Lugo, Compostela, Catoira, Silleda e Vilalba: presentacións de libros con Carlos Callón

A Coruña: presentación de Personaxes da Galiza medieval II

O 15 de abril, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, terá lugar a presentación do libro Personaxes da Galiza medieval II. A Asociación Cultural O Galo de Santiago está a editar unha colección sobre personaxes da Galiza medieval, para contar a historia de homes e mulleres que desempeñaron na nosa Terra un rol relevante, entre os séculos VI e XV. É importante coñecer a nosa historia e tomar conciencia sobre a ocultación e deturpación que sufriu canto sucedeu aquí ao longo dos séculos. As biografías que aquí se recollen son as da raíña Dona Sancha, Fernando e Vermudo Peres de Trava, o arcebispo Bernardo II, Paio Gómez Chariño, Afonso Soares de Deza, Pedro Fernández de Castro e Fernando Ruis de Castro. Contarase na presentación co historiador Xosé Miguel Andrade Cernadas, catedrático na USC (coautor desta obra) e con Mª Antonia Pérez, profesora titular na UDC. As persoas interesadas poden inscribirse aquí. As asistentes levarán de agasallo ese libro que se editou grazas a unha axuda da Deputación da Coruña.

Carlos Callón: “Hai documentos que nos din moi alto e claro que a diversidade afectiva e sexual existiu ao longo da historia”

Entrevista a Carlos Callón no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Antes de saír do prelo xa causou un maremoto nas redes sociais. Vidas e historias LGBT da Idade Media, de Carlos Callón, estuda e analiza textos literarios, históricos e legais do medievo para descubrimos unha época máis diversa e tolerante do que podíamos supoñer. Describe unha Idade Media onde había mulleres emparelladas, homes que xuraban lealdade por vida a outros homes e mesmo santos trans. A entrevista pode verse aquí.”