Arquivo da categoría: Entrega de premios
Crónica do acto de entrega do IX Certame Victoriano Taibo a Xosé Iglesias
Desde o Instituto de Estudos Miñoranos:
“O pasado sábado 10 de decembro o auditorio municipal Lois Tobío de Gondomar acolleu o acto de entrega da 9ª edición do Premio de Poesía Victoriano Taibo cunha audiencia ben numerosa que se deixou engaiolar pola maxia irresistible dun escenario repleto de calidade literaria, calidade oratoria, calidade dramática e exquisita sensibilidade. A clave do éxito que, sen dúbida, acompañou o desenvolvemento deste evento estivo, sobre todo, na afortunada conxunción de catro extraordinarios representantes do mundo cultural: Marta Dacosta, directora do acto, que foi introducindo todos os intervenientes coa axilidade e dinamismo que a caracteriza ao tempo que proporcionaba a información necesaria, breve pero oportuna, sobre o que o público precisaba saber para apreciar non só a aparencia senón tamén a substancia do que alí estaba sucedendo, todo adornado con pinceladas poéticas e eruditas que lle engadían atractivo ao seu ben facer; Xosé Lois Vilar, comentarista do libro gañador, que nos deleitou cunha maxistral descrición dun número incrible de elementos que conforman o noso mar e a relación que con el ten o mariñeiro, para introducirnos na degustación dos valores, mariñeiros e poéticos, que adornan A relixión do mar, o libro que mereceu o galardón deste ano, que cualificou de “mito fundacional da nosa literatura”, todo cunha linguaxe expresiva, forte, contundente e chea de imaxes mariñeiras e telúricas; Xosé Iglesias Lamela, poeta galardoado, que nos deu a coñecer algunhas claves do poemario, este berro, en palabras súas, silenciado entre as tapas que emerxe forte, sonoro e firme cando se abre para denunciar que nos están a roubar o mar dos nosos avós, que nos fixo unha entrañable profesión de fe mariñeira, pois, así como outros precisan ir a misa ou orientarse cara á Meca para rezar, el necesita ver o mar, sentilo, respiralo, amarrarse sobre o seu lombo líquido, que nos fixo transitar por artes do xeito, cardumes, sardiñas e xardas, ardoras, noctilucas, vagalumes mariños, rosas dos ventos, cuadrantes, partes meteorolóxicos… e nos engaiolou cun sentido e breve recital para acabar emocionándonos co recordo da súa sobriña Nerea, moi prematuramente morta, a quen lle dedica o libro, antes de despedirse facendo soar unha buguina do mar de María Antonia; e Xesús Alonso Montero, que puxo o punto e final con palabras gabanciosas para o IEM, o Concello e todos os intervenientes no acto, gabanzas que intensificou cando se referiu ao poemario e ao seu autor que fixeron del un novo e fervoroso crente da relixión do mar, libro insólito no panorama da poesía de hoxe pola súa forza e orixinalidade que vai marcar un antes e un despois, como xa sucedera con Manuel Antonio, e que motivou, ademais, a presentación maxistral de Xosé Lois Vilar “o máis grande orador de Galicia dende Prisciliano a hoxe en galego mariñeiro”.
Máis información en Grupo EsComunicaciónGalicia.
A Estrada: entrega do Premio García Barros a Miguel Sande
A Coruña: entrega do Premio de Narrativa Breve Repsol a Daniel Asorey
O mércores 14 de decembro, ás 20:30 horas, na Fundación Paideia da Coruña, terá lugar o acto de entrega do Premio de Narrativa Breve Repsol a Daniel Asorey, pola súa obra Nordeste. O acto, ao que é preciso acceder con convite previo, será presentado por Ana Rodríguez, e participan, xunto ao autor, Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, Ignacio Egea, vicepresidente da Fundación Repsol, e Víctor Freixanes, da Editorial Galaxia.
Gondomar: entrega do IX Premio de Poesía Victoriano Taibo a Xosé Iglesias
Desde o IEM:
“O xurado do IX Premio de Poesía Victoriano Taibo, formado polos profesores e escritores Xulián Maure, Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Iñaki Varela e Miguel Anxo Mouriño, acordou concederlle o galardón ao poeta de Cee Xosé Iglesias Lamela polo poemario titulado A relixión do mar. Trátase dun libro que, sen abandonar a linguaxe poética, constitúe un auténtico tratado sobre a vida en e relacionada co mar. Desfilan por estas páxinas aparellos, artes de pesca, coñecementos de navegación, embarcacións, carpintería de ribeira, lugares, sucesos e un grande etcétera que o autor aproveita habilmente rebordando a súa intención didáctica e presentándonos, a través de imaxes ricas e suxestivas, un proxecto de vida na que cicela a súa propia identidade. Versos con recendo a marusía que evidencian coñecemento profundo e vivencia delongada do mundo mariño nesta “homenaxe á fe infinita que teñen os nosos mariñeiros por este anaco de océano. Unha fe a se representar en distintos rituais que van converxendo ao longo da costa e do tempo”, en palabras do autor. O premio está dotado con 3000€ e unha peza escultórica da autoría de Fino Lorenzo. O acto de entrega, conducido por Marta Dacosta, terá lugar o próximo sábado día 10 de decembro ás 19:30 horas no auditorio municipal Lois Tobío, co seguinte programa:
– A banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, abre o acto.
– Marta Dacosta fai unha breve lembranza da figura de Victoriano Taibo e recorda tamén a recente publicación da súa obra inédita Contos pequenos.
– O CEP Neira Vilas, de Peitieiros, interpreta dous destes contos.
– Xosé Lois Vilar fará un breve comentario sobre o libro premiado.
