A vila imaxinada. Proxectos docentes sobre espazos literarios da provincia da Coruña 2020

A vila imaxinada. Proxectos docentes sobre espazos literarios da provincia da Coruña 2020 é unha iniciativa da AELG co patrocinio e colaboración da Deputación da Coruña.

Explicar a relación entre literatura e os espazos, e definir a relación entre literatura e actitudes, son dous dos cometidos de A vila imaxinada, o novo proxecto publicado pola Asociación de Escitoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) destinado ao estudantado galego para o seu uso nas aulas, que conta co respaldo da Deputación da Coruña. María López Sández, Antonio Manuel Fraga, Andrea Barreira Freije e Roi Vidal Ponte son as/os autoras/es das catro unidades didácticas co seu correspondente vídeo que pretende ofrecer á rapazada outra porta de entrada á literatura. As catro unidades xa están dispoñíbeis na web da AELG.
Pensadas para o seu uso na aula e axustadas a un tempo de 50 minutos, as catro unidades buscan xeitos alternativos de aproximar a literatura ás lectoras e lectores novos, convidando o estudantado a achegarse a ela desde os espazos nos que habita a rapazada e utilizando como referencias aspectos actuais. A colección inicial chega da man de María López Sández, cunha proposta sobre a importancia dos lugares na obra de Rosalía de Castro como reivindicación política e do sublime. A segunda unidade didáctica é a de Antonio Manuel Fraga, cunha proposta organizada arredor da súa obra O bestiario científico de Anxos Nogueirosa (Urco editora), sobre a necesidade da fantasía na infancia e sobre a relación entre a visión de criaturas mitolóxicas e a catalogación científica. A proposta de Andrea Barreira Freije está baseada no manexo da perspectiva de xénero, tanto histórica como actual, partindo da súa obra Palabra de bruxa (Editorial Galaxia). A cuarta das unidades didácticas que incorporan un vídeo de uso nas aulas é a de Roi Vidal Ponte, quen convida a visitar os lugares da cidade de Santiago relacionados directamente co mundo do teatro, desde o momento en que se estrea Os vellos non deben namorarse até agora.
Cada unha destas unidades didácticas que se converten en actividades a realizar na aula preséntase coa biografía das autoras e un vídeo para proxectar na aula, con duración aproximada de 20-25 minutos, no que as/os autoras/es explican o argumento que elixiron, as súas argumentacións principais, anécdotas relacionadas coa súa escolla e preguntas dirixidas ao alumnado. A unidade inclúe tamén dúas actividades realicionadas argumentalmente coas propostas, adaptadas ao nivel educativo en cada caso e un solucionario cando é necesario.
Como complemento, tamén se ofrece nas unidades proposta de aplicación en distintos niveis educativos, as distintas materias ou días específicos de conmemoracións do calendario docente, que poden ser utilizados a xeito de guía polo profesorado.

As Unidades Didácticas son as seguintes:
– Palabra de bruxa, por Andrea Barreira Freije.
– Un bestiario en Oza, por Antonio Manuel Fraga.
– Paisaxes literarias na obra de Rosalía de Castro, por María López Sández.
– Compoescenas, por Roi Vidal Ponte.

“Máis que palabras. Rescata cultura”. Campaña para conseguir a adaptación da novela Os incurábeis de Antonio Tizón para podcast ou radionovela

Desde Radiofusión:
“O efecto bolboreta perséguese coa acción denominada “Máis que palabras. Rescata cultura”. A túa colaboración permitirá producir a adaptación da novela Os incurábeis de Antonio Tizón para o formato podcast ou radionovela. Serán actores e actrices profesionais os que se encarguen dese traballo e queremos retribuír o seu labor. Por cada 140 “teamers” que logremos (estimando que cada un deles doará un euro ao mes durante un ano) estaremos reunindo o orzamento necesario para afrontar a produción dun mes, de 22 episodios da obra. Radiofusión encárgase da coordinación e da emisión do programa sen cobrar nada. Non hai gastos de estrutura, nin gastos bancarios nin da plataforma teaming. O euro co que ti colaboras  en https://www.teaming.net/radiofusion irá integramente para pagar á xente do mundo do teatro que participe na iniciativa. Como dicía Mario Benedetti: “É lindo saber que vostede existe”.”

