Arquivo da categoría: Música
Rosalía Fernández Rial: “A poesía ha de servir para dar voz aos silenciados e esperanza a quen aínda cre na utopía”
Entrevista de Montse Dopico a Rosalía Fernández Rial en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Sempre che interesou a interdisciplinareidade, o intercambio entre distintas artes. A iso responde o proxecto de Elo? Como xorde? (Tendo en conta que empezaches coa música, antes de facer poesía)
– Rosalía Fernández Rial (RFR): En efecto, penso que a arte só se pode comprender dun xeito interdisciplinar, intercomunicado. Se entendemos a música e a poesía nun sentido amplo, a súa separación conforma un artificio forzado e actúa como limitador do proceso creativo. O poema non deixa de ser unha partitura fonética e calquera xogo melódico consciente pode condicionar por completo o resultado literario final -tanto na lectura individual como na súa translación á escena-. Nese senso, o feito de terme formado en música, literatura e teatro foi determinante na construción desa concepción.
Evidentemente, o proxecto ELO enmárcase nesa visión. Pero cunha diferenza de base fundamental: a comunicación co “outro”. ELO é un diálogo entre o poema xa escrito -desde os postulados individuais comentados- e a música doutra persoa con principios compatibles mais diferentes aos meus. Por iso a nosa unión dá como resultado un produto diferente: un disco de poemas. Non é un libro nin un CD convencional con letra cantada. Desa forma, o texto adquire musicalidades diferentes ás que tiña de xeito independente, cobra outras vidas e enriquécese ao ser lido e reinterpretado desde unha perspectiva á da autora. E o mesmo acontece coa súa transferencia á escena compartida, onde a esas dimensións se suma a presenza de dous corpos na esfera doutro código artístico máis.
En definitiva, ELO xorde da necesidade de tecer retallos artísticos desde direccións e perspectivas diferentes; da literatura musical á música literaria, a través da imaxe escénica e o formato audiovisual, pois todo iso pode ser poesía. Desde unha óptica holística, viva e interdisciplinar que orixine formatos diferentes, así como novas formas de recepción e de reflexión compartida. Con tanta admiración pola lírica medieval como pola arte contemporánea.
– MD: No disco recitas poemas escollidos de Vinte en escena e de Ningún amante sabe conducir. Ningún amante resulta, se cadra, máis intenso e erótico que lido, como se as imaxes gañasen potencia. Tamén a denuncia da intemperie das persoas excluídas gaña, se cadra, forza nos poemas de Vinte en escena. Era o obxectivo, respecto dos textos? Como concibiches o diálogo con eles a través da música?
– RFR: Por suposto. A lectura dos poemas non pretende ser unha simple translación do papel á voz oral. Hai unha vontade interpretativa diferente, unha intención de outorgarlle unha nova dimensión ao escrito. Se os instrumentos de expresión son diferentes o resultado non pode ser o mesmo e niso investín moito esforzo. En canto á combinación do texto coa música, cómpre aclarar que en ELO entendemos ambas linguaxes como un todo en constante diálogo. É dicir, o melódico non actúa como fondo ou acompañamento da palabra, senón que conforma con ela unha unidade artística nova, diferente. Por iso cada tema foi composto de maneira exclusiva e específica para cada conxunto de versos. (…)”
Lugo: edición nº 38 da revista oral O Pazo das Musas
Pontevedra: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
O xoves 26 de marzo, ás 20:00 horas, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, dentro do ciclo En paralelo: Noites de literatura e cine, preséntase Océano para terrícolas, unha parolada-concerto para embarcarse nas mil travesías do libro Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais.
Tallo, Ponteceso: Polafía no Día Mundial da Poesía
Coa participación de:
– Carmen Eiroa (Pardiñas-Tallo), que falará dos regueifeiros/as que coñeceu (por exemplo, a afamada Leonarda de Tallo).
– Obdulia (Xornes), quen falará de seu pai, o afamado Calviño de Tallo.
– Teresa (A Campara-Cores), contaranos do afamado Cadete de Figueroa-Cores.
– Carmen (Mandián-Xornes), ilustraranos sobre o seu parente, o afamado Mandián de Xornes.
– Matilde Vilariño (Dombate-Borneiro), recitará un poema sobre os regueifeiros, composto especialmente para esta Polafía.
O profesorado e alumnado do Centro Rural Agrupado Nosa Señora do Faro tamén colabora e participa nesta Polafía, xunto ás regueifeiras e regueifeiros Lola, de Pardiñas (Tallo), Dolores do Coxo (Borneiro), José de Severo (Borneiro), Manuel Fariña (Cesullas) e Suso de Xornes.
A parte musical correrá a cargo de Eloy Mato, neto de Matilde Vilariño, de Dombate.
Rianxo: Catro singraduras en honra de Manuel Antonio
Allariz: Ponme un poema! II Roteiro poético pola vila de Allariz
Arteixo: Versos no Pentagrama, con César Morán
A Coruña: Escoito cisnes, recital con poesía, música e pintura
O venres 20 de marzo, ás 20:00 horas, en Maquinaria Pesada (Avenida Linares Rivas, 45, locais 24-25), na Coruña, terá lugar un recital con poesía, pintura e música, baixo o nome Escoito cisnes, No acto, presentado e conducido por Óscar de Souto, participan Claudia Castro, Teresa Ramiro, Miguel Melero, Mar Veres e María Xestal.