Marcos Calveiro: “Fontán fixo en 1834, sen case medios, o que sería o mellor mapa de Galicia en 150 anos”

EntrevistaMarcos Calveiro 2 a Marcos Calveiro en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): A novela [Fontán] percorre toda a vida de Domingo Fontán?
– Marcos Calveiro (MC): É unha visión panorámica da súa vida, desde o nacemento ata a morte. En parte está ficcionalizada, pois non hai datos da súa infancia e adolescencia. Unha das cousas que máis me interesaba é como nace a vocación de ser científico nun neno dunha aldeíña de Portas (Pontevedra). Relaciónoo con dous penedos de granito moi grandes con forma de globo terráqueo que están preto de onde naceu. El quere medir esas pedras xigantescas que había ao lado da súa casa e acaba medindo Galicia e trasladándoa a un mapa. (…)
– LO: O mapa aparece mencionado nas obras de Castelao, Cunqueiro e Otero Pedrayo.
– MC: Si, o mapa de Fontán funciona como elemento simbólico de toda a xeración Nós. Aínda que Fontán está esquecido na cultura galega, o seu mapa era un elemento simbólico moi importante, como o himno ou a bandeira. E el está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres.
– LO: Cre que está esquecido?
– MC: Non deixa de ser un científico. Hoxe preguntas na rúa por Rosalía de Castro ou Castelao e todo o mundo te di algo; preguntas por Fontán? Parece que a cultura dun país a constrúen unicamente os escritores, os poetas, pero a achega de Fontán co mapa é fundamental.
– LO: Parécelle inxusto?
– MC: Evidentemente si. A partir da ciencia tamén se constrúen os países e as culturas. Ten unha linguaxe máis inintelixible que a pintura, a música ou a arte, pero debería ter un papel social máis relevante e recoñecido. A maioría dos científicos novos do noso país, por desgraza, teñen que buscarse a vida fóra..
– LO: Cal foi o seu labor político?
– MC: Formou parte das primeiras Deputacións de Galicia, participou na división territorial en provincias e partidos xudiciais e foi reprimido en moitísimas ocasións por ser liberal, un home de progreso en contra do antigo réxime. Botárono da cátedra e quedaba sen dar clases nin cobrar, ata que o liberalismo volvía ao poder ou se abría a man. Outros compañeiros sufriron perigo físico e tiveron que exiliarse. (…)”

Bieito Iglesias presenta O ouro de Ourense

DesdeBieito Iglesias 2015 o Diario Cultural da Radio Galega:
“”O ouro de Ourense é a achega que fixeron os escritores e artistas ourensáns que case recrearon unha cidade a partir da realidade histórica dunha cidade pequena”. Bieito Iglesias presenta o libro O ouro de Ourense. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

Raida Rodríguez Mosquera: “A voz poética é poderosa porque pode facer cortes no discurso, na linguaxe do poder establecido”

EntrevistaRaida Rodríguez Mosquera-1-0 de Montse Dopico a Raida Rodríguez en Praza:
“(…) Praza (P): O peso do idioma. A linguaxe que nos atravesa. O idioma que nos constrúe. É unha idea moi presente no libro. Que é o idioma en Estirpe de sombras e por que?
– Raida Rodríguez Mosquera (RRM): Poderiamos dicir que idioma para min é sinónimo de patria; o mesmo poema, como din uns versos do libro “devén patria”. No pasado non ten sido así porque a patria me viña dada, a miña infancia e adolescencia foron en Galiza e foron monolingües en galego, pero desde que vivo fóra, co paso dos anos, fíxose moi importante para min a escrita como patria porque nela habita o idioma e é o unico, case único, espazo onde habita o idioma. Estou vivindo constantemente en catalán e menos en castelán pero case nada en galego, daquela si que é certo que cando escribo, para min o poema devén patria. E no meu presento caótico, entre o estrés do día a dia, traballar para sobrevivir e coidar as miñas fillas, teño o reto de recuperar aínda ese espazo.
– P: E a voz, que é sombra, vontade de emancipación, desexo…, erosión do Eu? Que é a voz neste libro? Por que “recuperar a dimensión política da voz”?
– RRM: Para min a voz poética sempre ten sido unha multiplicidade, un artefacto; volvendo unha vez a Chus Pato, unha horda. Detrás dos textos que escribo non hai un eu, senón unha pluralidade de voces e planos de referencia. Por outro lado, se a mesma vida é profundamente política, a voz, o que dicimos, o que escribimos e como o escribimos, todo iso é facer política. Por iso falo de recuperar a dimensión política da voz. Creo que a voz poética é poderosa porque pode facer cortes no discurso, na linguaxe, nas palabras e nos significados do poder establecido, e eses cortes son á vez unha liberación e unha vontade de transformación. Gústame pensar na posibilidade de transformar o mundo desde a propia voz, desde a forma de sentir e entender a realidade que nos ata e buscar espazos de liberdade, e tamén, como non, construír afinidades. Que o poema traspase o libro e entre na vida, esa sería unha boa consigna. (…)”