Henrique Harguindey: “Cyrano viaxaba a outro mundo para desde alí reflectir a contra deste”

Desde Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): Que nos pode contar de Os Estados e Imperios do Sol, de Cyrano de Bergerac? Porque non é a primeira vez que traduce este autor…
– Henrique Harguindey (HH): Traducín anteriormente a que se considera a primeira parte de Os Estados e Imperios do Sol, que é Os Estados e Imperios da Lúa. As dúas son obras publicadas de modo póstumo e, así como na primeira obra houbera unha versión que circulara pero que se atopou moito despois, a finais do século XIX achouse un manuscrito que non correspondía exactamente co que fora publicado postumamente. Por que? Porque fora censurada e suavizada en todos os ataques que dirixía, moi ironicamente, contra o poder, contra a Igrexa…
Hoxe podemos ter unha idea moito máis aproximada de como escribiu realmente Cyrano. En cambio coa segunda parte non houbo ningunha outra versión, só temos a publicada e non hai unha referencia distinta. Entre as dúas obras hai certa analoxía, por iso se considera a segunda parte, pero non só son dous territorios distintos, a Lúa e o Sol, senón que tamén hai diferenzas importantes de estilo: mentres a primeira é unha exposición de teorías físicas e filosóficas, a do Sol é unha historia máis alegórica e moito máis traballada desde o punto de vista estilístico.
– ND: A pesar das desaparicións e das diferenzas entre as obras, non hai dúbidas da autoría…
– HH: Está certificada a autoría, por suposto. Antes sabíase que escribira unha viaxe á Lúa pero só había unha idea aproximada. Houbo unha cuestión un pouco rechamante. Cyrano, no século XVII, quedou un pouco na memoria e coñecíanse algunhas outras obras, estas non. El é barroco, non só para o estilo, que o é, e ás veces moi complicado, senón tamén polo tipo de temáticas, son obras de enxeño, de construción literaria moi determinada, moi cargadas de estilo. A finais do XIX Edmond Rostand escribe unha obra de teatro, Cyrano de Bergerac, que é a que fixo coñecer en todo o mundo o autor. Temos até as versións cinematográficas. Esa é a imaxe transmitida, pero aí hai parte de verdade e parte de literatura, de creación.
Rostand fixo unha obra de teatro magnífica, non unha obra biográfica, senón que a personaxe aparece, en certos aspectos, deturpada, primeiro porque é unha personaxe literaria e segundo porque naquela época aínda non se coñecían moitas cousas de Cyrano. Mais o que se nos transmitiu tivo, se se quere, unha pequena carga negativa porque non era o Cyrano auténtico, pero ao mesmo tempo posuíu a virtude de espallar moitísimo e grandemente a biografía de Cyrano, de maneira que se hoxe podemos falar de moitas cousas é grazas á obra de Rostand.
– ND: Volvendo á obra, estamos a falar de ciencia ficción?
– HH: Cyrano, durante moito tempo e aínda agora, é considerado precursor da ciencia ficción. El realmente non escribiu como tal, aínda que hai ficción e tamén hai ciencia, porque manexa realidade científica, o que pasa é que se trata dunha crítica social e política. Viaxaba a outro mundo para reflectir a contra deste, cousas que aparecían alí, moi chocantes, como podía ser a negación da existencia de Deus… era posíbel escribilas porque o facía alí e en personaxes que logo, ademais, trataba de desmentir ou aparecían como tolas, pero saían, que é o importante. Había personaxes que defendían verdades que se se defendían directamente supuñan a fogueira. (…)”

“Odisea do Camiño e da Costa da Morte”

