Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. Coeducamos?, entre o 4 e o 25 de outubro

O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. Coeducamos? é unha actividade coa que colabora a AELG ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O Ciclo está coordinado por Isabel Mociño (Facultade de Educación e Traballo Social, Campus de Ourense – Universidade de Vigo).

Desenvolverase os martes 4, 11, 18 e 25 de outubro, sempre ás 17:00 horas, na Sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social, no Campus de Ourense. As persoas interesadas na actividade deben inscribirse previamente cubrindo un formulario, ao que se pode acceder nesta ligazón. Está en proceso a solicitude de recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección. O programa pode descargarse aquí.

O programa previsto é o seguinte:

6 de outubro
Francisco Castro
A literatura infanil: falar dos temas “feos”

11 de outubro
Bea Gregores
Protagonistas: mulleres de conto

18 de outubro
Antonio Manuel Fraga
Bestiario diverso de personaxes normais

25 de outubro
Eva Mejuto
Álbums para entender o mundo

A Coruña: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira

O 28 de setembro, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, Mario Regueira presenta a súa novela Outono aquí, editada por Menino Morreu. As persoas interesadas en asistir á presentación poden anotarse aquí.

Marcos Calveiro: “A masa crítica de lectores en galego é a que é, haberá que buscar outros a través de voces máis novas”

Entrevista de Ana G. Liste a Marcos Calveiro en Praza:
“(…) – Praza (P): Porque dicir que un é de profesión escritor, non ten que supoñer que un vive diso; pero cando a profesión é editor si, non?
– Marcos Calveiro (MC): Evidentemente, si. Eu exercín de avogado moitos anos, logo deixeino. Logo me fixen escritor profesional e duroume dous anos porque escollín os anos da crise de 2008, cubrinme de gloria. E logo coa miña parella –que tamén quedara sen traballo– acabamos montando un bar. Ela é filla de taberneiros e eu son neto de taberneiros polas dúas bandas. Ao final era un mundo próximo, criámonos nas tabernas.
– P: Chegou a comentar nas redes sociais que case non volve á literatura.
– MC: É que foi certo. Pasei case seis anos de seca. Recuperei a escrita en Curros & Holmes e outras novelas que escribín foi durante a pandemia. Entre os tres meses confinados e os oito que practicamente tivemos o bar pechado ou con horario reducido, recuperei moitas horas mortas na casa. Recoñezo que escribín moito durante a pandemia, ou escribía ou non sei que facía. Hai xente que se dedicou a cociñar e esgotar a fariña, outros fixeron pilates na casa ou se dedicaron á horta. Eu volvín ao que sabía, que era escribir. Pero publicada só está esta novela.
– P: E esta historia de Curros & Holmes. No misterio d′O kapital xa a tiña previamente na cabeza?
– MC: É unha desas frikadas que teño desde hai anos na cabeza. A mítica viaxe de Curros a Londres, de oito meses ou un ano –os biógrafos discuten a data e algún incluso nega a súa existencia–, sempre me chamou a atención. Que faría Curros en Londres despois de fuxir das gadoupas do pai por unha mala relación ou buscando aventuras? Tampouco se exiliou por motivos políticos porque non coinciden as datas da represión polos seus artigos, isto parece que foi antes. Como son fan desas frikadas históricas galegas deses persoeiros un pouco cultos, pois cando foi o confinamento abrín un cartafol que teño alí no portátil de ideas e pinchei no arquivo de Curros. Comecei investigar, empecei a ler cuestións da época vitoriana inglesa e iso levoume a Sherlock, a Marx… É que son uns anos londinenses nos que hai un feixe de xente coñecida alí.
– P: Desde o principio ía ser unha saga?
– MC: Si, a idea cando falei con Francisco Castro antes de incorporarme aquí era que fose unha saga. Sae fóra de colección e cun deseño específico, agardo que haxa máis. Agora tería que estar entregando unha segunda, pero o traballo como editor impídeme totalmente poñerme a escribir. Supoño que contra o final do ano, cando me libere dos premios, poderei volver escribir.
– P: Porque mentres le por traballo, é imposible escribir?
– MC: Si, non leo como ocio nin escribo. É imposible. Ademais, cheguei aquí –e faleino con Fran como director– co compromiso de responderlle a todo o mundo. E ata o de agora respondín a todos, xa aceptei un montón de novelas e xa rexeitei outro feixe de orixinais educadamente. Acuso recibo de todo e contesto a todo. Estiven na outra banda cando comecei e nada me horrorizaba máis que mandar un texto a unha editora e que nin se molesten en contestar.
– P: Desde a posición do ata agora escritor, como pensa que quere actuar como editor?
– MC: A ver, hai un criterio obxectivo da calidade dos textos comezando pola calidade da lingua. Logo hai criterios subxectivos dos meus gustos persoais, pero evidentemente hai criterios persoais e eu o que quero é que se vendan os libros. Logo hai un criterio de Galaxia como institución que se teñen que publicar, somos –por así dicilo– o repositorio fundamental da cultura galega e hai cousas que tes que editar para que queden para as xeracións futuras. O difícil e casar todo iso, pero aí estou, comezando. (…)”

