Desde
o Club de lectura LGTB Queeruña:
“(…) – Club de lectura LGTB Queeruña (Q): Como está sendo a acollida de 22 segundos? Recibiches comentarios por parte do colectivo trans galego?
– Eva Mejuto (EM): A acollida está a ser moi boa. Pasou xusto un ano desde a súa publicación e van tres edicións, isto é pouco habitual na nosa literatura. E non só polo número de exemplares vendidos, foi finalista da Gala do Libro Galego como mellor obra xuvenil do 2017 e tivo tamén una ampla repercusión mediática. Mais sen dúbida o mellor é o espazo que ocupa nos centros de ensino galego; téñenme chamado de Santiago, Vigo, Pontevedra, Sanxenxo, Viana do Bolo, Pontedeume, Cee, Camariñas, Ribadeo, Xinzo de Limia, Gondomar… Que un libro que fale de transexualidade e teña presenza activa no eido escolar, e máis do ámbito rural, é sintomático de que algo está a cambiar, que había -hai- un espazo por encher.
Por parte dos colectivos tiven boas críticas, especialmente de Arelas. Tamén é certo que eu tiven durante todo o proceso de escrita o seu asesoramento e foron varios os mozos trans que o leron antes de publicalo. Para min era e é moi importante representar o colectivo (obviamente esta é una historia individual) con dignidade, con cariño, con respecto, e iso só é posible despois dun traballo de documentación, de falar con moitos mozos trans, de captar os seus sentires, as súas circunstancias, reivindicacións… O traballo de visibilización que están a facer é admirable e moi xeneroso. (…)
– Q: Pensas que debe existir máis literatura sobre diversidade sexual en galego?
– EM: Por suposto! Moita máis! Como comentei, están a saír obras mais cómpre termos un corpus que visibilice, que lle poña nome ás cousas, que axude a ter referentes para a cidadanía, especialmente para a infancia e a mocidade. A literatura, especialmente nas primeiras idades, axuda a construír a propia identidade, a coñecer o mundo, a entendelo e, ademais, a ter conciencia crítica para TRANSformalo.”
Arquivo da categoría: Narrativa
Alberto Ramos: “O que mantén os coidados é o sentido da responsabilidade, pois a outra opción é desertar, e que se saiba”
Entrevista
de Montse Dopico a Alberto Ramos en Praza:
“(…) – Praza (P): Cada capítulo leva o nome dunha besta. E o libro [A simetría das bestas] está cheo de bestas. Por exemplo, un mozo violador. Non se sabe quen é o máis besta…
– Alberto Ramos (AR): Eu penso que a maior das bestas é Caridad Verdet, unha besta que nos fala, coma ningunha outra, de integración, adaptación e supervivencia nun medio hostil. Porque, dada a súa condición natural, ten que enfrontarse desde o minuto un da súa vida coa integración, co mito da integración, que é un mito coma o do minotauro, pero peor contado… (…)
– P: Caridad é escritora e séntese, nalgún momento, coma unha estafadora. Unha embusteira. Unha crítica di, ademais, con acerto, que as súas personaxes femininas sempre están en segundo plano. Ela admite iso, como carencia na súa escrita e na súa vida. Nesta reflexión de Caridad parece que está a autocrítica do escritor… Tamén hai unha reflexión dela que é unha crítica á crítica e ao xornalismo cultural.
– AR: A ver, eu agardo que calquera persoa que fai algo teña algún momento de dúbida, de pensar que se cadra o que fai é unha impostora, como pensa Caridad Verdet. Iso lémbrame un soño recorrente meu. A min nunca se me deron ben os idiomas. Soño que non vou a clase de inglés, que fago o exame fatal, e que cos anos descóbrenme e quítanme o título do instituto, da carreira… E isto xa o soñaba antes do de Cristina Cifuentes.
