Alicia Fernández: “O público de poesía está formado por clientes militantes”

Entrevista Alicia Fernándezde Alberto Ramos a Alicia Fernández:
“(…) – Praza (P): Falamos dunha libraría e dunha editorial [Chan da Pólvora] que conforman un proxecto conxunto, pero que manteñen a autonomía. Como encaixan as pezas? Como organizan o traballo?
– Alicia Fernández (AF): Procuramos que o traballo sexa asembleario e idílico. Xuntámonos, falamos e consensuamos. Malia todo, queremos que os traballos sexan separados. No caso da editora, lévaa principalmente Antón Lopo. A libraría, pola contra, levámola Eduard e mais eu. Iso non quere dicir que haxa unha separación total definida. Estamos todos pendentes do traballo de cada unha das partes, propoñemos ideas dunha vertente a outra. Por exemplo, Antón tivo moito que ver co local e, loxicamente, Manolo moitísimo coa súa estética. Gonzalo Hermo, pola súa banda, propuxo que fose Antón Blanco o primeiro autor para publicar. Nós tamén participamos nas ideas editoriais, encargámonos de corrección… É dicir, procuramos conservar e diferenciar os traballos, pero implicámonos todos en todo. (…)
– P: Que teñen en mente á hora de crear unha programación?
– AF: Vimos de abrir hai nada e, realmente, non tivemos tempo material de idear a programación. Temos axendadas presentacións e actos, pero a verdade é que tamén se vai construíndo de forma espontánea. É dicir, Elías Portela escoitou falar de Chan da Pólvora, pasou un día por acó, quixo coñecer o local e pregunteille se quería recitar aquí. Pareceulle unha fantástica idea e organizouse axiña. Despois, no campo dos obradoiros gustaríanos desenvolver algún no verán. Non obstante, temos que sentar, pensar, decidir e programar. Cando comece o curso, en setembro, si que queremos ter catro sesións ao mes. Queremos ter obradoiros todos os meses e que realmente haxa movemento. Refírome a obradoiros de escrita creativa, de introdución á poesía para cativos… Penso que hai que cubrir un oco en Santiago, xa que agora mesmo hai pouca oferta de obradoiros de escrita. Este ano houbo algún de Suso de Toro, outro de Olalla Cociña, pero pouca cousa máis… Non é como na Coruña, que ten maior oferta e un público que responde, que vai sempre e encantado. (…)
– P: Que significa para poetas como vostedes, nun sistema no que vivir da literatura é ben complexo e da poesía imposible, converter a poesía no seu mundo laboral?
– AF: Non se pode pedir máis. Facemos o que nos gusta. Vimos de materializar un proxecto que estaba no aire, que se reducía de cando en vez a dicir “Que bonito sería ter unha libraría de poesía”. Meses despois, atopámonos no número 74 da Rúa de San Pedro facendo esta entrevista. Unha loucura, a verdade.”

Miguel Anxo Seixas: “Ten que haber dous orixinais do Álbum Nós”

