Desde
Galaxia:
“Dende xa mesmo está operativa a web do poeta Xosé María Álvarez Cáccamo nesta ligazón.
Na páxina podemos ver unha ampla selección da súa obra visual e obxectual, alén doutros contidos analíticos.”
Arquivo da categoría: Internet
Poétic@.gal, o poemario dixital que presenta Fran Alonso no Zig-zag
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Fran Alonso, escritor e poeta de xa longo percorrido, presenta o seu poemario dixital Poétic@.gal, onde ofrece todo un abano de sentimentos e diferentes estados vitais. A entrevista completa pode verse aquí.”
Fran Alonso e os hiperversos
Desde
Cultura Galega:
“A pasada semana abría o web Poetic@.gal. Un estraño remexido de textos, con versións en galego, portugués e castelán, con ligazóns e todo tipo de agregados no que, organizados nas seccións Teoría do banal, Ciberpoesía, Epitafio e Postdata, Fran Alonso daba renda solta á súa creatividade multimedia. Segundo explica no texto de presentación do proxecto, “múltiples fíos entrelázanse coa incorporación da publicidade, da voz coloquial, do enredo, do discurso político, do slogan, do recurso web, das propostas en vídeo ou en audio, da música, do emoticono, da canción infantil e de materiais lingüísticos de procedencia diversa”. A proposta non busca unicamente complementar o texto literario, senón explorar a interrelación de todos os elementos. “Poétic@ cuestiona a propia razón da poesía cun poemario participativo no que o hipertexto, máis aló de cumprir unha función informativa, pode cambiar o sentido do poema, confundindo os lectores e lectoras e solicitándolles un novo pacto de complicidade e relación ao abeiro das novas tecnoloxías”, sinala a presentación do proxecto.
Os elementos multimedia modifican en moitos casos a lectura ou a percepción dos poemas polos usuarios, e mesmo chegaron a condicionar a escrita de determinados versos. “As linguaxes máis iconográficas ían modificando moitas veces o propio discurso do poema. Achegaban novos significados e mesmo mudaban completamente o texto mediante a contradición e a ironía. Isto ao comezo desconcertábame, pero logo vin que era unha marabilla e que lle daba novas dimensións á obra”, explica o autor. Canda a isto, “tiven que mudar frases e palabras ou buscar disposicións gráficas máis axeitadas para cada poema. Algo que semella unha parvada é que o feito de que cada páxina teña que ter unha URL implicou que lle tivese que pór título a todos os poemas, cando nun comezo moitos non o tiñan. Isto tamén me permitiu afondar no xogo da ironía”.
A iniciativa supón un proxecto pioneiro no desenvolvemento da poesía electrónica en Galicia. “O proxecto naceu sobre o papel” recoñece Alonso. “Na primeira fase escribino de xeito convencional entre 2008 e 2010, pero xa tiña unha estrutura pensada para a rede. A idea das ligazóns internas xa estaba aí”. Malia á decidida aposta polo dixital a pegada analóxica está presente na obra, por exemplo nos números de páxina que acompañan os diferentes poemas. “Foi algo que fixemos para darlle aspecto de libro. Tamén empregamos un branco roto para dar certa textura de papel e un sombreado que insinúa esas páxinas”. Para alén desa aparencia, e de introducir elementos como a capa, o índice ou o limiar, a experiencia Poétic@ transcende en moito o concepto de volume, e o propio autor chega a definir a obra como unha “instalación poética”. Vídeo, fotografías, audio de recitados, ambientes sonoros, tests, adiviñas, sinaturas en liña ou ligazóns externas son algúns dos recursos cos que se vai atopar o lector. Segundo segura Alonso “quería meter un pouco de todo, sobre todo das redes sociais. Tiña moito interese en Twitter, Tumblr e Facebook. Pero en xeral os recursos que introducín eran os que ía pedindo o texto”. Así, segundo asegura, a procura e creación de elementos multimedia para este proxecto ocuparon boa parte do proceso de elaboración. “O último ano traballei exclusivamente en liña e foi moi intenso, mesmo acabei cunha inflamación ocular de tanto ollar a pantalla”. (…)”
Fran Alonso: “Poétic@ son pasos exploratorios do que vai vir na literatura”
Entrevista
de Carme Vidal a Fran Alonso en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que mudanzas supón un proxecto como Poétic@ no proceso creativo da escrita?