Caridad sente unha inseguridade constante, que encaixa coa que senten escritores, artistas… E si hai tamén o que dis, de crítica á crítica literaria e, en especial, ao xornalismo cultural. Tamén estaba en Sebastian Nell: o difícil que é diferenciar a información cultural da promoción. Por exemplo, esta entrevista é información? (…)
– P: Sebastian Nell tiña a súa complexidade porque era unha longa entrevista entre unha xornalista e un actor. En canto a técnica narrativa, este libro é menos lineal, ten máis voltas atrás e adiante…
– AR: Desde o punto de vista da temporalidade é unha historia máis complexa. Pero, sobre todo, é porque non é un libro de acción, senón de reflexión. A escolla é esa. Hai accións que acontecen ou se contan antes ou despois, con flashbacks… pero o máis importante é a reflexión. O xurado dixo que era un libro filosófico e eu non diría tanto, pero si é un libro reflexivo. Mais tampouco creo que sexa moi interesante falar de como está escrito o libro… (…)”
Booktrailer de Lapis na noite, de Ramón Nicolás
Manuel Gago: “Defendo a literatura que podes levar á praia, á cama ou ao váter”
Entrevista
de Daniel Salgado a Manuel Gago en Sermos Galiza:
“Entrevistamos o xornalista e profesor da USC Manuel Gago cando vén de publicar O exército de fume (Xerais), un exercicio de literatura popular baseada na identidade do país. “Defendo a literatura popular para entender cousas sobre nós mesmos”, afirma na entrevista.
– Sermos Galiza (SG): Por que sitúa a novela durante a Segunda Guerra Mundial?
– Manuel Gago (MG): É unha época presente nos recordos da miña familia. Eu son do Barbanza e había moita relación coas armadas alemás que chegaron despois da Gran Guerra. A miña familia viviu episodios vinculados aos submarinos alemáns, tiveron que levarlles aprovisionamentos.
– SG: Relátao nunha escena de O exército de fume.
– MG: Si. O San Roque é o barco do meu avó, quen non podía servir porque era republicano. Estaba a nome do irmán. En Ribeira había unha dotación militar alemá e algúns soldados quedaron alí. Os alemáns empezaban a deixar de ser feitos e convertíanse en lendas. Castros que fixeron os alemáns. Unha pedra famosa de cuarzo que levaron os alemáns do Barbanza, unha historia de mouros de toda a vida. Interésanme as historias que fan pensar arredor da nosa identidade. Decateime de que os alemáns eran os novos mouros. En parte ten a ver con algo que obsesionaba a nosa cultura tradicional, o outro. O alemán é un mouro. Ten grandes riquezas, está interesado no subsolo, é perigoso, non se sabe moi ben de onde vén. É a versión moderna dese antigo mito. A novela fermentou a partir de aí e dunha historia que me pasou sendo comisario da exposición Galicia 100 do Consello da Cultura.
– SG: Que foi?
– MG: Aquela mostra contaba a historia da cultura de Galiza a través de cen obxectos. Unha das pezas era o mosquetón de Foucellas.
– SG: Que no libro se chama Ramallo.
– MG: Efectivamente. Ao ter que limitarme a cen pezas buscaba obxectos polisémicos. O mosquetón dun guerrilleiro era fantástico para falar sobre cando empeza e remata unha guerra, sobre cando empeza e remata un período, preguntas así. Na exposición puxémolo ao carón das cadeas de Pardo de Cela, por ver como o poder e a represión xeran mitos de maneira indirecta. Eu facía as visitas guiadas. A partir da segunda, comezou a vir xente que atendía e, cando chegabamos ao mosquetón, quedaba alí. Ás veces choraban. Outra vez un señor contoume que o seu avó agochara a Foucellas e que este ía pola mañá correr espido entre o millo. Era xente da zona de Ordes que viña ver o condenado mosquetón. Pregunteilles por que. A parquedade e a admiración coa que falaban de Foucellas eran case equivalentes. Admirábano tanto como falaban pouco. Todo se resumía en “eran boa xente, axudaban a xente”. Non había un discurso elaborado. Abraioume entender que, para eles, eran heroes pero non sabían as palabras dos heroes.”
Ramón Nicolás recrea a memoria de Galicia e Arxentina e a represión das ditaduras en Lapis na noite
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Quixen establecer certo paralelismo, unha reflexión sobre acontecementos que estamos a vivir no noso tempo”. Ramón Nicolás recrea a memoria de Galicia e Arxentina e a represión das ditaduras na súa novela Lapis na noite. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Carballo: actividades destacadas do 7 e 8 de xullo na Praza dos Libros 2018
Chega ao fin
esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que ten lugar no Xardín Municipal do 5 ao 8 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para o sábado 7 e domingo 8 de xullo, destacamos os seguintes:
Sábado 7
– 11:30 h. Obradoiro-presentación do álbum ilustrado infantil Lica, de Beatriz Fraga (Euseino?). Poden participar nenos/as de entre 4 e 7 anos, con inscrición previa na Biblioteca Rego da Balsa (981758580).
