Gondomar: homenaxe do Instituto de Estudos Miñoranos a Rosalía de Castro

O venres 18 de outubro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Gondomar Lois Tobío terá lugar un espectáculo musical en homenaxe a Rosalía de Castro. O acto contará coa participación do escritor Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía e a intervención dos grupos musicais: 2naFronteira, Son do Val, Kogito-Ska feito na Galiza, Conservatorio de Música do Concello de Gondomar, Xardín Desordenado e o Coro Tradicional Cantares do Brión. Conducirán o acto Marta Dacosta e Rexina Vega. Por razóns de seguridade, a organización foi requirida para que garanta que non se superará o número de prazas habilitadas no local referido. A tal efecto, os asistentes deberán retirar unha entrada, no propio auditorio, nos momentos previos ao comezo da función, entrada que será indispensable para acceder ao local. Estes boletos irán numerados correlativamente, pero iso non significa unha reserva de asento, senón só unha reserva de praza. Unha vez completa a cabida, non poderá acceder ningunha persoa máis. Esperamos e desexamos que estas medidas esixidas non entrañen ningunha molestia. A actividade enmárcase nas homenaxes preparadas polo Instituto de Estudos Miñoranos a Rosalía de Castro, as que inclúen a celebración do Xantar Rosaliano (de prazas limitadas) a desenvolverse o sábado 20 nas instalacións do Pazo da Escola en Mañufe.

Lugo: inauguración da exposición Manuel Rodríguez López. Emigrante galego, poeta obreiro

O luns 7 de outubro, ás 20:00 horas, na Sala Multiusos do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n), inaugúrase a exposición Manuel Rodríguez López. Emigrante Galego, Poeta Obreiro, que permanecerá aberta até o xoves 7 de novembro, con entrada gratuíta, e horarios de visita de luns a venres de 09:00 a 21:00 horas; sábados de 10:30 a 14:00 h. e de 16:30 a 20:00 horas; e domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas.
A mostra está formada por 16 paneis informativos sobre diversos aspectos relativos á vida e obra deste creador galego, do que a maior parte da súa obra viu a luz na emigración catalana.
Na inauguración está previsto Valentín García, Mario Outeiro, Xosé Manuel Mato e Carmen Basadre, ademais de Santiago Rodríguez, fillo do homenaxeado, no nome da familia, e Antonio Giz, director de Galicia Dixital, entidade que está a impulsar a difusión da vida e obra do autor paradelense, e que promove tamén a súa páxina web.

Un documental moi especial para lembrar a Luísa Villalta

Desde Sermos Galiza:
“O 6 de marzo de 2004 Luísa Villalta morría por sorpresa, coa conmoción non só do seu entorno próximo senón do mundo literario e tamén do centro no que impartía clases. O IES Isaac Díaz Pardo de Sada, no que era profesora, apresurouse a dedicarlle un número da súa revista e poñerlle o seu nome á biblioteca. Nove anos despois da súa morte, un documental do alumnado lembra á que foi profesora do centro e, alén da súa traxectoria biográfica e literaria, repara na intensa pegada que deixou no lugar no que impartía aulas de lingua e literatura galegas.
Voces como as de Fernán-Vello, Francisco Pillado, Pilar Pallarés, César Morán ou Maribel Longueira -todas próximas ao transcorrer vital de Luísa– rememoran a relación coa escritora e a súa traxectoria literaria. O documental fita en tres aspectos vitais de Villalta, o seu perfil cultural, en especial a súa faceta de escritora e música -moito máis descoñecida e da que se dan importantes datos-, o seu compromiso coa lingua e o país e a súa particular personalidade que deixou lembranza en quen a coñeceu.
“Unha figura desta calidade, comprometida no plano político,social, que soubo ler o seu tempo e estar á altura do compromiso que esixe formar parte dunha sociedade, dun país, dun tempo histórico” di o poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello para definir á autora de Música reservada, Ruído ou En concreto. A tamén poeta Pilar Pallarés destaca que “como escritora Luísa é unha figura excepcional porque é moi pouco parecida a outros, cun mundo propio e unha grande conexión e coherencia na súa obra, independente do seu xénero”. Pallarés lembra esa harmonía que Luísa sostiña entre a súa paixón vital e o pensamento lóxico que se evidenciaba nunha “enorme preocupación e era moi lúcida á hora de analizar o país”.
O editor Francisco Pillado e a fotógrafa Maribel Longueira -que asinou coa poeta o libro Papagaio– lembran episodios compartidos coa escritora nun documental de case media hora de duración no que tamén se recollen testemuñas do seu paso polo centro.
O audiovisual, realizado pola produtora Gallaecia Films do IES Isaac Díaz Pardo, recorre a vida da escritora desde o seu nacemento até a morte prematura en 2004, días despois do que sería a súa última intervención pública, unha homenaxe a Palestina o 26 de febreiro. Remata con imaxes do seu enterro un poema de César Morán dedicado á escritora da que o 6 de marzo do próximo ano se fará unha década da súa morte, o que a fai candidata a ser homenaxeada no Día das Letras Galegas.”

