“¿Me traduces una historia?: la traducción en ámbito infantil y juvenil é o título das III Xornadas Internacionais de Literatura Infantil e Xuvenil que terán lugar entre o 25 e o 27 de marzo, organizadas pola Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil y Juvenil (ANILIJ), presidida pola profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Blanca-Ana Roig Rechou, e por Elos. Asociación Galego-Portuguesa de Investigación en Literatura Infantil e X/Juvenil, presidida por Isabel Mociño González e que forma parte de ANILIJ como unha sección oficial que engloba a investigadores de Galicia e Portugual, dándolle así cabida á lusofonía.
Estas xornadas internacionais ao redor da tradución son un evento máis co que ambas Asociacións queren propiciar espazos de debate, reflexión e diálogo entre os investigadores en literatura infantil e xuvenil de todo o mundo, como xa fixeron anteriormente en Vigo, Alcalá de Henares, León, Cádiz e Guadalajara (México). Agora o escenario é a Universidade de Boloña (Italia), a través da profesora e socia Gloria Bazzocchi, que se prestou a organizalas na Scuola di Lingue e Letterature, Traduzione e Interpretazione, con Sede en Forlì, coincidindo coa celebración da Feira Internacional do Libro de Boloña, unha das máis importantes de Europa. Ademais das comunicacións, conferencias plenarias e mesas redondas, nas que van participar Eulalia Agrelo, Marta Neira, Mar Fernández e Carmen Ferreira, a Xunta directiva de ANILIJ-ELOS fará unha presentación da Asociación e dará unha conferencia sobre a tradución de Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia no Centro de Tradutores da Feira de Boloña, unha oportunidade única para dar a coñecer o labor que dende Galicia se está a realizar tanto ao redor da investigación coma da tradución de literatura para os máis novos.
Estas xornadas están dirixidas a todo tipo de investigadores, estudiosos, tradutores, profesores, bibliotecarios e persoas en xeral interesadas neste campo do saber. Deste modo, preténdese seguir afondando en diversos aspectos da Literatura Infantil e Xuvenil dirixindo, nesta ocasión, a atención sobre a tradución, un dos campos de estudo máis fructífero pola súa dobre vertente de ben cultural e ben comercial. Así, as liñas temáticas destas III Jornadas versarán sobre a tradución en xeral da literatura infantil e xuvenil, pero tamén sobre a tradución audiovisual para nenos, a tradución do cómic e da novela gráfica, do teatro infantil, da tradución e/ou adaptación dos clásicos, da relación entre texto e imaxe e da función da tradución en comunidades con linguas minoritarias/minorizadas, entre outros aspectos.
O prazo para presentar propostas de comunicación remata o 3 de marzo de 2013 e pódense enviar a anilij@yahoo.es ou tamén a anilij@uvigo.es. Os asistentes en xeral poden inscribirse ata o 20 de marzo e toda a información está en na páxina en liña da Asociación ANILIJ.”
Arquivo da categoría: Infantil e xuvenil
Gondomar: sesión de Espazo Lectura con Xosé Henrique Rivadulla Corcón
O sábado 16 de febreiro, ás 12:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, Espazo Lectura celebra a sesión mensual do club de lectura compartida Lendo Contigo. O libro proposto para que os nenos e nenas lesen coas súas familias durante este mes foi O elefante dunha soa orella, do escritor coruñés Xosé Henrique Rivadulla Corcón. O autor estará na biblioteca para conversar sobre a súa obra cos nenos e nenas que participen. A asistencia á actividade é gratuíta.
María Solar: “Os lectores gáñanse desde pequenos”
Entrevista de Ramón Nicolás a María Solar en Qué Leer, desde o blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Como naceu a súa querenza polo xénero da literatura infantil e xuvenil?
– María Solar (MS): Naceu seguramente dunha infancia solitaria e do convencemento de que é un xénero poderoso nas súas posibilidades e nos seus resultados. Os lectores gáñanse desde pequenos e cando aos nenos lles gusta o que len son o público máis apaixonado, entregado e soñador. Devolven moito ao autor. (…)
– RN: Canto hai da súa experiencia profesional n´A verdadeira historia da mosca da tele?
– MS: Naceu dunha vivencia profesional, en concreto dunha mosca moi pesada que tiñamos no estudio de TV onde gravo o meu programa cada día e que se comportaba como unha profesional amolando só cando se acendía a luz vermella. De aí xurdiu unha historia moi divertida e tola contada por un destes insectos en primeira persoa, na que un humano a fai pasar por mil vicisitudes en teles de medio mundo. É un libro moi ecoloxista que non fala nada de ecoloxía.
– RN: O seu traballo na TVG vincúlase con contidos culturais. Dende esta perspectiva, cal é a súa visión sobre a importancia deste tipo de programas?
– MS: Máis que nunca a cultura ten que ter os seus propios programas para amosarse e, á vez, ten que estar tamén no resto da programación. Os libros, as películas, a música son atractivos para o espectador, por iso é imprescindible que haxa programas de cultura accesibles que nos abran os ollos sobre o que se está a facer, que é moito.”
Taboleiro do libro galego (II), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nesta segunda entrega do taboleiro do libro galego non se observan grandes mudanzas respecto dos títulos que maior aceptación tiveron nas librarías galegas consultadas a anterior semana, ás que desde agora se suma tamén a libraría Andel. Por este motivo a periodicidade da sección pasará a ter, desde agora, un carácter quincenal. Grazas, de novo, a todas as librarías colaboradoras polo seu entusiasmo neste proxecto. Velaquí, así pois, os resultados desta última semana.
NARRATIVA
1º-. As voces baixas, de Manuel Rivas, Edicións Xerais de Galicia.