– 12:30 h. Contacontos para crianzas sobre Xandra, a landra que quería voar, con Mercedes Queixas, libro publicado por Urco Editora. Para todos os públicos.
– 20:00 h. Sinaturas de libros de autores/as de Carballo e Bergantiños.
– Rosalía Fernández Rial: Bonus Track (Galaxia).
– Héctor Pose: Mar de invernía (Phottic).
– Beatriz Fraga: Lica (Euseino?).
– Selina Otero: Unha educación de premio (Galaxia).
Domingo 8
– 12:00 h. Presentación do libro Bibliópatas e fobólogos, de Emma Pedreira, publicado por Galaxia. Acompañada por Patricia Blanco.
– 12:30 h. Sinatura do libro Carballo na memoria (Phottic-Galaxia), de Xan Fraga Rodríguez.
– 13:00 h. Sesión vermú. Algo especial a partir de Bonus Track, de Rosalía Fernández Rial, publicado por Galaxia.
– 18:30 h. Concerto infantil de presentación do libro-disco Radio Bulebule (Kalandraka) de Paco Nogueiras.
– 20:00 h. Presentación de Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata, de Miro Villar, publicado por Fervenza, coa participación do autor, acompañado por Xosé Ameixeiras.
– 21:00 h. Presentación de Luns, de Eli Ríos, publicado por Xerais, coa participación da autora, acompañada por Mercedes Queixas e Goretti Sanmartín.
Entrevista a Andrea Barreira sobre Palabra de bruxa
Desde
Chamando á Terra da Radio Galega:
“Andrea Barreira acaba de publicar a novela xuvenil Palabra de bruxa en Galaxia. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 6 de xullo
A
sexta feira 6 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:00 h. Ledicia Costas, Víctor Rivas e Andrés Meixide asinan na caseta de Secretaría.
– 19:00 h. Charla-coloquio sobre o libro O valor das palabras. A enfermidade como unha oportunidade, por ASEM Galicia.
– 19:45 h. Conversa de Pedro Feijoo con Manuel Bragado: “D’Os fillos do mar a Sen piedade pasando por Camiñar o Vigo vello”. Ao remate asinará exemplares da súa obra.
– 20:00 h. Henrique Dacosta asina Á deriva, publicado por Belagua, na caseta da Libraría Cartabón.
– 20:30 h. Presentación de Poesía reunida. Volume I (1991-1995), de Chus Pato, publicada por Ultramarinos Editora. Participan Unai Velasco, Oriana Méndez e Patricia Sánchez.
Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 5 de xullo
A
quinta feira 5 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:00 h. Anxo Fariña asina exemplares de Os Megatoxos e a batalla de Rande, entre outros libros, na caseta da Libraría Cartabón.
– 19:00 h. Fran Alonso asina Street Poems e outros libros na caseta de Secretaría.
– 19:00 h. Tokio asina Gol na caseta da Libraría Cartabón.
– 19:45 h. Presentación de Lapis na noite, de Ramón Nicolás, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Fran Alonso e María Xosé Porteiro.
– 20:00 h. Marta Dacosta asina exemplares de Labirinto ou memoria, publicado por Caldeirón, na caseta da Libraría Cartabón.
– 20:30 h. Presentación de Alma e o mar, de Francisco X. Fernández Naval, publicada por Galaxia. Acompañarán ao autor Antonio García Teijeiro e Ismael Ramos.
Carballo: actividades destacadas do 5 de xullo na Praza dos Libros 2018
Chega
unha nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 5 ao 8 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para o xoves 5, destacamos os seguintes:
– 18:30 h. Concerto infantil de presentación do novo libro-disco Coas miñas mans, de Pablo Díaz, publicado en Galaxia.
– 20:00 h. Presentación do proxecto de recuperación da memoria colectiva Carballo na memoria, de Xan Fraga Rodríguez, publicado por Phottic-Galaxia. O autor estará acompañado por Evencio Ferrero, Xosé Soutullo e Manuel Pan.
– 21:00 h. Presentación de Sen piedade, de Pedro Feijoo, publicado en Xerais.