Santiago: actividades do mércores 4 na Feira do Libro

Continúa a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) até o vindeiro domingo 8 de maio, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., salvo no fin de semana, en que estará aberta de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h.
As actividades do mércores 4 son as seguintes:
– 18:00 h. Actividades para nenos. Contacontos a cargo de Brétema Animación.
– 19:00 h. Actuación do actor e humorista Cándido Pazó co seu monólogo Cunqueiradas.
– 20:00 h. Presentación do libro A palabra exacta. Biografía de Lois Pereiro, do escritor Antón Lopo, publicado por Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Carlos Lema, director de edicións de Galaxia e o xornalista Xosé Manuel Pereiro.

– 21:15 h. Sorteo dun lote de libros.

Gondomar: Espazo lectura celebra o San Xoán con poesía e contos

Mañá martes, 23 de xuño, Espazo Lectura celebrará a noite de San Xoán na Casa da Lectura cunha actividade na que xuntarán poesía, lume e contos: A fogueira dos versos. A sesión, que toma prestado o nome dun poemario de Antonio García Teijeiro, comezará con música a partir das 22:30h, continuará logo, contra as 12 da noite, cunha lectura de poemas arredor dun pequeno lume e rematará cunha sesión de contacontos a cargo do actor Santi Prego, que nos deleitará coas súas historias á luz da pequena fogueira. Esta fogueira literaria na Casa da Lectura (Nogueira, 8 – Donas) conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar e pretende ser participativa e aberta ás persoas que desexen levar comida para compartir e poemas para ler.

Gondomar: María Lado na Casa da Lectura

Este mércores 10 de xuño ás 18:30 horas a Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas, 36388, Gondomar) acollerá unha sesión de contacontos a cargo da poeta e presentadora María Lado, que se caracteriza por elevar as súas propostas creativas á categoría de espectáculo. María Lado, que conduciu como presentadora e narradora o programa Planeta Fantasía, de Lúa Films, baseado en contos da literatura infantil galega e emitido pola TVG, poñerá á disposición das nenas e nenos de Gondomar toda a súa capacidade para contar historias diante do público. Deste xeito, a Casa da Lectura pon en marcha a primeira das sesións da súa programación especial no ámbito do fomento da lectura.