Arquivo da categoría: Literatura e ensino
Arantza Portabales: “Que haxa rapazada que le en galego significa que non teñen medo de achegarse á lingua”
Entrevista de Laura Veiga a Arantza Portabales en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que significa para vostede recibir este premio?
– Arantza Portabales (AP): Eu só escribo para que alguén o lea. Saber que a xente dos clubes de lectura me está escollendo a min é marabilloso; e, en concreto, nos clubes dos centros escolares, cuxa función é a promoción da lectura. E despois está a segunda parte, porque eu sempre que podo intento ir e compartir con eles o que lles supuxo a lectura, e é unha experiencia moi agradábel. A rapazada é súper sincera: ás veces din que un libro non lles gustou ou que non lles gusta ler, pero moitas outras veces tamén me din que lles encantou, que o pasaron moi ben lendo, e esa é unha sensación moi boa. E sabes que é verdade porque tampouco teñen nada que perder.
Moitas veces parece que temos a sensación, como a tiñan os nosos pais con nós, de que antes era mellor, que agora non len e que están todo o día co móbil. Como se nós non estivésemos. E ademais non é certo: a rapazada le e moita incluso escribe. Para min, este é o premio do público, do “boca orella”.
Tamén é moi importante o que vai nos libros, e para min a novela negra, como dicía Domingo Villar, é unha escusa para entrar no debate de moitas cousas. Desde estas historias podemos tratar a violencia de xénero, o abuso sexual ou o perigo das redes sociais.
– ND: Tendo esta experiencia, como percibe a situación da lectura entre a mocidade?
– AP: Penso que é a mesma que a das persoas adultas. O móbil cómenos moitísimo tempo, a todas. E o máis preocupante é que nós estamos dispostas a renunciar a el. Ao final eu, cando era nena, tiña unha televisión con dous canais, un coa misa e o outro cunha carta de axuste durante 22 horas ao día. Non viaxábamos, non tiñamos internet. Os libros eran esa ventá para o mundo, eran o único que tiñamos. Agora iso perdeuse porque a oferta de ocio é moito máis ampla. Hai que esforzarse moito para que atopen a maxia da lectura.
O outro día estiven nun club da ONCE no que dixeron algo que me pareceu totalmente certo: “A literatura é moi especial, porque nun libro entramos todos en igualdade de condicións. Os que ven e os que non”. A literatura permítenos sentir, e por iso tamén as emocións dos libros son superlativas –cando un sofre, sofre moito–. A literatura supón unha conexión coa parte máis racional e intelixente do ser humano, fai que non nos durmamos. Temos que defendela a capa e espada, e por iso é tan fundamental o labor que fan as bibliotecas escolares. (…)”
Compostela: actividades do 14 de xuño na SELIC 2024 (na Quintana)
Compostela: actividades do 11 de xuño na SELIC 2024 (na Quintana)
Crónica fotográfica da participación galega nas Xornaes Lliteraries Na rexa la mar, en Candás
Estas son varias fotografías das Xornaes Lliteraries Na rexa la mar, organizadas pola Asociación de Escritoras/es de Asturias o 31 de maio e 1 de xuño, onde participou, en representación da AELG, Marta Dacosta. A crónica fotográfica pode verse tamén aquí.
Rosalía Fernández Rial: “Nunca foi tan necesario facer un ensino activo e creativo”
Entrevista de María Monteiro a Rosalía Fernández Rial en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): En que consiste a proposta didáctica de Mover ficha?
– Rosalía Fernández Rial (RFR): É unha proposta didáctica coa que se pretende que o ensino sexa máis activo, máis comunicativo, que os coñecementos se vinculen entre si de maneira orgánica e natural, esa é a chave, combater estruturas máis ríxidas de pensamento e de ensino.
– ND: Refírese a conectar o ensino de linguas coas performance.
– RFR: Trátase de aplicar as artes ao ensino. O que propoño en Mover ficha é que nas materias de linguas convivan a lingua e a literatura coas artes escénicas, tamén coas artes plásticas e as musicais. Que todo forme parte dun gran proxecto, que o ensino das artes e as linguas se entrelacen e tamén o desenvolvemento dunha sensibilidade cara ás artes e cara á literatura. É unha evidencia que a Intelixencia Artificial está aí, as máquinas e a robótica están aí e o ensino non pode dar as costas a isto. Nunca foi tan necesario facer un ensino activo, creativo e que desenvolva as cualidades humanas.
– ND: Como profesora de linguas, como ve a situación do idioma galego no ensino?
– RFR: As profesoras de calquera lingua debemos ter unha conciencia de normalización lingüística e darnos conta de que a evidencia científica é que temos o privilexio de poder ser bilingües, e temos o privilexio de que a nosa lingua primeira (o galego) nos permita adquirir outras linguas de maneira moito máis doada. O ensino de todas as linguas nunha comunidade como a nosa debería ter un enfoque diferente. (…)”