– O autor recibe o galardón da man do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e recita algúns poemas da súa obra.
– Actuación da banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns.
– Despois da quenda de agradecementos clausurará o acto o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.
– Á saída, no vestíbulo, estará agardando un albaroque de confraternización durante o cal o autor asinará libros para quen o desexe.”
Pontevedra: actividades literarias destacadas do sábado 3 no Culturgal
Do 2 ao 4 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, e con horarios de 11:00 a 21:00 horas o venres 2 e sábado 3, e de 11:00 a 20:00 horas o domingo 4, terá lugar o Culturgal 2016. O prezo das entradas é o seguinte:
– Xeral: 2 euros (1 día) | 3 euros (3 días).
– Menores de 12 anos: 1 euro (1 día) | 2 euros (3 días).
– Menores de 3 anos: gratis.
As actividades literarias destacadas do programa para o sábado 3 son:
– 11:30 h. Entrega do primeiro premio Celso Emilio Ferreiro de poemas musicados. Fundación Celso Emilio Ferreiro. Espazo foro.
– 11:30 h. Bestiario do Vestiario. Dinastía Meiji. Presentación do libro de Martiño Suárez. Co autor e o editor Carlos Meixide. Espazo libro.
– 11:45 h. Premio Meiga Moira 2016. Baía Edicións. Entrega do 7º Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Meiga Moira a Héctor Cajaraville, por Denébola a Roxa. Espazo libro.
– 12:15 h. No seu despregar. Apiario. Presentación da antoloxía, cos poetas Ismael Ramos, Rosalía Fernández Rial, Tamara Andrés e Jesús Castro. Espazo libro.
– 12:45 h. Presentación do 18º Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Concello de Pontevedra, e do libro Escaquis e Romeu, de Antonio Manuel Fraga e Jacobo Fernández Serrano. Espazo libro.
– 13:15 h. Mulleres bravas. Urco Editora. Presentación da colección coas autoras María Lado e Eli Ríos, Eva Agra, ilustradora e Andrea Jamardo, coordinadora. Espazo libro.
– 16:30 h. Cans de Carlos Meixide. Presentación da novela. Coa participación do autor e o apoio do Festival de Cans. Espazo foro.
– 16:30 h. Catro Ventos Editora. Presentación da editorial con Isidro Dozo Valladares, Miguel Braña Montaña, Alicia Rodríguez Malga e María Mediero Mayán. Espazo libro.
– 17:00 h. Para além dos tópicos. Presentación dos libros de Através Editora. O poeta Tiago Alves Costa dialoga con Teresa Moure, autora de Bolxeviques 1917-2017, Carlos Taibo, autor de O penálti de Djúkić, Carlos Pazos Justo, autor de A imagem da Galiza em Portugal e Carlos Quiroga, sobre A imagem de Portugal na Galiza. Espazo libro
– 17:30 h. Concerto Cousas de papá, de Raúl Gómez Pato, publicado en Xerais, coa participación de Héctor Lorenzo, guitarra, Carlos Freire, percusión; Xaquín López Fariña, violín e Natalia Pajarito, voz (Espazo Carpa).
– 18:00 h. «A crítica aos ollos da escrita». Con María Lado e Mario Regueira. Asociación Galega da Crítica. Espazo libro.
– 18:00 h. Sinatura de Jacobo Fernández Serrano, Marcopola (Stand de Xerais).
– 18:15 h. Conversa con María do Cebreiro, autora de O Deserto, e Marilar Aleixandre, autora de Desescribindo. Apiario. Espazo foro.
– 18:30 h. Cinepoemas. Ouvirmos. Con Claudio Rodríguez Fer, autor, e Cristina Fiaño, Editora gráfica. Espazo libro.
– 18:45 h. O Desconhecido. Berlai. CUNDE.gal. Presentación da Banda Deseñada-CD con Xiao Berlai e co ilustrador Ernesto G. Torterolo, publicado por Axóuxere. Espazo foro.
– 19:00 h. Galegos universais. Influencia de Galicia no mundo. Hércules de Edicións. Con Afonso Eiré, autor e coordinador. Espazo libro.
– 19:00 h. Sinatura de Diego Giráldez, autor de Galería de saldos (Stand Xerais).
– 19:15 h. A meniña de libros, de Oliver Jeffers e Sam Winston. Patasdepeixe. Espazo infantil.
– 19:30 h. Conversa do xornalista César Lorenzo con Alberto Canal, autor de O amor nos escuros días de Birkenau; Manuel Gago, autor de O anxo negro; e Ramón Nicolás, autor de O espello do mundo, obras publicadas en Xerais, arredor da novela histórica (Espazo Libro).
– 20:15 h. Conversa con Blanca Riestra, autora de Rapsodia en negro (Premio de Novela Breve La Voz de Galicia), Miguel Sande, autor de A candidata (Premio García Barros de Novela) e Daniel Asorey, autor de Nordeste (Premio Repsol de Narrativa Breve). Galaxia. Co xornalista César Lorenzo Gil. Espazo libro.
– 20:30 h. Linha editorial Dr. Alveiros. Fundación Vicente Risco-Cultura que une. Espazo foro.
Monterroso: Xornada do Centenario Lorenzo Varela
Malpica: Cea das Letras 2016
Noia: entrega do XV Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos
O sábado 5 de novembro, ás 12:30 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello de Noia terá lugar o acto de entrega do XV Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos. O traballo premiado este ano foi Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro de Alex Bayorti.
Este premio está dotado con 3.000 €, ademais dunha escultura conmemorativa do artista noiés Alfonso Costa e da publicación da obra gañadora. O Certame está organizado polo Concello de Noia en colaboración coa revista Casa da Gramática do IES Virxe do Mar de Noia.