Poemas familiares ao unísono

Desde La Voz de Galicia (foto de Paco Rodríguez):
“«É primavera. Canas e pólas tecen lazos nupciais». «Ningún amor morre de todo mentres sigamos vendo pasar as súas imaxes». «Só quen nunca amou non sente como pesa no corazón a ausencia». Non é un mesmo poemario, aínda que entre eles hai vínculos. Pertencen a Poesía mínima (Alvarellos), de Helena Villar Janeiro; a Soños. Arquivos. Cartas (Xerais), de María do Cebreiro; e a Memoria do corpo (Galaxia), de Xesús Rábade. Nai, filla e pai, respectivamente, que por esta orde chegaron ás librerías no prazo dun mes. «Démonos conta cando xa estaban publicados, é sorprendente, porque depende de cando a editorial os lanza», explica Xesús Rábade. É a primeira vez que coinciden os seus traballos con tan escasa marxe. «Se somos tres persoas que nos dedicamos a escribir, o raro é que non tivese pasado antes», engade María do Cebreiro. Pero se agora coinciden os tres, Helena Villar Janeiro lembra como xa hai anos toda a familia foi galardoada en Vilalba: «Gañamos un premio os catro, tamén Abelardo [o fillo, pianista e compositor]».
As publicacións de María son sempre as que máis por sorpresa chegan. «Do primeiro libro decatáronse cando xa estaba nas librerías. Meus pais nin sequera sabían que se ía publicar», explica María entre sorrisos. «É moi autónoma, incluso tiña reservas antes de conquistar a voz propia para dar os textos, sobre todo a nós, e enténdoo», asegura Xesús, que indica que sempre se achega dos primeiros a mercalos «e despois divúlgoo como podo». Porén, Helena coñecía moi ben Memoria do corpo, de Xesús Rábade. Levaba traballando nel cinco anos. Tamén os haikus de Poesía mínima comezaron a agromar hai tempo. Helena subiu á Rede uns seiscentos nos últimos anos, combinando versos e imaxes, e houbo que facer unha selección de cincuenta, que foron traducidos ao castelán e ao inglés. As fotos que acompañan estes versos tamén as fixo a propia escritora.
¿E que destaca nestes novos traballos que acaban de chegar ás librerías? Son eles mesmos os que analizan as creacións. Helena destaca «o ritmo singular, tremendamente lírico» de Xesús en Memoria do corpo. De María, pola súa parte, o que máis admira «son as xenialidades que te sorprenden nun momento determinado e te deixan case en éxtase, así como a proximidade da súa poesía á súa vida». Un aspecto no que tamén coincide Xesús, que resalta a «mestría nas expresións» da súa filla e o seu «empeño ultimamente en desfacer o ritmo profundo que a acompaña, e iso é bo». En canto a Poesía mínima, de Helena Villar Janeiro, Rábade fai fincapé na «esencialidade lírica e imaxinativa, tamén na imaxe. É un libro de esencialidade. A iso chégase moi dificilmente, a través dos anos».
¿E como ve María os poemarios de seus pais? No caso da publicación de Helena Villar Janeiro destaca a visualidade, «non só porque o propio poema crea a imaxe, senón porque leva ese soporte interartístico». No caso do último traballo de seu pai, coincide con súa nai ao destacar o aspecto lírico. «Penso que aínda que el nunca abandona esa veta de denuncia, esa musa política, eu téñoo tamén por un gran poeta lírico e si que vexo un regreso a ese momento elexíaco». (…)”

Víctor F. Freixanes: “A efectos da fala, Feijóo é Feixóo”

