Crónica fotográfica do acto de Lectura de textos de Xela Arias, o 16 de maio, na Coruña

Estas son algunhas das fotografías do acto de Lectura de textos de Xela Arias na Coruña, que tivo lugar o 16 de maio, organizado pola AELG xunto á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Vencerse é cousa de se tratar. Lectura de textos de Xela Arias, o 16 de maio na Coruña

O sábado 16 de maio ás 12:30 horas, diante do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, terá lugar unha lectura de textos de Xela Arias, actividade da AELG en colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda.
Contaremos coa actuación musical de César Morán, autor da música para o poema de Xela Arias Non é xusto do poemario Tigres coma cabalos, que forma parte do seu disco, Río de son e vento.
As persoas que queiran participar no recital poético deben confirmar asistencia no correo electrónico nesta ligazón. Agradécese que se confirme tamén o título do poema que se vai ler, para así non repetir ningún. Debido ás restricións derivadas da pandemia da Covid-19, deberase indicar tamén o voso nome, apelidos e número de teléfono, para cumprir coa lexislación sanitaria vixente.

Ledicia Costas lidera a listaxe de libros máis lidos dos clubs de lectura escolares

Desde Nós Diario:
“A nómina de libros e autoras máis demandadas polos Clubs de Lectura do ensino secundario no curso 2019/2020 está liderada por Infamia e pola súa autora Ledicia Costas, que ten outro título, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, na sexta posición.
Infamia, que integra o catálogo de 109 dos clubs participantes, conta a historia de Emma, unha avogada profesora de dereito penal que chega á vila de Merlo para dar clases, sen saber que o lugar está marcado pola desgraza. A súa chegada ao lugar coincide cos 25 anos da desaparición das irmás Giraud.
A segunda obra no ránking é a Memoria do silencio de Eva Mejuto, unha novela a tres voces, as de Günter, Lola e Frieda, que explora desde 1943, entre ficción e realidade, un capítulo pouco coñecido do noso pasado recente: Galiza durante a II Guerra Mundial.
O terceiro lugar ocúpao a obra de María Solar Os nenos da varíola, que conta a historia das crianzas “heroicas” que transportaron nos seus corpos a vacina da varíola na súa viaxe a América. E xusto detrás, Beleza vermella, de Arantza Portabales. Unha novela negra que relata o “espantoso” crime cometido nunha instalación artística de vangarda.
Completan o “top ten” entre a listaxe dos 50 máis lidos: O último barco, de Domingo Villar; Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas; O que sei do silencio, de Andrea Maceiras; O neno do pixama a raias, de John Boyne; Senlleiras, de Antía Yáñez; e Mentira, de Care Santos.
Máis alá dos títulos máis demandados entre os clubs de lectura no curso pasado, é significativa tamén a preferencia por determinadas autoras e autores. Nesta liña, Ledicia Costas encabeza este catálogo, con 109 lecturas, case duplicando en lecturas o segundo autor posicionado, o finado Agustín Fernández Paz, con 58 lecturas.
Por detrás destes cómpre resaltar a presenza doutros nomes, dos que tamén as súas últimas novidades son as máis lidas, como é o caso de Andrea Maceiras, en terceiro lugar, e Eva Mejuto no cuarto.
Na mesma listaxe Domingo Villar, Antía Yáñez, María Solar e Care Santos ostentan as posicións sétima, oitava, novena e décima. Antes deles, o autor catalán Jordi Sierra i Fabra e a galega María Reimóndez ocupan a quinta e a sexta posición.”

Gondomar: Semana do libro e a lectura, XIV Dar de ler coma quen dá de beber

Radiofusión: Os minimortos. Ledicia Costas

Desde Radiofusión:
“A cuadrilla dos Minimortos é algo especial xa que están no Outro Barrio agardando polos seus pais. Como agora están solos teñen liberdade e non hai normas. Pero un día chega Catacrak, un neno que ansía voltar ó mundo dos vivos. Esta é a misión deste grupo de ultratumba: axudar a un neno a regresar á vida.
Forma parte dunha saga, esta é a primeira novela. Ritmo lixeiro, ameno e sempre cas risas como obxectivo, Ledicia Costas consigue levar ó mundo da morte a un plano secundario. (…)
A autora sinalaba que ela síntese dende pequena moi vencellada a todo o que ten que ver cos rituais relacionados coa morte en Galicia, xa que son moi diferentes aos doutros lugares. Ademais, considera que a morte é algo que debería deixar de ser tabú para os máis pequenos, xa que cando descobren a verdade, síntense enganados. Baixo este precedente nacen os Minimortos. Un xeito de achegar aos máis novos a esta realidade dun xeito ameno e divertido.
Participaron no clube de lectura: Maite Martínez, Eva Mazás, Esther Val e Henrique Sanfiz.
A entrevista pode escoitarse aquí.”