– Fran Alonso (FA): Os cambios empezaron xa no papel, no proceso de escrita inicial. Pensei o poemario xa con estrutura de rede, con internet na cabeza. Nace desde esa intención e iso facilitou moitas cousas. Foi a primeira fase onde se crean todos os circuítos internos que fan remitir dunha cita a un poema, dun poema a outro… de forma fragmentaria. Tiven que asimilar o proceso online, das plataformas, botando man da tecnoloxía e dos expertos e entra aí unha nova dimensión que aporta novo valor, significados, recursos… outra forma de entender a relación co texto, que condiciona todo. Por exemplo, eu non tiña títulos en moitos poemas e tiven que poñelos porque cada páxina precisaba unha url distinta, é dicir, condicionaba o propio proceso creativo. Todo isto acontece na ciberescrita, que ten os seus condicionantes, mais témonos que afacer a traballar desta maneira.
– SG: Unha das cuestións que se presentan é cando se remata a obra. Na edición en libro era fácil, cando saía publicado. Poderíase estar modificando sen límite…
– FA: A xente di que é inabarcábel, que unha ligazón leva a outra, que comezas a xogar e desviarte e acabas navegando de forma caótica, deixándote absorber polo propio xogo. Iso mesmo sucedeume como creador. Iso comentáballo a Cris de Estudi1Llimona, de Palma de Mallorca, con quen traballei na elaboración do soporte. Tiñamos unha xuntanza semanal a través de skype e dicíalle que era terríbel, que arrastraba. Mesmo agora podería seguir engadindo algo. O libro poderíase manter vivo. (…)
– SG: Hiperlibro de poemas, instalación poética, poesía dixital, transmedia, electrónica… que definición acae mellor a Poétic@?
– FA: Atopar as palabras xustas é complexo neste ámbito tecnolóxico no que o corpus léxico medra a toda presa e incorpora novas palabras que temos que estar continuamente consultando. Non sabería dicilo ben mais está claro que é un hiperlibro porque non só está o que que fago, a través del podes descubrir outras persoas que son autoras, de poesía e doutros ámbitos.
– SG: O soporte permite, poño por caso, que o público lector se poda atopar non co texto senón mesmo co propio poeta recitando ao vivo os seus versos…
– FA: No libro aparezo en varios planos. Un deles é audio no que versiono algúns dos poemas, logo hai ligazóns a outros arquivos de audio que non son do propio libro e logo están os vídeos nos que aparezo. Son complementares á linguaxe poética que non é só textual senón tamén audiovisual e mesmo iconográfica xa que están incorporados os emoticonos. O libro fai unha reflexión ácida e corrosiva sobre a propia poesía e os seus mitos e non podería ser crítico se non o fose comigo mesmo. Ese é o outro plano no que aparezo, rindo de min mesmo.
– SG: Por vez primeira na entrevista aparece o contido da obra, non teme que o peso da arquitectura sobarde a condición literaria da obra?
– FA: Penseino. Polo seu carácter novidoso pode suceder que o texto fique solapado e agochado en función da forma. Pode suceder, quizais tamén polo seu carácter informal, por ese humor pouco habitual do texto, que nin sequera é normal para min. (…)”
Versos dixitais, por Noelia Gómez Calvo
Desde campUSCulturae:
“Nada mellor para celebrar a xornada do Dia Internacional da Poesía que o traballo asinado por Noelia Gómez Calvo baixo o título Versos dixitais, unha marabillosa forma de percorrer Galicia poeticamente. Pódese ver aquí.
Dez anos encantados
Reportaxe
en Cultura Galega:
“Seres míticos, historias sobre topónimos, xogos ou lendas urbanas. O web Galicia Encantada acaba de facer, pasado 5 de marzo, unha década a compilar os máis variados exemplos da nosa literatura oral na rede. Un proxecto único nado da man de Antonio Reigosa que busca garantir a transmisión de historias condenadas doutro xeito ao esquecemento.
Cando hai unha década botaba a andar o portal Galicia Encantada, o seu responsable, Antonio Reigosa, non pensaba que puidese dar no que deu. “A verdade é que eu cría que podía ter certo futuro, pero non chegar a imaxinar que fose o que é. A idea era buscar novos xeito de transmisión para a literatura de tradición oral”. Daquela, segundo asegura, “parecíame que a rede, que non era o mesmo que é hoxe, podía chegar de xeito particular á xente máis nova, e a idea era buscar a transmisión deste patrimonio por esa vía”. Unha década depois, e a ollar as dimensións que acadou o proxecto, Reigosa recoñece que “durante os primeiros catro ou cinco anos levaba a conta de cantos artigos publicabamos, pero a partir de determinado momento deixei de o facer. Porque nalgúns casos dinme conta que era máis interesante fundir determinados textos, que achegaban unha visión máis completa sobre un tema. Ao mellor podemos falar de máis de tres mil entradas, pero a verdade é que non o sei”, apunta.