Centos de persoas festexan a inauguración da Casa Museo Manuel María, tributo ao grande poeta nacional

Desde Sermos Galiza:
Día de emoción, festa e encontro na Casa de Hortas, espazo natal e literario de Manuel María que abría as súas portas ao público para ser centro da memoria do poeta e tamén da cultura da Terra Chá e do país enteiro.
O auditorio, construído na que foi palleira da casa, quedou pequeno para acoller a tantas persoas que se viñeron de todo o noso territorio para homenaxear ao escritor e amigo. A través das persoas que se achegaron nesta xornada a Outeiro de Rei poderíase construír o xeneroso perfil de Manuel María, escritor, activista cultural, político comprometido e unha das persoas máis queridas e coñecidas da cultura contemporánea. Poderían dar boa conta diso os centos de persoas que, nesta mañá, lembraban episodios compartidos con Manuel María, á vista da presenza que evocaban espazos e obxectos.
A Saleta Goi costáballe conter a emoción nun día tanto tempo agardado. Amigos e amigas de Manuel María atopábanse de novo coa compañeira de vida, coa muller que vía hoxe un dos seus soños feitos realidade. Lembrou aquel poema dos Sonetos á Casa de Hortas no que Manuel se preguntaba polo futuro da construción e a eira que tanto quería e agora si ela podía darlle resposta. Con moitas persoas arredor, Saleta Goi compartía a lembranza e a alegría que o autor tería ao ver o seu espazo natal convertido en casa da cultura, aberta, amábel, acolledora, como fora sempre a súa.
Lembrou a nai do poeta, que o pariu na cama agora exposta, os seus irmáns, as persoas que axudaron a que o proxecto cobrase vida, as que traballaron na súa rehabilitación e, en especial, lembrou a Manuel. “Se vira isto emocionaríase tanto! Teño que darlle grazas pola súa obra, un traballo intenso, un amor inmenso a Galiza, e grazas pola vida que vivimos xuntos”, dixo Saleta Goi.
No acto de inauguración, con representantes das institucións que apoiaron o proxecto, Teresa, unha nena de nove anos, subiu a recoller unha rosa, a flor de Manuel María. Chamou por ela Alberte Ansede, secretario da Fundación, despois de contar a súa vinculación coa casa. Teresa pasara hai dous anos diante dun posto no que se presentaba o proxecto da Casa Museo. Daquela tiña sete anos e catorce euros. Viu a imaxe de Manuel María, o poeta do que sabía de corrido os seus versos, e falou coa nai para dar a metade do seu patrimonio para que a Casa de Hortas fose para arriba. Agora, cando finalmente o proxecto colectivo no que participaron tantas persoas se fai realidade, Alberte Ansede quixo que Teresa simbolizase a todos aqueles que nestes anos, dunha maneira ou outra, contribuíron para que a casa na que o poeta naceu en Outeiro de Rei se abra coa súa memoria e coa súa mesma vontade de crear cultura, cos cimentos na terra que tanto quería.
“A apertura dun centro é sempre motivo de alegría, e máis nuns tempos máis afeitos a peches que a inauguracións”, dixo Alberte Ansede para quen a Casa Museo Manuel María reivindica “o dereito á cultura, a ampliar os espazos para a liberdade, para o noso idioma”.
Fiel ao propio Manuel María, a casa, a propia inauguración e tamén o proxecto de futuro. “Imos tratar de seguir o seu exemplo nesta casa, un exemplo que non se reduce á expresión literaria, senón que, seguindo a tradición dos grandes da cultura galega, teña unha intervención decisiva no ámbito social, cultural e político”. A casa ergueuse de novo mais o futuro depende, da “sociedade que recoñece a Manuel María como un dos seus que ten que ser quen defenda o proxecto”.
