Artigo
de Henrique Alvarellos en El Correo Gallego:
“Non tivo moito eco, ata agora, nos medios de comunicación, mais foi unha nova sen precedentes. Un fito que podemos cualificar de histórico. En Galicia, falar de unión e fuxir é todo un, pero a pasada semana tivemos unha gran excepción. Chámase Gala do Libro Galego e será unha festa literaria que terá lugar en maio de 2016. Nela recoñeceranse as mellores obras publicadas en Galicia durante todo este ano. Para organizala e celebrala puxéronse de acordo, fusionáronse, os tres grandes gremios do sector do libro en Galicia: a Asociación Galega de Editores, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia.
Ata hoxe, cada un organizaba as súas propias galas, entregaba os seus respectivos premios, elexía aos seus xurados e buscaba, por separado, cadanseu financiamento. Así se foron celebrando, todos estes anos, os Premios da Edición, os Premios Irmandade do Libro, e os premios da AELG. Os tres tiñan un obxectivo común: recoñecer os mellores traballos de creación escrita galega e visualizar o mundo do libro e da lectura.
Non tiña sentido seguir así. Por iso, o pasado venres déronse cita os tres colectivos no Consello de Cultura Galega e presentaron o acordo. “O resultado non é o dunha suma senón o dunha multiplicación”, afirmou acertadamente Cesáreo Sánchez Iglesias, responsable da Asociación de Escritoræs.
Uns días antes tiña lugar, tamén no Consello da Cultura Galega, un simposio sobre o futuro das feiras do libro, organizado polos Editores. Tocoume participar nunha das mesas redondas, con outros editores e libreiros. Todos estivemos de acordo en que as feiras, tal e como hoxe estaban concibidas, non teñen futuro, que deben ser repensadas, e que nese renacer é imprescindible a unión, o camiño xuntos, polo menos, destes tres grandes colectivos organizados no sector do libro en Galicia. (Mais, tamén, outras asociacións ou agrupacións de ilustradores, distribuidoras, tradutores, críticos, impresores, etc). Esta primeira e unitaria Gala do Libro Galego de maio de 2016 será o inicio, sabémolo, de moitas outras actuacións conxuntas. Xogámonos o futuro da nosa cultura escrita. Falamos dunha industria, a cultural, a da palabra, que é riqueza económica para un pobo. E falamos tamén de algo tanto ou máis importante que esa riqueza: é a cultura da paz, pois non hai outra dentro dos libros.”
Arquivo da categoría: Mesas redondas
Vídeos da VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral (e III)
A
VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral tivo lugar o sábado 24 de outubro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Lugo (Rúa Ramón Ferreiro, s/n).
Damos a coñecer nesta Axenda os vídeos onde se recollen as intervencións que tiveron lugar ese día. Pódense consultar todos aquí.
– Conferencia de Xosé Miranda e Xoán R. Cuba. Os contos eróticos galegos, presentados por Isidro Novo. O vídeo pode verse nesta ligazón.
– Mesa redonda Cuarta máis, cuarta menos! Escatoloxía, prexuízos e tabús, con José Luis Garrosa, Xosé Miranda e Xoán R. Cuba, moderados por Isidro Novo. O vídeo pódese visualizar aquí.
– Percorrido polo repertorio popular a cargo de Luís “O Caruncho”: Ti contabas as estrelas, eu as areas do chan. O vídeo pode verse aquí.
Vídeos da VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral (II)
A
VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral tivo lugar o sábado 24 de outubro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Lugo (Rúa Ramón Ferreiro, s/n).
Damos a coñecer nesta Axenda os vídeos onde se recollen as intervencións que tiveron lugar ese día. Pódense consultar todos aquí.
– Conferencia de Olga Novo: Na cona da vella non manda ninguén. O vídeo pode verse nesta ligazón.
– Mesa redonda con Olga Novo e Rubén Aramburu: E dálle que dálle! O erotismo como sátira fronte á represión social. O vídeo pódese visualizar aquí.
– Conferencia de José Luis Garrosa: A poética do noxo. Excrementos e outras repugnancias na literatura oral galega, presentado por Isidro Novo. O vídeo pode verse aquí.
Santiago de Compostela: Simposio Crítica e medios de comunicación, os 27 e 28 de novembro
Ferrol: congreso Ferrol-Cuba-Galiza. Historias comúns
Artes (Ribeira): Encontro de Creadoras no Barbanza 2015
Vilalba: entrega do premio Chairego de Honra a David Otero
O
sábado 7 de novembro, a partir das 12:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos van nomear a David Otero “Chairego de Honra”, un recoñecemento polo seu labor de espallador das esencias da Terra Chá por todas as comarcas do país. Os actos comenzarán a esa hora na Casa da Cultura, cunha táboa redonda na que van intervir Helena Villar, Xoán C. Garrido, Héitor Picallo, Mini e Mero, Xabier P. DoCampo, Alfonso Blanco e Xulio Xiz… Despois do xantar haberá un concerto de Mini e Mero e o Gaiteiro Nubeiro Raúl Galego.