Entrevista a Víctor F. Freixanes en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza: O Freixanes escritor, resiste ou non resiste?
– Víctor F. Freixanes: Mal, mal, mal. Cando decidín xubilarme en Galaxia ou aquí na Universidade -aínda que aquí me fixeron a honra de me nomear profesor ad honorem-, pois eu tiña dúas novelas empezadas, un libro de ensaio, tencionaba recuperar algunhas cousas. Recuperei Unha ducia de galegos, agora O Triángulo inscrito na circunferencia sae co texto definitivamente fixado… Porque eu como editor, non sei se fun bon ou mau, xúroche que me envorquei cos autores, traballei con eles todo o que fun capaz, mais como editor de min mesmo… un desastre! Todos os meus libros descatalogados, todas as miñas novelas están esgotadas… Ben, é certo que teño moi parada a miña historia como escritor. Non o levo ben. De cando en vez éntrame o arrebato. Teño aquí [sinala o computador] algunhas cousas. Mais despois cando as releo dígome a min mesmo: “Pero a quen lle interesa isto?”. Ora, tamén teño reconciliación cos leitores. Hai unha lenda urbana que vén dicir iso de que “as novelas de Víctor son moi dificiles”. Ben, nós cando eramos rapaces líamos cousas moitísimo máis complicadas. Hoxe estase a producir unha mudanza nos hábitos sociais e hai que se perguntar se a xente le ou non le e que tipo de produtos culturais consomen. Por exemplo, os meus alumnos xa non ven televisión ningunha, todos están enganchados a Youtube ou descargan as súas series nos computadores, venas nos móbiles! Ora, despois atópaste co caso dunha profesora, Olga, que dá clases en Curtis, que leu o Cabalo de Ouros [a súa última novela, publicada por Galaxia en 2011], que lle gustou moitísimo e que lla deu a ler aos seus alumnos de primeiro de bacharelato. Ben, hai en Youtube un vídeo dunha rapaza de 16 anos falando durante sete minutos de Cabalo de Ouros que xa quixera eu que moitos críticos literarios fixesen o que fai esa moza. Alén de ser moi simpática e tal. Fun ao instituto. Falei cos rapaces. Uns 40. Con moita información sobre a novela, con moita curiosidade polo tema do wolfram, non sabían que existían os cantares de cego, que é iso, e tal, perguntaban. Que quero dicir con isto? Pois que cando saín dalí, volvín pensar: “Voume pór escribir outra vez”. Por que? Porque a literatura se alimenta do cariño das leitoras e dos leitores. Cousas como esta de Curtis cárganche as pilas. Logo, claro, sempre hai quen che di: “Home, xa sei que escribes moi ben, pero eu cheguei á páxina 70 e non dei pasado de aí”. Pero, ben, así é este oficio. Non hai que facerlle.”

Baldo Ramos: “Neste momento da miña vida poesía e plástica están moi unidas”

Entrevista a Baldo Ramos en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (P): Cal é o xerme de Cartas dende o esquenzo (Galaxia, 2018)?
– Baldo Ramos (BR): Este libro nace do meu interese por experimentar sobre as limitacións que ten a linguaxe para comunicarnos cos demais. Todos, dun xeito ou doutro, temos vivido as consecuencias de convivir cun enfermo de alzhéimer. Como dicía Pasqual Maragall, esta doenza borra a memoria pero non borra os sentimentos. E ese sería o meu segundo interese á hora de escribir este libro: a indagación neses espazos que seguen ocupados polo amor profundo que sente un pai polos seus fillos e os seus fillos por un pai que padece esta doenza. (…)
– P: Cal pensa que é o aspecto ou elemento que mellor define o seu traballo poético?
– BR: Non penso que sexa eu o máis indicado para facer esa valoración, pero síntome moi identificado coa poesía que mira cara a dentro, que conta desde espazos ou enfoques que non pretenden unha interpretación unívoca, previsible, do poema. Comparto aquilo que practicou Eduardo Chillida con toda a súa obra: “O creador non pretende dar respostas senón facerse preguntas”. Para min o traballo poético é un campo de experimentación inesgotable e moi pracenteiro. O maior incentivo que eu teño para seguir escribindo.
– P: Vostede cultiva tamén as artes plásticas. Cal é a relación que para vostede existe entre estes eidos artísticos?
– BR: Neste momento da miña vida poesía e plástica están moi unidas, quizais porque nos últimos tempos teño experimentado máis no ámbito da poesía visual e me interesa esa mestizaxe, ese contaxio. Eu penso que a necesidade de ir dunha a outra explícase pola miña visión da poesía como algo material. E experimentando coa materialidade na poesía e coa abstracción na plástica, ao final chegas a eses puntos de contacto, a ese diálogo por osmose no que a pintura pode lerse como poesía e a poesía pode verse como pintura. A miña obra caligráfica exemplificaría estes vasos comunicantes, como tamén os meus últimos proxectos compartidos con Pepe Cáccamo no ámbito da poesía visual.
– P: Cal é a súa opinión sobre o estado actual da poesía en lingua galega?
– BR: Polo que respecta aos autores e obras que están vendo a luz, coido que estamos a vivir un momento plural e vizoso. Pero falta un maior dinamismo editorial que canalice esa creatividade e que a divulgue, que a dea a coñecer. Aquí e fóra. Hai iniciativas meritorias no ámbito da edición en Galicia (quizais máis ca nunca), pero non as suficientes como para que se visibilice, como penso que merece, todo o potencial da poesía galega contemporánea. (…)”

