Santiago: presentación de A arte do imposible, de Ramón Máiz

O martes 13 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación de A arte do imposible, de Ramón Máiz, publicado en Galaxia, obra que recibiu o Premio Ramón Piñeiro 2010. No acto, o autor estará acompañado por Víctor F. Freixanes e Xan López Facal.

Lugo: presentación de Xosé Díaz Jácome, poeta e xornalista, de Armando Requeixo

O luns 12 de decembro, ás 20:00 horas, no Auditorio da Fundación Novacaixagalicia de Lugo (Praza de Santa María, s/n.), preséntase o libro Xosé Díaz Jácome, poeta e xornalista, de Armando Requeixo, publicado pola Fundación Novacaixagalicia e El Progreso, co que o autor gañou o Premio Ánxel Fole do 2010. No acto, acompañando ao autor, participan responsables das entidades convocantes (Fundación Novacaixagalicia e Grupo El Progreso) e representantes do xurado.

María do Cebreiro: “Tradúcese como unha forma de propaganda”

Entrevista de Iago Martínez a María do Cebreiro, publicada en xullo de 2011 no Xornal, recuperada a través do blog do autor, Disimulen:
“Iago Martínez (IM): Fogar impronunciable remite a Beckett e, como di o libro, á “identidade como desposesión”.
– María do Cebreiro (MdC): Sempre encontrei máis interesante unha certa rebeldía con respecto ao sentimento de arraigo que a afirmación identitaria. Non vou entrar en se é necesaria ou non, pero a afirmación identitaria paréceme pouco estimulante dende o punto de vista intelectual. Sutura as linguaxes, os discursos, pouco máis imos poder sacar dela. En cambio, da resistencia a ese proceso si que poden saír cousas interesantes, cando menos no que ten que ver co recoñecemento dos conflitos, e ao final o sentido político das cousas xérao o conflito, non o acordo. O acordo o que xera é unha linguaxe de himno máis ou menos eficaz socialmente –cada vez menos, creo eu–, pero dende o punto de vista do alimento para o pensar non vai moi lonxe. (…)
– IM: Cito textualmente: “O que é digno de ser defendido non necesita lugares de memoria”.
– MdC: É esa tensión que hai no literario entre a conmemoración e o que se resiste á conmemoración. Subxace ao ensaio unha especie de corrente que agora mesmo na filosofía política se presenta como unha crítica da representación. Estou pensando en Badiou ou Rancière. Unha crítica da linguaxe como representación e da política como representación. Eu creo que a linguaxe e a política, se ben nunca están á marxe á representación, non deben aspirar a iso. Máis ben, o seu poder é o de destruír os pactos. Igual que cando di Rancière que a democracia está máis cerca do que rompe o pacto que do que o compón, eu tamén creo que o político na poesía ou na literatura está máis cerca do que rompe esa linguaxe do consenso, da representación, da conmemoración. Hai sempre unha relación violenta entre poder e poesía, porque ao final a política necesita a palabra do poeta para lexitimarse, para quedar como o fermoso, o memorable, o sagrado. E á inversa, moitos poetas pactaron ou necesitaron esoutro terreo da conmemoración, supoño que para facerse fortes e perpetuarse. Para min o máis interesante é a linguaxe que resiste a iso. (…)”.

Pontevedra: actos literarios no Culturgal para o domingo 4 de decembro

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2011, remata este domingo 4 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 16:30 a 21:30 h., e entrada libre até completar capacidade. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2011, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este día:

Domingo 4:
11:30 h. Presentación de Guía didáctica de instrumentos musicais, publicada en Ouvirmos. No Salón.
12:00 h. Conversa de Xesús Fraga con Mario Regueira e Jacobo Fernández Serrano. No Salón.
12:00 h. Mamá Cabra: Xa me tardan eses magos, publicado en Galaxia. No Auditorio do Pazo.
12:30 h. Conversa de Xesús Fraga con Antón Riveiro Coello. No Salón.
13:00 h. Conversa de Xesús Fraga con María Xosé Queizán. No Salón.
14:00 h. Pere Tobaruela: presentación de Poñente, publicado en Xerais. A relación novelada de Galicia e Cataluña. No Salón.
16:30 h. Café con: María Xosé Queizán.
16:30 h. Fran Alonso: presentación de Ninguén, publicado en Xerais. A tecnoloxía e as relacións persoais. No Salón.
17:00 h. Presentación de A praza é nosa, publicado en Editora 2.0, unha ollada sobre o 15-M coordinada por Marcos Pérez Pena. No Salón.
18:00 h. Conversa de Teresa Cuíñas con Emilio Alonso e Víctor de las Heras sobre os seus libros (Vigo a 80 revolucións por minuto, e Vigo, a explosión dos 80, respectivamente) sobre a movida viguesa dos anos 80. No Salón.
18:30 h. Fran Alonso e Xurxo Souto: O meu gato é un poeta. No Cuarto dos Nenos.
19:00 h. Conversa de Teresa Cuíñas con Carlos Callón. No Salón.