EntrevistaMiguel Anxo Seixas Seoane a Miguel Anxo Seixas en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Que che parece a aparición dos orixinais do Álbum Nós?
– Miguel Anxo Seixas (MAS): Polos datos que eu tiña para min é unha sorpresa, porque o último rastro que se nos transmite por escrito a través de Núñez Búa e de Isaac Díaz Pardo é que o álbum orixinal, ou un dos álbums orixinais, estraviouse en Bos Aires. Extraviouse non, foi entregado a unha persoa e non llo devolveu a Castelao e este morreu un pouco entristecido con esa pena, ao ver que non llo devolvían porque ía facerse unha edición da súa obra gráfica completa.
– SG: Entón ti cres que hai dous orixinais?
– MAS: Claro. Por que nos falan dun orixinal que el tiña alá e que lle causou disgusto que non llo devolveran? Probablemente tivese outro álbum onde elaborou os seus debuxos, ao mellor imprimiu con eles a edición do 31 de Hauser y Menet e ese regaloullo a alguén, quedou en Pontevedra, e ese segundo orixinal, por chamarlle dalgunha maneira, é o que se expón despois en Moscova, en Montevideo, en Nova York… Non creo que andivera exhibindo un álbum en copia. O problema é: como lle chega a Castelao, que vai cun cepillo de dentes, por usar unha metáfora, a Madrid en 1936 a entregar o Estatuto? Eu sospeito que a irmá de Virxinia, que se chamaba Clemencia, como tiña acceso á chave, que vivían porta con porta, puido acceder durante algún tempo a esas cousas, rescatouno e fíxolle chegar un montón de cousas a Castelao, porque -insisto- tivo que ir cunha muda. Descubrimos que Castelao en Bos Aires ten As Cruces de Pedra, o Álbum Nós, o álbum de autocaricaturas… É dicir, alguén apañou estas cousas e fíxollas chegar. Non sei se a Madrid ou a Bos Aires, e a única persoa que creo que puido acceder por ter a chave é a súa cuñada. (…)
– SG: Para alguén que non sexa experto na materia, cal é a importancia destes dous orixinais?
– MAS: Importancia ten, porque é revelador da historia da cultura galega. Ti podes pintar unha Galiza bonita, como facía Lloréns, ou unha Galiza ideal, como a que pinta Álvarez de Soutomaior, pero el fai unha radiografía da realidade galega, que non se vía, cos seus problemas, coas súas eivas, coas nosas propias culpabilidades. É a primeira vez que se presenta unha Galiza que se ocultaba. E hai outra Galiza que estaba aí e el tivo a valentía de poñela. Antes púxoo Rosalía, Curros e Lamas Carvajal en forma de poemas? Si, pero en imaxe ninguén o expuxera así. E iso impactou, claro. E ao mesmo tempo, con pé, facendo pensar. El non se posiciona, é o espectador o que ten que tomar posición. É unha síntese de moitos anos. Antes de facer o álbum, foi lanzando eses debuxos na Nosa Terra, na Voz de Galicia de Buenos Aires, e ao final fai unha síntese, como unha especie de radiografía, de informe da realidade galega, moi independente, moi intelixente, cuns pés que fan pensar. (…)”

Contos Estraños nº 0 (2ª parte)

DesdeContos_Estraños_0-696x522 Lermos.gal, entrevista de Xosé Duncan:
“(…) – Lermos: Quen es e que relación tes coa literatura?
– Manu González (MG): A miña relación coa literatura vén dende moi pequeno. Comecei a ler tebeos e cómics, e logo novelas como O principiño, Momo ou A filla do espantallo. Un libro que marcou a miña infancia e o comezo da adolescencia foi a Historia interminable. A relación coa literatura intensificouse dende a miña entrada nun internado no norte de Navarra. As aventuras e as personaxes de Pío Baroja acompañáronme durante os longos invernos no pirineo navarro.
– Fernando Pérez (FP): Son un proxecto aínda de un aquel de querer escribir. Gústanme os libros, gústame todo o relacionado co mundo do libro e da literatura, ao que quixera adicarme nun futuro, espero, non afastado. Non sei… Unha relación de amor-odio? Unha desas.
– Roberto A. Rodrigues (RR): Supoño que son fillo do meu tempo. Un licenciado, como tantos outros, que non exerce, e que optou pola saída laboral que a vida lle puxo diante.
A miña relación coa literatura é estreita e constante. Teño esa gran sorte, non sei como poden vivir as persoas que non practican a lectura. Dende cativo veño lendo a diario e dende a adolescencia escribo. Ao principio eran só poemas, despois veu unha obra de teatro, os relatos e, á fin, as novelas. (…)”

Roberto Pascual, director artístico da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT)

DesdeRoberto Pascual o Zig-zag-Eirado da Televisión de Galicia:
“A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) reforza este ano o seu programa con máis presenza internacional. Un dos grandes acontecementos do festival que acollerá a vila ourensá entre o 16 e o 24 de xullo será a representación en Galicia de A Gaivota, de Antón Chéjov, a cargo de Oskaras Korsunovas. O director artístico da MIT, Roberto Pascual, foi entrevistado para explicar a oferta que ofrecerá o evento nesta edición. Pode verse aquí.”