Desde Nós Diario:
“Unha das personaxes que protagonizan as 427 páxinas da primeira novela longa de Suso Lista, Como a roda no muíño (Edicións Embora, 2020), chámase Ulises e durmía entre as libretas do autor de Corme até que, logo de publicar o seu terceiro libro de relatos, “animado pola xente”, conta o propio escritor, “rebusquei entre as anotacións que tiña de tempo atrás”.
E alí estaba el, un fillo da emigración galega en Suíza que á morte dos seus pais queda nunha mala situación e decide viaxar a Galiza a través do Camiño francés a Compostela.
“Máis que aventuras son desventuras as que lle van pasando na viaxe polo Camiño de Santiago”, explica Suso Lista que aclara que Como a roda no muíño é diferente ás publicacións xacobeas ás que estamos afeitas. “Excepto ao Códice Calixtino, que unha vez que o vin respirei tranquilo, porque na comparativa eu non trato peor o Camiño”, asegura.
Este Ulises moderno, e galego, entre moitas peripecias chega até a Costa da Morte, onde orixinalmente o autor tiña a personaxe. E chega para seguir vivindo unhas “aventuras bastante rockambolescas, berlanguianas”, di Lista.
Lembra que el se criou nun cine e que por xeración tamén lle tocou vivir a época do director Luis García-Berlanga (do que en 2021 se fan os 100 anos do nacemento) e do guionista Rafael Azcona, dos que está influído para as súas creacións. Así a súa é unha novela “divertida, a xente vaino pasar moi ben, e ademais é fácil de ler porque vai estruturada segundo as etapas do Camiño, co que se pode deixar e descansar”, explica.
Para engadir que a lectura “vén moi ben neste tempo de pandemia, para quen non realizara o Camiño é unha maneira de facelo e para quen o faga é outra maneira, porque estou seguro que a ninguén lle pasou o que lle pasou a Ulises”.
E o que lle acontece, sen desvelar a trama de Como a roda no muíño, é que “basicamente tenta pasalo ben, pero as cousas non son sempre como un quere”, di o seu creador. Senón que as cousas son cómicas, ou traxicómicas. Mais desta volta “cunha maior carga de humor” que as obras anteriores.
Outra das singularidades desta obra de Suso Lista é que se desenvolveu, dunha maneira distinta ás outras, desde hai catro anos, e “houbo cousas que escribín e logo tiven que dar marcha atrás porque sucederon”.
Un destes eventos foi a iniciativa de Ulises para “que houbese unha lei que prohibise cocer o marisco, e cando xa estaba escrito sae unha lei en Suíza” en relación con cociñar o polbo. E nesa liña ‘Nostradamus’ saen as Brigadas Deseucaliptizadoras, “cando aínda non existían, porque eu non son brigadista pero si un comando especial que leva máis de 30 anos arrincando eucaliptos”, reivindica Lista. E así, o propio Ulises “alaba a iniciativa e quere ir coas brigadas facer a revolución”.
Como a roda no muíño está aínda a chegar ás librarías e neste 2021, até agora tamén marcado pola Covid-19, as presentacións literarias, tal e como as coñeciamos, non se poden producir. Así, o público de Suso Lista deberá estar atento ás redes sociais do autor para non quedar sen o seu exemplar. (…)”

Conmemórase o 60 aniversario das Memorias dun neno labrego

Desde Nós Diario:
“O día 5 de xaneiro de 1961 publicábase a primeira edición dun libro que faría historia nas nosas letras. Nas súas páxinas despregábanse as palabras de Balbino, que narraba, en primeira persoa, remedando a escrita nun caderno, as vivencias cotiás da infancia na aldea. Esta elemental premisa é abondo para identificar de que falamos –Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, por se fica alguén no despiste-, pois tal é o impacto que pasaría cos anos a converterse na novela galega máis popular da segunda metade do século XX.
En conmemoración do 60 aniversario da obra, un lustro após o falecemento do autor, tivo lugar en Compostela no auditorio que leva o seu nome (no Gaiás) un acto, que tivo lugar, puxo de relevo a importancia desta obra emblemática. A el asistiron o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo; o da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o da Editorial Galaxia, Antón Vidal e mais o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.
Era a editora Follas Novas a que sacaba esta primeira edición, a quinta da súa curta andaina, da man do propio Neira Vilas e da súa compañeira, Anisia Miranda. Sacaba unha tirada de 2.000 volumes que tivo boa acollida, vendida tamén nunha pequena porcentaxe na Galiza, mais que non chegou a esgotarse.
Un dato curioso tendo en conta a difusión que posteriormente tería, reeditada por Ediciós do Castro -logo dun intento frustrado por constituílo como o primeiro título da editora Rúa Nova- con ilustracións de Isaac Díaz Pardo, en 1968 nunha tirada de 1.000 exemplares que xa se esgotou, e que a partir da quinta edición pasan a imprimirse 5.000 ou, máis adiante, até 10.000.
As amplas vendas da primeira metade da década dos 70 anticipan así a forte demanda dun libro que se vendía “como roscas”, segundo lle contaba Manuel María ao autor nunha carta en 1971. No proemio de Alonso Montero cualifícaa de “obra máis lida da literatura galega”.
A día de hoxe cóntanse 35 edicións cun total de 700.000 exemplares, aos que se suman traducións a idiomas como o alemán, o sueco, o romanés, o ucraíno, o búlgaro, o esperanto, o checo, o maia ou o ruso, así como a publicación en braille, que o converten no libro escrito en galego máis traducido e editado. Seis décadas após a publicación, segue revalidando o seu posto entre as dez obras máis vendidas en 2020 por Galaxia.
Memorias dun neno labrego retrataba a dura realidade da Galiza rural dos anos 40, enfrontando temas como a desigualdade ou a emigración. A obra de Neira Vilas tivo precisamente neste último tema un dos piares fundamentais. Así se manifesta desde a ficción até os artigos xornalísticos, ademais de nas dúas obras que compuxeron a triloxía que abriu Memorias: Aqueles anos do Moncho e Cartas a Lelo.
Unha preocupación que bebe, en parte, da súa propia experiencia vital. Nado en Gres (Vila de Cruces) en 1928, de familia labrega, criouse na aldea e traballou a terra até os 16 anos, cando entrou como contable nun serradoiro. Aos 20 anos emigrou a Bos Aires. En 1961 trasladouse a Cuba e non sería até 1992 que volveu a Vila de Cruces.
As Memorias dun neno labrego beben, xa que logo, como o propio autor manifestou en vida, da súa biografía, que coincidía coa de tantas outras crianzas da época. “Sentía a necesidade íntima de sacar de min aquelas vivencias. Vía que na literatura galega non se trataba o tema ou facíase de esguello, por autores que non triparan lama nun sabían coller unha legoña”, admitía entrevistado por Nora Longhini en 2008, como recolle o volume de Galaxia Neira Vilas. Os anos da Arxentina (1949-1961).
A conmemoración completouse coa presentación do documental Un legado de futuro, un novo contido audiovisual que achega datos relevantes sobre o autor, a súa época e a súa obra. Aliás, houbo unha especial lembranza das numerosas adaptacións e iniciativas sociais, editoriais, teatrais, audiovisuais, musicais e pictóricas que configuran e completan o universo Balbino e que dan conta dun patrimonio que continúa vivo na actualidade.
Dolores Vilavedra denominaba Memorias dun neno labrego como “primeiro bestseller da literatura galega”, condición á que contribuíu o feito de ter acompañado a introdución da lingua galega no ensino. Con todo, non se considera de maneira consensuada unha peza de Literatura Infantil e Xuvenil, malia unha certa orientación dalgunhas edicións a este público ou a súa propia dedicatoria -“a todos os nenos que falan galego”-, senón que tende a identificarse como literatura de fronteira e mesmo asociada ao bildungsroman (novela iniciática). Sen entrarmos en tecnicismos, trátase dun relato que poden gozar crianzas e persoas adultas, que logrou manter as vendas de maneira regular durante moitos anos, polo que podería considerarse, segundo propón Iolanda Galanes, como longseller.”