A memoria de Manuel María convocou na súa casa, como era de agardar, escritores e escritoras que gozaron da súa amizade. Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Francisco Rodríguez, Marica Campo, Paco Martín, Xosé Lois García, Pilar García Negro, Bieito Iglesias, Cesáreo Sánchez Iglesias, Mercedes Queixas, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Manuel Ferreiro, María Reimóndez, Anxo Angueira, Carlos Mella, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Marta Dacosta e tantas outros participaron nun acto que a Fundación preparou á maneira de Manuel María, no encontro de cultura e convívio na súa Terra Chá literaria. Pola tarde, sumáronse á listaxe Xosé Luís Méndez Ferrín, Pilar Pallarés, Fernán Vello, Bernardino Graña e Luz Pozo.
A biografía e a obra de Manuel María percórrese polas estancias da súa casa, mais tamén estivo presente no acto inaugural. Moitos representantes do nacionalismo político, compañeiros e compañeiras que militaron con Manuel María e representantes do asociacionismo cultural estiveron tamén en Outeiro na xornada histórica na que un novo centro cultural se abre, apegado ao país e a súa cultura, como quedou á vista na vontade de Saleta Goi e Alberte Ansede. O portavoz do BNG, Xavier Vence, canda outros cargos da organización como Francisco Jorquera, Bieito Lobeira, Francisco García, Carme Adán, Antón Bao ou Ana Pontón, estiveron no acto no que tamén o mundo do ensino estivo presente, en profesores e profesoras aos que Manuel María visitou nas súas aulas ou no presidente da AS-PG, Xoán Costa e secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao. Uxía e Tereixa Novo, na espera de moitos músicos e músicas que chegarán a Outeiro, lembraban os moitos poemas de Manuel que se converteron en cancións. Elba Rei, da Fundación Uxío Novoneyra e Anxo Angueira, da Fundación Rosalía, asistiron ao acto de apertura ao público da casa do poeta.
Centro para investigadores na obra de Manuel María, cun conxunto documental de toda a súa traxectoria vital e literaria, unha biblioteca de máis de doce mil volumes, obxectos que o escritor viviu e un futuro sen límite para o encontro coa súa obra, a súa biografía e a nosa cultura. Ábrese tamén un arquivo virtual que se poderá visitar e que acollerá datos e documentación sen límite, toda a que se recolla e que se convida a aportar. Fotos, dedicatorias, actos… para a construción dun centro documental do que a casa será sede.
Saleta Goi foi a guía da primeira visita e os recordos agromaron en cada obxecto, en moitos libros, en fotografías, en coleccións que se reparten por unha casa na que a memoria de Manuel María é unha presenza continuada. Na mesa de noite do cuarto, ao pé da cama natal, Follas Novas e unha imaxe de Rosalía, no despacho, Sempre en Galiza e Castelao. Todo, como Manuel María o tería colocado.
Durante toda a tarde e até que a lus do sol se comezaba xa a pagar por volta case das nove da noite, a cultura sentiuse nunha horta da Casa Museo Manuel María na que centos de persoas cantaron e es emocionaron coa memoria compartida do poeta. Sobre o escenario cando se trataba de música e por riba dun tellado cando ía presentar aos poetas que recitaban no balcón, Xurxo Souto conduciu un acto que durou máis de tres horas nas que Manuel María foi o protagonista.
Foino nas cancións que interpretaron Miro Casabella, Fuxan os Ventos, Berrogüetto, María Manuela ou Uxía nunha xornada única que xuntou músicos de varias xeracións que transmitiron a forza das cancións de Manuel. Foino na voz de centos de persoas que corearon moitos dos versos, algúns tan coñecidos como O meu país ou O carro, que pechou o acto cun escenario repleto de músicos e só unha voz colectiva. E foino tamén ao reunir aos amigos poetas que compartiron tantos momentos con Manuel María como Xosé Luís Méndez Ferrín, Marica Campo, Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán Vello ou Bernardino Graña que recitaron desde o balcón da casa, desde onde se outeaba unha horta chea de xente e a paisaxe da Terra Chá que Manuel María tanto quería.”