Colaboracións
A colaboración dos lectores revelouse como fundamental para o desenvolvemento do web neste tempo. Para o coordinador do proxecto, ademais, facilitou unha maior pluralidade de visións. “Sempre que se recolle un documento hai unha alteración, unha deturpación, e se ademais só hai un intermediario único, acabáselle dando unha orientación a ese material. Entón o ideal é que os transmisores ou intermediarios próximos a eles poñan ese patrimonio en circulación, e nese sentido a participación colectiva en Galicia Encantada evita tamén determinados nesgos”. Neste sentido, o proxecto contou ao longo deste tempo con achegas dunhas 150 persoas, que van desde aquelas que enviaron unha única historia ata outras que participan habitualmente como Xabier Moure. Como a amosar a importancia que poden chegar a ter estas contribucións, Reigosa lembra as historias que un neto dun galego emigrado en Arxentina lle enviou hai xa varios anos. “Mandoume varias lendas que lle contara o seu avó de San Amaro en Ourense, unha aldea na que xa non vive ninguén desde hai anos. Así, desde emigración chegounos un patrimonio que doutro xeito non podería conservarse”.
O libro
Como principal conmemoración do aniversario, acaba de saír publicado da man de Xerais Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías. O proxecto escolma un cento dos contos que se poden atopar na rede. “Con este formato queremos chegar a públicos que poden non estar afeitos a empregar Internet”, explica. A selección de historias pretende representar os diferentes elementos que están no web. “Hai relatos da maioría das seccións”, desde lendas tradicionais a urbanas, e téntase tamén achegar textos recollidos en diferentes lugares da xeografía”. Desta escolla, aproximadamente a metade corresponde aos colaboradores que participan de xeito voluntario no proxecto.
Novidades
Canda a isto, o portal conta cunha nova sección, Aulas do imaxinario que busca achegar materiais específicos pensados para o seu emprego nos centros de ensino. “Permite integrar directamente traballos escolares ou de investigación no web mediante un formulario. Acéptase calquera formato e permite intervir directamente no web”. Ademais, un novo mapa permite localizar os lugares nos que se recollen as narracións. E é que Galicia Encantada está a servir para moito máis que para deixar constancia deste patrimonio inmaterial, e fíxose unha ferramenta fundamental para educadores e investigadores. “Todo o mundo que está relacionado coa tradición oral coñece a páxina e moita xente emprégaa para consultas. Xa aparece na bibliografía de diferentes traballos,investigadores portugueses emprégana para atopar paralelos ás tradicións que coñecen no norte do país. Tamén chegan artigos e colaboracións de xente de León, Asturias ou Zamora que amosan que culturalmente somos o mesmo”. De feito, o portal conta cunha sección, chamada Veciñanzas dedicada a recolle contribucións de zonas próximas ao noso país. No entanto, segundo recoñece Reigosa, “a maior alegría para min é saber do uso regular e frecuente no ámbito escolar dos contidos do web. Aínda que sexa a través do profesor, deste xeito cúmprese o obxectivo de que este material chegue á xente nova”.
Proxectos
De cara o ao futuro, e canda a ese obxectivo de favorecer a difusión destes contidos entre a mocidade e no ámbito escolar, Galicia Encantada prevé fundamentalmente “seguir facendo arquivo”. Un ámbito no que, segundo sinala o coordinador deste proxecto, aínda é posible atopar novidades. “Un pensa que cos anos vai sabendo algo da estrutura sobre a que se constrúe a cultura popular, pero sempre aparecen sorpresas, variantes que non se agardan”. Aínda recentemente o proxecto incorporou a historia do rito de curación cun alicornio, que un informante recolleu directamente dunha muller que aínda hoxe o realiza e emprega este amuleto. “Ao comezo ela non quería divulgalo, e non o publicamos, pero logo deu permiso, e agora temos unha entrada, con foto e todo, na que se recolle este material”, explica Reigosa. Canda a incrementar o material, a idea é traballar máis a interpretación deste patrimonio, achegar artigos ou visións de especialistas, na liña da revista que publicamos en rede.”
Bos Aires: Na diáspora tamén Queremos Galego, videoconferencia con Henrique Monteagudo
O
sábado 28 de febreiro, ás 18:00 horas, na Biblioteca Galega de Bos Aires “Antonio Pérez-Prado”, ubicada no primeiro andar de Chacabuco 955, do barrio de San Telmo, a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina convida á comunidade a participar nunha videoconferencia co secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, con quen se analizará a problemática que existe hoxe co ensino do galego.