Anxo Fariña: “É o primeiro libro no que os Megatoxos non viaxan no tempo, senón a unha realidade paralela”

Entrevista de Laura Veiga a Anxo Fariña en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Os Megatoxos e o reto de Internet é a sétima entrega desta serie, mais como comezou todo?
– Anxo Fariña (AF): Quería facer unha historia para adolescentes, de aventuras, mais na que puidese falar das miñas paixóns como a historia ou a ciencia ficción.
Agora as viaxes no tempo están máis de moda, pero desde logo cando comecei con isto non. E sobre todo a literatura para a adolescencia non tocaba este tipo de temas. O feito de escoller o toxo é unha homenaxe aos cómics de súper heroes que lin de neno e tamén por ser unha planta común, que coñecemos ben, e que aquí se converte no extraordinario. Un pouco o que ocorre cos protagonistas: teñen habilidades extraordinarias, mais tamén fan exames e van a clase.
– ND: Mesturar o cotián co fantástico.
– AF: É o que me divirte, pensar coa miña alma de neno que podo atopar algo marabilloso agochado tras unha pedra ou unha fervenza, misterios por descubrir. Iso é o que quero transmitir cando escribo para que as crianzas lle collan o gusto a lectura. Aliás, as viaxes no tempo permítenme tratar diversos temas como a ecoloxía ou o patrimonio cultural.
– ND: Ou Internet.
– AF: Este é o primeiro libro no que os Megatoxos non viaxan no tempo, senón a unha realidade paralela. Eu tamén fago actividades para crianzas relacionadas coa creatividade e recentemente estiven estudando sobre educación e novas tecnoloxías. Este libro naceu no medio da pandemia coa intención de ser máis transcendental e, aínda que manteño temas como o uso e abuso das redes sociais e os videoxogos, finalmente é moito máis divertido.
Non quero destripar a historia, pero a idea é un mundo que cumpre todos os teus desexos, mais pode facelo porque recolle e analiza os teus datos. E as persoas que están aí, están felices, ou aparentemente felices. Neste libro quería facer referencias a filmes, libros e videoxogos actuais e tamén antigos como A historia interminábel ou SuperMario. As ilustracións tamén son algo diferentes do habitual, porque nun mundo dixital hai máis liberade de facer outras cousas, unha maior saturación das cores e outros detalles. Estou moi contento con este libro.
– ND: Por que mudar o ton serio por un máis divertido?
– AF: Son dos que pensa que igual que falamos unha lingua diferente cando estamos no estranxeiro, por exemplo, no Xapón teño que falar xaponés para que me entendan, ás veces hai que facer o mesmo segundo a idade.
Non é o mesmo falar para crianzas de cinco anos, rapazada de doce, persoas de corenta anos ou de oitenta. Aínda que contemos o mesmo, como argallamos o noso discurso e como utilizamos as palabras non é igual.
Quería que sexa a persoa que le o libro a que sacara as súas propias conclusións, porque as redes sociais e os videoxogos teñen a súa parte negativa, pero tamén unha positiva. Isto tamén se ve coas personaxes, porque Ninfa por exemplo está máis preocupada pola natureza, mentres que Ruxe é quen pon a atención no resto dos amigos e da xente, e a súa forma de relacionarse e de socializar tamén é diferente. Ninguén é totalmente perfecto ou imperfecto, inclusive os que se supón que son “malos”, non o son tanto.
– ND: Haberá máis aventuras para os Megatoxos?
– AF: Cando comecei xa o fixen cunha idea de colección. Evidentemente, nestas cousas nunca sabes se van ir ben, mais tiven sorte e puiden seguir facendo libros. A idea é que continúe, aínda que é unha serie finita e de feito xa ten un final pensado. Con todo, antes escribía máis rápido e agora vou máis lento e vivimos tamén nun mundo moi acelerado, con moita présa por ter todo xa. Se todo vai ben, o ano que vén ou dentro de dous haberá unha nova entrega.”

Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. DoCampo, entre os Libros Extraordinarios do Festival Internacional de Literatura de Berlín 2022

A obra Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo, foi seleccionada entre os Libros Extraordinarios do Festival Internacional de Literatura de Berlín 2022. O evento destaca o libro de contos como unha “obra excepcional que deberían ler todos os nenos e nenas e adolescentes” tras a proposta da escritora Paula Carballeira.