A Coruña: entrega do premio e accésit do I Concurso de Relato Curto Agustín Fernández Paz

O 23 de abril, ás 12:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, entregarase o premio e accésit do I Concurso de Relato Curto Agustín Fernández Paz, convocado pola UDC e a AELG. Estades todxs convidadxs, aproveitaremos para ler fragmentos da obra de Agustín Fernández Paz e prometemos que será un acto no que a palabra, os libros e a emoción que nos transmiten serán os protagonistas.

Galicia perdeu máis de 100 bibliotecas na última década

Artigo de Marcos Pérez Pena en Praza:
“A pasada semana o INE publicou a Estatística de Bibliotecas correspondente ao ano 2016, uns indicadores que na última década foron reflectindo os efectos dos recortes orzamentarios e, ao mesmo tempo, poñendo de manifesto a fundamental función que estas institucións cumpren na sociedade, achegando localmente servizos culturais a toda a poboación. Os datos de 2016 para Galicia volven amosar un descenso no número de bibliotecas existentes e tamén no persoal destinado a elas, mantendo unha tendencia negativa iniciada hai case unha década. Descenden tamén os indicadores de utilización das bibliotecas (usuarios e usuarias, visitas en sala e préstamos), que no caso dos socios e socias e dos préstamos acadaran un máximo no ano 2012.
Entre os datos que máis chaman a atención está o do número total de bibliotecas existentes en Galicia. Observando o gráfico con máis perspectiva, vemos como entre o ano 2006 e o 2016 a cifra total caeu en máis de 100 unidades (de 591 a 486), un 17%, nunha tendencia negativa que na última década se mantivo todo o tempo. Ademais, destas 486, só 115 abren máis de 40 horas á semana, sendo o máis habitual que o horario de apertura ao público se sitúe entre as 20 e as 40 horas (269); hai, ademais, un bo número que dá servizo moito menos tempo cada semana: 64 entre 10 e 20 horas e outras 38 menos de 10 horas semanais.
“Unha biblioteca non é un luxo, senón unha das necesidades da vida”, escribiu Henry Ward Beecher. Dende moitos ámbitos vén destacándose a importancia social que teñen as bibliotecas e o seu persoal, máis aínda nos concellos pequenos, que adoitan contar con menos servizos culturais. “A biblioteca é un democratizador do acceso á información e á cultura, un servizo que se amplía á procura activa de emprego ou ao acceso a servizos sociais”, dicía nesta entrevista Xoán Manuel Pérez Lijó, secretario da Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (Bamad-Galicia). Recentemente un informe do Consello da Cultura Galega alertaba de que “a situación de moitas bibliotecas, especialmente as de xestión municipal, é mellorable, principalmente pola carencia de persoal”. Unha carencia da que Bamad vén advertindo nos últimos anos: “Nos concellos pequenos danse todo tipo de situacións, mesmo bibliotecas sen persoal”. (…)”

Vigo: Club de Lectura Lendo Contigo arredor de Poemar o mar, de Antonio García Teijeiro

Desde Xerais:
“Este pasado sábado, o escritor Antonio García Teijeiro desprazouse ao Museo do Mar de Galicia, en Vigo, para participar na sesión do Club de Lectura Lendo Contigo que Espazo Lectura organizou arredor do libro Poemar o mar, que foi Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017. (…)”