2º-. A noite branca, de F. X. Fernández Naval, Edicións Xerais de Galicia.
3º-. Viagem ao Curdistán para apanhar estrelas, de Séchu Sende, autoedición.
4º-. Podería falar de nubes, de Francisco Castiñeira, Redelibros.
5º-. O mundo secreto de Basilius Hoffman: un faro na escuridade, de Fernando M. Cimadevila, Urco Editora.
POESÍA
1º-. Emily on the road, de Ramón Blanco, Acha Escrava.
2º-. Monicreques, de Xosé Costas Currás, PEN Clube.
3º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
4º-. O meu primeiro Celso Emilio, X. Lastra e outros, Edicións Xerais.
5º-. Esplendor arcano, de Ramiro Torres, Grupo Surrealista Galego.
ENSAIO-TEATRO
1º-. AGE. A emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda, de Manuel Darriba e Daniel Salgado, 2.0 Editora.
2º-. Banqueiros, de Francisco Pillado Maior (coord.), Laiovento.
3º-. Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño, de Camilo Franco, Biblos.
4º-. O labirinto da saudade, de Luís G. Soto, Laiovento.
5º-. Falemos de ourensanía, de J. M. Baltar, Auga Editora.
INFANTIL-XUVENIL
1º-. Dragal III, de Helena Gallego, Xerais.
2º-. Malos tempos para os fantasmas, de Agustín Fernández Paz, Xerais.
3º-. Cidades, de Fran Alonso, Edicións Xerais.
ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. María Fumaça, de VV.AA., Galaxia.
2º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Galaxia.
3º-. O soño de Matías, de Leo Lioni, Kalandraka.
BANDA DESEÑADA
1º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
2º-. Cousas de mortos, Manel Cráneo, Demo Editorial.
3º-. Cartas de inverno. Novela gráfica, de Antonio Seijas e Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais.
Entrevista a Pere Tobaruela en Zig zag
Ourense: presentación de O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, de Ramón Caride
O xoves 31 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Librería La Región (Rúa do Paseo, 15) de Ourense, preséntase o libro O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, de Ramón Caride, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Juan José Rodríguez Fernández, Manuel Bragado, o ilustrador do libro, Jaime Asensi e O Capitán Aspanitas.
Lugo: presentación de O mistério da escada interior, de Adela Figueroa
O xoves 31 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Lugo (Praza de San Domingo, 4), preséntase o libro O mistério da escada interior, de Adela Figueroa, publicado por Edicións do Castro. No acto, xunto á autora, participa Tareixa Campo, e estará acompañado pola música dos Frebudos.
Taboleiro do libro galego (I), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“A desinteresada e entusiasta colaboración destas doce librarías de toda Galicia, que arriba se citan (Casa do Libro, A lus do candil, Librouro, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, Paz, Libros para soñar e Sisargas) e a cuxos responsables lles agradezo tanto a información como as matizacións que realizaron á iniciativa, son as que fan posible que naza hoxe unha sección [Taboleiro do libro galego] que ten como obxectivo, en esencia, contribuír na medida das súas posibilidades á difusión do libro galego, facendo valer un recurso como é o das listaxes dos libros máis vendidos, obtidas do cruzamento de datos que todas elas ofrecen e atendendo maioritariamente á presenza das novidades editoriais. Velaí os primeiros resultados dos libros galegos máis vendidos nesta última semana e que, por operatividade, se clasifican por xéneros.
NARRATIVA
1º-. As voces baixas, de Manuel Rivas, Edicións Xerais de Galicia.
2º-. A noite branca, de F. X. Fernández Naval, Edicións Xerais de Galicia.
3º-. O gardián invisible, de Dolores Redondo, Edicións Xerais de Galicia.
4º-. Hora zulú, de Santiago Lopo, Editorial Galaxia.
5º-. Viagem ao Curdistán para apanhar estrelas, de Sechu Sende, autoedición.
POESÍA
1º-. Emily on the road, de Ramón Blanco, Acha Escrava.
2º-. Monicreques, de Xosé Costas Currás, PEN Clube.
3º-. Inflamable, Samuel L. París, Positivas.
4º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
5º-. Fase de trema, Lorena Souto, Espiral Maior.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana, de Aurora Marco, Laiovento.
2º-. Banqueiros, de Francisco Pillado Maior (coord.), Laiovento.
3º-. Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño, de Camilo Franco, Biblos.
4º-. Prestige. Tal como foi, tal como fomos, de Xosé Manuel Pereiro, 2.0 Editora.
5º-. AGE. A emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda, de Manuel Darriba e Daniel Salgado, 2.0 Editora.
INFANTIL-XUVENIL
1º-. Chamádeme Simbad, de Francisco Castro, Galaxia.
2º-. Dragal III, de Helena Gallego, Xerais.
3º-. Malos tempos para os fantasmas, de Agustín Fernández Paz, Xerais.
ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. María Fumaça, de VV.AA., Galaxia.
2º-. Bicos de música, de Mamá Cabra, Galaxia.
3º-. O cullarapo croque, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso.
BANDA DESEÑADA
1º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
2º-. Cousas de mortos, Manel Cráneo, Demo Editorial.
3º-. Persépole, de Marjane Satrapi (tradución de Eva Carrión del Pozo), Rinoceronte Editora.
Vídeo da entrevista a Agustín Agra sobre o seu libro Trampa de luz no IES Porto do Son
Desde Xerais:
“Dous alumnos do IES Porto do Son (Alexandra e Carlos), usuarios da Biblioteca Fraga de Novio, entrevistan nun vídeo o escritor Agustín Agra polo seu libro Trampa de luz.”