“A Maxina de Marcial Valladares gaña nova vida”

Desde Nós Diario:
“Novelista, poeta, lexicógrafo, xornalista… o legado intelectual e artístico que deixou Marcial Valladares foi fundamental para a conformación do galego como lingua culta, e a súa obra Maxina ou a filla espuria un verdadeiro punto de inflexión para a literatura galega moderna. (…)
Agora, co gallo do bicentenario do seu nacemento, a editorial Galaxia réndelle homenaxe e ofrece ao público lector unha edición especial desta emblemática narrativa. Unha peza que estaba “esquecida”, comenta para Nós Diario Xesús Domínguez Dono, encargado da edición e promotor da iniciativa. “Sempre se fala da primeira novela en galego, mais o texto non estaba accesíbel”, manifesta.
Cun coidado deseño, coa capa bañada por un azul intenso na que domina o título da obra, impreso en amarelo, Galaxia ofrece como atractivo engadido a reprodución facsimilar caligráfica do manuscrito orixinal realizado en 1870: “Púxenme en contacto coa Real Academia Galega, que nos facilitou a dixitalización do orixinal, e fun ver o manuscrito, unha preciosidade de pulcritude, de traballo manual da época”, explica o editor. Deste modo, optaron por levar adiante a reprodución facsímil, como obra de arte, acompañada dunha edición na que valoraron ofrecer un texto “moi adaptado” para facilitar a lectura, mais “marcando a diferenza entre as linguas, como era intención do autor”, engade.
Maxina ou a filla espuria lanzouse por entregas o día 28 de xullo de 1880, na publicación La Ilustración Gallega y Asturiana, unha revista editada en Madrid baixo dirección de Manuel Murguía na súa parte literaria. Considerada o primeiro exemplo de novela galega moderna, non foi publicada ao completo até 1890, aínda que o manuscrito que agora presenta a editorial Galaxia é de 1870. “O texto foi publicado primeiro en prensa, cunha serie de alteracións que non lle gustaron nada a Marcial Valladares, e até 1970, con motivo da homenaxe que recibiu no Día das Letras Galegas, cando Galaxia sacou a primeira edición en libro, non había ningunha edición desa novela”, explica Domínguez Dono.
“Unha obra pasa a categoría de clásica cando se reedita cada 15 anos”, asegura Xosé Antonio Fernández Salgado, especialista no intelectual estradense e autor do prólogo desta edición, en conversa con Nós Diario. Non obstante, é aínda un texto pouco coñecido, “habería que incluílo na listaxe dos libros obrigatorios de lectura”, comenta. Trátase dunha obra “entretida” e incluso “permitiría facilmente unha adaptación a serie”.
Maxina narra a historia de Otilia de Sancti-Petri, unha moza da burguesía compostelá que é violada nun baile de máscaras, a consecuencia do cal nacerá unha nena que chamarán Maxina. Cun enredo e temática propia da novela de folletín, para o filólogo Fernández Salgado en Maxina entrecrúzanse varios elementos comúns deste xénero con “características do propio Valladares como autor”, que enriquecen o texto, pois nela aparecen as pegadas “do Valladares lexicógrafo, do folclorista e do literato e amante do romanticismo”. (…)”

Cangas: presentación de Unha ponte para Najla, de Maite Herrero Ameixeiras

O 27 de xullo, ás 20:30 horas, no Salón de Plenos do Concello de Cangas, terá lugar a presentación do libro infantil Unha ponte para Najla. Construíndo unha ponte de amor entre os pobos, de Maite Herrero Ameixeiras, publicado por Fervenza. No acto, a autora estará acompañada da filóloga especializada en escritura expresiva Marisé Barreiro, o ilustrador da obra, Joseba G. Plazuelo e a concelleira de Cultura do Concello de Cangas, Aurora Prieto.

Rianxo: actos destacados na Feira do Libro 2021 para os 24 e 25 de xullo

O 25 de xullo finaliza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao, con horario de 12:00 a 14:30 horas, e de 18:30 a 22:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 24
18:30 h. Xosé Antonio Perozo asina O libro das avoas, publicado por Galaxia.
20:30 h. Helena Villar Janeiro asina Alba e A fuga de Guillermo, publicados por Galaxia.

Domingo 25
18:30 h. Rena Ortega asina Bo Camiño, peregrino!, publicado por Edicións do Cumio.
20:30 h. Ramón Torrado asina Torino, publicado por Axóuxere.

Non cantan paxaros neste bosque. Carlos Negro

Desde Radiofusión:
Carlos Negro vén de publicar en Xerais o libro de relatos Non cantan paxaros neste bosque. Un puñado de relatos que fan honor á literatura tradicional inglesa deste xénero no que Negro se formou como lector. No transcurso do club de lectura Carlos Negro fala tamén das posibilidades que nos proporciona a ficción “para vingarnos dos abusóns e para exorcizar os nosos medos”. A literatura de fantasmas e de terror é moi esixente, ten que ser moi lograda para que faga efecto, por dicilo dalgunha maneira. Negro púxose un reto diante deste libro: “Vou ver se son quen de facelo”. Quixo, ademais, darlles aos relatos un marco actual, con ambientes cotiáns. “Converter lugares neutros como unha estación de servizo, un autobús escolar ou un tobogán, en lugares extraordinarios é todo un reto” afirma Negro.
“Bruno non percibiu como un monte de carne se abalanzaba sobre el, inmovilizándoo contra o chan. Antes de que tivese tempo nin sequera de emitir un berro, unha man férrea premía o seu rostro contra os seixos do escouredo, impedíndolle calquera move-mento…. – Será mellor que non te remexas, coelliño…
Desta maneira comeza un dos relatos do libro de Carlos Negro, “Ventos de Oiá” . Hoxe conversamos co escritor natural de Lalín que nos últimos anos desempeña un intenso labor de achegar a literatura ao público xuvenil a través de obradoiros que realiza por toda Galicia. En 2018 recibiu o premio dos Clubs de lectura por ser o autor máis lido no ano 2017 nas bibliotecas escolares.
Participaron no noso club de lectura, do outro lado, Esther Val, Antonio Tizón e Henrique Sanfiz.
Pode escoitarse aquí.”

Rianxo: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 23 de xullo

O 23 de xullo continúa a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao, con horario de 12:00 a 14:00 horas, e de 18:30 a 22:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

12:00 h. Fon asina Gazafellos, publicado por Aira Editorial.
19:30 h. Patricia Torrado asina Don Carlos e o misterio dos lucecús, publicado por Baía.
20:30 h. Lois Oreiro asina Os mundos de agora, publicado por Galaxia.