Pontevedra: actos literarios no Culturgal para o sábado 3 de decembro

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2011, continúa sábado 3 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 16:30 a 21:30 h., e entrada libre até completar capacidade. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2011, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este día:

Sábado 3:
12:00 h. Presentación de Onde mercan os larpeiros, de Tomás Alonso e Víctor López, publicado en Galaxia. No Salón.
12:30 h. 2.0 Editora. Presentación do proxecto editorial. No Salón.
13:00 h. María Solar e Xosé Tomás: Vou ter un irmán!!!, publicado en Galaxia. No Cuarto dos Nenos.
13:30 h. Colección de libros Cociña infantil e familiar, de Ouvirmos. No Salón.
13:30 h. Entrevista a Inacio Vilariño e sinatura do seu libro Fábula Galénica, publicado en Baía Edicións.
14:00 h. Elena Gallego: Dragal I e Dragal II, novelas xuvenís publicadas en Xerais. No Salón.
16:30 h. Berrobambán: Contatrás. No Cuarto dos Nenos.
17:00 h. Colectivo da Porta Verde do Sétimo Andar: Q de Vian. Cadernos. No Salón.
17:30 h. Xosé Tomás: Nómades. A emigración a través das mulleres, publicado en Galaxia. No Salón.
18:00 h. Café con: Manuel Rivas.
18:00 h. Guía das libélulas de Galicia, publicada en Baía Edicións. No Salón.
18:30 h. Fernando Neira: Berrogüetto: O pulso da terra. Un libro sobre a eclosión do folque galego, publicado en Galaxia. No Patio.
18:30 h. Anxo Fariña: A chave da Atlántida. No Cuarto dos Nenos.
19:00 h. Café con: Domingo Villar.
19:00 h. Conversa de Manuel Jabois con Manuel Rivas e José Luis Cuerda. No Salón.
20:00 h. Conversa de Manuel Jabois con Domingo Villar e novos autores de novela negra: Xosé Manuel García López e Francisco Varela Losada. No Salón.
20:00 h. Happening multidisciplinar. Vídeo, son, palabras, expresión corporal. No Faiado.

A Coruña: presentación de Léxico Galego: Degradaçom e Regeneraçom, de Carlos Garrido

A sexta-feira 2 de decembro, ás 12:30 horas, na Facultade de Filoloxía da Coruña, preséntase o libro Léxico Galego: Degradaçom e Regeneraçom, de Carlos Garrido, publicado por Edições da Galiza. No acto acompañará ao autor Xosé Ramón Freixeiro Mato.

Pontevedra: actos literarios no Culturgal para o venres 2 de decembro

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2011, comeza este venres 2 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 16:30 a 21:30 h., e con entrada libre até completar capacidade. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2011, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este día:

Venres 2:
13:30 h. A Compañía Traspediante presenta o espectáculo de animación e danza Baleadas, baseado no libro de Estevo Creus, Balea2.
16:30 h. Xan Eguía: A lenda de Cuaima e Mohan.
18:00 h. Café con: Xulia Alonso.
19:00 h. Conversa de Ana Romaní con Antonio Piñeiro. No Salón.
19:30 h. Conversa de Ana Romaní co Colectivo Polaqia (Brais Rodríguez e Sergio Covelo). No Salón.
19:30 h. Presentación de A caza do ghazafello, de Denís López Horro, Marcos Payno e Valentín Torrado Blanco, libro musical publicado en Xerais. No Cuarto dos Nenos.
20:00 h. Conversa entre Ana Romaní e Xulia Alonso. No Salón.
20:30 h. Das Kapital. Poesía e vangarda, expresión máxima dos adentros. No Patio.
21:00 h. Federico Cocho: Guerra civil. O que pasou en Galicia e en España, publicado en Xerais. No Salón.
– A partir das 21:00 h. Poetas da Hostia. Vendo a miña alma, poxa de poeta. No Pequeno Karma. Coa participación de Ledicia Costas, Lucía Aldao, Daniel Landesa, Mig Seoane, María Lado e María Longa.

Ourense: presentación de como estás?, de Claudio Pato, e (repeat to fade), de Rebeca Baceiredo

O venres 2 de decembro, ás 20:00 horas, no Multiusos da Universidade (Edificio de Ferro) do Campus das Lagoas (entrada pola Rúa Doutor Temes Fernández) de Ourense, terá lugar a presentación dos libros (repeat to fade), de Rebeca Baceiredo e Como estás?, de Claudio Pato, publicados en Estaleiro Editora. No acto estarán acompañados por Miguel Mosqueira.

A Coruña: presentación de A bordo dun barco sen luces, de Luz Pozo

O xoves 1 de decembro, ás 20:00 horas, na Fundación Nova Caixa Galicia da Coruña (Cantón Grande 21-24, baixo), preséntase o libro A bordo dun barco sen luces. O mundo poético de Luís Pimentel, de Luz Pozo Garza, publicado en Alvarellos. No acto intervirán, xunto á autora, Román Raña, Olivia Rodríguez-Tudela, María Xesús Piñeiro e Henrique Alvarellos.

Vigo: presentación de Vigo. A explosión dos ’80

O xoves 1 de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal do Concello de Vigo (Praza do Rei), preséntase o libro Vigo. A explosión dos ‘80, con fotografías de Víctor de las Heras e textos de Fernando Franco, publicado en Xerais. No acto, en que participan Manoel Soto, Antonio Sangabriel, Nicolás Pastoriza, Fernando Franco, Víctor de las Heras e Manuel Bragado, terá lugar unha proxección de fotografías do libro cunha selección musical dos ‘80.