“Unha novela mulata”

Desde Radiofusión:
“Os incurábeis (Ed. Xerais) é a terceira novela de Antonio Tizón e forma parte dunha pentaloxia que tenta abordar a enfermidade mental a través da literatura, a través da novela negra ou policial. Todas elas son independentes. Pódense ler sen necesidade de lelas todas pero o autor recomenda facelo. O seu obxectivo ao encarar este proxecto literario é amosar unha imaxe real da enfermidade mental e desmontar os prexuízos que existen sobre ela. “A xente tende a pensar que os enfermos mentais son violentos, perigosos e mesmo bohemios” afirma Antonio Tizón. Nas cinco novelas el quere abordar diferentes perspectivas que dean unha visión real da doenza mental, un compromiso persoal porque el é un enfermo mental.
Tizón escolleu o xénero negro para abórdalo. Quixo facelo dun xeito entretido e ameno dende un punto de vista literario. Explícanos que enfermidades como a esquizofrenia ou o trastorno bipolar son incurábeis pero, se teñen diagnóstico e tratamento, pódese levar unha vida normal. A base é farmacolóxica nos casos graves e crónicos e mesmo son necesarias terapias complementarias como ter unha vida ordenada ou un entorno agradábel. O gran problema, afirma, é que cando o doente se encontra ben e deixa a medicación porque as recaídas traen problemas.
Entrando na novela que nos reúne nun novo club de lectura, Os incurábeis, vemos ao inspector Sánchez de novo no barrio dos Castros da Coruña tentando resolver un asasinato. “Hai moito autobiográfico pero tamén moita ficción” apunta o escritor. Corenta bares da Coruña que aparecen na obra son reais, personaxes ben coñecidos tamén, outros existen con nomes cambiados. “Busco a mistura, é algo intencionado. Xogo coa meta-literatura e a autobiografía”. Para Antonio Tizón o autobiográfico non ten porque ter menos calidade xa que sempre hai aspectos que interesan para a narración, sempre que se pasen polo filtro da literatura. “Hai que ter coidado en como se construe o relato, todas as vidas son interesantes pero hai que contalas ben”.
O podcast pode escoitarse aquí.”