Pódese ver aquí a Galería de Fotos do acto.

Penas de Rodas, Outeiro de Rei: cabodano de Manuel María, o domingo 8

O domingo 8 de setembro celébrase o Día Nacional Manuel María, organizado pola Irmandade Manuel María da Terra Chá e a A. C. Xermolos de Guitiriz. O programa de actos é o seguintes:

14:00 h. Xantar de irmandade no restaurante Río Ladra, entre Rábade e Penas de Rodas. Para reservar chamar ao teléfono 646413890 ou enviar un correo electrónico a xermolos@xermolos.org
17:30 h. Recital poético e lecturas de Manuel María en Pena de Rodas.
18:30 h. Acto de afectos e lealdade a Manuel María. Memoria e ben, no cemiterio de Outeiro de Rei. Ofrenda floral (as persoas asistentes levarán consigo unha flor). Lecturas ao Manuel.
19:30 h. Na Carballeira de Santa Isabel (devoción máxima de Manuel María), acto de entrega da Navalla de Manuel a Paco Martín. De seguido, acto musical e de irmandade fraterna no ir das voces de Mini e Mero, Miro Casabella e nos saberes compartidos de pan de Boimorto, queixo de Ulloa e Tabeirós e viño de Sober.

A Insua dos Poetas dedicará a Blanco Amor a Festa da Palabra do 2014

Desde La Voz de Galicia:
“O padroado da Fundación Insua dos Poetas celebrou o 25 de agosto a súa xuntanza constitutiva, na que tamén acordou dedicarlle a vindeira Festa da Palabra a Eduardo Blanco Amor. Celebrarase o primeiro sábado de xullo do 2014 na propia Insua, na Esgueva, Madarnás, no Carballiño, onde o artista Acisclo Manzano erixirá un monumento alusivo á obra do escritor, conforme ao espírito da fundación de manter «un diálogo permanente entre literatura, artes plásticas e creación cultural coa natureza», segundo declarou onte o presidente da fundación, Luís González Tosar. Completan a directiva da entidade o vicepresidente, Domingo Manuel Calvelo Iglesias; o secretario, Xabier Castro González; e os vogais Antón Pulido, Víctor Campio Pereira, Celso Sánchez González e Antonio Piñeiro. Á xuntanza de onte tamén asistiron convidados o conselleiro e o secretario xeral de Cultura, Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo, ademais dos artistas Xosé Cid, Manuel Penín, Vidal Souto, Acisclo Manzano e Nicolás González Aller.
No 2014 cúmprense 35 anos do pasamento de Blanco Amor, «unha figura un tanto desvalida, xa que non ten unha fundación ou familiares directos que velen pola súa obra e garden a súa memoria», indicou Tosar, quen tamén se felicitou de que Blanco Amor siga a ter moitos lectores, «aínda que a súa faceta poética, o seu teatro e o seu xornalismo merecen máis atención». O vindeiro 21 de marzo a Insua dos Poetas tamén celebrará os días mundiais da árbore, da auga e da poesía.”

Gres, Vila de Cruces: Xosé Neira Vilas, Arraiano Maior 2013, o 7 de setembro

PROGRAMA

11:00 h. Lectura do Manifesto Arraiano.
11:30 h. Visita á Fundación Xosé Neira Vilas.
12:15 h. Lectura de poemas e textos de Xosé Neira Vilas e música.
13:00 h. Nomeamento de Xosé Neira Vilas como Arraiano Maior de 2013, coa entrega do diploma, da pucha e da aguillada por Xesús Alonso Montero, Arraiano Maior de 2012. Intervencións do Arraiano Maior de 2012 e 2013.
14:00 h. Xantar Arraiano en Casa Lodeiro, a de Rafael (22 euros).

A Asociación Cultural, Ecoloxista e de Desenvolvemento Rural Arraianos nomea Arraiano Maior de 2013 a Xosé Neira Vilas.
Na última asemblea de Arraianos, celebrada en Celanova o pasado día 16 de agosto, acordouse por unanimidade distinguir co recoñecemento de Arraiano Maior de 2013 a Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928) pola súa traxectoria vital e literaria. A obra e a vida deste autor, que estivo emigrado na Arxentina e Cuba, transita entre a Galicia interior e a exterior, entre o mundo rural e o urbano, entre o pasado e o futuro dunha Galicia real e soñada, por iso entendemos que é merecedor desta distinción, que recoñece a obra literaria e o compromiso intelectual deste autor.
O acto de nomeamento do Arraiano Maior deste ano vai ser en Gres (Vila de Cruces), no salón de actos Fundación Xosé Neira Vilas, o sábado, 7 de setembro de 2013, ás 11 da mañá. O feito de facerse o acto de recoñecemento neste lugar responde a unha vontade de destacar o valor do rural e de trascender as fronteiras políticas, administrativas, físicas e mesmo mentais, nun espazo que é lindeiro entre concellos, cuncas fluviais e provincias.
Ao remate do acto, no que vai estar presente o Arraiano Maior de 2012, Xesús Alonso Montero, quen vai facer entrega da aguillada arraiana a Xosé Neira Vilas, haberá un xantar popular no restaurante Casa Lodeiro, a de Rafael, onde imos degustar un menú típico da zona. Aínda que o acto vai ser público e a asistencia é libre, para anotarse no xantar popular haberá que porse en contacto cos membros do colectivo a través do correo electrónico xesusdiaz@gmail.com ou no teléfono 657425080, antes do martes, 3 de setembro de 2013.
Con este acto en Gres, no que colaboran a Fundación Xosé Neira Vilas e o concello de Vila de Cruces, o colectivo Arraianos continúa coa entrega das distincións anuais de Arraiano Maior, que comezaron no ano 2009, con Xosé Luís Méndez Ferrín, e continuaron cos nomeamentos do Padre Antonio Lourenço Fontes (2010), Bento da Cruz (2011), Xesús Alonso Montero (2012) e agora, con Xosé Neira Vilas (2013).