Lugo: entregados os Premios da Edición 2010

O gremio editorial galego celebrou o sábado 12 de marzo en Lugo a VI Noite da Edición de Galicia, unha gala coa que a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a todos aqueles que traballan no eido da produción e edición do libro. No acto entregáronse os Premios da Edición 2010, concedidos polos propios editores. O acto foi presidido por Manuel Bragado Rodríguez, presidente da AGE, e contou coa presenza do director xeral do Libro, Francisco Rodríguez Barxas, o secretario xeral de Política Lingüistica, Anxo Lorenzo, o vicepresidente da Deputación de Lugo, e a concelleira de Cultura de Lugo. Nesta VI Noite da Edición foron homenaxeadas no apartado da Edición Histórica as editoriais Ir Indo e Hércules de Ediciones, polo seu XXV aniversario, así como o que fora director e editor de Edicións Toxosoutos, Xosé Agrelo Hermo, falecido no ano 2006. Os editores nomearon socio de honra ao seu ex presidente, Alfonso García Sanmartín, ao que se lle recoñeceu o traballo e a traxectoria profesional. O Premio Francisco Fernández del Riego recaeu en Espazo Lectura, unha iniciativa da sociedade civil coa que se pretende incentivar a lectura e a relación cos libros desde asidades máis temperás.
Tralas votacións dos membros do xurado composto por un escritor, unha editora, un crítico, un libreiro e unha xornalista, resultaron gañadores das correspondentes modalidades:
Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción do ano 2010: Todo é silencio, editado por Edicións Xerais, de Manuel Rivas.
Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción do 2010: Construtores, editado por Kalandraka Editora, de Xulio Gutiérrez.
Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano 2010: Estremas, editado pola Editorial Galaxia, de Ana Romaní.
Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil 2010: Contos para nenos que dormen deseguida, editado por Kalandraka Editora, de Pinto & Chinto.
Premio Lois Tobío ao Libro traducido do 2010: 30 gramos, editado por Alvarellos Editora, traducido por Ramón Nicolás.
Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do ano 2010: A colección Rodribrico, editada por Baía Edicións, ilustrada por Xosé Tomás.
Premio Xosefa Vilarelle ao Libro educativo do ano 2010: Gramática práctica galega, editado por Baía Edicións, de Xoán López Viñas e outros.
Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano 2010: Xosé Neira Vilas.
Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial 2010: Asociación Culturgal, iniciativa do sector editorial galego consolidada e formalizada no ano 2010 como entidade asociativa responsable da Feira das Industrias Culturais de Galicia.

Cuenca: participación galega nas Xornadas Internacionais Investigar en Literatura Infantil y Juvenil

Varios membros da Sección de Crítica Literaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega asistirán ás Xornadas Internacionais Investigar en Literatura Infantil y Juvenil que se van celebrar en Cuenca, organizadas pola Universidad de Castilla La Mancha, o xoves 10 e venres 11 de marzo, co obxecto de expoñer o labor que se está a desenvolver en varios proxectos de investigación sobre Literatura Infantil e Xuvenil vinculados á Universidade de Santiago, e que dirixe Blanca-Ana Roig Rechou, quen forma parte do comité científico destas Xornadas, e tamén achegas a distintos aspectos específicos nos que estamos a investigar sobre a Literatura Infantil e Xuvenil galega. Máis en concreto, esta é a presenza galega:
Xoves 10:
– 17:15 h. Mónica Álvarez Pérez: Educación Literaria e Literatura Infantil e Xuvenil.
– 18:15 h. Geovana Gentili Santos: Cando dous clásicos se encontran: Charles Perrault (1628-1703) por Monteiro Lobato (1882-1948).
– 18:45 h. Isabel Mociño González: Estudo comparado da narrativa infantil de ciencia-ficción nas literaturas galega e portuguesa.
– 19:00 h. Xulio Pardo de Neyra: Vangardismo peninsular e revolución plástica: as literaturas infantís galega e portuguesa. Relacións e comparatismo baixo o canon literario.

Venres 11:
– 09:45 h. Blanca-Ana Roig: A rede LIJMI.
– 16:45 h. María del Carmen Ferreira Boo: O conto de transmisión oral na Literatura infantil e xuvenil galega (2000-2009): tipos de reescrita.
– 16:45 h. Eulalia Agrelo Costas: Da institución escolar ao centro do canon: Agustín Fernández Paz.
– 17:00 h. Alba Alonso Feijoo: The New Millennium boy crisis.
– 17:15 h. Marta Neira Rodríguez: A muller na narrativa infantil e xuvenil sobre Guerra Civil Española no marco ibérico.
– 17:30 h. Mar Fernández Vázquez: Carlos Casares no campo/sistema da LIX galega.
– 18:00 h. Vanessa Regina Ferreira da Silva: Por dentro da arte: un estudo comparado de ‘Amigos secretos’ (1996), de Ana Mª Machado, e ‘A casa da luz’ (2002), de Xabier P. Docampo.

Vigo: presentación e recital de As catro estacións, de Antonio García Teijeiro

O martes 22 de febreiro, ás 20:00 h., en Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, terá lugar unha presentación e recital poético co gallo da nova edición de As catro estacións, de Antonio García Teijeiro, publicado en Galaxia. No acto participará, canda o autor, Francisco Castro, e un grupo de nenos e nenas, dende 4º de primaria ata 4º da ESO, que recitarán e cantarán cancións do libro. Entrevista posterior en Faro de Vigo.

A Coruña: presentación de O Soldadiño de Chumbo

O sábado 12 de febreiro ás 12:00 h., no CGAI (Rúa Durán Loriga, baixo) da Coruña, preséntase o clásico de Hans Christian Andersen, O Soldadiño de Chumbo, publicado por Galaxia, e que vén acompañado do DVD coa película producida por Continental, do que tamén se preparou unha unha aplicación para iPad. No acto intervirán Tomás Conde e Virginia Curiá, directores da película, e o editor do libro, Francisco Castro. Visionarase a película e os asistentes poderán experimentar coa aplicación do conto para iPad.

Santiago: presentación de Na cerna da selva, de Pere Tobaruela

O mércores 9 de febreiro, ás 20:00 h., na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII, s/n.), de Santiago de Compostela, presentación do libro Na cerna da selva, de Pere Tobaruela, publicado en Sotelo Blanco Edicións. No acto participan, acompañando ao autor, Ánxela Gracián e Arantxa Serantes.

Manuel Rivas participa no Día Mundial das Linguas Maternas na UNESCO, e comeza a publicación da súa obra en Brasil

Os escritores Manuel Rivas e Kirmen Uribe foron convidados a participar, os días 7 e 8 de febreiro, nos actos de celebración do Día Mundial das Linguas Maternas da UNESCO na sala dos Dereitos Humanos en Bruxelas, onde impartirán cadanseu recital poético nas súas respectivas linguas maternas, galego e eúscaro, con acompañamento musical. Ademais, ambos os dous escritores participarán en diversos actos, encontros e conferencias. Por outra banda, a editorial brasileira Tinta Negra (São Paulo) publica este mes de febreiro Que me queres, amor?, de Manuel Rivas, o primeiro chanzo para a publicación da obra completa de Rivas, responsabilidade que asume esa editora para todo o Brasil. A nova ven a través de Xerais. Aparece recollida tamén en Galicia Hoxe.