A nena do abrigo de astracán, a última novela de Xabier P. DoCampo

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Percorremos as súas páxinas con Manuel Bragado, Xosé Cobas, Berta Dávila, Pepe Coira e Martin Pawley. Pode escoitarse aquí.”

Iria Misa: “Segredos no Solpor é a primeira novela que escribín”

Entrevista a Iria Misa en Balea Cultural:
“(…) – Balea Cultural (BC): Que imos atopar en Segredos no Solpor?
– Iria Misa (IM): Pois unha historia cargada de misterio que transcorre entre as paredes dun hotel dunha vila costeira. Amores de verán, festas e viaxes a praia… tamén segredos do pasado e do presente: dos que nacen para protexerse da incomprensión e dos que agochan o peor de nós como humanos e como sociedade.
– BC: Cal é a gran diferencia entre Segredos e a túa obra anterior? Por exemplo, respecto á exitosa Xa non estou aquí.
– IM: De momento teño dúas obras publicadas e aínda que considero que conflúen en puntos –a franxa de idade á cal val dirixidos, por exemplo– tamén son diferentes. Xa non estou aquí é para min unha novela un chisco máis escura. Coido que a mensaxe que transmite é de desalento, aínda que a súa forza nace tamén de aí, do descarnado dos sentimentos que reflicte. Pola súa banda, Segredos no Solpor, a pesar da crueza dalgúns dos temas que nela se tratan, ten un carácter máis amable. O escenario do verán, a praia, as vacacións… Quero pensar que transmite a importancia das segundas oportunidades. Creo que chama un pouco máis á esperanza, a pesar das situacións adversas que se dan na historia.
– BC: Que temáticas che gusta tratar nos teus libros? E xéneros?
– IM: Non me poño límites, non hai certos temas que para min teñan prioridade por riba doutros. Si que é certo que moitas veces me sorprendo a min mesma con ollo observador, recollendo información de aquí e de alá sobre cousas do noso presente que me remexen por dentro. Mais non é algo consciente. Escribo sobre o que me apetece dependendo da idea que se me ocorre. E as ideas ocórrenseme a saber como. Non sei por que pasa, pero cando pasa é moi emocionante. Préndese unha faísca e nace unha historia que se espalla coma un lume.
– BC: Como empezaches a escribir, ou a pensar en publicar?
– IM: Comecei a escribir cando estaba rematando a carreira, supoño que por imitación: les moito, acabas escribindo. Apareceron historias e con elas a gana de sacalas adiante, pero recoñezo que ao primeiro andaba desorientada e non sabía ben como. Non me decataba de que o único que tiña que facer era sentar e botarlle horas, pero sempre había algo que facer. Entón chegou un punto da miña vida que todo se calmou, atopei mans amigas que me guiaron e ata hoxe. Alienáronse os astros. A miña primeira publicación veu da man dun premio. (…)”

Bonus Track, de Rosalía Fernández Rial

Desde o Zigzag da Televisión de Galicia:
“Seguimos falando de libros…e de música. Porque o Bonus Track de Rosalía Fernández Rial, é unha presada de relatos do imprevisto…tecidos con letras de cancións e co lirismo propio dela. Di Rosalía: Resiste. E cando a música repouse, entrará a literatura a bailar. A entrevista pode verse aquí.”