Santiago Cortegoso: “Raclette é un mosaico humano no que os universos dos personaxes forman unha panorámica da sociedade actual”

Entrevista Santiago Cortegoso por Ibuprofeno Teatrode Alberto Ramos a Santiago Cortegoso en Praza (a foto do autor é de Ibuprofeno Teatro):
“Ibuprofeno Teatro vén de estrear Raclette, obra de Santiago Cortegoso galardoada no 2014 co Premio Álvaro Cunqueiro. Nesta montaxe -na que participan os intérpretes Marián Bañobre, Iria Sobrado, Salvador del Río, Deborah Vukusic e Toni Salgado-, Cortegoso ofrécenos dúas tramas paralelas ao redor dunha única mesa. Dúas historias que aparentemente non teñen relación, pero que se entrecruzan para rematar contando unha historia tráxica que trata temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza ou a violencia. (…)
– Praza (P): Malia o dramático da ausencia dun fillo, a obra mantén -sobre todo nos primeiros compases- un equilibrio entre a comedia e o drama.
– Santiago Cortegoso (SC): Hai dúas tramas ben diferentes e quería que fosen dous tons en contrapunto, que se notase que dalgún xeito na montaxe hai dúas obras distintas. No caso dos pais, vívese un proceso de dó. É un drama absoluto e trátanse temas moi duros: a morte, a ausencia, a dor e o trauma. Na outra trama, temos un humor moi claro con situacións cómicas e un humor irónico que presenta, polo baixo, unha serie de críticas sociais. Sobre que temas? Pois sobre o vexetarianismo, o conflito entre a tele e o teatro, a alimentación, o capitalismo… Non obstante, co desenvolvemento da obra, prodúcese unha viraxe paulatina cara ao drama, até que se chega a escurecer todo. É que, realmente, o gran tema é a morte. O dramatismo vai gañándolle terreo á comedia e os conflitos vanse sucedendo até que estoupa a traxedia. (…)
– P: Na actualidade, que un texto resulte gañador do Álvaro Cunqueiro non garante a súa posta en escena. A non ser, como é o caso, que un teña unha compañía propia.
– SC: Non só ter unha compañía propia, senón que sexa posible apostar polo texto e polo formato que implique. Podes ter unha compañía, pero se cadra non tes as posibilidades de montala. Hai autores que gañaron premios importantes e que non asumiron a montaxe coas súas propias compañías. No caso de Ibuprofeno? Pois coincidiu todo de cara. Quero dicir, este texto gañou o Cunqueiro e quixemos asumir o reto de facer unha montaxe con cinco actores, un formato máis grande do habitual para nós. A verdade, eu coido que falta un sistema, unha entidade ou unha vía clara para que os textos dramáticos se monten. Non existe ningún rexistro de textos onde visibilizar o noso traballo. Non hai vías. Que pasa cos textos? Ou gañan un premio ou tes unha compañía propia para montalos. Se non é así, quedan perdidos… (…)”

Marcos Calveiro: “Sempre estiven obsesionado coa figura de Domingo Fontán”

EntrevistaMarcos Calveiro a Marcos Calveiro en Radio Obradoiro:
Marcos Calveiro presentou onte na Libraría Couceiro de Compostela, unha novela arredor de Domingo Fontán, coa que gañou o Premio Repsol de Narrativa Breve 2015. Nunha entrevista este xoves en Radio Obradoiro, o escritor vilagarcián explicou que “sempre” estivo “obsesionado coa figura de Domingo Fontán” e que a obra é a vida novelada deste ilustrado galego, matemático e topógrafo que elaborou o primeiro mapa científico de Galicia e cuxos restos, “aínda que ninguén o lembre”, descansan en Santiago, no Panteón de Galegos Ilustres. Segundo Calveiro, un dos elementos máis curiosos da obra, titulada Fontán e editada por Galaxia, é a parte na que botou man da imaxinación para a recreación da personalidade e a infancia do protagonista. Calveiro narra, entre outras cousas, a vida do deputado en Cortes e a do estudante en Compostela, a do liberal represaliado e a do científico con ansias de progreso.” A entrevista completa pode escoitarse aquí.”