1863.

3 Manifesto “Máis alá” de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro, 1922.

4 Rosalía de Castro, “Prólogo”, Cantares gallegos, 1863.

5 Rosalía de Castro, El caballero de las botas azules, Cuento extraño, 1867.

6 Xoan Manuel Pintos, “Ou, Galicia, Galicia boi de palla” en A gaita gallega, 1853.

7 María Reimóndez: A casa do amo. Unha análise do discurso colonial e racista na literatura galega, Edicións Xerais, 2024.

8 Rosalía de Castro, “A GAITA GALLEGA. Resposta”, Cantares gallegos,1963.

9 Cándida Rodríguez González, Mártir de Sobredo, asasinada o 28 de novembro de 1922 na protesta veciñal agrarista de Sobredo (Guillarei-Tui), fito da loita antiforal.

10A. D. R. Castelao, “Era un meniño de manteiga…”, Cousas, 1926.

11R. Dieste, “Na morte de Estreliña”, Dos arquivos do trasno, 1926.

12A. D. R. Castelao, “Todos canto sabían algo da historia da vila”, Cousas, 1926.

13Xosé María Díaz Castro, “Penélope”, Nimbos, 1961.

14R. Cabanillas, “Himno de Acción Gallega”, Da terra asoballada,1917.

15 Lorenzo Varela, “Ofrenda a los franceses”, Correo literario, (1-X-1944); número especial da revista de Bos Aires dedicado á liberación de Francia da Alemaña nazi. Lorenzo Varela desde o seu exilio escribe este poema en que lle regala aos franceses, unha palabra, o topónimo Cairón (Monte Careón), símbolo da súa infancia.

16Rosalía de Castro, “Como chove miudiño”, Cantares gallegos, 1863.

17 Domingo Fontán Rodríguez, (Portas, 1788- Cuntis, 1866), ilustrado galego, autor da Carta xeométrica de Galicia, un mapa físico de Galiza. Traballo que realizou desde 1817 a 1834, utilizando métodos científicos e medicións matemáticas, foi o primeiro mapa topográfico e trigonométrico da Península Ibérica.

18Pura Vázquez, “Ós pirómanos do monte”, Desmemoriado río, Espiral Maior, 1997. Pode encontrarse o poema na revista Festa da palabra silenciada, núm. 22, 2006.

19Rede Galega Stop Eólicos (RGSE).

20Plataforma Veciñal Mina Touro- O Pino NON.

21R. Otero Pedraio, Os país dos mil ríos, Edt. Castrelos, 1977.

22Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.

23Plataforma Veciñal Ulloa Viva.

24Xela Arias, “Vencerse é cousa de se tratar”, Intempériome, Espiral Maior, 2003.

25“Porque no mundo menguou a verdade”, cantiga de escarnio do trobador e clérigo do século XIII, Airas Nunes.

26María Xosé Queizán, “Bueno Barato”, Fóra de min, Sons Galicia, 1994.

27Rosalía de Castro, “Miña Santa Margarida”, Cantares gallegos, 1863.

28Beatriz Maceda, Teranga, Edicións Xerais, 2024.

29Rosalía de Castro, “Adiós ríos, adiós fontes”, Cantares gallegos, 1863.

30Rosalía de Castro, “Alborada”, Cantares gallegos, 1863.

31Saúdo empregado como acollemento ou despedida polas Irmandades da Fala. Frase coa que remata a editorial do primeiro número da revista Nós.

A documentación gráfica xerada por estas actividades será compartida nas correspondentes redes ou medios de difusión do centro educativo, arredor do 23 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #SaudeeTerra! e #_rdc2025. A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais, para o que agradecemos que se envíe noticia das actividades ao correo oficina@aelg.org. A este mesmo correo podedes comunicarnos a vosa intención de participar nesta iniciativa ou noutras coas que o voso centro celebre o Día de Rosalía 2025, para a irmos facendo constar na nosa web: https://www.aelg.gal/actividades/dia-de-rosalia-de-castro/2025/2/22/dia-de-rosalia-de-castro-2025

Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.

#_rdc2025  #SaudeeTerra!. O Día de Rosalía de Castro nas redes sociais

– Facebook

– Instagram

– Twitter

Proposta da AELG para levar unha moción aos plenos dos Concellos para declararen o 23 de febreiro como Día de Rosalía de Castro

A AELG vén impulsando desde 2011 esta iniciativa. Xa aprobaron a moción os seguintes concellos:

A Coruña, A Estrada, A Guarda, A Pobra do Brollón, A Rúa de Valdeorras, Allariz, Ames, Arteixo, Baiona, Barreiros, Bergondo, Betanzos, Bueu, Burela, Cambados, Cambre, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Cerceda, Chantada, Entrimo, Fisterra, Foz, Lalín, Lobeira, Melide, Miño, Muros, Narón, O Rosal, Ourense, Padrón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Ramirás, Redondela, Rianxo, Ribeira, Riotorto, Rodeiro, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Tomiño, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade. Sumáronse tamén as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.

A AELG continuou a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.

Compostela: acto central do Día de Rosalía de Castro 2025


O acto central do Dí­a de Rosalía de Castro terá lugar o sábado 22 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela. A entrada é libre e gratuíta.

Este é o programa previsto:

– Intervención do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.

– Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.

– Lectura do Manifesto da AELG en 2025, Marga do Val.

Lectura de poemas rosalianos:
– “San Lorenzo”. Pilar Astray. Asociación do Traxe Galego.
– “Unha vez tiven un cravo”. María Precedo Castro. Asociación Cultural e Musical Solfa.
– “Daquelas que cantan as pombas i as flores”. Zoe IriArte, Plataforma Ulloa Viva.
– “Has de cantar” (Fragmento). Leire Prieto Orjales e Irene Sampedro Puentes, Alumnas do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
– “A Gaita Gallega. Resposta” (Fragmento). Xaquín Rubido Muñiz, Voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.
– “Silencio”. Olaia Novo, Música, ensinante e mediadora cultural.
– “Abrid´as frescas rosas”. Ana Díaz Freiría, Ecoloxistas en acción.
– “Cando penso que te fuches”. Felín Romero Lorenzo, Comunidade de Montes de Mosende (O Porriño), escritor.
– “Olvidémo-los mortos” (Fragmento). Paz Fernández Pereiro, Veciña de Mos, ensinante e activista social.
– “Xan”. Noela Vázquez Ledo e José González Alonso, Sociedade Cultural e Desportiva do Condado (SCD).
– “Tecín soia a miña tea”. Mercedes Espiño Amil, Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), ensinante.
– “Dend´ aquí vexo un camiño”. Cristal Méndez Queizán, Música, Maga de Voz.
– “Por que”. Helena Pousa Ortega, Presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, o Condado, a Louriña.
– “A xustiza pola man”. Xosé Manuel Beiras Torrado, Profesor e escritor.
– “Eu cantar cantei”. Goretti Sanmartín Rei, Alcaldesa de Santiago de Compostela.

– Intervención do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.

– Ofrenda floral.

– Interpretación do himno.

A Coruña: Día de Rosalía de Castro 2025


En colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda, o domingo 23 de febreiro, ás 17:00 horas, diante do Teatro Rosalía de Castro, terá lugar o acto do Día de Rosalía 2025 na Coruña, coa lectura do Manifesto da AELG, elaborado neste 2025 por Marga do Val, por parte de Beatriz Maceda Abeleira, e unha posterior lectura pública da obra de Rosalía.