Para apuntarse ao xantar, é preciso chamar ao teléfono 646413890 ou enviar un correo electrónico a xermolos@xermolos.org
Láncara: entrega do XIV Premio Ramón Piñeiro Facer País a Basilio Losada e mesa redonda sobre Ramón Piñeiro
O
sábado 7 de novembro, ás 17:00 horas, en Láncara terá lugar unha mesa redonda na honra de Ramón Piñeiro no centenario do seu nacemento, organizada en colaboración coa Asociación Cultural Val de Láncara. Intervirán os académicos Rosario Álvarez Blanco, Víctor F. Freixanes, Basilio Losada Castro e Xesús Alonso Montero. O tamén académico Henrique Monteagudo actuará como moderador. Previamente, o membro de honra da RAG Basilio Losada recollerá o XIV Premio Ramón Piñeiro López Facer País da Asociación Cultural Val de Láncara.
XII Simposio O libro e a lectura: o futuro das Feiras do Libro de Galicia, o xoves 12 de novembro
O
XII Simposio O libro e a lectura: O futuro das feiras do libro de Galicia terá lugar o 12 de novembro no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. A continuación pódese consultar o programa completo:
MAÑÁ
– 9:00 Entrega de documentación.
– 9:30 Inauguración a cargo a presidenta da AGE, Laura Rodríguez; o presidente do CCG, Ramón Villares e o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
– 10:00 Conferencia La innovación de un festival sin límites, Mª. Sheila Cremaschi, MBE. Directora de “Hay festival”, Segovia. Presenta: Laura Rodríguez Herrera, presidenta da AGE.
– 12:00 Panel de experiencias de éxito: Semana do Libro en Catalán, Praza dos Libros, Salón do Libro de Pontevedra, Culturgal, Semana da Música Infantil. Presenta: Ana Guerra, Edicións Obradoiro.
Montse Ayats, editora e presidenta da Semana do Libro en Catalán.
Anxos Riveiro, concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra. Salón do Libro de Pontevedra.
Xosé Aldea, editor e director de Culturgal.
Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo. Praza dos Libros.
Francisco Castro, da Editorial Galaxia. Semana da Música Infantil nas Feiras do Libro de Galicia.
TARDE
– 16:15 Mesa temática: O espazo, os produtos, os públicos. Presenta Miguel Toval.
A concepción do espazo. Xulio Turnes, arquitecto en DH (Domohomo).
Como presentamos os nosos produtos culturais. Sergio Lago, xestor cultural.
Os nosos públicos atentos. Félix Caballero Wangüemert, profesor de Facultade de CC SS e Comunicación de Pontevedra.
– 18:00 Mesa redonda: O futuro das feiras do libro. Presenta e modera: Manuel Bragado, director de Edicións Xerais.
Gonzálo Pérez, de Librería Cartabón.
Lola Puerta, de Librería Aenea.
Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora.
Pío Barreiro, de Librería Kómic.
Eduardo Riestra, de Ediciones del Viento.
– 19:00 Compromiso de colaboración ano 2016.
Intervención de representantes da Federación de Librarías de Galicia, Asociación Galega de Editores, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
– 19:30 Clausura da xornada. Entrega de certificados de asistencia.
Organiza : Asociación Galega de Editores.
Patrocina: CEDRO.
Colabora: Consello da Cultura Galega.
Lugo: VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral, mañá, sábado 24
A
VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral terá lugar o sábado 24 de outubro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Lugo (Rúa Ramón Ferreiro, s/n). A actividade conta co apoio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.
Aberto o prazo de matrícula, gratuíta e preferente para socios/as da AS-PG e da AELG. Desde o 29/09/2015 até o 22/10/2015.
O profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes do ensino non universitario que queiran o certificado homologado pola Consellaría de Educación, terán que facer a matrícula a través da web da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, aquí. E aquí máis información sobre a Xornada.
As persoas que non estean nesas circunstancias ou que non lles interese o certificado homologado, deberán incribirse dirixíndose á secretaría técnica da AELG a través do correo oficina@aelg.org ou o teléfono 981 133 233 (horario de 09:00 a 14:30). Sigue lendo

![Cartel em A3 [com Programa]](https://axendacultural.aelg.gal/wp-content/uploads/2015/11/Cartel-em-A3-com-Programa.jpg)

