A Coruña: conferencia de Xulio Pardo de Neyra sobre A literatura erótica galega

O martes 18 de marzo, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, Xulio Pardo de Neyra pronunciará a conferencia A literatura erótica galega, nun acto organizado pola A. C. O Facho, dentro do seu ciclo Língua, Literatura e Naçom.

Brasília: Elena Gallego participa no XI EIDE (Encontro Internacional de Escritoras), a celebrar entre o 13 e o 17 de marzo

Desde Xerais:
“Espallar a maxia do dragón galego e buscar novos lectores para a súa triloxía fantástica é o obxectivo co que a escritora galega Elena Gallego Abad participa no Encontro Internacional de Escritoras (XI EIDE Brasil) que se celebra en Brasília do 13 ao 17 de marzo.
Promovido pola Academia de Letras e Música do Brasil, o XI EIDE celébrase por vez primeira nun país de lingua portuguesa, e reúne na Capital Federal do Brasil a escritoras, xornalistas e formadores de opinión de varios países, evidenciando o espírito creativo das mulleres e a súa capacidade de produción literaria. A programación xeral do evento abrangue unha serie de palestras, talk shows, oficinas e performances. Tamén  unha exposición de libros, con lanzamentos e presentacións.
A saga Dragal será unha das obras literarias presentadas durante este encontro. Elena Gallego Abad impartirá unha palestra cuxo texto será publicado pola Fundação Alexandre Gusmão – FUNAG, vinculada ao Ministerio de Relações Exteriores de Brasil, nunha antoloxía bilingüe (castelán e portugués). Ademais de participar neste XI EIDE Brasil, durante os últimos días Elena Gallego xa mantivo encontros con editoras cariocas, que amosaron o seu interese por unha posible tradución de Dragal ao portugués. Máis información na web do encontro.”

Compostela: Congreso Internacional Editando para minorías na era dixital, do 3 ao 6 de abril

Do 3 ao 6 de abril terá lugar en Santiago de Compostela, organizado por campUSCulturae, o Congreso Internacional Editando para minorías na era dixital, unha oportunidade para debater sobre a situación do libro e da edición en tempos de recambio tecnolóxico e de agromar de propostas que redescobren o valor dos produtos artísticos de autor, únicos ou concibidos para esixentes minorías que foxen do estereotipado e comercial. Editores, bibliófilos, xestores culturais, escritores, ilustradores, expertos en novas tecnoloxías e deseñadores, entre outros profesionais, daranse cita neste encontro durante o cal se inaugurará a exposición Imprimatur. Está aberto o prazo de matrícula e o envío de comunicación até o 21 de marzo. Máis información aquí.

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (III)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse deste xeito no CEP Pilar Maestu Sierra, A Pobra do Caramiñal:
“Durante a semana previa tiveron unha actividade titulada Rosalía do A ao Z, que culminou o luns 24 cun recitado colectivo de poemas e varias presentacións informáticas.”

E no IES Félix Muriel de Rianxo:
“Un día parecíanos pouco, así que acordamos dedicarlle varios días á autora de Cantares. Este ano, no día que se cumpría o 177 aniversario do seu nacemento enchemos o centro con poemas dela, coas súas obras, con poemas que o alumnado fixo para ela, con recreación de poemas seus… con antoloxías poéticas coma a que presentamos no artigo anterior…
Todo comezou no local do ENDL co alumnado rotulando os anuncios que logo colgariamos polo centro. Mais tamén houbo traballo previo entre o alumnado que reescribiu a Rosalía… Poemas de Cantares e de Follas foron reinterpretados polo alumnado cunha estética máis “actual”. E así encheron a cafetaría, de xeito que a xente que foi tomar café hoxe puido ler as súas creacións.
Mais non facía falta ir tomar un café para saber de Rosalía hoxe no Félix Muriel… Con entrar no centro xa se podía ver a mesa coa bibliografía e mais o taboleiro informativo..
E o xoves 27 Helena Villar Janeiro imparte unha charla-conferencia para alumnado de 2º e 3º da ESO sobre a autora. Ese día escoitaremos ao alumnado que leva semanas ensaiando poemas seus musicados…”

Compostela: Xornada Xela Arias e Luísa Villalta: Letras, interartes, proxectos na fin de século, o 26 de marzo

Nestes enlaces pódese consultar o programa completo e confirmar a inscrición no evento.