Desta convocatoria, denominada “Na diáspora tamén QUEREMOS GALEGO!”, participan os distintos grupos de idioma da colectividade que habitualmente dedican o seu labor a difundir as bondades da lingua. Ademais das autoridades da Federación, estarán os representantes de Lectores Galegos en Bos Aires, Herbas de Prata e O Terzo da Fala, entre outras organizacións que defenden a lingua galega e que expresaron a súa solidariedade coa masiva marcha que se realizou o pasado 8 de febreiro en Santiago de Compostela.”
Manuel Lueiro Rey xa navega pola rede
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Supón para min redactar este apuntamento unha auténtica regalía. Desde hai algún tempo percibía que Manuel Lueiro Rey debería gozar dunha maior visibilidade como escritor e que este proceso cumpría que se vehiculizase -aínda que non só- na rede. Nada mellor, pois, que idear unha web de carácter divulgativo que, a carón da información básica sobre o autor, recollese a actualidade que o autor, vinte e cinco anos desde o seu pasamento, aínda xera a día de hoxe Por outro lado, talvez, ninguén mellor que Carmen Carreiro para materializar esta idea, pois alén do seu traballo fundamental e da paixón que sempre depositou no labor de popularización de Lueiro, soubo acompañarse de persoas como Daniel Ferreiro -que realizou un magnífico traballo no que ao deseño e cuestión técnicas da web se refire- e, ao que sei, contou tamén coa colaboración da familia do escritor, que forneceu numeroso material gráfico, audiovisual e documental para este proxecto.
O resultado final, ao meu ver, merece todas as gabanzas. Convido, pois, a coñecer esta web premendo aquí, que incorpora numerosos e completos contidos de carácter biográfico e literario, bibliografía, noticias sobre os Premios Lueiro, un suxestivo arquivo audiovisual e un marabilloso álbum fotográfico, completándose tamén cunha sección de actualidade arredor do autor que, para os que acreditamos na “causa Lueiro“, será de consulta obrigada. (…)”
O soño de Rosalía de Castro pervive en Galicia
Artigo
de Amaia Mauleón en Faro de Vigo:
“Flores, música e poemas para lembrar a Rosalía. A poetisa galega segue presente no corazón dos galegos e así se demostrou onte nos numerosos actos que, por toda Galicia, homenaxearon á autora no día en que se cumprían 178 anos do seu nacemento. (…)
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) tratou ademais de implicar aos mozos na homenaxe animándolles a utilizar as redes sociais e Internet para difundir a súa figura baixo a lema “Eu son Rosalía“. Así, numerosas persoas subiron á rede vídeos nos que cada lector se identifica cunha faceta da vida e obra de Rosalía de Castro.
Pero en todas as cidades galegas escoitouse nalgún momento onte a voz de Rosalía. En Vigo, o IES San Tomé de Freixeiro acolleu unha lectura pública da obra da autora na que participaron escritores, profesores, alumnos e todas as persoas que se animaron a ler algún dos seus poemas. En Bueu, A Estrada, Tui, Poio, Lugo, Ferrol e A Coruña, entre outras, tamén se celebraron lecturas e recitais deste tipo. Mesmo a Madrid chegou onte a literatura rosaliana. O Grupo Bilbao convocou a lectura dos poemas na rúa Ballesta 13, a que foi a súa residencia na capital española. (…)”
Google dedica o seu “doodle” a Rosalía no seu aniversario
Desde Sermos Galiza:
“Rosalía de Castro (1837-1885) está nas pantallas de millóns de ordenadores a través do buscador Google que esta terza feira dedica o seu “doodle” á escritora galega no 178 aniversario do seu nacemento. A aparición de Rosalía na capa do buscador supón unha inmensa promoción a través da rede da autora de Follas Novas. Con anterioridade, Google xa dedicara o seu codiciado “doodle” á escritora Concepción Arenal no 195 aniversario do seu nacemento. Daquela a imaxe da visitadora de cárceres, escritora, pensadora e avogada aparecía canda a célebre frase “Abride escolas e pecharanse cárceres”.
Desta volta, ás 00 horas, como é habitual que muden a portada en Google, foi pendurada a imaxe de Rosalía no inicio do día no que se fai 178 anos do seu nacemento. O poema “Adiós ríos, adiós fontes” foi o escollido de fondo nunha imaxe no que o logotipo de Google apareceu cun escudo de Galiza no primeiro O, detrás da imaxe de Rosalía. Desta volta, foi iniciativa propia dedicarlle o doodle á escritora galega aínda que se puxeron en contacto e pediron colaboración á Fundación Rosalía.
Os “doodles” son os cambios do logotipo de Google que aparecen maiormente en determinadas conmemoracións, festividades e efemérides diversas. Centos de propostas recíbense diariamente a través do correo proposals@google.com mais só unhas poucas pasan ao gabinete dos enxeñeiros e deseñadores dedicados con exclusividade ao deseño dos populares doodles.”