Madrid, 18-19 setembro 2014: Xornadas Internacionais UCM-UNED Literatura galega: identidade, alteridade e exilio

As Xornadas Internacionais UCM-UNED 2014 Literatura galega: identidade, alteridade e exilio pretenden facer unha posta en común das liñas de investigación que se están a desenvolver nos Centros Galegos das universidades do mundo e noutras institucións, nomeadamente no ámbito da literatura galega fóra de Galicia e do estudo da identidade, a alteridade e o exilio. Procúrase, por outra parte, favorecer o contacto entre profesores, investigadores e estudantes interesados no coñecemento e no estudo da literatura galega, así como fomentar o intercambio científico entre os relatores e os asistentes. Ademais, con estas Xornadas quérese abrir e estimular o diálogo entre as distintas xeracións pertencentes á colectividade galega.
Os seus destinatarios son: profesores, investigadores e estudantes, Departamentos de Romanística, Centros Galegos en España, Portugal, Hispanoamérica e no resto do mundo, Escolas Oficiais de Idiomas e outras institucións interesadas no estudo da lingua, da literatura e da cultura galega.

Está organizado pola Universidade Complutense de Madrid (UCM), Centro de Estudos Galegos e a UNED, está dirixido por Carmen Mejía Ruiz (UCM) e Xavier Frías Conde (UNED). O comité científico está formado por Ana Acuña (Universidade de Vigo), Xesús Alonso Montero (Real Academia Galega), Antonio Domínguez Rey (UNED), Alberto Gómez Bautista (Universidade de Aveiro), María Victoria Navas Sánchez-Élez (UCM), André Pociña López (Universidad de Extremadura), Eugenia Popeanga Chelaru (UCM) e Juan Miguel Ribera Llopis (UCM).

O programa provisional é o seguinte:
18 de setembro (UNED)
Mañá
– Apertura e conferencia de inauguración: Literatura galega no exterior.
– Sesións paralelas de comunicacións.
Tarde
– Sesións paralelas de comunicacións.
– Mesa redonda: Coloquio cos escritores do Grupo Bilbao.
– Peche: Recital poético.
19 de setembro (UCM)
Mañá
– Sesión inicial: Presentación de proxectos de investigación e publicacións fóra de Galicia.
– Sesións paralelas de comunicacións.
Tarde
– Mesa redonda: Literatura galega e outras literaturas.
– Sesións paralelas de comunicacións.
– Peche: Acto de clausura.
– Cea de clausura.

Participación
Para alén de asistires ás xornadas, podes participar cun relatorio (comunicación 20′ + 10′ debate). As liñas de interese priorizadas no congreso serán as seguintes:
– Literatura galega no exterior.
– Literatura galega e outras literaturas.
– Novas investigacións no ámbito da literatura galega: do medieval ao moderno.
– Literaturas peninsulares comparadas.
– Literatura galega, arte e cine.
– Literatura galega e identidade(s).
De estares interesado en participar cun relatorio nas Xornadas Internacionais UCM-UNED, só tes que nos enviar a túa proposta (título do relatorio e resumo aproximado de 300 palabras) e os teus datos persoais a través do formulario de inscrición dispoñíbel neste sitio web.
As linguas oficiais do simposio son o español, o galego e o portugués. Tanto se es asistente como relator, terás dereito a un certificado de asistencia ou de comunicación e, de ser o caso, un certificado que acredite os créditos (de grao ou de licenciatura) solicitados.
Prazo de envío de propostas: até o 30 de abril.
Notificación das contribucións aceptadas: 15 de xuño.
Tendes toda a información na 1ª circular do simposio. Podes consultarnos calquera dúbida no formulario de contacto ou ben neste enderezo electrónico: xornadasliteraturagalega@gmail.com.